A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.148, deles 1.167 son da área da Coruña, 278 da de Lugo, 195 da de Ourense, 96 da de Pontevedra, 143 da área de Vigo, 172 da de Santiago, e 97 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 8 están en UCI, 63 en unidades de hospitalización e 2.077 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.815 persoas curadas, rexistrándose 631 falecementos.
Os últimos falecementos corresponden a dúas mulleres de 91 e 89 anos, e un home de 92, todos da área sanitaria da Coruña, e con patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 299.022.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores de Orpea, Culleredo (A Coruña).
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
O goberno do BNG-PSOE informou da adxudicación das obras de humanización e mellora da accesibilidade no entorno do complexo deportivo Álvaro Pino e do Centro de Saúde por 403.228 €. A reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino e mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) que financia o 80% da obra. O Concello aportará con fondos propios o 20% restante
As obras, que se executarán ao longo de tres meses, suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao Centro de Saúde. Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns.
O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, explican que esta nova obra constitúe un exemplo máis da política iniciada en 2015 polo actual goberno municipal co obxectivo de mellorar a calidade de vida recuperando espazos para o desfrute da cidadanía
A actuación que mellora da mobilidade e seguridade no entorno, persigue tamén facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.
A Deputación de Pontevedra volve a ser referencia en materia de igualdade ao converterse na primeira de Galicia e unha das primeiras de España en contar con salas de lactación. A deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e o deputado de Facenda, Carlos López Font, visitaron hoxe estes dous novos espazos habilitados pola institución nas entreplantas do Pazo Provincial e o Edificio Administrativo, así como tamén as dúas salas de comedor que xa están a disposición das persoas traballadoras da institución nos citados edificios.
A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, aludiu ao carácter pioneiro desta nova medida acadada pola Deputación coa dotación de espazos de lactación, pensados especialmente para que as mulleres poidan sacarse o leite e facilitar así o período de lactación na súa reincorporación laboral. A Deputación dá así cumprimento á previsión do Plan de Igualdade vixente no senso de “ofrecer diferentes opcións que permitan unha mellor compatibilización da vida laboral e persoal”. A partir de agora, as mulleres que traballan na Deputación, e tamén as que asistan a reunións, cursos ou actos, poderán amais de sacarse o leito, dar o peito ou o biberón ás súas crianzas se o precisan. Como destacou Alonso, “isto é algo que en moitas Administracións non se ten en conta”. Con esta medida de saúde e conciliación, engadiu, “a Deputación dá un paso máis na dirección da inclusión”.
As dúas salas, que xa poden ser utilizadas, están equipadas con sofá, un refrixerador, un microondas, lavabo e un cambiador, amais das correspondentes dotacións para hixiene e protección contra a Covid-19. Están pensadas, como subliñou Victoria Alonso, “como un espazo amplo para que as traballadoras que teñan que usalas se sintan cómodas á hora de sacarse o leite, e non teñan como ata agora que ir ao baño para facelo. Tamén por exemplo as traballadoras doutros concellos que ás veces por cursos pasan moitas horas aquí. Era bastante incómodo cubrir esta necesidade en espazos onde non se senten elas mesmas”.
O goberno provincial dispón dun exhaustivo protocolo para o emprego das salas, que no caso das traballadoras da institución deberán reservar no Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Estableceranse quendas para o seu uso, extremando as medidas de hixiene. Así, a sala poderá ser usada en cada quenda por unha nai (non se permiten acompañantes nin tampouco o ingreso ou consumo de alimentos no espazo) e será obrigatorio desinfectar as mans e usar luvas durante todo o uso. As nais poden traer o seu propio extractor de leite, biberón, neveira ou termo para extraer, almacenar e transportar o seu leite materno. E poden tamén usar o refrixerador da sala mentres dura a súa xornada de traballo e conservar nel a leite durante un máximo de dous días. Despois de cada uso, a sala debe deixarse limpa e ordenada.
Doutra banda, a deputada e o deputado tamén visitaron as dúas novas salas de comedor que están xa a disposición das persoas traballadoras da institución tanto no Pazo Provincial como no Edificio Administrativo. Neste caso, o protocolo de utilización prevé que só pode ser usado por dúas persoas ao mesmo tempo, que deberán respectar a distancia de seguridade de dous metros e traer os seus propios alimentos totalmente preparados, a bebida e a louza que precisen. Garántese tamén o acceso as dotacións para a hixiene e protección. Cada persoa encargarase da limpeza da súa louza e de limpar e desinfectar a zona da mesa e cadeira antes e despois do seu uso.
A suspensión do ‘Entroido de Verán’ acordada polo Concello de Redondela por mor da pandemia da COVID-19, celebración que tería que celebrarse mañá sábado 22 de agosto, vén de ser acompañada por unha chamada á responsabilidade por parte do Goberno que preside Digna Rivas.
“A situación de contaxios que, segundo os datos da Consellería de Sanidade, non deixa de medrar nos últimos días, fai preciso que todos e todas teñamos ben presente que o coronavirus segue aí e que é preciso extremar as medidas de seguridade para evitar a súa propagación”, explica a alcaldesa de Redondela.
Nese sentido, a Policía Local vixiará que non se celebren reunións non autorizadas pola actual normativa sanitaria, como ‘quedadas’ ou ‘botellóns’ que “supoñen un grave risco sanitario, non só para as persoas que participan neles, senón para as súas propias familias unha vez de volta na súa casa”.
A rexedora local expresa a súa confianza “na responsabilidade de que fixeron gala, durante os momentos máis duros do confinamento os veciños e veciñas e que agora seguen amosando á hora de cumprir as directrices que marcan as autoridades sanitarias”.
O Concello de Pontearas vén de anunciar a posta en marcha o servizo de baleirado de fosas sépticas e pozos negros trala publicación este venres da Ordenanza reguladora que permite iniciar a tramitación das solicitudes a partir deste luns 24 de agosto. Este novo servizo municipal é financiado con fondos propios do Concello subvencionando así o coste do servizo.
“Os veciños e veciñas que precisen baleirar a súa fosa séptica terán que pagar únicamente 45,72 euros por cada baleirado, exactamente o mesmo que a taxa anual dos fogares que dispoñen de saneamento municipal” manifestou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que indicou que o Concello subvenciona cada servizo con case douscentos euros, “así evitamos a discriminación actual entre os que teñan servizo de saneamento e só pagan a cota anual e os que asumen o custe total de baleirado por carecer de saneamento.
O servizo de baleirado de fosas sépticas forma parte da planificación posta en marcha polo goberno actual desde 2015, “temporalmente contarán con este servizo os máis de 7.500 veciños e veciñas que carecen de saneamento, mentres non se achega a rede de sumidoiros a todas as casas tal como está previsto no plan director de saneamento” declarou Represas, resaltando tamén que esta é tamén unha actuación responsable co medio ambiente ao garantir o tratamento das augas residuais das fosas sépticas e pozos negros nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).
O Concello remitirá á veciñanza un folleto informativo no que se detalla a tramitación a realizar. Ademais, a partir deste luns, poderáse consultar por teléfono toda a información sobre este novo servizo de baleirado de fosas sépticas: 663 442 883 e 986 640 000 ext.1052, consultas que tamén se poden realizar por correo electrónico: [email protected]
Os pasos a seguir que tamén poderán consultarse despois deste luns na web municipal; ponteareas.gal, e tramitarse a través da sede electrónica do Concello, resúmense na tramitación da solicitude do servizo de baleirado con copia do NIF así como copia do xustificante de ingreso do coste do servizo, 45,72 euros. No momento no que a tramitación esté completa, o servizo será realizado nun prazo máximo de 3 días hábiles.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.995, deles 1.114 son da área da Coruña, 254 da de Lugo, 179 da de Ourense, 85 da de Pontevedra, 144 da área de Vigo, 130 da de Santiago, e 89 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 están en UCI, 67 en unidades de hospitalización e 1.922 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.737 persoas curadas, rexistrándose 628 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a dous varóns da área sanitaria de Lugo, de 93 e 77 anos, e que tiñan patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 294.691. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia.
Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Rexistrouse un falecemento en centro residencial que tivo lugar na residencia do Incio. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, mantivo en datas pasada unha reunión de traballo co xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, para retomar os traballos de mellora en distintos centros escolares do municipio e que quedaron en suspenso por mor da pandemia da COVID-19.
Rivas, que estaba acompañada na xuntanza pola concelleira de Ensino do Concello redondelán, Olga García Ballesteros, subliñou á necesidade de retomar “de xeito inmediato e á maior urxencia posible” os compromisos que tiña adquiridos a Xunta con Redondela en materia de Ensino.
Entre outros temas, tratouse do cambio de ventás no colexio de Outeiro das Penas, en Cesantes; da reparación integral do colexio de Reboreda, traballo máis que necesario nun centro construído hai máis de 50 anos, e o cambio do falso teito no Alexándre Bóveda de Chapela, onde se está traballando na colocación dun ascensor para facelo totalmente accesible.
A alcaldesa subliñou a “receptividade” amosada polo xefe territorial de Educación “que sempre tivo unha especial sensibilidade con todos os asuntos relacionados co ensino neste municipio”.
“As administracións temos que ter moi claro –afirma Digna Rivas– que a principal prioridade é o benestar da veciñanza e traballar na mellora da súa calidade de vida. Cando eses obxectivos están claros, como neste caso, o camiño é moito máis doado”.
O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), continúa este venres ás 20:30 na Alameda de A Ramallosa e dentro do Valmiñor Fest (festival da cervexa artesanal) o programa ‘A igualdade non é un conto’, dirixido á infancia e que inclúe varios contacontos, un espectáculo de maxia e outro de monicreques.
Nesta ocasión terá lugar o contacontos ‘Coas lentes violetas’ creado para a ocasión pola parella artística de Nigrán ‘Voltereta e Volvoreta’. O programa, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de estado contra a violencia de xénero, pretende rachar cos prexuízos e esterotipos de xénero desde idades temperás a través da participación activa das crianzas en actividades lúdicas.
O Val Miñor Fest, por cuestións de seguridade sanitaria, será con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.
O actual Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos 3.0 (V Edición), subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e promovido pola concellería de Promoción económica, desenrolo empresarial e emprego do Concello de Mos que dirixe a edil Julia Loureiro, está a apostar pola innovación nas súas accións formativas, co obxectivo de que os participantes poidan reinventarse, algo fundamental para insertarse no mercado laboral nos actuais tempos de crise.
Uns dos elementos máis innovadores surxidos nos últimos anos e incorporados de xeito profesionalizado á sociedade son os drons. Foi tal a velocidade á que os drons se introduciron na actividade social que as propias administracións públicas víronse na necesidade de regular a súa comercialización e utilización nun tempo récord. No 2014 apareceu a primeira regulación en España, e apenas cinco anos despois, a Unión Europea aprobaba dúas normas para harmonizar, a nivel da Unión, as distintas regulacións nacionais. Desde o punto de vista do emprego, a crecente normalización do uso dos drons ofrece unha gran oportunidade para crear postos de traballo moi especializados e de alto valor engadido; isto é, empregos de calidade; oportunidade que, como sociedade e na situación actual na que nos atopamos, non se pode desaproveitar.
Actualmente, estes profesionais acceden á pilotaxe a través dun certificado avanzado como o que realizaron os alumnos que participaron no curso organizado polo Concello de Mos, que habilita para a pilotaxe de aeronaves de distintas configuracións e tipos, con toda a complexidade que iso pode supoñer.
En definitiva, trátase dun curso que aposta pola innovación e que mellorará notablemente a empregabilidade destes alumnos, todos eles veciños do municipio de Mos.
O curso, impartido pola empresa mosense Lusant Formación, tivo 120 horas de duración e, ademais da parte teórica, os/as alumnos/as realizaron prácticas de voo real. O exame para obter a certificación xa se celebrou tamén, sendo superado moi satisfactoriamente por todos os/as alumnos/as. Participaron no curso 6 persoas, 5 mulleres e 1 home, con diferente formación académica e experiencia profesional. A idade media do alumnado é de sobre 35 anos e os participantes teñen un perfil variado pero na maioría dos casos con formación profesional nas ramas técnicas (arquitectura técnica, delineación, fotografía, informática, auxiliar administrativo, xestión forestal e educación ambiental).
Ante a preocupación amosada pola comunidade escolar de Baiona ante as dubidas que, dende o punto de vista da seguridade sanitaria, presenta o inicio do novo curso escolar, o ‘Consello vén de constituír a Comisión de seguimento da COVID no Ensino’ co obxectivo de analizar as distintas situacións que se vaian presentando e adoptar, en colaboración coas ANPAS e centros escolares, “as medidas que sexan precisas para garantir a saúde dos nosos nenos e nenas”.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que presidirá a antedita comisión, asegurou que “coa triste experiencia acumulada na primeira onda da pandemia, as administracións temos que adiantarnos aos feitos e tomar todas as iniciativas que garantan a saúde e seguridade da veciñanza”.
Os nosos nenos e nenas –afirmou o alcalde de Baiona– “son o noso ben máis prezado porque representan o futuro do noso municipio e, por ese motivo, temos que adoptar todas aquelas iniciativas que contribúan a salvagardar a súa seguridade”.
Nese sentido, a comisión vixiará a evolución da COVID19 e as medidas que, dentro das competencias do Concello, se poidan adoptar para facer fronte a cada un dos posibles escenarios que se presenten.
“Temos unha experiencia previa e, do acontecido, temos que aprender para poder poñer en marcha medidas máis áxiles e máis eficaces”, conclúe o rexedor local.
O Concello de Tomiño presentou onte á veciñanza a segunda fase do Plan Revitaliza de compostaxe individual e comunitario, procedendo á entrega da 1ª remesa de composteiros (30 unidades) a cidadáns que levaban tempo agardando por eles. A alcaldesa Sandra González, –que estivo no acto acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro– agradeceu “o interese da cidadanía por contribuír á redución do lixo que xera o municipio e cuxo transporte e tratamento ten custes moi elevados, non só dende o punto de vista económico, senón tamén ambiental”.
