Circo, clown, música, teatro e títeres chegan a Ponteareas da man do III Festival Internacional de Teatro de Rúa

O público poderá gozar do espectáculo itinerante nas rúas dos percorridos e nas prazas nas que se disporán zonas delimitadas

A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F. Davila, convida a toda a cidadanía a desfrutar da terceira edición do Festival Internacional de Teatro de Rúa que comeza o mércores día 5  ás 19 horas nos xardíns do Concello. O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e Luis Crespo de Teatro do Zurdo e asesor da programación, presentaron esta nova edición na que non faltarán os mellores ingredientes para encher de ilusión as rúas da vila.

Respectando todas as recomendacións e normas de seguridade sanitarias e de distanciamento, o concello de Ponteareas gozará dunha terceira edición deste tan afamado festival de teatro de rúa que resultou un grande éxito nas súas dúas primeiras edicións.

Máis ca nunca o Concello pide a colaboración cidadá pero, nesta ocasión non só para interactuar co espectáculo, se non tamén para o bo desenvolvemento das actividades sendo escrupulosos e rigorosos no cumprimento das normativas COVID-19. “Este é un festival que convida á participación e á interacción, e podemos seguir sendo cómplices e disfrazarnos e xogar pero, nesta ocasión, mantendo ben as distancias e sempre empregando mascariñas”, explica Cristina F. Davila, quen engade que nos puntos nos que se empracen os espectáculos con cadeiras para o público deberá accederse coa previa desinfección con xel hidroalcólico e colaborando tamén na toma da temperatura e sempre con máscara de seguridade.

Nesta edición o público poderá gozar das actividades ou ben nas rúas do percorrido mantendo sempre as distancias ou nos puntos habilitados como escenarios nas prazas ponteareás que se atoparán delimitados e nos que poderemos estar sentados.

O pistoletazo de saída será o mércores día 5 nos xardíns da Xiralda co espectáculo “A Gran Familia” dos cataláns Fadunito que sairá de aquí á praza Bugallal, rúa Oriente e praza Maior. Ás 19:30 horas na praza Maior Cé Orquestra Pantasma  ofrecerá o espectáculo musical “A voar”. Ás 20:30 horas na praza Maior tamén Fadunito arrancará con “A Gran Familia” rumbo á República Arxentina e Fernández Vega.

O xoves día 6 ás 19:00 horas as prazas de Ponteareas Cidade volverán ser escenario dos cataláns e da súa “Gran Familia” que percorrerá tamén o Paseo Matutino, Rogelio Groba, praza Bugallal, Vidales Tomé, Emilio Rodríguez e rematará na Feira Vella. Ás 19:30 horas na Feira Vella actuará o belga Rudy Dudy que nos achegará o mellor do circo co seu espectáculo “Rastafarudi”. Ás 20:30 horas na Feira Vella voltará o espectáculo de Fadunito para percorrer o Paseo Matutino, Rogelio Groba, Concha Brey, Rosalía de Castro, Redondela e Parque das Pombas.

O venres día 7 chega o momento de disfrazarse de pitiño ou galiña ou do animal que máis gosten para participar no “Paseo dos pitiños” de Biringucho. Ponteareas converterase nun gran poleiro máxico da man de Mamá Galiña para percorrer Fernández Vega, Ramiro Sabell, Castelao e o Parque da Perillana. A charanga Alecríns alegrará tamén as rúas de Ponteareas neste percorrido. Ás 19:30 horas no parque da Perillana sesión de títeres coa compañía galego-cubana Cascanueces que nos agasallará con “Unha armadura con ferruxe”. Ás 20:30 no parque da Perillana volverá rexurdir “O Paseo dos Pitiños” para viaxar á rúa Braña, Fdez Vega, República Arxentina, Esperanza e praza Bugallal. Ás 21 horas o madrileño Máximo Óptimo presentará o espectáculo circense “Optimus” na praza Bugallal. Ás 22 horas na praza Bugallal actuará  a charanga Alecríns.

O sábado día 8 ás 19 horas nos xardíns do Concello arranca “O Paseo dos Pitiños” e todos podemos volver disfrazarnos de galiñas ou poliños para chegar a Trovador Xoán García de Guillade, ao parque Ferro Ucha, ao Paseo Matutino e rematar na Feira Vella coa participación da charanga SDK. Ás 19:30 horas na Feira Vella volve Máximo Óptimo co seu circo “Óptimus” e ás 20:30 horas na Feira Vella teremos unha nova oportunidade de gozar co paseo de Biringucho.

O III Festival Internacional de Teatro de Rúa despedirase de Ponteareas ás 21 horas na praza Maior coa música de Paco Nogueiras e o seu espectáculo “Radio Bule Bule” que nos fará mover o esquelete.

Podes descargar o cartel da programación nesta ligazón.

from to
Scheduled Ponteareas