22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño avalía coas directivas dos colexios e ANPAS o 'Protocolo de adaptación...

    Tomiño avalía coas directivas dos colexios e ANPAS o ‘Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19’ proposto pola Xunta

    Os responsables dos colexios amosaron a súa preocupación pola falta de espazo físico e de persoal, para adaptar a xornada lectiva ás medidas impostas

    O Departamento de Educación do Concello de Tomiño, convocou sendas xuntanzas os días 29 e 30 de xullo cos equipos directivos dos centros educativos e ANPAS do municipio co fin de realizar unha valoración conxunta do ‘Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para o inicio do desenvolvemento da actividade lectiva no curso académico 2020/2021′, imposto pola Xunta de Galicia.

    Cada representante dos centros de ensino e das ANPAS trasladou as súas preocupacións sobre o escenario que se presenta este vindeiro curso, facendo fincapé nas dificultades e necesidades que observan para un correcto desenvolvemento do mesmo. Para os centros, a principal preocupación é a responsabilidade única que recae sobre os equipos directivos para adaptar o transcurso da xornada lectiva ás medidas impostas, tendo que atender a todas as modificacións, tanto de equipamentos, coma de dinámicas do colexio.

    Entre as dificultades recorrentes atópanse a falta de espazo físico e de persoal docente para desdobrar os grupos de cada aula e para reorganizar os recreos (adiantaron que en Primaria farán dúas quendas sucesivas de recreo, e en Secundaria delimitarán zonas determinadas para distribuír o alumnado).

    Entre as necesidades máis demandadas, o reforzo do servizo de limpeza, para axeitalo ás medidas do protocolo, tendo que actuar máis veces ao longo da xornada lectiva. Ante esta situación, o Concello fará unha reunión coas limpadoras municipais, para intentar organizar o traballo en base a unhas franxas horarias para poder limpar e desinfectar aseos e zonas comúns.

    Con todo, o Concello solicitará á Consellería de Educación da Xunta, algunha axuda económica para poder enfrontar os custes derivados do reforzo do servicio de limpeza, que recae na súa totalidade no ente municipal.

    Por outra banda, os centros e ANPAS demandaron contar cos datos de contacto da persoa de referencia do centro de saúde, coordinadora das actuacións relacionadas co COVID-19, coa cal poder manter un fluxo constante de información, cando sexa necesario.

    En canto ao comedor escolar, nos centros nos que dispoñen deste servizo, modificarán a súa dinámica e distribución, necesitando máis persoal, mentres que no IES contemplan suspender o servizo do ‘Espazo xantar’.

    As ANPAS trasladaron a súa preocupación polo mantemento do servizo de comedor, contemplando tamén un posible protocolo para establecer uns criterios de acceso a este servizo, tendo en consideración as prioridades e necesidades das familias, pero de momento non contemplan a idea de suspender estes servizos, xa que iso suporía grandes dificultades de conciliación para as familias.

    Tampouco pensan en suspender as aulas matinais que xa funcionan, e que cobren as necesidades de moitas familias, pero demandan que se amplíen as axudas destinadas a este servizo, e a outros de apoio á conciliación ou necesidades psico-socias e de aprendizaxe, utilizando os fondos das actividades extraescolares, que de celebrarse, o farán recén no segundo trimestre.

    No referente ao traslado do alumnado aos centros de ensino, o representante da ANPA do IES propuxo a idea para fomentar os desprazamentos de maneira individual, xa sexa a pé ou en bicicleta, a través dun modelo semellante aos camiños escolares implementados en centros de infantil e primaria, ou achegados polos proxenitores ou persoas responsables.

    Aula de estudo e internet

    Como reforzo socio-educativo externo ao ámbito escolar, dende o Departamento de Educación do Concello, vaise impulsar unha Aula de estudo na Casa da Cultura, un espazo municipal con equipamentos destinados ao estudo e á conectividade a equipos informáticos, para que o alumnado que así o desexe poida acudir para estudar, consultar información, realizar e imprimir traballos ou outras tarefas relacionadas coa súa aprendizaxe.

    Contémplase, asemade, un proceso de formación, coordinado coas ANPAS e os Servizos Sociais municipais, para as familias do alumnado que máis o necesiten, co fin de reforzar o apoio á hora de realizar as tarefas educativas no ámbito doméstico, así coma xestionar o acceso ás aulas virtuais dos centros. “Desde o departamento de Educación e Benestar Social do Concello estaremos atentos ao transcurso da situación e intentaremos anticipar, na medida do posible, diferentes accións para cubrir as necesidades e superar as dificultades que poidan aparecer no seo das familias, no ámbito socio-educativo, centrándonos no benestar dos nenos e nenas do noso municipio”, explican.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.