“O Concello de Tomiño vai tentar consolidar un cambio de modelo na xestión do lixo, que hoxe por hoxe é un dos factores de maior contaminación do planeta. En colaboración coa Deputación de Pontevedra, a través do Revitaliza, aspiraremos a unha maior sustentabilidade do municipio”, explicou a alcaldesa.
Na charla previa á entrega dos composteiros, as e os técnicos do programa explicaron o sistema de xestión dos residuos que leva a cabo na actualidade SOGAMA, dando a coñecer tamén datos sobre Tomiño, coma que o 90% do lixo que se tira vai ao colector verde, xerando un gasto inasumible para o Concello, xa que segue habendo déficit entre a taxa recaudada e o que custa o servizo.
Tras a explicación e consulta de dúbidas, procedeuse á entrega de 30 composteiros individuais cos seus complementos (termómetro e aireador), de cuxo uso farase un seguimento periodicamente.
Despois de case 4 anos, desde que se adherira ao Revitaliza da Deputación de Pontevedra na súa fase 1, o Concello de Tomiño consolidará a medio prazo unha profunda mellora do sistema de recollida e tratamento de residuos, que se centrará na compostaxe individual e comunitaria, tentando acadar unha maior taxa de reciclaxe e unha xestión máis eficiente, xa que se evita o transporte a longas distancias dos residuos e se transforman, in situ, nun recurso como é o compost. Para isto tamén levarán a cabo accións de formación e seguimento das pautas para converter os residuos orgánicos en compost de calidade.
De aquí a final de ano, está previsto repartir ata 3.000 Composteiros individuais (COINs) e a instalación de 13 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCCs). Esta é unha terefa ardua, xa que debido á situación de pandemia, non se poden facer grandes reunións, como se faría en condicións normais. Así que se citarán por teléfono ou por carta aos veciños e veciñas para asegurar un número de asistentes, tanto para reunións de entrega de COINs, coma para usuarios dos CCCs.
En canto a CCCs, esta semana, comezou a instalación de bases sobre as que se situará un novo centro no núcleo do Seixo (estacionamento rúa Daniel Calzado), e para a vindeira semana, empezaranse as de Goián.
Outro servizo que se implementará é a creación de puntos verdes, onde os veciños poidan deixar restos de podas, que posteriormente serían triturados in situ deixando o triturado a disposición de quen poidan usalo nos seus composteiros, como estruturante.
Aparte disto, tamén se estuda un servizo de préstamo de pequenas trituradoras, para poder usalas durante un período determinado nos seus terreos e aforrar o traslado ao punto verde.
O orzamento para este proxecto é de 528.104,50 euros, dos que o ente provincial achega o 86%, (456.018 euros) e o Concello o 14% restante (72.086,23 euros).
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que destaca o bo nivel fitosanitario das viñas en xeral na súa etapa de maduración, pero no que incide en que o recente cambio das condicións meteorolóxicas e as previsións para os vindeiros días poden xerar aínda algún problema nos acios.
Neste senso, o aviso de Areeiro volve incidir na botrite e aínda que nas revisións desta semana constatou que había poucos acios afectados, destacou que apareceron en variedades temperás que agora teñen un grao de maduración superior a 11. Recomenda a vixilancia xa que, aínda que de cumprirse as previsións de tempo seco para os vindeiros días non deberían avanzar de xeito notorio os síntomas, poden seguir aparecendo se permanece en niveis altos a humidade. Engade que nestes casos, en predios pequenos é unha boa medida de contención a retirada dos acios afectados e, para os de maiores dimensións e con elevado número de plantas de variedades máis susceptibles, o rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura recolle funxicidas con prazos de seguridade de 1 e 3 días (produtos de orixe natural), ou tamén de 14 días, que se poderían empregar nas viñas onde quede un período de tempo maior para a data estimada de inicio de vendima.
O aviso fitosanitario refírese tamén a outras enfermidades da viña, como o mildio e sinala que as condicións meteorolóxicas dos últimos días, con choivas de sucesivas borrascas e temperaturas medias diarias entre 18 e 21 graos, son moi favorables a este patóxeno, de xeito que se atoparon manchas novas en follas tenras de todos os predios revisados, aínda que menos das esperadas pola climatoloxía. Coa situación actual e a previsión de certas precipitacións para mañá e tempo seco e temperaturas mínimas por riba dos 13 graos espéranse máis síntomas novos, cunha presencia que dependerá do estado das plantas e da situación de partida. Con todo, o persoal especialista de Areeiro considera que non será preciso aplicar un cobre antes da vendima, salvo casos moi excepcionais con elevada presenza de manchas e variedades máis tardías, onde se podería recorrer a algunha das formulacións de hidróxido cúprico ou de oxicloruro de cobre que, segundo o rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio, teñen 14 e 15 días de prazo de seguridade, respectivamente.
No que respecta ao oídio, Areeiro sinala que este foi o patóxeno máis detectado nas revisións desta semana, e apareceu nas follas novas de todos os predios, nas plantas testemuña sen tratamentos e nos rebuscos. Porén, destaca que tralas choivas haberá que comprobar se o micelio foi lavado ou se continúa avanzando a infección, en cuxo caso pode que sexa preciso reducir o nivel de inóculo para a campaña seguinte cun tratamento pre vendima por exemplo con xofre (válido para uns días antes da colleita) ou outros funxicidas de orixe natural, ou post vendima con funxicidas sistémicos.
No que atinxe ás avelaíñas do acio, non se observaron novos síntomas da actividade das eirugas máis que no 5% das viñas e en todos os casos en niveis inferiores aos limiares de tratamento. E esta semana non se recolleron adultos do cicadelido Scaphoideus titanus, nin tampouco apareceron novos síntomas de trips nas viñas. No caso dos ácaros, os síntomas de erinose seguen a observarse nos gromos terminais dalgunhas viñas, pero non terán incidencia sobre a colleita.
Os gromos tenros citricos atraen moscas brancas e outros chupadores
Amais, o aviso fitosanitario refírese tamén a incidencias noutras plantas e cultivos. No caso dos cítricos, sinala que tralas precipitacións recentes e as boas temperaturas que se esperan, aparecerán novos gromos que atraerán á psila africana (Trioza erytreae). Neste senso, o persoal especialista de Areeiro apunta que as medidas tradicionais (retirada e destrución de gromos tenros) e os produtos autorizados precisamente para a psila (aceite de parafina 54,6% e deltametrin 1,5 e 2,5%, mollando moi ben envés) serven en realidade para o control de todos eles.
Por último, no que respecta ao buxo, esta semana non se detectaron adultos da Cydalima perspectalis, pero si varias eirugas de diferentes estadios, en xeral sen producir síntomas especialmente notorios, aínda que ben é certo que tampouco a climatoloxía foi a máis favorable. Porén, recomenda unha maior vixilancia, polas previsións de volta tempo seco e cálido.
