9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasMera explicou a comerciantes e hostelaría a reordenación de espazos e...

    Mera explicou a comerciantes e hostelaría a reordenación de espazos e tráfico no entorno do Mercado

    A reunión foi “positiva e construtiva” e supón o remate do proceso de interlocución e información veciñal previo ao inicio dos traballos programados

    O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, concluíu o proceso de interlocución e información veciñal relativo á reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas situadas no entorno do Mercado Municipal de Ponteareas.

    O pasado venres o edil nacionalista, xunto coa concelleira de Promoción Económica Eva Gil, mantivo un encontro cuns corenta comerciantes e hostaleiros no salón de plenos da Casa do Concello, que se engadíu aos encontros co Grupo Ecoloxista ADENCO, a plataforma Vivir Ponteareas, o Consello Municipal da Infancia e o colectivo de apoio ás persoas con discapacidade ADAPTA. Ademais, distribuiuse ampla información por escrito aos residentes e comerciantes sobre as medidas propostas.

    Mera avaliou a reunión con comerciantes e hostaleiros coma “moi positiva e construtiva” e agradeceu a boa disposición do sector diante das medidas previstas. O concelleiro lembrou aos asistentes “que a recuperación do espazo público para as persoas mellora o atractivo comercial da vila e favorece ao pequeno comercio” e lembrou que rúas libres de vehículos como Rogelio Groba ou sen estacionamento como Oriente, son das máis comerciais de Ponteareas.

    O edil nacionalista achegou datos sobre a ocupación da zona azul no entorno do auditorio e rúas próximas así como do aparcadoiro do Mercado Municipal e outros próximos como o de Santa Ana. Os datos revelan que raras veces se produce unha ocupación do 100% e que habitualmente existen bastantes prazas dispoñibeis. O concelleiro lembrou ademais que as medidas contempladas supoñen unha redución pequena de prazas de estacionamento en relación coas existentes na zona.

    Mera sinalou que “a clave está nos aparcamentos periféricos, pois desde calquera deles se pode chegar camiñando en moi poucos minutos, sempre menos de dez, a calquera punto da vila”. Por iso o obxectivo da concellaría de Mobilidade e Tráfico é “gañar espazos para as persoas que camiñan facendo atractivos os itinerarios a pé desde os aparcadoiros e mellorar e ampliar estes nos vindeiros meses”.

    Ademais, o sector comercial propuxo ampliar a zona azul a horario de tarde, unha proposta que a concellaría considera viábel e interesante e que será estudada nas vindeiras semanas para tomar unha decisión ao respecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.