Mércores, 12 Novembro de 2025

A veciñanza de Ponteareas xa pode consultar a listaxe de alumnado admitido na Escola Infantil Municipal

A concellaría de Benestar Social, que dirixe Verónica Carrera, vén de dar conta da exposición pública da listaxe de nenos e nenas de admitidas na escola infantil municipal. Todas as familias poderán consultar o documento na nesta ligazón da páxina web do Concello.

Tamén poden acceder a través da páxina web municipal no botón “listaxe admitidos escola infantil 2020-2021”. Verónica Carrera adianta que todas as familias que cumprían os requisitos conseguiron praza para o vindeiro curso escolar que arrancará no mes de setembro seguindo as directrices que marquen os protocolos da normativa COVID-19.

Este sábado as Festas do Monte estarán presentes na rede a través dun Magazine Especial

0

O Concello da Guarda, nunha decisión tomada en consenso coa Comisión de Festas e as Bandas Mariñeiras, decidiu suspender este ano as Festas do Monte ante a situación provocada pola pandemia do Covid-19 e, como xa se anunciou en datas pasadas, este ano non se realizarán verbenas, desfiles, romarías nin fogos artificiais, ante as medidas de seguridade hixiene e saúde pública decretadas.

Nunha acción, destinada a por en valor e recoñecer as tradicións propias das Festas do Monte, o Concello da Guarda vai a realizar na xornada deste sábado día 8 de agosto o “Magazine Especial – Festas do Monte 2020”, un evento online que se poderá seguir en directo a través das redes sociais do Concello da Guarda e das webs municipais www.aguarda.es e www.turismoaguarda.com.

Este “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” arrancará ás 11:00h e, cunha duración aproximada de dúas horas, abordará diversas temáticas das Festas do Monte, contando con entrevistas, proxeccións de vídeos de pasadas edicións, montaxes fotográficas, actuacións musicais e moito máis.

O Magazine Especial – Festas do Monte 2020” estará dirixido polo locutor Jose Font e contará, entre outras intervencións, coa presencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; do representante da Comisión das Festas do Monte, Manuel Castro; do historiador local J. Miguel Villa; do persoeiro local José Antonio Uris Guisantes; do Presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla; do cantautor Tino Baz, entre outras personalidades.

O “Magazine Especial – Festas do Monte 2020” abordará temas propios da tradición das nosas festas, nunha mestura co ocio, a historia e as celebracións familiares vencelladas ás festas.

No apartado musical contarase coas actuacións de Tino Baz e do Grupo de Gaitas da Terceira Idade, ademais das proxeccións de vídeos, documentais e programas de TV emitidos sobre as Festas do Monte.

Agárdase que este evento online sexa seguido por milleiros de persoas ao longo de todo o mundo, nun formato adecuado á situación actual e que sirva xa de antesala para as vindeiras Festas do Monte, Festas de Interese Turístico de Galicia, que se celebrarán do 9 ao 16 de agosto de 2021.

Poderás seguilo en directo a través desta ligazón:

https://www.youtube.com/watch?v=8cr1XqS3ipY

Continúa a posta en marcha do proxecto da ‘Explanada do Horizonte’

0

Logo dun intenso período de tramitacións burocráticas e consecución de permisos, as obras de adecuación e remodelación do lugar continúan avanzando. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, estivo facendo unha visita de seguimento das obras do proxecto levado a cabo pola arquitecta e paisaxista María Fandiño. Na área foron feitas xa varias actuacións como a colocación do pavimento, a instalación de mobiliario urbano ou a creación da área de xogos infantís. Tamén se procedeu á plantación de vexetación autóctona seguindo os criterios da administración autonómica.

A execución das obras foi posible grazas a moitos meses de intenso traballo por parte do goberno municipal á hora de conseguir acordos cos distintos entes sociais implicados na realización das mesmas. Para isto foi preciso traballar coa propietaria dos terreos nos que se están desenvolvendo as actuacións para conseguir a súa cesión, a Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal, así como coa traída de augas, as percebeiras ou o veciño propietario da parcela na que está situado o petroglifo ‘Laxe do Lapón’, de gran valor cultural, onde tamén se pensa realizar unha actuación.

Do mesmo xeito tamén foi preciso tramitar os permisos coas sectoriais de Augas de Galicia, Estradas de Galicia, Patrimonio Cultural e Costas. Neste sentido a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quixo agradecer “a implicación e a boa disposición dos veciños e veciñas, que colaboraron en todo o posible para que este proxecto poida ser unha realidade”.

O proxecto da explanada constitúe unha obra emblemática de gran valor pola súa posición xeográfica e o seu valor simbólico para o Concello do Rosal, ao estar encadrada nun tramo do Camiño de Santiago Portugués pola Costa. A remodelación, que parte da arquitectura paisaxista, pretende remodelar a preexistente explanada de formigón buscando a integración medioambiental e evitando o “feísmo” coa posta en valor do potencial paisaxístico do emprazamento e a recuperación dos ecosistemas da área.

Concello e Torroso preparados para iniciar o curso musical en setembro con todas as medidas de seguridade

0

Representantes do Concello de Mos, da Escola Municipal de Música e da Banda de Música Xuvenil de Torroso reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello de cara á preparación do inicio do vindeiro curso no mes de setembro con todas as medidas de seguridade sanitaria.

A Escola de Música e o Conservatorio Profesional de Torroso abrirán de novo as súas portas ao alumnado adaptándose ás novas e excecionais circunstancias que estamos a vivir. Para elo na xuntanza desta mañá coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro e o edil mosense da parroquia de Torroso, Alberto Méndez, abordaron as medidas de seguridade que incorporará o novo protocolo educativo que se porá en marcha no Centro Dotacional de Torroso a partir do próximo mes de setembro, co inicio do novo curso.

Pola súa banda os representantes locais Arévalo, Cebreiro e Méndez manifestaron a súa total vontade de colaboración para manter a seguridade sanitaria ante o COVID-19 no municipio, e especialmente nos centros educativos, tal é o caso da Escola Municipal de Música de Mos, sita no Centro Dotacional de Torroso.

Durante o novo curso manterase o protocolo que marca a normativa actual vixente.

Por outra banda a administración local mosense continúa a apoiar a música e por elo, durante a reunión celebrada hoxe no Concello, aproveitouse tamén para asinar sendos convenios de colaboración, que se veñen asinando de xeito periódico anualmente, co Centro Cultural e Recreativo de Torroso para o funcionamento da Escola de Música e coa Banda de Música Xuvenil de Torroso. Ambos convenios foron asinados por Iván Rey Grandal, en calidade de presidente de ambas entidades, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

O convenio coa Banda está dotado dunha contía económica de 12.000 euros e o da Escola de Música Municipal recibe unha aportación de 45.000 euros. Polo que Torroso recibe un total de 57.000 euros en concepto de axudas municipais co obxectivo de seguir apoiando á musica, un dos principais elementos identificadores desta parroquia mosense.

Durante a sinatura dos convenios Iván Rey Grandal estivo acompañado polo presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e polo vicepresidente do Centro Cultural e Recreativo de Torroso, Rubén García Ferreira.

Nigrán ofrece á mocidade obradoiros de rap e música urbana para rachar coas desigualdades de xénero

0

O Concello de Nigrán empregará o rap e estilos afíns (trap, R`n`b, EDM, reggaton…) para sensibilizar entre a mocidade sobre as desigualdades de xénero e a violencia aparellada. Deste xeito, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) ofrece gratuítamente desde o 17 deste mes “Obradoiros de Rap e música urbana” a cargo da escola de música de Nigrán ‘Gain Over’, composta por artistas locais de bandas tan recoñecidas como Blue Monk. O prazo de inscrición arranca mañá mesmo e está destinados a persoas con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, tendo prioridade os empadroados (no caso de vacantes poderán participar de outros municipios). Os obradoiros están financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizándose no CEIP Humberto Juanes.

“Cremos que, precisamente a través da música que a mocidade acostuma a escoitar e de músicos moi coñecidos en todo o Val Miñor, podemos chegar a eles máis facilmente con mensaxes que rachen cos estereotipos de xénero e que preveñan a violencia. Eles mesmos son os actores do cambio que queremos promover”, resume Patricia Diego, edil de Igualdade.

A través deste recurso pedagóxico innovador preténdese sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero e promover a crítica social ante esta violencia, sendo os obxectivos máis específicos que o alumnado aprenda a identificar tópicos sexistas, previr noivados abusivos e convertilos a eles mesmos en protagonistas do cambio. Durante o obradoiro gravarán e producirán un vídeo-clip musical con letra centrada neste contexto e que se distribuirá a través das redes sociais para achegar o proxecto a toda a poboación.

En total desenvolveranse en catro quendas cunha duración de 10 horas e cun máximo de 10 participantes cada unha nas seguintes datas: do 17 ao 21 de agosto (10:00 a 12:00/ 12:00 a 14:00) e do 25 ao 31 de agosto (10:00 a 12:00/12:00 a 14:00). O período de inscrición comeza o día 6 de agosto e remata o día 14 de agosto no caso dos obradoiros que se desenvolven entre o 17 e o 21 de agosto, nos que teñen lugar do 25 ao 31 de agosto o período de inscrición rematará o día 21 de agosto. As persoas interesadas deberán remitir a folla de inscrición (poderán descargarse no Facebook Cim de Nigrán, Facebook OMIX Concello Nigrán, Instagram OMIX Nigrán ) acompañada da copia do DNI ao seguinte enderezo electrónico: [email protected].

Unha “semente salvaxe” agroma en Mondariz da man de “Mulleres en acción. Violencia Zero”

0

Evidenciar a necesidade de cultivar a autoestima para empoderar ás mulleres evitando así futuras agresións machistas é o obxectivo do mural presentado este mércores no concello de Mondariz no marco do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. Victoria Alonso, deputada provincial de Cultura e Igualdade, e Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, non quixeron perder a oportunidade de desfrutar en directo da obra de Noemí Núñez, situada no Campo Municipal da Lagoa.

“Semente salvaxe” é o título dun mural que para a deputada de igualdade removerá a conciencia das persoas que o contemplen. Alonso tamén quixo facer fincapé na necesidade que ten a cultura á hora de que esa semente agrome e medre en consonancia cos valores que actúan como eixos transversais das políticas do ente provincial. Pola súa banda, o alcalde de Mondariz aproveitou a ocasión para poñer en valor a simboloxía que aporta o espazo no que se atopa o mural: un campo de fútbol, deporte practicado en gran medida por homes.

O mural amosa a unha personaxe feminina regándose a si mesma, unha acción coa que a autora quixo poñer sobre a mesa a necesidade de cultivar a autoestima. Xunto a esta figura, rodeada de natureza en tons morados para simbolizar a loita feminista, Noemí Núñez deixa claro que a muller da súa obra está “sementando e coidando a igualdade” a través dunha frase integrada no lado esquerdo do mural. Sen dúbida, a obra presentada esta mañá recolle perfectamente a esencia do lema que este ano ten o programa: “Sementa Igualdade + Cultiva Cultura = Recolle cambio”.

Esta foi a décimo cuarta acción levada a cabo dentro da quinta edición do programa, iniciada en novembro de 2019. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición estase a celebrar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

Erizana C.F. e Instituto de Estudos Miñoranos, ‘Medalla de Ouro’ do Concello de Baiona, máxima distinción que outorga a Corporación Municipal

0

O Goberno local de Baiona, seguindo a liña emprendida polas anteriores corporacións municipais, vén de dar a coñecer os distintos galardóns cos que o Concello quere sumarse ao recoñecemento público de todas aquelas accións realizadas por persoas ou colectivos que, sendo ou non naturais do municipio, contribúan coas súas accións e traballo ao engrandecemento de Baiona.

Así, a Comisión de Honras e Distincións do Concello decidiu neste ano 2020 conceder a distinción honorífica de ‘Medalla de Ouro’, máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, ao Erizana C.F. e ao Instituto de Estudos Miñoranos (IEM).

A mesma comisión tamén acordou, por unanimidade, os nomeamentos de Filla Adoptiva de Baiona a Marie Savariau Dreno e Fillo Adoptivo de Baiona a Román Pereiro Alonso. Estas dúas distincións concédense, segundo o regulamento do Concello “a aquelas persoas que, sen ser naturais do municipio, destaquen polas súas actuacións extraordinarias e os seus méritos singulares en favor do municipio de Baiona”.

Finalmente a Comisión decidiu outorgar a distinción honorífica de ‘Lazo de Honra’ a Pedro Novalbos, dita distinción recoñece o traballo das persoas, asociación ou entidades “que realicen unha labor relevante no campo das artes e das letras, das ciencias, do social e das humanidades sempre que nas súas obras se diten ou exalten aspectos que afecten ao concello de Baiona”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, aseguraba á hora de falar das diferentes distincións, que a concesión da ‘Medalla de Ouro’ ao Erizana e IEM, “eran de xustiza”. Polo Erizana, apunta o rexedor baiones, “teñen pasado dende os anos 50, ano tras ano, xeracións enteiras de baioneses e baionesas que, amais de practicar deporte, ‘empapáronse’ dos valores que transmite a práctica deportiva como o compañeirismo, o traballo en equipo ou a solidariedade”.

Pola súa banda o Instituto de Estudos Miñoranos, leva anos traballando arreo “e de forma altruista” para conservar e transmitir “a historia, patrimonio e cultura de Baiona e as súas parroquias e preservando estes coñecementos para as vindeiras xeracións”.

No caso de Marie Savariau e Román Pereiro, filla e fillo adoptivo de Baiona, respectivamente, o rexedor local, fixo fincapé no xeito en que “dende as súas respectivas áreas, levan anos traballando a prol do municipio. Marie Savariau, que traballa para estreitar, cada día máis, os lazos de irmandamento entre Baiona e Pornic e en ampliar a dimensión internacional que ten o noso municipio e Román Pereiro, como un dos principais promotores de ‘Atlántica’, un fenómeno artístico e sociolóxico a nivel nacional e que tivo en Baiona o seu lugar de nacemento”.

Por último, Carlos Gómez, amosaba a súa satisfacción polo ‘Lazo de Honra’ concedido a Pedro Novalbos “unha persoa que máis que traballou e loitou para que Baiona puidera amosar na Casa da Navegación, a veciñanza e visitantes, todo o patrimonio histórico que se tiña atopado no fondo da baía de Baiona e que permanecía agochado nun almacén do Museo de Pontevedra”.

Máis información sobre cada un dos galardoados, nesta ligazón.

As familias xa poden consultar a listaxe de admitidos na escola infantil de Ponteareas

A concellaría de Benestar Social, que dirixe Verónica Carrera, informa que xa están publicadas as listaxes de admitidos na escola infantil municipal. Todas as familias poderán consultar o documento na seguinte ligazón da páxina web do Concello https://ponteareas.gal/listaxe-admitidos-escola-infantil-20-21/

Tamén poden acceder a través da páxina web municipal no botón “listaxe admitidos escola infantil 2020-2021”.

Verónica Carrera adianta que todas as familias que cumprían os requisitos conseguiron praza para o vindeiro curso escolar que arrancará no mes de setembro seguindo as directrices que marquen os protocolos da normativa COVID-19.

Espectáculo de maxia en Arbo

0

Dentro da programación cultural San Roque 2020, Verán cultural, e dentro dos actos programados co Gallo da Semana Gastronómica da LX Festa da Lamprea e XV Festa da Lamprea, o Concello de Arbo organiza o  espectáculo de maxia “Magia para Soñar” o vindeiro día 7 de agosto na Praza Consistorio.

Os asistentes deberán cumprir coas medidas sanitarias de prevención establecidas polo concello e coas recomendacións dos voluntarios e voluntarias que forman parte da organización é que estarán durante o acto controlando que se adopten as medidas de prevención do COVID-19.

O publico asistente deberá permanecer durante todo o acto na silla asignada e non poderá cambiar de lugar, os nenos e nenas deberán estar acompañados en todo  momento por un adulto, entre outras medidas que se van a adoptar.

Rógase asistir con media hora de antelación para poder aplicar as medidas de seguridade e protocolo, podendo así garantir o correcto desenvolvemento da actividade. O uso da máscara de protección é de obriga en todo momento.

Nigrán amplía o saneamento en Vilariño de Abaixo logo de acadar, despois de anos, o acordo de todos os propietarios de terreos

0

O Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, ven de rematar as obras de conexión á rede municipal de saneamento na rúa Vilariño de Abaixo tras acadar finalmente o acordo de todos os propietarios despois de anos. Deste xeito, os interesados xa poden tramitar esta conexión que beneficia a 10 vivendas e 5 parcelas pendentes de urbanizar.

A Deputación de Pontevedra deixara instalada entre 2012 e 2013 un total de 90 metros de tubaxe en PVC, pero era preciso que este se conectase á rede municipal atravesando propiedades, cuestión que se demorou todo este tempo por falta destes permisos. Unha vez acadado este acordo o Concello emprendeu as obras e realizou a conexión mediante a instalación de 60 metros de tubaxe en PVC.

Tal e como informou Concello e Aqualia aos veciños, estes deben acudir á oficina de Aqualia na Avda. Val Miñor, 2 (de luns a venres, de 09:00 a 13:00 horas).

O Concello de Redondela ofrece un servizo de asesoramento á veciñanza afectada pola reposición de viais da AP-9

0

O Concello de Redondela poñerá a disposición das veciñas e veciños afectados pola reposición de viais da AP-9, os servizos dunha empresa que se encargará de asesorar á veciñanza e tramitar as posibles alegacións que queiran presentar de xeito individual.

As reunións terán lugar o venres 7 de agosto e o martes 11 de agosto en horario de 16:30 horas a 19:30 horas no multiúsos de Chapela.

Doutra banda o Goberno local anunciou xa a súa intención de chamar individualmente á veciñanza afectada “para que ninguén quede atrás e todas e todos teñan a oportunidade de presentar alegacións ou solicitar información sobre o proxecto”.

Tomiño avalía coas directivas dos colexios e ANPAS o ‘Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19’ proposto pola Xunta

0

O Departamento de Educación do Concello de Tomiño, convocou sendas xuntanzas os días 29 e 30 de xullo cos equipos directivos dos centros educativos e ANPAS do municipio co fin de realizar unha valoración conxunta do ‘Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio do desenvolvemento da actividade lectiva no curso académico 2020/2021′, imposto pola Xunta de Galicia.

Cada representante dos centros de ensino e das ANPAS trasladou as súas preocupacións sobre o escenario que se presenta este vindeiro curso, facendo fincapé nas dificultades e necesidades que observan para un correcto desenvolvemento do mesmo. Para os centros, a principal preocupación é a responsabilidade única que recae sobre os equipos directivos para adaptar o transcurso da xornada lectiva ás medidas impostas, tendo que atender a todas as modificacións, tanto de equipamentos, coma de dinámicas do colexio.

Entre as dificultades recorrentes atópanse a falta de espazo físico e de persoal docente para desdobrar os grupos de cada aula e para reorganizar os recreos (adiantaron que en Primaria farán dúas quendas sucesivas de recreo, e en Secundaria delimitarán zonas determinadas para distribuír o alumnado).

Entre as necesidades máis demandadas, o reforzo do servizo de limpeza, para axeitalo ás medidas do protocolo, tendo que actuar máis veces ao longo da xornada lectiva. Ante esta situación, o Concello fará unha reunión coas limpadoras municipais, para intentar organizar o traballo en base a unhas franxas horarias para poder limpar e desinfectar aseos e zonas comúns.

Con todo, o Concello solicitará á Consellería de Educación da Xunta, algunha axuda económica para poder enfrontar os custes derivados do reforzo do servicio de limpeza, que recae na súa totalidade no ente municipal.

Por outra banda, os centros e ANPAS demandaron contar cos datos de contacto da persoa de referencia do centro de saúde, coordinadora das actuacións relacionadas co COVID-19, coa cal poder manter un fluxo constante de información, cando sexa necesario.

En canto ao comedor escolar, nos centros nos que dispoñen deste servizo, modificarán a súa dinámica e distribución, necesitando máis persoal, mentres que no IES contemplan suspender o servizo do ‘Espazo xantar’.

As ANPAS trasladaron a súa preocupación polo mantemento do servizo de comedor, contemplando tamén un posible protocolo para establecer uns criterios de acceso a este servizo, tendo en consideración as prioridades e necesidades das familias, pero de momento non contemplan a idea de suspender estes servizos, xa que iso suporía grandes dificultades de conciliación para as familias.

