O Concello de Nigrán únese ao sector libreiro de toda España para festexar este xoves 23 de xullo o Día do Libro, tres meses despois do que lle correspondería despois de que este ano coincidise co confinamento. Así, desde as 12:00 horas da mañá na Alameda de San Campio (A Ramallosa) realizaranse diferentes presentacións de obras de escritores galegos e sinatura das mesmas a cargo dos autores. Neste evento participan editoriais galegas como Xerais, Galaxia e Edicións do Cumio.
Así, Isaac Xubín presentará “Xenealoxía dun intruso”; Elba Pedrosa “O que non sabías”; Francisco Castro, “Tantos anos de silencio”; Manuela Riobó , “El mensajero”; Héitor Picallo, “As letras galegas en caricatura (1963-2020) e Fran Fernández “Mover os marcos”. As introduccións dos autores correrán a cargo do alcalde, Juan González; Henrique Costas, Catedrático da Universidade de Vigo no departamento de Filoloxía galega e latina; Iago Castro, profesor de lingua e literatura galega en secundaria; e a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo.