23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta convoca axudas por 200.000€ para apoiar a edición, distribución e...

    A Xunta convoca axudas por 200.000€ para apoiar a edición, distribución e comercialización no sector do libro

    Poderán solicitalas as empresas editoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia e o importe máximo adxudicado poderá alcanzar os 30.000€

    A Xunta de Galicia convoca unha liña de axudas cun importe total de 200.000€ para apoiar ao sector editorial da nosa Comunidade na edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas no ano 2020. Trátase dunha medida recollida no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico aprobado polo Goberno galego para favorecer a reactivación destas industrias tras a crise sanitaria e que recolle máis de 2,2 millóns de euros en diferentes accións para o impulso do sector do libro e as bibliotecas.

    Así, segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán optar a estas axudas as empresas editoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia. En concreto, as axudas buscan apoiar os gastos derivados de actividades como a tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión, impresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de márketing e publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.

    As obras obxecto das axudas deberán estar editadas nalgún dos idiomas cooficiais de Galicia e noutras linguas e ter sido distribuídas entre o 1 de setembro do 2019 e o 31 de outubro do 2020. Ademais, entre outras características, deberán ter unha tirada mínima de 500 exemplares agás nas obras de poesía, teatro e ensaio, que será de 250, contar cun plan de distribución e comercialización, ser unha primeira edición dunha obra inédita ou ben unha obra cuxa última edición teña una antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas, agás no caso de libros infantís.

    Impulso ao sector editorial

    Os solicitantes deberán indicar a área de produción editorial de cada obra presentada. Así pois, as obras de non ficción poderán recibir unha subvención e ata 4.000€, as obras de ficción, de poesía e teatro de ata 3.000€ e no caso das publicacións dirixidas para público infantil a achega pode acadar ata 5.000€. O importe da achega ás subvencións editadas en galego incrementarase nun 20%. Cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 20 libros e o importe máximo adxudicado non poderá superar os 30.000€

    A convocatoria desta liña de subvencións ten por obxectivo apoiar e favorecer a reactivación do sector editorial galego, clave no desenvolvemento cultural da Comunidade e unha das bases do prestixio cultural de Galicia. Do mesmo xeito, o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico, cunha dotación global de 58M€ para favorecer a recuperación destas dúas industrias tras a crise sanitaria, recolle medidas de apoio ao sector do libro por 670.000 euros e accións para o fomento da lectura e de apoio ás bibliotecas públicas por 1,6M€.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.