Os máis de 4.000 membros dos equipos Covid dos centros escolares recibirán formación específica sobre coronavirus a partir de setembro, con contidos deseñados pola Consellería de Sanidade en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así, na primeira semana de setembro comezará unha formación non presencial dirixida aos equipos Covid que deben crear os centros educativos, con conferencias virtuais a cargo de pediatras e material audiovisual no que se dará información específica sobre a infección do coronavirus.
Estes equipos, que serán referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias, estarán formados pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa).
Nos contidos formativos previstos abordarase de xeito didáctico información básica sobre o coronavirus, a súa afección na poboación infantil e os síntomas, así como as medidas de vixilancia, de prevención e de control. Ademais, daranse pautas sobre como actuar ante unha sospeita de infección por coronavirus no centro escolar e o mecanismo de alerta que se debe activar. A formación centrarase tamén no papel dos coordinadores Covid dos centros educativos e a súa coordinación cos referentes nos centros de saúde. O programa complétase con materiais de traballo na aula dirixidos ao alumnado segundo as etapas educativas, mediante xogos e consellos.
A formación reforzarase ao longo de setembro con sesións presenciais, tamén impartidas por facultativos en centros educativos de referencia para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir tras o inicio do curso escolar. As sesións serán organizadas polos Centros de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) que ten a Consellería de Educación nas cidades galegas.
A iniciativa enmárcase no Protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitario á COVID-19, elaborado polas consellerias de Educación e de Sanidade, e que recolle que o SERGAS, a través da presenza de profesionais no centro ou mediante fórmulas de teleformación impartirá a información suficiente para os centros educativos sobre as medidas xerais de prevención e protección.
Atención directa nos centros de saúde
A medida complétase coa designación para cada centro educativo dun centro de saúde de atención primaria de referencia, cunha persoa de contacto á que se poderá dirixir a persoa responsable do equipo Covid do centro educativo para resolver de xeito directo calquera dúbida ou incidencia. Asemade, na Consellería de Educación creouse tamén un equipo asesor específico para atender as dúbidas que poidan ter os equipos directivos de cara ao inicio de curso.
A carpa informativa do Plan Revitaliza da Deputación tivo hoxe un “éxito absoluto” na súa visita a Tui. As mestras e mestres composteiros atenderon ao longo da mañá a preto de medio milleiro de persoas interesadas na compostaxe e en como conseguir un composteiro individual (COIN) para a súa casa con horta ou en como compostar nos composteiros comunitarios. A afluencia de persoas foi continua e xa ao mediodía xa se formalizaran máis de 20 inscricións para dispoñer dun composteiro individual.
Segundo explica o persoal da Deputación, todas as persoas que hoxe solicitaron o COIN poderán recollelo próximamente logo dunha charla de formación específica xunto con todo o material necesario (remexedor, termómetro e guía de uso). Para a veciñanza interesada en ter un composteiro en breve aínda quedan oportunidades para preinscribirse. A primeira será o xoves 3 de setembro, cando haberá unha nova carpa informativa na vila. Polo de agora existe un stock de 50 COIN cedidos pola Deputación, mais abrirase unha lista de agarda se existe demanda.
Ata o de agora, o Concello de Tui está na chamada fase demostrativa (fase I) do Plan Revitaliza. No concello hai tres centros de compostaxe comunitaria instalados en diferentes puntos, e hai repartidos uns 120 COIN entre as distintas parroquias. Tamén se están a desenvolver actividades destinadas ás crianzas durante estes días, organizadas pola Deputación en colaboración co Ceida e a instancias do Concello, sendo a próxima o venres 4 de setembro.
Na carpa informativa de hoxe, as e os cidadáns que se achegaron recibiron explicacións do persoal técnico provincial sobre a compostaxe e como se debe xestionar o lixo orgánico, xa que a finais deste ano a Unión Europea esixirá un tratamento sustentable. A intención das xornadas informativas coa carpa está en que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e que a compostaxe convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost.
As persoas, ademais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, recolleron diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas) e puideron levar unha mostra de compost.
O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk ao emblemático grupo Milladoiro cun concerto este sábado ás 22:00 horas na carballeira de Chandebrito (xunto ao campo de futbol) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal. Será unha edición especial na que, xunto a Comunidade de Montes, a asociación de veciños e a comisión de festas da parroquia, se fará un recoñecemento público da figura do seu membro fundador Antón Seoane (guitarra, acordeón e teclados de 1979 a 2013) e quen elixiu a parroquia de Camos para vivir hai preto xa de 20 anos.
Ademais, xunto a Seoane, os actuais membros da banda colaborarán durante a tarde do sábado na plantación do futuro ‘Bosque de Maeloc’ en 7.000 metros cadrados queimados nos incendios de 2017 na zona coñecida como ‘outeiro das Laxes’, esta superficie será reforestada con especies autóctonas e, ao finalizar, descubrirase, na súa honra, un monumento alusivo ao grupo realizado con pedra da canteira de Chandebrito Lemmar Granite que renderá homenaxe aos 40 anos da publicación do seu primeiro disco ‘A Galicia de Maeloc’.
“Chandefolk celebra a súa terceira edición cun grupo de absoluta referencia, Historia viva da rexeneración do folk galego, e do que en Nigrán nos sentimos especialmente orgullosos por contar co seu fundador Antón Seoane como veciño, tiñamos unha débeda pendente neste sentido”, destaca o alcalde, Juan González.
Deste xeito, nesta edición marcada polas circunstancias sanitarias, mantense a gratuidade pero haberá un límite de aforo para garantir a seguridade dos asistentes e, de xeito excepcional e polo mesmo motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior ao concerto. Como nos demais eventos musicais do Concello, as mochilas vibratorias estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que desexe sentir a música (deben solicitalo a traves de [email protected]), precisamente foi en Chandefolk o ano pasado cando o Concello as estreou.
‘A Galicia de Maeloc’, é o primeiro álbum de estudio do grupo tradicional galego Milladoiro fundado por Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Foi gravado nos estudos Audiofilm de Madrid en febreiro de 1979 e publicado en 1980, sendo o primeiro disco galego en editarse no mercado francés e o primeiro na historia do folk galego no que se combina gaita galega, ocarina, zanfona, harpa, clavecín ou frautas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.783, deles 1.045 son da área da Coruña, 170 da de Lugo, 157 da de Ourense, 80 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 113 da de Santiago, e 77 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 están en UCI, 64 en unidades de hospitalización e 1.713 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.701 persoas curadas, rexistrándose 626 falecementos.
A última persoa falecida foi un home de 90 anos que estaba ingresado no CHUAC e presentaba patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 290.491. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
O Concello de Redondela ten a intención de converter o mercado de abastos municipal nun espazo dinámico e vivo que “exerza como auténtico motor da dinamización comercial e económica do municipio”. Unha vez que as empresas presenten os seus proxectos, –o prazo remata o vindeiro 28 de agosto– o Goberno local manterá reunións cos praceiros e praceiras para que poidan facer as súas achegas e propostas e acadar un proxecto consensuado.
