O vindeiro venres 7 de agosto terá lugar nas rúas e prazas da vila de Redondela o tradicional Festival de Artistas de Rúa, que cumpre este ano a súa vixésimoprimeira edición. Ante a situación excepcional provocada pola COVID-19, a Concellería de Cultura decidiu manter este xa tradicional evento por estas datas tomando as medidas oportunas.
Así, as espectadoras e espectadores non poderán estar sentados no chan como en pasadas edicións e manterán unha distancia mínima de 4 metros co escenario, tal e como se está a facer no resto da programación cultural deste verán. Todos os espéctaculos disporán de cadeiras para o público así como de dispensadores de xel hidroalcólico. O público deberá ter a súa máscara de protección posta en todo momento.
Nesta ocasión contarase cun pasarrúas de animación da compañía Troula que arrancará ás 20:00 h na rúa Alfonso XII e percorrerá a rúa da Ribeira e o paseo da Xunqueira. Outros lugares que estarán animados polas compañías que nos visitan serán, a Praza da Constitución de 1812, Alameda Castelao, a zona dianteira da Casa da Torre e a Pista da Xunqueira, todos os espectáculos estaran orientados a público familiar, agás a proxección das 22:45 h da pista da Xunqueira que está pensada para publico maior de 12 anos.