Tampouco pensan en suspender as aulas matinais que xa funcionan, e que cobren as necesidades de moitas familias, pero demandan que se amplíen as axudas destinadas a este servizo, e a outros de apoio á conciliación ou necesidades psico-socias e de aprendizaxe, utilizando os fondos das actividades extraescolares, que de celebrarse, o farán recén no segundo trimestre.

No referente ao traslado do alumnado aos centros de ensino, o representante da ANPA do IES propuxo a idea para fomentar os desprazamentos de maneira individual, xa sexa a pé ou en bicicleta, a través dun modelo semellante aos camiños escolares implementados en centros de infantil e primaria, ou achegados polos proxenitores ou persoas responsables.

Aula de estudo e internet

Como reforzo socio-educativo externo ao ámbito escolar, dende o Departamento de Educación do Concello, vaise impulsar unha Aula de estudo na Casa da Cultura, un espazo municipal con equipamentos destinados ao estudo e á conectividade a equipos informáticos, para que o alumnado que así o desexe poida acudir para estudar, consultar información, realizar e imprimir traballos ou outras tarefas relacionadas coa súa aprendizaxe.

Contémplase, asemade, un proceso de formación, coordinado coas ANPAS e os Servizos Sociais municipais, para as familias do alumnado que máis o necesiten, co fin de reforzar o apoio á hora de realizar as tarefas educativas no ámbito doméstico, así coma xestionar o acceso ás aulas virtuais dos centros. “Desde o departamento de Educación e Benestar Social do Concello estaremos atentos ao transcurso da situación e intentaremos anticipar, na medida do posible, diferentes accións para cubrir as necesidades e superar as dificultades que poidan aparecer no seo das familias, no ámbito socio-educativo, centrándonos no benestar dos nenos e nenas do noso municipio”, explican.

Nenos e nenas terán ‘o seu día’ este domingo en Ponteareas coa celebración do ‘Día da Infancia’

A Concellaría de Eventos do Concello de Ponteareas, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández Davila, organiza este vindeiro domingo, 9 de agosto, o “Día da Infancia” que contará con actividades ‘refrescantes’ e moita creatividade.

Será unha homenaxe aos seus veciños e veciñas máis cativos e cativas cun tobogán acuático e un obradoiro de pompas, poñendo fin ao día cun espectáculo de pompas de xabón.

“Esta xornada está pensada para compensar á infancia polo seu bo comportamento durante a dura etapa do confinamento”, explica Cristina Fernández, “sabemos o moito que lles preocupa aos máis pequenos e pequenas a saúde dos seus familiares e que viven pendentes das normas de seguridade tendo un comportamento exemplar”.

Fernández Davila salientou que estas actividades foron demandadas polos nenos e nenas “nos procesos de participación infantil abertos que teñen como obxectivo crear un concello mais amigable coa infancia”. “Estas peticións foron manifestadas polos participantes no Pleno Infantil celebrado o pasado mes de xuño. Deste xeito, queda cumprido o compromiso acadado con eles”, asegura a concelleira.

Así, de 11 a 20 horas o super tobogán tomará a rúa Braña para refrescarse do xeito máis divertido. Ás 20 horas a festa continuará no parque da Feira Vella donde terá lugar o obradoiro de pompas que culminará cun marabilloso espectáculo de xigantescas pompas ás 22:30 horas.

A concellaría extramará as precacucións establecendo un estricto protocolo de desinfección, toma de temperatura e acceso ás actividades. Grazas ao traballo participativo coa mocidade e coa infancia “Ponteareas posiciónase máis perto do recoñecemento de Unicef como cidade amiga da infancia”, conclúe Cristina Fernández.

Arrinca o III Festival Internacional de Teatro de Rúa en Ponteareas

Hoxe botou a andar en Ponteareas a terceira edición do ‘Festival Internacional de Teatro de Rúa’, actividade organizada pola Concellería de Eventos, que dirixe Cristina Fernández e que comezou ás 19 horas nos xardíns do Concello. Respectando todas as recomendacións e normas de seguridade sanitarias e de distanciamento, Ponteareas gozou dunha terceira edición deste tan afamado festival de teatro de rúa colgando novamente o cartel de ‘completo’.

Grazas á colaboración cidadá desenvolvéronse con seguridade as actividades programadas tanto nas rúas como nas prazas que se transformaron por terceiro ano consecutivo en escenarios cheos de maxia e ilusión.

O pistoletazo de saída deuno a ‘A Gran Familia’ dos cataláns Fadunito que percorreu a praza Bugallal, rúa Oriente e praza Maior. Tamén actuou na praza Maior Cé Orquestra Pantasma e a ‘A Gran Familia’ fixo un segundo pase en República Arxentina e Fernández Vega.

Mañá xoves día 6 ás 19:00 horas as prazas de Ponteareas Cidade volverán ser escenario dos cataláns e da súa ‘Gran Familia’ que percorrerá tamén o Paseo Matutino, Rogelio Groba, praza Bugallal, Vidales Tomé, Emilio Rodríguez e rematará na Feira Vella. Ás 19:30 horas na Feira Vella actuará o belga Rudy Dudy que nos achegará o mellor do circo co seu espectáculo ‘Rastafarudi’. Ás 20:30 horas na Feira Vella voltará o espectáculo de Fadunito para percorrer o Paseo Matutino, Rogelio Groba, Concha Brey, Rosalía de Castro, Redondela e Parque das Pombas.

O venres día 7 chega o momento de disfrazarse de pitiño ou galiña ou do animal que máis gosten para participar no ‘Paseo dos pitiños’ de Biringucho. Ponteareas converterase nun gran poleiro máxico da man de Mamá Galiña para percorrer Fernández Vega, Ramiro Sabell, Castelao e o Parque da Perillana. A charanga Alecríns alegrará tamén as rúas de Ponteareas neste percorrido. Ás 19:30 horas no parque da Perillana sesión de títeres coa compañía galego-cubana Cascanueces que nos agasallará con ‘Unha armadura con ferruxe’. Ás 20:30 no parque da Perillana volverá rexurdir ‘O Paseo dos Pitiños’ para viaxar á rúa Braña, Fdez Vega, República Arxentina, Esperanza e praza Bugallal. Ás 21 horas o madrileño Máximo Óptimo presentará o espectáculo circense ‘Optimus’ na praza Bugallal. Ás 22 horas na praza Bugallal actuará a charanga Alecríns.

O sábado día 8 ás 19 horas nos xardíns do Concello arranca ‘O Paseo dos Pitiños’ e todos podemos volver disfrazarnos de galiñas ou poliños para chegar a Trovador Xoán García de Guillade, ao parque Ferro Ucha, ao Paseo Matutino e rematar na Feira Vella coa participación da charanga SDK. Ás 19:30 horas na Feira Vella volve Máximo Óptimo co seu circo ‘Óptimus’ e ás 20:30 horas na Feira Vella teremos unha nova oportunidade de gozar co paseo de Biringucho.

O III Festival Internacional de Teatro de Rúa despedirase de Ponteareas ás 21 horas na praza Maior coa música de Paco Nogueiras e o seu espectáculo ‘Radio Bule Bule’ que nos fará mover o esquelete.

A Deputación da cumprimento a novos compromisos coa Guarda coa remodelación dos accesos á praia do Muíño e humanización das rúas Vigo e Celta

“Son dúas actuacións que responden a demandas históricas da Guarda, que permiten reformular zonas estratéxicas polo seu interese turístico e medioambiental, no caso da praia do Muiño, e pola mellora de espazos públicos no caso da humanización do entorno das rúas Vigo e Celta”. Así resumiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva “os dous compromisos cumpridos da Deputación coa Guarda”, despois de coñecer xunto ao deputado e Director da AECT Uxío Benítez e o alcalde Antonio Lomba, o resultado das obras que supoñen un investimento total de 700.000 euros, e que responden ao modelo da institución de seguranza viaria, respecto medioambiental, recuperación da contorna, accesibilidade e prioridade peonil.

A presidenta inaugurou primeiro, xunto a Benítez, os novos accesos á praia do Muiño, en Camposancos, porta do espazo natural protexido do Esteiro, impulsado co proxecto “Visit Río Miño”, dentro das actuacións para a creación do “Anel Verde do Miño”, que consiste nunha rede de sendeiros que comprende máis de cen quilómetros de ciclovías e camiños pedestres entre Galicia e Portugal. Supuxo un investimento de case 200.000 euros para recuperar e rexenerar toda a contorna preservando e protexendo o espazo, de alto valor ecolóxico. Tamén se mellorou a accesibilidade e os servizos de praia, a regulación do tráfico, a instalación dunha nova pasarela de madeira, a creación dunha plataforma peonil e a rexeneración do areal.Esta actuación permite recuperar unha das zonas máis importantes para o concello dende un punto turístico e medioambiental.

[su_image_carousel source=”media: 18477,18476″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Carmela Silva: “Na Deputación cremos que as administracións públicas están para transformar e este tipo de proxectos conségueno”

O deputado e director da AECT remarcou os novos accesos á praia do Muíño no marco do proxecto europeo “Visit Rio Miño”, facendo fincapé na “importancia da cooperación transfronteiriza para o desenvolvemento económico da zona do Río Miño, para ser máis fortes e impulsar proxectos que nos permitan atraer máis visitantes”. Uxío Benítez asegurou que a actuación do Muíño terá continuidade porque o obxectivo é “unir a través dunha senda todo o Río Miño dende A Guarda ata Crecente e dende Melgaço ata Caminha, para que poidamos ofrecela como produto turístico transfronteirizo a todo o mundo”.

Pola súa banda, a presidenta provincial, quen aproveitou para enxalzar o proxecto Visit Río Miño, destacou que os accesos á praia do Muíño “nada teñen que ver co que había aquí fai moi poucos meses”, xa que “transforma un lugar único para convertelo nun lugar máis que único, máis atractivo, recuperando aquilo que nos regalou a natureza e aquí ten un valor incalculable. Na Deputación cremos que as administracións públicas están para cambiar, transformar, mellorar e crear riqueza e este tipo de proxectos conségueno”.

Nesta mesma liña incidiu Antonio Lomba, asegurando que a actuación trátase “dun soño cumprido”. O alcalde destacou que “as administracións públicas temos que impulsar actuacións acordes co lugar onde estamos, e creo que este proxecto é merecedor do cualificativo de sobresaínte, porque está moi ben integrado co medio ambiente e presta un servizo de interese”. Así, Lomba recordou que “non fai moito esta zona era un terreiro, sen espazo para as persoas e nós queríamos recuperala para o tránsito peonil e para conectar tamén a senda litoral e a fluvial do río Miño”.

[su_image_carousel source=”media: 18479,18480″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A presidenta, o deputado e o alcalde tamén percorreron a nova actuación de mellora da mobilidade e da seguridade na contorna das rúas Vigo e Celta, financiada co Plan DepoRemse da Deputación nun 85% e co Plan Concellos nun 15%, cun investimento total de preto de 500.000 euros. Deseñouse unha zona destinada ao tránsito peonil e á seguridade viaria nun espazo que conta con numerosas dependencias e equipamentos públicos como o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón municipal, o IES e o CEIP A Sangriña, amais do estadio municipal, lugares frecuentados por moitas persoas, na súa grande maioría rapazas e rapaces, que utilizan estas instalacións.

Nesta obra, xa rematada na súa totalidade, executouse unha beirarrúa e unha senda peonil, pasos de peóns, resaltes de calmado de tráfico, zonas de estacionamento e apostouse pola circulación en sentido único. Tamén se executou a recollida de pluviais, a renovación e reposición dos servizos urbanísticos, mobiliario urbano, saneamento, abastecemento, pluviais, redes de telecomunicación, sinalización, xardinaría, electricidade e iluminación.

A veciñanza de Vilar coñece, de primeira man, como será o proxecto do último treito da estrada do Galleiro

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, valorou hoxe a presentación que, esta pasada fin de semana tivo lugar no Centro Cultural de Vilar onde, co respaldo de planos e infografías, explicou á veciñanza a realidade do proxecto de mellora do último treito da EP-2096 entre Os Valos e Guizán na coñecida como estrada do Galleiro.

Rivas, –que na reunión estaba acompañada por concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno– asegura que, unha vez que comezou a explicar o proxecto de como quedaría a zona, que permitirá a súa recuperación para uso e goce da veciñanza, decatouse que “veciños e veciñas descoñecían o proxecto” o que pode deberse “a unha falta de interese do anterior goberno en explicar a realidade da obra que se ía realizar”.

Estado actual da estrada do Galleiro

“Dende o primeiro minuto da nosa chegada ao Concello –explica a alcaldesa de Redondela– optamos sempre pola transparencia como ferramenta fundamental de comunicación coa cidadanía”. A veciñanza do municipio, engadiu a rexedora, “e perfectamente capaz de avaliar os proxectos que se lle presentan, discutir sobre eles e achegar solucións ou rectificacións”.

As veciñas e veciños expresaron a súa conformidade co proxecto presentado que permitirá recuperar unha zona deteriorada para a súa utilización por parte da veciñanza, favorecendo a mobilidade e, dentro da liña seguida pola administración provincial nas súas últimas actuacións, recuperar espazos para a convivencia das persoas.

No decurso da xuntanza, a veciñanza formulou preguntas que, a través da deputada Olga García, serán trasladas a Deputación para que se lles dea cumprida resposta. En todo caso, explicou Digna Rivas, son pequenos matices sobre o proxecto “que a nós, como Goberno, parécennos importantes porque son a mostra clara de que a cidadanía, cando é consultada, responde e aporta ideas que enriquecen calquera proxecto”

Carmela Silva asegura que o trato que lle damos aos animais “defínenos como sociedade e co CAAN somos unha referencia no seu benestar”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe “o cambio radical” que supuxeron as melloras realizadas pola institución provincial no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) e que o converten en “referencia” no benestar dos cans e cadelas que alberga ata acadar o obxectivo final da adopción. “O trato que lle damos aos animais defínenos como sociedade, e co CAAN somos xa unha referencia en benestar animal”, destacou Silva, que coñeceu a reforma da man do veterinario xefe, José Luis Pedreira, e do deputado responsable do centro, Manuel González.

Máis polo miúdo, Carmela Silva explicou que as obras realizadas permitiron crear unha nova zona de maternidade, con estancias deseñadas para as nais xestantes, nais con cachorros e tamén cachorros de pouca idade. “Están con todas as condicións, como chan radiante, sistemas de ventilación e un deseño confortable e seguro para os cachorros”, explicou. Precisamente, a presidenta foi a encargada, xunto co veterinario xefe, José Luis Pedreira, de acomodar nos seus novos cubículos aos cachorros ‘Cuna’, ‘Cunita’ e ‘Cuño’, recollidos en Vilanova hai uns días; ‘Casti’, recollido en Meis e ‘Olla’, a nai dos cachorros ‘Olliño’, ‘Ollana’ e ‘Alsi’, que foran atopados abandonados en Rodeiro. As novas estancias desta zona lles permiten aos cachorros acceder de forma directa a outros espazos ao aire libre para garantir o seu benestar.

Ademais desta nova área, reformouse a de hospitalización, ampliando o espazo dispoñible, e na de clínica creouse unha sala de raios x e un novo quirófano. “Antes a zona de hospitalización era moi pequena e agora hai un centro ben dotado”, engadiu a presidenta. Unha das reformas que tamén destacou de xeito significativo foi a eliminación das gaiolas da zona de corentena: “Parecíame duro ver aos animais en gaiolas e agora están en estancias seguras, amplas, con ventilación e o máximo benestar”. E tamén subliñou a mellora que supón a nova zona de esparexemento, “para que os cachorros socialicen, ou para cando veña xente a adoptar aos animais para que poidan contactar, así como para futuras actividades”.

Finalmente, acometéronse traballos de impermeabilización en diversas zonas, a instalación da rede de drenaxe e saneamento para garantir a salubridade e reformáronse varias xanelas para facilitar a súa apertura. Traballos que, como resumiu a presidenta, “buscan un trato máis individualizado e próximo cos animais”.

Carmela Silva quixo subliñar o compromiso de todo o equipo que traballa no CAAN na atención aos cans e cadelas do centro e destacou a este respecto a adhesión de novos concellos ao servizo que presta a Deputación (O Porriño e Ponteareas), co que xa son 50 na provincia. “Cada día hai máis concellos que confían no CAAN e iso amosa o bo facer que hai aquí –apuntou–. Hai confianza e credibilidade no traballo que se desenvolve”.

[su_image_carousel source=”media: 18458,18457,18456,18455,18454″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Adopcións e abandonos

A presidenta aproveitou para facer balance dos primeiros sete meses do ano no centro, facendo fincapé no incremento notable das adopcións que se está a producir, pero tamén no problema de abandono que continúa na provincia. No primeiro caso, explicou que as 275 adopcións ata xullo “son os mellores datos e se segue todo como ata agora, poderiamos acabar o ano con 500, batendo o récord do pasado ano, en que houbo 466”. Neste senso, apuntou que desde o 2o15 son case 2.000 adopcións as acadadas e Carmela Silva destacou tamén a labor de concienciación neste senso que están a ter as campañas desenvolvidas pola institución, como ‘Abraza un CAAN’.

No que respecta a este 2020, houbo 85 adopcións ata o inicio do estado de alarma, 9 durante o confinamento (de xeito telemático e cando a tramitación permitía garantías para os animais), e 181 despois de que se retomasen con cita previa o 11 de maio. Do total de 275 adopcións do 2020, 263 foron a fogares de España e 12 a Portugal. Dentro do territorio español, a comunidade que máis adoptou foi Galicia con 237 e, por provincias, sitúase á cabeza Pontevedra con 178 adopcións, seguida de Lugo con 45 e A Coruña con 13.

Dentro da provincia, os concellos aos que foron a maior parte dos cans e cadelas foron Vigo (21), Pontevedra (20), A Estrada (14), Sanxenxo (10), Meis (9), Ribadumia (8) e Redondela, Vilagarcía e Barro (7). Entre as comunidades con máis adopcións está tamén Castela e León (9 cans e cadelas), Asturias (4) e Cataluña (4). En Andalucía (2), Madrid (2) e Navarra (1). “Eu quero poder dicir –afirmou– algún día que somos a provincia de toda España que ten máis adopcións, que é o mesmo que dicir que os pontevedreses e pontevedresas son a xente máis comprometida e con máis conciencia en relación a que os animais teñen que vivir nun estado de benestar”.

“A mala noticia –engadiu a presidenta– é que segue a haber moitos abandonos. Algo que me indigna. Non podo entender que se abandone aos animais. Ter un animal é un acto de responsabilidade e significa que cando o levas ao teu fogar, queda contigo ata que remata a súa vida. Abandonar aos animais é un acto de xente cavernícola, pouco avanzada e pouco desenvolvida. Pido un enorme esforzo para que non haxa máis abandonos e teñamos ademais unha actitude de denuncia, porque hai sancións para a xente que abandona”.

A este respecto, entre xaneiro e xullo houbo 693 recollidas de cans e cadelas (no ano 2019 foron 1.332), das que 323 foron antes do estado de alarma e 99 no confinamento (do 14 de marzo ao 11 de maio). Dos 693 animais recollidos, 186 foron entregados ao propietario no lugar do aviso, mentres que 119 foron recollidos no CAAN polos propietarios.

Pola súa banda, o veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, agradeceu o compromiso da Deputación “co benestar” dos animais e remarcou que para conseguir “unha sociedade igualitaria, feminista, tamén hai que respectar aos animais”. Pedreira, ao igual que Silva, destacou que “temos unha sociedade que abandona, pero tamén outra máis concienciada e que cada día vemos co nivel de adopcións. O noso fin é sacar aos cans das rúas, que estean o menor tempo posible no CAAN e buscarlles unha adopción definitiva para que estean ben”.

Iniciadas as obras de mellora da seguridade viaria na PO-552 entre Tomiño e Tui

0

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-552, nos Concellos de Tui e Tomiño, unha actuación enmarcada na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas. Os traballos a realizar contan cun investimento de 548.000 euros e teñen un prazo de execución de 12 meses.

A Consellería de Infraestruturas, considerando as achegas recibidas no proceso de información pública, definiu a execución dunha glorieta na intersección da PO-552 coa estrada PO-344, en Tomiño; a mellora da intersección do punto quilométrico 69+150; e a construción doutra rotonda na intersección coa estrada PO-350, no Concello de Tui.

Estas medidas compleméntanse coa reordenación dos pasos de peóns, adaptándoos á nova configuración das interseccións. Reforzarase a iluminación específica para estes pasos, con sistemas detección de peóns que mellorarán a percepción do peón por parte dos condutores.

Tamén se construirán beirarrúas no perímetro das glorietas executadas e se reubicarán as paradas de autobús, dotándoas ademais de novas marquesiñas.

36 multas da Policía Local do Porriño por conducir baixo os efectos do alcol, drogas ou sen carné

A Policía Local do Porriño fixo balanzo de actuacións en materia de seguridade vial no mes de xullo que arroxa 36 multas por conducir baixo os efectos do alcol, drogas ou con carné caducado.

En 22 casos formularon multas por infracción administrativa por alcoholemias positivas. Segundo a taxa, a multa económica oscila entre 500 a 1.000 euros e supón a perda de 4 a 6 puntos do carné.

En seis casos máis, os axentes da Policía Local instruíron 6 atestados (contra 5 homes e unha muller) por un presunto delito contra a seguridade vial por superar a taxa de 0,60mg/l. en aire espirado. Un destes casos presentou o a agravante de que o condutor levaba dous menores no seu vehículo.

Tamén, a Policía Local do Porriño formulou durante o mes de xullo, 6 denuncias administrativas contra condutores por dar positivo en drogas ao volante.

E por último, instruíronse  dous atestados por presuntos delitos contra a seguridade vial por circular co permiso de conducir sen puntos.

Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure reiterase “unha apelación ao sentido común e á responsabilidade dos condutores para evitar coller o volante se beben e previr a siniestralidade de tráfico e o risco para outros usuarios das vías”.

A Xunta convoca axudas por 200.000€ para apoiar a edición, distribución e comercialización no sector do libro

A Xunta de Galicia convoca unha liña de axudas cun importe total de 200.000€ para apoiar ao sector editorial da nosa Comunidade na edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas no ano 2020. Trátase dunha medida recollida no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para favorecer a reactivación destas industrias tras a crise sanitaria e que recolle máis de 2,2 millóns de euros en diferentes accións para o impulso do sector do libro e as bibliotecas.

Así, segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán optar a estas axudas as empresas editoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia. En concreto, as axudas buscan apoiar os gastos derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

As obras obxecto das axudas deberán estar editadas nalgún dos idiomas cooficiais de Galicia e noutras linguas e ter sido distribuídas entre o 1 de setembro do 2019 e o 31 de outubro do 2020. Ademais, entre outras características, deberán ter unha tirada mínima de 500 exemplares agás nas obras de poesía, teatro e ensaio, que será de 250, contar cun plan de distribución e comercialización, ser unha primeira edición dunha obra inédita ou ben unha obra cuxa última edición teña una antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas, agás no caso de libros infantís.

Impulso ao sector editorial

Os solicitantes deberán indicar a área de produción editorial de cada obra presentada. Así pois, as obras de non ficción poderán recibir unha subvención e ata 4.000€, as obras de ficción, de poesía e teatro de ata 3.000€ e no caso das publicacións dirixidas para público infantil a achega pode acadar ata 5.000€. O importe da achega ás subvencións editadas en galego incrementarase nun 20%. Cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o importe máximo adxudicado non poderá superar os 30.000€

A convocatoria desta liña de subvencións ten por obxectivo apoiar e favorecer a reactivación do sector editorial galego, clave no desenvolvemento cultural da Comunidade e unha das bases do prestixio cultural de Galicia. Do mesmo xeito, o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, cunha dotación global de 58M€ para favorecer a recuperación destas dúas industrias tras a crise sanitaria, recolle medidas de apoio ao sector do libro por 670.000 euros e accións para o fomento da lectura e de apoio ás bibliotecas públicas por 1,6M€.

Senderismo e kayak para gozar da paisaxe do río Tea

A Concellería de Mocidade, que dirixe Miguel Bouzó, organiza para este venres día 7 unha actividade de senderismo combinado con kayak dentro da programación de Mocidade Viva. Esta novidosa suxestión deportiva e lúdica incorpórase á oferta de lecer específica para a mocidade co obxectivo de promover hábitos de vida saudábeis e o coñecemento do noso patrimonio natural.

Sendeyak combinará a andaina con descenso en kayak polo río Tea ao longo dunha ruta de 3 quilómetros polos bosques autóctonos do río Tea observando todos os seus recursos e regreso en kayak gozando da frescura das súas augas que dan vida a múltiples especies.

Esta  actividade está deseñada para maiores de 11 anos e os menores de idade deben ir cunha persoa adulta. As e os interesados deben inscribirse en [email protected]. Os e as participantes sairán da praia fluvial da Freixa ás 17 horas para ir ata a poza do Barco e regresar en kayak.

O Concello bonifica unha parte do custo da actividade, tendo un prezo final para as persoas participantes de unicamente 15€ e inclúe todos os materiais necesarios, así como monitores e seguros.

Miguel Bouzó salienta que se trata dunha actividade segura e saudábel que contribúe no obxectivo da Concellería de retomar as actividades específicas para a mocidade velando sempre polo cumprimento estricto das normas de seguridade sanitarias e distanciamento. 

Alberto Abalde elixe O Porriño para poñerse en forma antes de incorporarse ao Real Madrid

O baloncestista galego Alberto Abalde comezou onte no Porriño, no Polideportivo Municipal, a súa preparación previa a incorporarse á disciplina do Real Madrid. Abalde, xunto co seu adestrador persoal, realizou diversas sesións de exercicios de mantemento e tandas de tiros a canasta.

Abalde elixiu O Porriño polas xestións realizadas por Julio Bernárdez, ex-baloncestista e xefe do Servizo de Deportes do Concello, e atendendo á invitación que lle fixo David Alonso, concelleiro de Deportes que acudiu esta mañá a darlle a benvida ao Pavillón.

Abalde, alero de 2.02 metros de estatura e internacional coa selección española, estará tres dias máis adestrando pola súa conta na nosa vila antes de viaxar a Madrid para iniciar a pretempada co equipo merengue.

‘Muller Tui’ impartirá un total de nove obradoiros en agosto e setembro

0

Está aberto o prazo de inscrición para os dous primeiros obradoiros que se van impartir dentro do Programa Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e en situación de vulnerabilidade ‘Muller Tui’ que impartirá un total de nove accións formativas a celebrar neste mes de agosto e o de setembro. As actividades están orientadas a mellorar a autoestima e a autoconfianza das mulleres e a dotalas dos recursos necesarios para mellorar  a súa participación social e laboral.

A primeira das actividades terá lugar o próximo martes, 11 de agosto, de 10 a 12 h co título de ‘Obradoiro de autocoñecemento’. Correrá a cargo da psicóloga experta en igualdade Mónica Novás. As prazas son limitadas polo é preciso inscrición previa no correo [email protected] e nos teléfonos 664 552 493 e  687 227 190. Xa o venres 14 impartirase o taller ‘Autocoidado e Empoderamento’.

As mulleres interesadas poden inscribirse nestes obradoiros no correo [email protected] e nos teléfonos 664 552 493 e  687 227 190.

Calendario de Obradoiros

  • Martes, 11 de agosto, de 10 a 12 h Obradoiro de autocoñecemento
  • Venres, 14 de agosto, de 10 a 12 h Autocoidado e Empoderamento
  • Venres, 21 de agosto, de 10 a 12 h Sexualidade
  • Venres, 4 de setembro, de 10 a 12 Obradoiro “A actitude Multiplica”
  • Venres, 11 de setembro, de 10 12 h Dereitos e recursos que asisten ás vítimas de Violencia de Xénero
  • Venres, 18 de setembro, de 10 a 13 h Obradoiro Ideas de Negocio. Emprendemento
  • Martes, 22 de setembro de 10 a 12 Mercado laboral oportunidade de emprego
  • Xoves, 24 de setembro de 10 a 13 h Novas tecnoloxías na procura de emprego
  • Venres 25 e martes 29  de setembro de 9 a 14 h Módulo de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

Cómpre lembrar que o programa ‘Muller Tui’ está dirixido a mulleres tanto vítimas de violencia de xénero como a todas aquelas que se atopen en situación de vulnerabilidade: mulleres desempregadas, con baixa cualificación, con discapacidade, menores de 30 anos ou maiores de 45 anos, migrantes, con responsabilidades familiares non compartidas, etc. e que precisen unha atención e asesoramento especializado.

Ponteareas organiza unha actividade para visionar as Perseidas dende o Castro de Troña

A concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar na visita ao Castro de Troña para visionar as Perseidas e constelacións. Este sábado día 8 veciñas e veciños poderán gozar desta chuvia de meteoros e a visións das constelacións a partir das 22:30 totalmente de balde.

Con aforo só para trinta persoas, os e as interesadas deberán inscribirse no enderezo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 618 705 639.

Gonzalo Caballero anuncia catro anos ao servizo de Galicia, “seremos a voz da cidadanía que non se resigna e quere mellorar o país”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniu hoxe por primeira vez aos 14 deputados socialistas electos e anunciou “catro anos de traballo ao servizo de Galicia”, en relación á lexislatura que está a piques de comezar.

“Estaremos alí onde haxa unha inquedanza, unha preocupación, un problema ou unha proposta para ser a voz da cidadanía que non se resigna e quere mellorar o país”, subliñou o líder dos socialistas galegos, consciente de que Galicia “necesita aire fresco e impulso” para afrontar o futuro.

“Poñeremos o mellor de nós mesmos para traballar ao servizo da Galicia de igualdade, benestar e progreso que anhelan tantos galegos”, remarcou Gonzalo Caballero, quen indicou que “queremos ser a alternativa de progreso ao PP” e estar “en condicións de dar futuro e benestar a Galicia” cando os galegos opten polo cambio.

Sobre todo, como dixo o máximo dirixente do PSdeG, nun momento no que o país se atopa nunha crise económica de “enorme envergadura” e nunha crise sanitaria na que preocupa o risco de rebrotes da covid.