A intención do Goberno que preside Digna Rivas é potenciar esta instalación que, debido a súa situación privilexiada no centro de Redondela, o converte nun elemento perfecto para a reactivación comercial da vila. Búscase, a maiores, potenciar os usos da instalación creando, na planta superior do mesmo, novas oportunidade de negocio como poden ser establecementos de restauración ou similares, xerando dese xeito novas actividade e contribuíndo a fortalecer o comercio local.
Ao igual que se fai nas grandes áreas urbanas, o mercado redondelán, explica a alcaldesa Digna Rivas “manterá na planta baixa a zona de praza mentres que a planta alta ofrece o espazo idóneo para crear unha zona multifunción na que convivan diferentes postos e actividades, creando un punto de encontro e convivencia con cafetería”. Estes dous espazos poderán ser utilizados de xeito independente ou combinarse en función das necesidades.
A zona de postos, nos que se distinguirán os clásicos postos de produtos do mar, postos de produtos cárnicos ou derivados e postos de froitas e hortalizas, ocuparán a planta baixa do edificio na súa totalidade. Eliminaranse todos os cerramentos actuais, e dispoñerase un conxunto de postos de mercado cunha envolvente continua de madeira ou outro material, cun espazo mellor distribuído, onde os espazos libres amplíense e permitan unha maior comodidade e accesibilidade para o goce dos usuarios.
A planta alta, con uso independizado da planta baixa, albergará unha zona polivalente onde convivirán postos como cafetería, panadería, venda de produtos varios e unha zona de encontro e convivencia que permita a celebración de pequenos eventos, conferencias, exposicións, concertos co fin de dinamizar e fortalecer o comercio.
En todo caso, explica a alcaldesa Digna Rivas, “o proxecto definitivo sairá das reunións que se manteñan cos praceiros e praceiras e terá en conta as súas achegas, ideas e propostas”. O que se pretende, engade a alcaldesa “é crear un espazo que non só dea o servizo que actualmente presta, senón que poida converterse no eixo arredor do que xire a recuperación e dinamización comercial de Redondela”. Non é só un proxecto deste Goberno –finaliza Rivas– senón que ten que se un proxecto tamén das e dos profesionais que traballan na praza de abastos e que, como tales, coñecen como ninguén as súas posibilidades e necesidades”.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de instalar no andar superior da Praza de Abastos da localidade 3 colectores para depositar residuos de aparellos eléctricos e electrónicos:móbiles e tablets, pilas e baterías e cargadores e cables. Esta acción realízase ao abeiro do o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do ‘lixo electrónico’ promovido pola Deputación de Pontevedra.
A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez, presentou ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, as obras correspondentes ao peche do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián), que se comezarán nos vindeiros días e estarán rematadas antes do inicio do curso.
A intervención consistirá no peche do perímetro do colexio e suporá unha ampliación do recinto escolar de 1500 m2, cunha superficie verde que respectará o arboredo existente e as súas especies autóctonas, creando zonas de luz e sombra, descanso e xogo, etc.
Estas obras significan o inicio da conexión do colexio coa zona da área deportiva e a Escola de Música, prevista no Proxecto Máis Goián, que se comezará en breve e que vai supoñer a comunicación definitiva do centro da parroquia coa nova zona da carballeira, espazos de lecer e instalacións deportivas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez na reunión mantida co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares
Ademais, na xuntanza celebrada onte no Concello de Tomiño, ao xefe territorial de Educación expúsoselle a instalación dunha pérgola na entrada do colexio, de xeito que o centro quede totalmente integrado na contorna da praza, expresando Pérez Ares o seu apoio ás obras.
Asemade, durante a reunión a alcaldesa repasou as obras de mellora e mantemento levadas a cabo polo Concello (por valor de 60.000 euros) durante o verán e o confinamento en diferentes centros educativos do municipio, comprometéndose Pérez Ares a regresar a Tomiño nos próximos días para coñecer in situ algunhas desas intervencións, tales coma as realizadas nas aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado) de Barro, Vilachán e Figueiró, e na escola infantil do Seixo; instalación de proxectores nas aulas de Educación Infantil de Sobrada; renovación dos parques infantís dos colexios de Tebra e Sobrada, etc.
Por último, a alcaldesa comentou ao mandatario as dificultades existentes para financiar a limpeza que esixe o novo protocolo da Xunta, coincidindo ambos os dous na necesidade de colaborar lealmente de maneira institucional para que o inicio do curso sexa o máis seguro posible.
A Câmara Municipal de Caminha e o Concello da Guarda, ultiman xa os preparativos para o que será a primeira edición do ‘Encontro do libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño’, un evento cultural que terá lugar de xeito simultáneo o venres 21 e sábado 22 de agosto nos concellos veciños a ámbalas dúas ribeiras do Río Miño.
O evento terá dous espazos diferenciados, en Caminha na Praza do Conselleiro Silva Torres e na Guarda na Praza de Avelino Vicente (As de Copas), onde se realizarán presentacións de libros, actuacións en directo, recitais de poesía, contacontos, entre outras accións programadas nesta primeira edición.
Nesta primeira edición participarán os concellos portugueses de Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença do Minho, Monçao, Melgaço e Paredes de Coura e os concellos galegos de A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, e Crecente, todos eles aportarán a mellor selección dos exemplares producidos no Baixo e Alto Minho, ou que versen sobre esta rexión, cun total de máis de 150 títulos diferentes.
O evento conta coa organización da Camara Municipal de Caminha, do Concello da Guarda, da Junta de Freguesia de Caminha e Vilarelho e do Jornal Digital Caminh@2000.
O evento terá inicio na tarde do venres 21 en horario de 20:00 h a 22:00 h(ESP) e continuará na xornada do sábado 22 en horario de mañá de 11:00 h a 14:00 h e pola tarde de 18:30 h a 21:30 h (ESP).
Praza Avelino Vicente (As de Copas), A Guarda
VENRES 21, 20:00 h. a 22 h
– 20:00 horas: Inicio do evento coas personalidades políticas e os técnicos de cultura dos respectivos concellos participantes.
– 20:45-21:25 horas: Inauguración do evento con Aser Álvarez González. Director de Arraianos Producións. Presentación da publicación Galicia Rural, un proxecto documental multimedia elaborado en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que propón ideas para unha reflexión sobre a realidade, os desafíos e as posibilidades de futuro do mundo rural galego.
– 21:25-21:55 horas: Carvalho Calero sem fronteiras. Unha viaxe audiovisual pola vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero através dun recital poético e musical de Moisés Quintas e Aser Álvarez. Producido por Arraianos Producións.
– 22:00 horas: Peche do venres.
SÁBADO 22, 11:00 h a 14:00 h e de 18:30 h a 21:30 h
– 11:00horas: Apertura do sábado.
– 11:05-11:55 horas: ContaContos con Marisol Diz, bibliotecaria de A Guarda e Liliana Geraldes , a cal presentará o seu libro infantil Clara e a illa de plástico
– 12:00-12:40 horas: Ricardo Vicente(Infogauda) e Luís Almeida(promotor do evento e director de Caminha 2000). Luis Almeida falará sobre os seus 20 anos a fronte da súa empresa e da Comunicación rexional.
– 12:45-13:15 horas: Puri Ameixide, “O paso do Miño en 1809: Historia e Literatura á lúz da lúa”. Puri Ameixide é profesora de lingua e literatura galegas no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e autora das novelas Nada se esquece (Redelibros, 2013) e Claro de Lúa (Xerais, 2018). Claro de lúa transcorre no Baixo Miño a comezos do XIX, cando o paso do Miño polas tropas napoleónicas camiño do Porto, aportando unha visión desta guerra moi diferente da chamada “Guerra da Independencia”.
– 13:15-13:45 horas: Actuación musical. Academia de Música Fernández Fao
– 14:00 horas: Peche da mañá do sábado.
– 18:30 horas : Apertura pola tarde.
– 19:15 -19:45 horas: O Rosal estará representado polo autor Praxíteles. Coñecido xa pola súa obra Yo también emigré a la República Federal de Alemania (1960-1980) e que fará un percorrido a través das súas obras.
– 20:00-20:30 horas: O historiador local guardés Miguel Villa, escritor de numerosos libros sobre a Sociedade Pro Monte ou as Casas Indianas, falaranos desta vez sobre os temas históricos abordados nos seus libros.
– 20:45-21:15 horas: Recital de poesía a cargo de Krisalida, poeta portuguesa da Ribeira do Miño.
– 21:30 horas: Peche do evento.
Praça Conselheiro Silva Torres, Caminha
SEXTA-FEIRA 21 AGOSTO
15H00 – ABERTURA DA FEIRA
15H30 – 100 anos – José Correia |Aniversário de um artesão do concelho de Caminha
apresentação do vídeo do José Correia – Caminha2000
18H00 – ABERTURA OFICIAL [Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
Presidente da Câmara Municipal de Caminha
Alcalde do Concello de A Guarda
Presidente da União de Freguesias de Caminha e Vilarelho
Luís Almeida, Diretor do Jornal Caminha2000
22H00 – RECITAL DE MÚSICA | ACADEMIA DE MÚSICA FERNANDES FÃO
[Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
– APRESENTAÇÃO DO LIVRO “PEIXES DO RIO MINHO – RECEITAS COM HISTÓRIA”, de João Guterres
Moderador: Paulo Torres Bento, Historiador
SÁBADO 22 AGOSTO
16H00 – “O MUNDO ENCANTADO DOS LIVROS” – Hora do Conto através de um livro de Joana Estima C. da Rocha | Porta de Cena
[Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
18H00 – Aser Álvares González – Diretor de Arraianos Producións – apresentação de ”Galicia Rural” – projeto documental multimédia que propõe ideias para uma reflexão sobre a realidade, os desafios e as possibilidades de futuro do mundo rural galego.
[Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
19H00 – CORO FUSCALHEIRO, de A Guarda
[Praça Conselheiro Silva Torres, Caminha]
DOMINGO 23 AGOSTO
16H00 – Hora do conto e Workshop com a autora Liliana Geraldes
Apresentação e animação do livro “Clara e a Ilha de Plástico” de Liliana Geraldes
[Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
17H00 – RECITAL DE POESIA DE OBRAS DE AUTORES DO CONCELHO DE CAMINHA | Krisálida [Arcadas dos Paços do Concelho – Praça Conselheiro Silva Torres]
A Deputación de Pontevedra abre mañá, xoves, ás 9.00 horas, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, que permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso. Ofértanse 15 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto que terá lugar o 30 de agosto. A inscrición deberá facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación de Pontevedra nesta ligazón.
O escenario escollido para a ruta ornitolóxica foi declarado Zona de Especial Conservación e está protexido pola Rede Natura 2000. Situada na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, trátase dunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.
Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco ou a bubela. Así mesmo, é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.
Tras esta cuarta ruta, ‘Voando nas Rías Baixas’ continuará cunha quinta excursión o 6 de setembro pola Serra do Suído, na Lama. ‘Voando nas Rías Baixas’, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.
Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á crise xerada pola covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense diferentes normas para os inscritos que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene.
A concellaría de Mobilidade e Tráfico decidíu ampliar a información sobre as novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, á vista dalgunhas dúbidas suscitadas entre veciñanza e persoas usuarias desas prazas. O concelleiro Roberto Mera explica que a nova política nesta materia parte do diálogo cos axentes implicados. “Para as actuacións xa feitas e as que imos facer estamos contando coa opinión de Adapta, con quen mantivemos encontros e a quen agradecemos as súas aportacións, fundamentalmente á hora de decidir a mellor ubicación das novas prazas ou de recolocar as existentes noutro lugar”.
Segundo Mera, “as actuacións feitas estes días pretenden rematar coa actual situación na que practicamente todas as prazas existentes en Ponteareas non cumpren coa normativa. As novas prazas supoñen un gran cambio que salta a primeira vista”.
En primeiro lugar, na zona de actuación, pasouse de 4 a 6 prazas, un aumento nun 50 % do número de prazas. Ademais de facer dúas a maiores, anuláronse outras dúas preexistentes mudándose de lugar para melloralas e cumprir coa normativa.
A lei establece unha ratio de 1 praza de mobilidade reducida por cada 40 convencionais. Nas rúas nas que a pasada semana se crearon estas prazas (Fernández Vega, Perillana, Morales Hidalgo e A Estrada) hai 131 prazas convencionais, polo que a ratio é de 1 praza para persoas con mobilidade reducida por cada 21, é dicir, o Concello oferta nesas rúas case o dobre de prazas do que esixe a normativa. Incluso se creou unha no aparcadoiro exclusivo do Mercado Municipal que dispón de 17 prazas.
A anchura fixada pola norma para as prazas é de 2,20 e as habilitadas polo Concello non só cumpren senón que o superan até os 2,50 metros.
Estacionamento da rúa Estrada
Todas as prazas sitúaronse en batería para poder cumprir coa obriga de dispor dun paso cebreado lateral de 1,50 metros. A norma só obriga a un paso cebreado polo lateral do condutor. Mera salienta que “por vez primeira en Ponteareas, todas as prazas creadas contan con ese cebreado e incluso, en tres das prazas, o cebreado pintouse aos dous lados sen ser obrigatorio, para facilitar a accesibilidade polos dous laterais do vehículo”.
Ademais, das 6 prazas habilitadas 4 están a carón de pasos de peóns e a ampliación das beirarrúas realizada permite agora a mobilidade en cadeiras de rodas onde antes non era posíbel.
Respecto á lonxitude das prazas, a norma establece 5 metros: este é o único parámetro que non se cumpre nalgunha das prazas habilitadas, que, en todo caso, superan con creces os 4 metros e se aproximan aos 5. A razón é un impedimento material: a escasa anchura dalgunha das vías que non permite esa lonxitude para a praza de estacionamento. Para cumprilo sería preciso eliminar o carril de circulación. É o que acontece na rúa A Estrada, a carón do Auditorio e Mercado. O Concello coida, con todo, que é mellor crear esas prazas cumprindo todos os demais parámetros e medidas, agás ese, que privar a todas esas rúas de prazas por non acadar os 5 metros de lonxitude. Se se fixera así non habería prazas a carón de equipamentos públicos como o Auditorio ou o Mercado, nin se cumpriría a ratio de 1/40. “Estamos abertos a outras alternativas, se alguén as ten e as ofrece”, afirma Mera.
