8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño creará unha Aula de Estudo, en previsión de posibles rebrotes de...

    Tomiño creará unha Aula de Estudo, en previsión de posibles rebrotes de cara ao outono

    O investimento forma parte dunha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, na que tamén destaca o compromiso co Departamento de Benestar e coas familias máis necesitadas

    O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros para reconverter a Casa da Cultura municipal nunha Aula de estudo e acceso a internet, co fin de que os estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos, en caso de posibles rebrotes do coronavirus ou novos confinamentos, de cara ao outono.

    A idea é facilitar a toda a mocidade de Tomiño un lugar para poder conectarse a internet e desenvolver a súa actividade académica así coma ter un lugar de estudo, minimizando o risco de contaxio.

    Esta nova aula, virá a complementar o servizo de ordenadores prestado pola Aula Cemit -sita no Parque da Feira- e estará dotada de todas as medidas de seguridade (distancias, mamparas, xeles hidro-alcohólicos, etc.), e novo mobiliario adaptado ás necesidades dos estudantes. A alcaldesa, Sandra González, salienta que “ante o próximo inicio do curso escolar, no mes de setembro, e a incerteza das condicións nas que se desenvolverá, é preciso levar a cabo dita intervención co fin de que poida estar en funcionamento a tempo, para cubrir as necesidades que poidan xurdir”.

    “Trátase dun novo uso dun espazo que polas súas dimensións -uns 200 m2- e pola súa localización, servirá de forma provisional, de aula de estudo da futura biblioteca de Tomiño, máis en ningún caso, supón a renuncia á execución do proxecto da biblioteca de Tomiño”, explica a rexedora.

    Aínda que se trate dunha solución de tránsito, o goberno local quere que o novo espazo resulte agradable e acolledor, polo que está prevista a intervención da artista afincada en Tomiño Pilar Alonso, para que axude a darlle á estancia unha calidez e estética apropiada.

    A obra, cun investimento total de 50.000 euros, será posible grazas a unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería, que se levará este xoves a pleno.

    Por outra banda, da mesma modificación de crédito, destinaranse 65.000 euros para o Departamento de Benestar Social co fin de reforzar os programas de Educación Familiar, Igualdade e Atención Temperá, tentando ao mesmo tempo, incrementar os fondos para que en caso de que a situación sanitaria o requira, poder xestionar o apoio ás familias máis vulnerables sen demoras, e tamén, poñer en funcionamento o servizo de atención temperá da comarca en Tomiño, complementando os equipamentos existentes nas instalación do devandito departamento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.