Precisamente por iso, Gonzalo Caballero anunciou “unha oposición leal pero contundente en defensa dos servizos públicos e da igualdade”, coa vista posta en que “ninguén quede atrás” por mor da crise. “Traballaremos para amosar que entendemos a mensaxe da cidadanía e para ser a alternativa de futuro”, concluíu.

Así as cousas, na xuntanza do grupo parlamentario abordaronse os distintos eixos de traballo e, tras unha reunión da Comisión Permanente da Executiva do PSdeG, ratificouse que Gonzalo Caballero continuará exercendo como voceiro parlamentario e que Marina Ortega ocupará a vicesecretaría da Mesa do Parlamento.

Marcha do rei emérito

A maiores, preguntado polos xornalistas sobre a saída de España do rei emérito, Gonzalo Caballero sinalou que “o relevante é garantir que se aplique o Estado de Dereito” e que “non existan condutas inadecuadas que queden á marxe da lei”.

O Castelo de Soutomaior, selo ‘Safe Tourism Certified’ que o acredita como destino seguro

O Castelo de Soutomaior da Deputación de Pontevedra vén de recibir o selo “Safe Tourismo Certified”, do Instituto de Calidade Turística Española (ICTE), tras ter superada unha auditoría, realizada por unha empresa independente, que acredita a correcta aplicación dos protocolos de seguridade ante a Covid-19. “Queríamos –asegurou a presidenta Carmela Silva– que o castelo fose un espazo completamente seguro para as persoas visitantes, traballadoras e empresas proveedoras e o selo reafirma o noso compromiso cos protocolos e medidas impulsadas polo ICTE para facer fronte á Covid-19”.

Para acadar o distintivo ‘Safe Tourism Certified’ o Castelo de Soutomaior vén de superar unha auditoría, realizada por unha empresa independente, na que se comprobou a correcta aplicación das medidas hixiénico-sanitarias do ICTE fronte ao coronavirus. O selo garante e certifica que o Castelo implanta as especificacións técnicas UNE desenvolvidas a partir das guías elaboradas de prevención de contaxio fronte ao SARS-VoV-2 en establecementos turísticos. Ademais, ‘Safe Tourism Certified’ aumenta a confianza das persoas visitantes, clientes e outros grupos de interese, como operadores turísticos nacionais e internacionais.

Dende a reapertura do Castelo de Soutomaior, o 2 de xuño, a Deputación apostou por implantar todas as directrices sinaladas polo ICTE para garantir a seguridade no recinto e minimizar o risco de contaxio da Covid-19. Así, impulsouse un protocolo específico para o castelo, no que se inclúen todas as medidas de hixiene e distanciamento que se teñen que cumprir durante a visita, así como as que deben seguir o persoal traballador e as empresas proveedoras.

En concreto, e entre outras cuestións, tómase a temperatura a todas as persoas que entran en Soutomaior, hai dispostas fontes de hidroxel, é obrigatorio o uso de mascarillas e o emprego de luvas (ao ser un espazo museístico interactivo), elimináronse as pantallas táctiles de xeito temporal para minimizar os riscos, incrementouse a ventilación, e adaptouse o percorrido para evitar cruces entre as persoas.

Redondela prepárase para vivir unha nova edición do ‘Festival de Artistas de Rúa’

0

O vindeiro venres 7 de agosto terá lugar nas rúas e prazas da vila de Redondela o tradicional Festival de Artistas de Rúa, que cumpre este ano a súa vixésimoprimeira edición. Ante a situación excepcional provocada pola COVID-19, a Concellería de Cultura decidiu manter este xa tradicional evento por estas datas tomando as medidas oportunas.

Así, as espectadoras e espectadores non poderán estar sentados no chan como en pasadas edicións e manterán unha distancia mínima de 4 metros co escenario, tal e como se está a facer no resto da programación cultural deste verán. Todos os espéctaculos disporán de cadeiras para o público así como de dispensadores de xel hidroalcólico. O público deberá ter a súa máscara de protección posta en todo momento.

Nesta ocasión contarase cun pasarrúas de animación da compañía Troula que arrancará ás 20:00 h na rúa Alfonso XII e percorrerá a rúa da Ribeira e o paseo da Xunqueira. Outros lugares que estarán animados polas compañías que nos visitan serán, a Praza da Constitución de 1812, Alameda Castelao, a zona dianteira da Casa da Torre e a Pista da Xunqueira, todos os espectáculos estaran orientados a público familiar, agás a proxección das 22:45 h da pista da Xunqueira que está pensada para publico maior de 12 anos.

O Concello de Baiona autorizará o tendido aéreo de fibra nos núcleos rurais

0

O Goberno local de Baiona vén de comunicar ás empresas de telefonía o cambio na normativa municipal que permitirá o tendido aéreo de fibra nos núcleos do rural baionés. Modifícase así a norma, marcada no propio PXOM, que obrigaba a que os tendidos de subministros foran soterrados o que, sinala o alcalde Carlos Gómez, “supuxo unha notable limitación no despregamento das redes de telecomunicacións no municipio”

A antedita norma municipal entraba en conflito coa Ley Xeral de Telecomunicacións polo que era preciso un cambio da mesma dado que, esta última norma, posúe un carácter xerárquico superor. Doutra banda e debido á dispersión de poboación no rural, este cambio na normativa remedia o problema de que as vías públicas que dan acceso a ditos núcleos, non só carecen de canalizacións senón que non son aptas para a súa instalación.

Polo tanto, o Concello de Baiona permitirá os tendidos aéreos de telecomunicacións en todas as áreas do municipio “que non teñan interese declarado patrimonial, cualificación de núcleo urbano ou que estando en este e por incapacidade técnica, non se pode realizar doutro xeito”.

O alcalde de Baiona, salientou a importancia desta decisión que permite “aos núcleos parroquias acceder ás novas tecnoloxías da información”. Nese sentido, Carlos Gómez, lembrou que o pasado estado de alarma e o confinamento que levaba aparellado, “amosou claramente o déficit que en materia de internet e telecomunicacións tiñan os nosos núcleos rurais”.

Con esta medida, engade Gómez, “facilitamos a toda a veciñanza a conciliación familiar e laboral daquelas persoas que poidan teletraballar, un sistema que pola pandemia da COVID-19, cada día é máis utilizado”. Na mesma liña, o rexedor local fixo fincapé na importancia de que as nosas veciñas e veciños, “dispoñan dunha rede de fibra que lles permita realizar as xestións con organismos, entidades bancarias ou servizos de saúde, do mesmo xeito que, en casos excepcionais, as nosas nenas e nenos, poidan seguir as clases a distancia”.

Trátase, explicou, de “poñer ás nosas parroquias no século XXI e contribuír á modernización e dignificación dos núcleos rurais que foron os grandes esquecidos dos sucesivos gobernos conservadores”.

A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu ‘Festival de Músicos Xoves’ á nova realidade

0

A Banda da Agrupación Musical do Rosal adapta o seu tradicional Festival de Músicos Xoves á nova realidade que trouxo a crise sanitaria por mor da COVID-19. Ante a imposibilidade de xuntar nun mesmo espazo e mantendo a distancia de seguridade aos seus máis de 70 compoñentes, a agrupación decidiu modificar o formato deste festival que se viña celebrando dende hai xa 30 anos para seguir levando a música a cada recuncho do municipio rosaleiro.

Para conseguilo, a dirección decidiu formar grupos reducidos de músicos que durante os meses posteriores ao levantamento do estado de alarma ensaiaron diferentes repertorios. Neste sentido, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, destacou “a capacidade de innovación e adaptación da agrupación para seguir facendo do Rosal un pobo cultural e musicalmente activo”. Nacen así 6 ensembles instrumentais que toman o seu nome homenaxeando a personaxes senlleiras na historia da Agrupación Musical, como Pepe Flores, José Vicente Simeó, Nani Matos ou Emilio Rodríguez.

A estes grupos hai que sumar o grupo de cámara formado polo alumnado máis novo da escola de música e o grupo de clarinetes ‘Klason’, de longo percorrido na Agrupación. O director da Banda da Agrupación Musical, Javier Alonso, destacou a importancia desta acción formativa. “Queremos traballar tamén cos rapaces da escola e dedicámoslles un día da programación, no que farán un concerto o día 20”, afirmou.

Así, a Agrupación programa un ciclo de dez concertos repartidos polas distintas parroquias do concello, cos que levar a súa música á veciñanza rosaleira mantendo sempre as medidas de seguridade ás que obriga a actual situación sanitaria. O concelleiro de cultura, Carlos Villanueva, sinalou as cousas positivas que o novo formato pode deixar, sinalando que lle gustaría que “o formato dos ensembles non morrese ao volver á normalidade, senón que servisen para darlle unha nova vitalidade á agrupación”. Pola súa parte o presidente da Agrupación Musical, Andrés García, anunciou que teñen pensado facer unha campaña de captación de socios “aproveitando que percorrer moitos barrios aos que levabamos tempo sen ir, o que é unha oportunidade para darse a coñecer”.

Os concertos concéntranse na segunda e terceira semana de agosto, comezando o martes 11 no campo de balonmán de Novás e rematando o sábado 22 cun concerto na Praza do Calvario, conmemorando así o día no que se tería celebrado o Festival de Músicos Xoves.

PROGRAMACIÓN DE VERÁN DA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL

  • 11 DE AGOSTO: NOVÁS (CAMPO DE BALONMÁN)
    • 21:00 BRASS BAND “José Vicente Simeó”
  • 12 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Quinteto de metáis “Alfonso Ulloa”
  • 13 DE AOGOSTO: SAN XIÁN (TORREIRO)
    • 21:00. Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
  • 14 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Ensemble de ventos “Nani Matos”
  • 15 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
    • 21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores”
  • 16 DE AGOSTO: SAN MIGUEL (ALAMEDA)
    • 22:00 Grupo de saxos “Emilio Rodríguez”
    • Grupo de clarinetes Klason
  • 18 DE AGOSTO: FORNELOS (ADEGA LAGAR DE CERVERA)
    • 21:00 Ensemble de madeira “Pepe Flores
  • 20 DE AGOSTO: TABAGÓN (PRAZA DO MAIO)
    • 21:00 Cámara da escola
  • 21 DE AGOSTO: O CALVARIO (IGREXA PARROQUIAL)
    • 21:00 Dextrum Ensemble. Cuarteto de saxofóns
  • 22 DE AGOSTO: O CALVARIO (PRAZA)
    • 22:00 BRASS BAND “José Vicente Simeó”

As alumnas do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós II’ de Ponteareas, inician o seu período de prácticas

As alumnas da especialidade de Atención Socio Sanitaria a Persoas Dependentes en Domicilios e Institucións Sociais do obradoiro de emprego “Coidar de Nós II”  do Concello de Ponteareas, iniciaron as prácticas formativas no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo durante os días 3 a 14 de agosto 2020.

A concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, desexoulles “un bo período nesta etapa da súa formación” agarando que “adquiran os coñecementos precisos para complementar a teoría impartida durante o obradoiro”.

Fernández lembrou que esta especialidade ten acadado ata o 100 % de inserción laboral nos anos anteriores e recoñece a “importante labor que desempeñan estas profesionais ao facerse cargo do coidado diario dos nosos maiores”.

O alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, asume dirección do AECT Río Miño

Dando cumprimento ao nº 4 do Artigo 15º dos estatutos do AECT Río Miño, que prevé que o director e o vicedirector alternem as súas funcións a cada dous anos, o alcalde de Vila Nova de Cerveira, e ata o de agora vicedirector deste organismo transfronteirizo, Fernando Nogueira, pasou a asumir, con efectos inmediatos, a función de director e Uxío Benítez de vicedirector.

Durante a reunión, que decorreu de 31 de xullo en Valença, ambos os responsábeis manifestaron a satisfacción polo bo relacionamento conseguido nestes dous anos e polo desenvolvemento da acción executiva do AECT Río Miño, sinalando que o traballo colexial e a procura de consenso foi conseguido a través dunha relación próxima e constante. Sendo esta metodoloxía colaborativa máis adecuada para o bo funcionamento desta entidade de cooperación territorial, Fernando Nogueira e Uxío Benítez acordaron manter esta relación permanente na toma de decisións executivas que son atribuídas ao director.

Fronte aos momentos difíciles vividos recentemente coa Pandemia COVID -19 e o peche de fronteiras, a dirección do AECT Río Miño ten a expetativa dunha rápida superación anímica e económica do territorio do Río Miño Transfronteirizo, comprometéndose ambos a continuar a traballar en conxunto e cos respetivos municipios asociados que compoñen o territorio de intervención do AECT, para permitir a implementação de proxectos e iniciativas de cooperación que promovan a melloría da situación socioeconómica deste territorio común.

O bailarín mosense Rubén Cabaleiro reúnese co conselleiro de Cultura para estudar posibles colaboracións coa Xunta

0

O bailarín mosense Rubén Cabaleiro Campo, solista do Ballett am Rhein (Ballet do Rin) –compañía de ballet das cidades alemás de Düsseldorf e Duisburg– reuniuse esta mañá co Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro.

Na xuntanza abordaron posibles colaboracións de Cabaleiro coa Xunta de Galicia de cara ao Xacobeo 2021. Durante a reunión os presentes tamén trataron sobre o estado da danza en Galicia e Rubén Cabaleiro declarou á saída da mesma estar “moi positivamente impresionado pola cercanía e amabilidade do conselleiro”, ao que non coñecía ata o momento.

Rubén Cabaleiro, mosense natural da parroquia de Guizán, formouse en Galicia e en Madrid de mans de Víctor Ullate. Comezou a súa carreira profesional na compañía de Víctor Ullate e bailou en numerosos teatros de todo o mundo como en Xapón, Taiwán, Holanda, Francia… etc. A pesar da súa prolífica listaxe de actuacións nunca bailou na súa terra, en Galicia, e faille por elo “moita ilusión” actuar na Comunidade Autónoma galega porque nunca o fixo, tal e como el mesmo asegura.

Ademais de pola súa incrible traxectoria na danza profesional, Rubén Cabaleiro ven sendo noticia últimamente pola orixinal, inxeniosa e innovadora iniciativa que puxo en marcha durante o confinamento.

Cando se desatou o estado de alarma derivado da pandemia do coronarivus o bailarín mosense propúxose non abandonarse á desidia, senón todo o contrario, continuar adestrando para manterse en forma dentro das limitacións que supón estar en confinamento. Con ese propósito creou o proxecto DanceLive Europe xunto con outro bailarín español, o zaragozano Jorge García Pérez, con quen coincidiu hai 14 anos no Ballet de Zúric e que actualmente é bailarín solista no Ballet do Teatro de Basel, Suíza.

A iniciativa pretendía dar solucións e alternativas aos bailaríns de todas as compañías do mundo que neses intres estaban paradas, para axudalos a recibir clases gratis cos mellores profesores e bailaríns do mundo.

Tras os primeiros días de clases, a plataforma non tardou en comezar a recibir ofrecementos doutros bailaríns dos cinco continentes, interesados non só en recibir, senón tamén en impartir clases aos seus compañeiros. Contou coa colaboración de máis de medio centenar de profesores, bailaríns e primeiros bailaríns de compañías tan importantes como o New York City Ballet e o Royal Ballet de Londres.

DanceLive Europe ofrecía 2 clases online gratuítas diarias dirixidas tanto a bailaríns profesionais como a todo aquel que estivera interesado en exercitarse a través da danza e do baile.

As clases reuniron cada día a preto de cen alumnos, profesionais e afeccionados, de todo o mundo: Xapón, China, Australia, Rusia, Israel, Canadá, Estados Unidos, Brasil e, por suposto, Galicia. Principalmente ofreceron clases de ballet e danza contemporánea, pero tamén incorporaron talleres coreográficos e outras disciplinas como o ioga, o gyrokinesis e o estilo Bollywood, máis dirixidas ao público non profesional.

Unha vintena de persoas obteñen a licenza de navegación en Goián

0

O curso celebrouse o pasado 1 de agosto, para poder obter a LICENZA DE NAVEGACIÓN, en Goián – Tomiño.

Matriculáronse 22 persoas, das cales 15 fixeron o curso completo (teoría e práctica) e 7 só fixeron a parte práctica porque xa estaban en posesión da Autorización Federativa e por tanto valídaselle a parte teórica.

As persoas matriculadas proviñan de distintos concellos: Salceda, O Rosal, A Guarda, Baiona, pero a maioría eran do concello de Tomiño (mesmo había dúas persoas de Madrid que viñeron facer as prácticas para trocar o título antigo pola Licenza de Navegación).

Este é o segundo curso que organiza a Federación Galega de Motonáutica en Tomiño para a obtención da Licenza de Navegación no ano 2020 (celebrouse o primeiro o 4 de xullo), e dada a gran demanda está a pensarse en facer outro a finais de agosto ou setembro.

A Federación Galega de Motonáutica leva uns anos apostando polo Concello de Tomiño para facer actividades náuticas, de feito neste Concello sempre se celebra unha proba do “Campionato Galego Inclusivo – Slalom de Motonáutica”, que este ano está prevista para o mes de setembro, e tamén se celebrou o ano pasado un bautismo de motos acuáticas para persoas con discapacidade.

Mera explicou a comerciantes e hostelaría a reordenación de espazos e tráfico no entorno do Mercado

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, concluíu o proceso de interlocución e información veciñal relativo á reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas situadas no entorno do Mercado Municipal de Ponteareas.

O pasado venres o edil nacionalista, xunto coa concelleira de Promoción Económica Eva Gil, mantivo un encontro cuns corenta comerciantes e hostaleiros no salón de plenos da Casa do Concello, que se engadíu aos encontros co Grupo Ecoloxista ADENCO, a plataforma Vivir Ponteareas, o Consello Municipal da Infancia e o colectivo de apoio ás persoas con discapacidade ADAPTA. Ademais, distribuiuse ampla información por escrito aos residentes e comerciantes sobre as medidas propostas.

Mera avaliou a reunión con comerciantes e hostaleiros coma “moi positiva e construtiva” e agradeceu a boa disposición do sector diante das medidas previstas. O concelleiro lembrou aos asistentes “que a recuperación do espazo público para as persoas mellora o atractivo comercial da vila e favorece ao pequeno comercio” e lembrou que rúas libres de vehículos como Rogelio Groba ou sen estacionamento como Oriente, son das máis comerciais de Ponteareas.

O edil nacionalista achegou datos sobre a ocupación da zona azul no entorno do auditorio e rúas próximas así como do aparcadoiro do Mercado Municipal e outros próximos como o de Santa Ana. Os datos revelan que raras veces se produce unha ocupación do 100% e que habitualmente existen bastantes prazas dispoñibeis. O concelleiro lembrou ademais que as medidas contempladas supoñen unha redución pequena de prazas de estacionamento en relación coas existentes na zona.

Mera sinalou que “a clave está nos aparcamentos periféricos, pois desde calquera deles se pode chegar camiñando en moi poucos minutos, sempre menos de dez, a calquera punto da vila”. Por iso o obxectivo da concellaría de Mobilidade e Tráfico é “gañar espazos para as persoas que camiñan facendo atractivos os itinerarios a pé desde os aparcadoiros e mellorar e ampliar estes nos vindeiros meses”.

Ademais, o sector comercial propuxo ampliar a zona azul a horario de tarde, unha proposta que a concellaría considera viábel e interesante e que será estudada nas vindeiras semanas para tomar unha decisión ao respecto.

O coronavirus obriga ao Barbeira Season Fest de Baiona a cambiar de emprazamento

0

O  Barbeira  Season  Fest é un dos poucos festivais do verán galego que resiste o  bofetón do coronavirus. Os que aguantaron tiveron que  reinventarse para adaptarse ás novas normas sanitarias e de convivencia e o  Barbeira  Season  Fest, que se celebra en Baiona o próximo 19 de setembro, tamén.

A segunda edición do  Barbeira  Season  Fest volve contar co apoio da cervexeira  Mahou na súa aposta por impulsar experiencias únicas e encontros inesquecibles entre persoas que comparten a súa paixón pola música.

Para a organización, o máis complicado era buscar un lugar que se axustase á nova normativa. O ano pasado, o festival xa non puido celebrarse na praia que lle dá nome por mor dun temporal de vento e choiva pero resolveron ben o problema desprazando o evento á horta do Parador de Baiona. Un éxito. “Está claro que a praia de  Barbeira resístesenos, pero ao final caerá”, comenta Isaac González, director do festival.