En todo caso, o edil nacionalista lembra que as actuacións aínda non se completaron e que a concellaría de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote procederá nas vindeiras semanas a realizar os rebaixes e rampas nas beirarrúas que son imprescindibeis. Con esa finalidade Mera, Garrote e representantes de Adapta realizarán nos vindeiros días unha revisión das prazas creadas “e se é preciso corrixir ou mellorar algo farase”.
Resumo das actuacións
Incremento de prazas: 50% (de 4 a 6)
Ratio de prazas: 1 por cada 21 (case o dobre ca norma: 1 cada 40).
Anchura da praza: 2,50 (por norma: 2,20)
Lonxitude da praza: 5 metros por norma; non se cumpre nas rúas que non teñen a anchura dabondo. Prefírese habilitar igualmente a praza cumprindo o resto das medida.
Cebreados laterais: 3 prazas cun cebreado, 3 prazas con dous cebreados aos dous lados (a norma esixe só un cebreado)
A Deputación de Pontevedra decidiu aprazar a primeira das rutas ‘Os Viñedos do Castelo’, así como a visita dos ‘Bosques Terapéuticos’ programada pola contorna de Cabo Udra, ámbalas dúas previstas para mañá, xoves 20 de agosto, polas malas previsións meteorolóxicas. No caso da ruta polos viñedos do Castelo de Soutomaior, adiouse para o día 26 de agosto, mentres que a sesión dos ‘Bosques Terapéuticos’ en Cabo Udra terá lugar en setembro, e a data exacta anunciarase proximamente.
Hai que destacar que estas dúas iniciativas que puxo en marcha este verán a institución provincial tiveron unha acollida excepcional e esgotaron as prazas (525 en total) para todas as sesións programadas, tanto as cinco rutas ‘Os Viñedos do Castelo’ como as trinta dos ‘Bosques Terapéuticos’.
Polo tanto, as rutas de ‘Os Viñedos do Castelo’ comezarán pasado mañá, venres, 21 de agosto, e desenvolveranse posteriormente os días 26, 27 e 28 deste mes e o 3 de setembro.
A novidosa iniciativa supón outra forma de achegarse ao Castelo de Soutomaior a través dunha ruta polos seus viñedos, unha cata do viño ‘Pedro Madruga’ e un espectáculo teatral con Rosso&Bianco. A actividade, unha iniciativa coa que o goberno de Carmela Silva quere promover o produto local e actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente, ten unha duración de 9o minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que achegará a experiencia natural do percorrido. Ao longo do traxecto explicaranse ás persoas participantes cuestións relativas ás orixes do viño, á DO Rías Baixas e as súas subzonas (destacando a de Soutomaior), así como sobre os tipos de uvas e o proceso da vendima.
E, tralo percorrido, será a quenda da cata do caldo ‘Pedro Madruga’, que sae das mesmas cepas do Castelo de Soutomaior e foi obtido da colleita de 2019 da man da adega ‘Quinta das Eiras’. E nesta última parte da degustación actuará Rosso&Bianco, o dúo cómico formado por David Carrera e Alberto Antelo, que porá en escena a súa peza teatral “Albariño Edition”, un monográfico sobre o viño albariño dende un punto de vista persoal e moi ameno.
No caso do programa ‘Bosques Terapéuticos’, a Deputación de Pontevedra ofrece auténticos “baños de bosque” para as persoas participantes nestas rutas por cinco parques forestais da provincia: Cabo Udra (Bueu), Freaza (Fornelos), Camposancos (A Guarda), A Picaraña (Ponteareas) e Serra da Groba (Oia). A actividade busca afondar na natureza para relaxar a mente e reducir os niveis de estrés. Deste xeito, trátase dunha actividade recomendada para todo o mundo, xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador, para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e para aumentar a esperanza de vida.
Tódalas actividades da Deputación inclúen protocolo covid-19 polo que inclúen distancia de seguridade, aforo limitado, control de temperatura, uso obrigado de máscaras e hixiene de mans, entre outras medidas.
O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra recibiu neste exercicio sete solicitudes de subvención para apoiar o mantemento e a posta en marcha dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da provincia. O Concello de Ponteareas foi un dos que presentou a solicitude de axuda por unha contía de 16.000 euros (o máximo permitido) para facer fronte ao custe de persoal do departamento municipal, que xa está en funcionamento. A petición será agora analizada polos técnicos provinciais e, se non se producen contratempos, será aprobada proximamente.
A maiores da solicitude do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra recibiu tamén peticións de subvención para mantemento por parte dos concellos de Moaña, Redondela, Valga e O Grove, todos eles municipios con SNL en activo. Por outra banda, os concellos de Nigrán e de O Porriño presentaron solicitude para a creación dun novo departamento, o primeiro concello para contratar persoal técnico a media xornada e o segundo para xornada completa.
Nesta edición a liña de axudas para Normalización Lingüística da Deputación aumentou a súa contía un 33 %, chegando ata os 200.000 euros. Segundo explicou a deputada de Lingua, María Ortega, o obxectivo deste aumento é apostar pola normalización de xeito estable nos concellos, fuxindo de actividades puntuais, co financiamento das retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) das entidades locais.
Outra das novidades das axudas do 2020 é que as contías que pode recibir cada concello chegan ata 20.000 euros –fronte aso 15.000 anteriores– no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100 % do custe do persoal a contratar para xornada completa, se ben só se financia o 80 % no caso de mantemento do SNL. Para as agrupacións de concellos, a cifra subía ata os 25.000 euros, mais non se recibiu ningunha solicitude con estas características. Como compromiso principal, as entidades solicitantes deben manter o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.
En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollen a esta convocatoria, tanto internas como externas, deben ser asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.
As axudas para actividades, a maiores
Outra das novidades desta convocatoria é que os concellos solicitantes poderán optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible nas anteriores edicións.
“Queremos que as entidades aposten de xeito estable por ter servizos de normalización, que se multipliquen, e que na provincia se cree unha rede de servizos de fomento da lingua, xa que é un departamento esencial”, dixo María Ortega.
Manifesto Miñor (MM) vén de denunciar o “empeoramento do servizo de recollida de RSU, que afecta especialmente ás parroquias de Gondomar”. A situación, segundo MM, dista moito do anunciado polo Goberno local logo da contratación da empresa FCC, por un importe de arredor dun millón de euros anuais e que prevía “unha mellora sen parangón do servizo, coa substitución de colectores, limpezas e desinfeccións constantes, unha mellora no funcionamento do punto limpo, etc”.