Península de Santa Marta

Pero atopárono. O próximo 19 de setembro, o  Barbeira  Season  Fest celebrarase na Península de Santa Marta, “un lugar espectacular cunhas vistas únicas que son o mellor fondo de escenario de Galicia”, sinala González. De feito, confirmárono Claudia Rodríguez e Lara Sánchez, unha madrileña que se trouxeron da capital e unha galega  festivaleira ás que convidaron a ver o novo emprazamento a modo de sorpresa. “Púxoselles a pel de galiña e esa é a  mejo dos sinais”, di o director do evento. “Tiñamos claro que, a pesar de vernos na obrigación de cambiar de lugar, o novo emprazamento tiña que ser igual de singular que o do ano pasado. Somos un festival distinto, de público reducido, que queremos estar en contacto directo coa paisaxe. A fusión de música e natureza é o noso aceno de identidade. A Península de Santa Marta é un lugar único que nos permite seguir sendo diferentes”, finaliza Isaac González.

Últimas entradas a 35 €

Este venres póñense á venda as últimas entradas a 35 euros. A partir de aí, comeza o novo tramo de venda a 40 euros que estará limitado só a 100 persoas, debido á demanda de entradas que hai.

La la love you, Ortiga, Ginebras ou Lisasinson son algúns dos grupos confirmados que se subirán ao escenario da Península de Santa Marta o próximo 19 de setembro.

  Barbeira  Season  Fest, que se celebrará contra todo prognóstico e está organizado pola promotora de eventos Elemental  Street, conta co apoio do  Concello de Baiona, a  Deputación de Pontevedra,  Mahou e o Centro Comercial Gran Vía de Vigo, que volve colaborar convidando a clientes e ao público que o ano pasado asistiu ao pase do documental sobre o festival e a charla co grupo La Habitación Roja.

A Xunta inicia as obras para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na contorna do Parque Empresarial da Pasaxe, en Gondomar

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-331, no contorno do parque empresarial da Pasaxe.

Os traballos suporán un investimento da Xunta próximo aos 435.000 euros e estarán rematados este mesmo ano.

A intervención nesta estrada autonómica que comunica O Porriño e Gondomar ten como obxectivo a eliminación dun treito de concentración de accidentes, entre o punto quilométrico 11+200 e o 14+600, que coincide na zona máis industrializada, e na zona un pouco máis rural que rodea e conforma os accesos á zona empresarial.

Executarase unha glorieta para facilitar os xiros e o acceso á zona empresarial na intersección entre a PO-331 e a AG-57. Tamén se acometerán beirarrúas ao longo dun treito duns 600 metros para facilitar os desprazamentos a pé.

De xeito paralelo, mellorarase o acceso desde a PO-331 ao polígono, co reforzo do firme, nunha zona da estrada na zona máis rural.  Ademais, prevese o reforzo da seguridade nos pasos peonís, garantindo unha mellor visibilidade coa limitación de aparcamento nas súas proximidades e con iluminación axeitada.

Esta actuación non afectará á Zona de Vincios, onde a mellora da seguridade viaria se acometerá cando o Concello de Gondomar acade o consenso necesario cos veciños.

A intervención enmárcase na estratexia da Xunta para ter actuado en todos os tramos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica no horizonte deste ano.

O alcalde das Neves reitera á Xunta a necesidade da retirada da torre de alta tensión e da mellora do acceso sur da vila

0

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, vén de manter distintos contactos co xefe do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar dous temas: a retirada da torre de Fenosa, situada a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e da nova Escola de Educación Infantil, e a mellora do acceso As Neves pola parte sur.

Torre de alta tensión

No que se refire á retirada da torre de alta tensión, é unha demanda altamente agardada polo Goberno municipal, que é xa unha necesidade irrenunciabel nunha zona na que están o pavillón municipal de deportes e dous centros de ensino. A mesma está situada no medio da aparcadoiro moi transitado durante o curso escolar que o Concello quere reformar para facilitar a entrada e saída dos estudantes, tanto dos que se desprazan en bus como dos que o fan nos vehículos familiares. A demolición da torre depende xa da resolución de problemas burocráticos, que deben solucionar a Xunta de Galicia e Naturgy- a antiga Fenosa-.

Rotonda de Setados

O alcalde tamén plantexou ao xefe provincial, a necesidade e mellora do acceso ás Neves pola parte sur, na rotonda de Setados. Xosé Manuel Rodríguez Méndez, subliñou que esta reforma é ainda máis “urxente”, logo dos cambios ao redor da Plataforma Loxística (PLISAN), co fluxo de tráfico desviado pola estrada PO-400, da cal é titular a Xunta.

O rexedor obtivo o compromiso do xefe de servizo de levar a cabo os correspondentes estudos económicos para a devandita reforma e presentar os mesmos á Consellería de Infraestrururas e Mobilidade de cara á adecuación dos accesos redorzando a súa seguridade.

Cine e os concertos de “The hurt fingers” e Rubén de Lis no Baiverán de Baiona

0

Hoxe martes continúan as actividades culturais programadas polo Concello de Baiona e o seu departamento de Cultura dentro do Baiverán 2020.

O cine abrirá esta semana no Parque da Palma. Hoxe, ás 23:00h, proxectarase en pantalla xigante o filme “Spiderman: lejos de casa”.

O mércores, tamén no Parque da Palma ás 23:00h. da noite, terá lugar o concerto de  “The hurt fingers”, unha banda orixinaria de Viana do Castelo que fará disfrutar aos amantes do blues e do rock dos anos sesenta e setenta. Interpretarán versións que van dende Bob Dylan a Eric Clapton, The Rolling Stones, The Doors, Neil Young ou Creedence.

Rubén de Lis

O xoves volve a música en directo ao Parque da Palma co concerto do guitarrista e compositor Rubén de Lis, que conta cunha ampla traxectoria internacional.

O venres, na Praza Victoria Cadaval, ás 23:00h., proxectarase o filme “Corgi, las mascotas de la reina”.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral.

Nigrán abre o prazo de inscrición para o roteiro do xoves polo litoral e do sábado en Parada

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de verán ‘Equilibrio Natural’, ten aberto o prazo de inscrición no mail [email protected] para participar no roteiro guiado deste xoves 6 polo litoral con saída ás 10:00 horas desde a Alameda de San Campio en A Ramallosa e o sábado en Parada (roteiro de ‘Os Mouros´) con saída ás 10:00 desde a rúa Areíña. As prazas están limitadas por indicacións sanitarias e se cubrirán por rigorosa orde de solicitude. O Concello facilitará intérprete de lingua de signos en caso de que algunha das persoas que se inscriba indique esta necesidade no correo electrónico. O seguinte roteiro será o martes 11 por Monteferro coincidindo co solpor.

AporM xustifica o seu voto en contra aos orzamentos de Mondariz “polos recortes en igualdade, asociacionismo, limpeza e saneamento”

0

Alternativa por Mondariz –forza máis votada nas últimas eleccións municipais con 1.037 votos– vén de votar en contra dos Orzamentos presentados ante o Pleno polo Goberno ao apreciar a formación que encabeza o exalcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, “un incremento notable do gasto que vai en contra da austeridade que o goberno, encabezado polo BNG, tanto proclama”. Pola contra constátase AporM asegura constatar unha diminución en partidas “que resulta alarmante”.

Unha delas é a dedicada á limpeza das dependencias municipais, que pasa de 42.000 € no 2017 a 33.500 € no 2020. “En tempos de alarma sanitaria isto resulta sorprendente”.

No campo das políticas de igualdade a situación é idéntica: de 9.100 € no 2017 a 5.200 € no 2020. E en Dinamización Lingüística de 4.500 € pásase a 1.500 € no 2020. Nos cursos de formación non se reduce demasiado, pero pasa de 10.000 € a 9.400 €, unha decisión política errada polo delicado momento laboral que atravesamos.

Alternativa considera superfluo o arrendamento da varredora: 6.190 € e cuestiona o dedicado a saneamento: pásase de 30.000 € a 16.520 € no 2020. Considera así mesmo que se perde a oportunidade de investir no rural en temas de suma necesidade como internet nun tempo nos que o teletraballo se impón paulatinamente. No mantemento da depuradora pásase de 30.000 a 13.675 € no 2020. Para AporM é primordial evitar por todos os medios vertidos ao río, o que esixe aumentar os recursos. 

Son palpables tamén as rebaixas nas axudas ás asociacións seguindo o que o goberno chama “de maior interese de estratexia municipal” Alternativa xa as consideraba escasas e agora son máis. En resumo: “uns orzamentos errados que non responden ás necesidade de Mondariz e non permiten falar dunha distribución intelixente, proporcionada e xusta do gasto” en palabras de Montes Bugarín.

Asociacionismo

BNG e PSOE tamén pretendían reducir o 50% das subvencións que ata agora recibían as asociacións representativas dos veciños. “Ata o de agora as asociacións recibían un mínimo de 300 € do Concello para axudalas no seu traballo. O alcalde pretendía reducir ese importe á metade na maior parte dos casos” destaca Calis. Noutros casos, como o da Banda de Música, o goberno municipal pretendía recortar a súa aportación de 11.000 a 9.900 € e no caso da asociación Castromao de 4.000 a 3.600 €.

Débeda municipal

Alternativa por Mondariz considera oportuno recordar a débeda coa que se atopou no momento de porse ó fronte da Alcaldía: 614.547’97 € fronte ó REC do actual goberno de 364.912’72 €. O xeito de encaralo por parte de Alternativa foi dun traballo inmediato para xestionalo no canto de laiarse.

A débeda do Centro de Día non é unha débeda histórica. Parte de xullo de 2017, dado que non había partida orzamentaria e descoñecíase a opción de reclamación como pasou coa débeda histórica de case 300.000 € que a Xunta cancelou no noso mandato. O goberno encabezado polo BNG aporta unha partida de 94. 625 € para o Centro de Día e afronta un REC de 364.912’72 €, inferior ó montante co que se topou Alternativa de 614.547’97 €. Iso é: 189.311’99 € de pago de facturas en decembro+REC en xaneiro de 425.235’98 €

Está clara a lectura destes datos e o distinto xeito de encarar a situación económica recibida que para AporM “non foi outro que unha xestión eficaz en beneficio do pobo”.