“A realidade, pola contra, é ben distinta”, afirma a formación asemblearia xa que habitualmente pódese observar que a recollida de RSU non se realiza de maneira diaria en todas as parroquias e os colectores permanecen cheos durante varios días. “Malia a insistencia do alcalde en xustificar esta situación co incivismo –explica Manifesto Miñor–, o certo é que a pésima recollida de lixo está a provocar a proliferación de vertedoiros por todas as parroquias”. Non se pode descargar a responsabilidade nas persoas incívicas, xa que, engade MM, é o Goberno local “o que ten a obriga de supervisar a recollida de RSU e revisar o prego de condicións que rixe o contrato con FCC para facer que facer que a empresa o cumpra”.
Dende Manifesto Miñor denunciamos “a responsabilidade da empresa que se encarga do servizo na mala recollida de RSU nas parroquias” e aseguran que “cómpre revisar o contrato diante do máis que mellorable funcionamento do Punto Limpo. Sempre indicamos que era unha mala idea que a mesma empresa que se encarga da recollida do lixo xestione tamén o punto limpo, por pura lóxica e porque son ‘negocios’ incompatibles”.
O certo é que na medida en que os puntos limpos funcionen correctamente, esténdanse polo territorio e a xente tome consciencia, “simplemente as empresas de recollida diminúen considerablemente a súa carga de traballo”, motivo polo que Manifesto Miñor insiste na necesidade “de impulsar o punto limpo de Gondomar como modelo sustentable de tratamento dos residuos sólidos urbanos”.
O vindeiro domingo, 23 de agosto ás 12 horas do mediodía terá lugar no baldío de Grixó –SantaMaria de Tebra/Barrantes– un acto de homenaxe, recoñecemento e lembranza da figura de Marisol Álvarez Vázquez, secretaria de organización da Agrupación Socialista de Tomiño.
Será, sinala o PSOE tomiñés, “un acto sinxelo” onde a treboada ‘Os Terribles de Tomiño’, do que formaba parte Marisol Álvarez, será a encargada de poñer música ás verbas, ás emocións, ás frores, ás lembranzas, ás árbores e a poesía nas voces das súas fillas Zutoia e Zuriñe.
“Lembraremos a nosa compañeira Marisol, na compaña da familia, amigos e amigas e da veciñanza que desee achegarse polo que xuntarémonos ás 11:30 na praza de Santa María”, sinala a Agrupación Socialista de Tomiño.
Ponteareas conta cun punto limpo adaptado á recollida de ‘lixo electrónico’ gracias ao investimento realizado pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e o deputado de Infraestruturas e Vías Provincias, Gregorio Agís, xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote e á concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, visitaron esta mellora e, a continuación, as obras de seguridade peonil realizadas no acceso á igrexa de Guláns na estrada provincial EP4004.
Carlos Font explicou que o punto limpo de Ponteareas, cun orzamento total de 69.750,25 euros entre obras e subministracións, adaptouse co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos para dar cumprimento coa normativa tanto europea como española. “Con este proxecto apostamos pola transición ecolóxica, un dos obxectivos preferentes da Deputación de Pontevedra” enxalzou o deputado, ao tempo que apelou “á implicación de todas e todos nesta materia de recollida e reutilización de residuos eléctricos e electrónicos”. Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas agradeceu e recoñeceu a implicación e colaboración do goberno provincial, “esta actuación para nós é un exemplo de colaboración, se non fose pola Deputación aos concellos nos resultarían moi custosas estas obras e non se poderían chegar a realizar”.
Máis polo miúdo, foi necesario dotar o espazo de sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de acceso de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas a semana pasada pola Deputación. Ademais, tamén se construíron dous almacéns independentes para realizar a almacenaxe de RAEE, de 30 metros cadrados, e para a reutilización, de 28 metros cadrados. Así mesmo, iluminouse o almacén, dotouse dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. Font destacou que tamén se instalou “nun punto de moita afluencia de xente como é o mercado municipal de Ponteareas” un minieco punto limpo entregado pola Deputación formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables.
Visitando as obras realizadas en Guláns
No que respecta á mellora da seguridade peonil na EP 4004, cun orzamento de 305.023,73 euros, a actuación que o deputado Gregorio Agís cualificou como “moi representativa, necesaria e que pon en valor o patrimonio” levouse a cabo nun tramo de case 500 metros da estrada que dá acceso á igrexa e ao cemiterio de Guláns así como ao colexio Feliciano Barrera. O obxecto dos traballos foi a mellora do firme da estrada e das instalacións e tamén a ampliación da beiravía, o que permitiu mellorar a mobilidade na vía con elementos de calmado de tráfico e seguridade peonil. “Neste espazo era necesario articular unha solución que permitira que as persoas puideran pasear en condicións de seguridade e a solución que lle demos responde ao modelo da Deputación e cumpre con todos os obxectivos”, subliñou Agís.
Neste tramo leváronse a cabo dous tipos de calzada, un deles formado por dous carrís de 2,80 metros, un para cada sentido de circulación, unha marxe dereita formada por unha beiravía de 0,5 metros e unha marxe esquerda na mesma cota de rasante formada por unha beiravía de ancho variable non inferior aos 1,80 metros. O segundo modelo, levado a cabo na zona da igrexa, consta dunha plataforma única compartida cun ancho de cinco metros para o paso dos vehículos e delimitado por un lousado de pedra. Neste tipo de calzada, o resto da plataforma está destinada ao uso peonil, accesos e á instalación de mobiliario urbano. Ademais, Gregorio Agís fixo fincapé en que tamén se renovou o alumeado público, “coa substitución do sistema anterior por un máis eficiente e sostible, afondando na nosa aposta polos ODS”, e executouse a sinalización horizontal e vertical.
As principais marcas de cervexa artesana de toda Galicia, unidas a unha de Madrid e outra do Bierzo, volven a protagonizar desde este xoves 20 ata o domingo 23 na Alameda de A Ramallosa a cuarta edición do ‘Val Miñor Fest’, o primeiro festival de toda a comarca adicado á súa degustación e na que estará presente a cervexa creada este verán pola empresa local Trisk-Ale baixo o nome ‘Nigrán, equilibrio natural’. Nesta ocasión, este evento organizado por Concello, Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e Trisk-Ale será en formato reducido por cuestións de seguridade sanitaria, con aforo limitado, desinfección de mans e control de temperatura aos asistentes e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara.
Unha vez máis será unha feira pensada para un público familiar, contando con foodtrucks con diferentes propostas culinarias para acompañar a cervexa e con concertos protagonizados por grupos con fonda raigame en Nigrán todos os días ás 22:00 horas. Así, Grooving Folks será a banda encargada de abrir o xoves o festival, seguindo o venres con Swing du Monde, sábado Los Chili Compadres e domingo 23 Blue Monk.
“Queremos que esta sea unha ocasión tamén para promover aos músicos de Nigrán nun momento especialmente complicado para os dous sectores, o da música e o da cervexa artesá a consecuencia de reducirse o ocio. Non cabe dúbida que para o Concello é unha edición moi especial porque temos a cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’ no mercado grazas a Trisk-Ale”, incide o alcalde, Juan González.
Así, as firmas de cervexa artesá que estarán presentes son Trisk-Ale de Nigrán, Atlántica e Nós de Vigo, The One Beer de Sanxenxo, Ale Ale Uxes de A Coruña, Bubela de Lugo, Castreña do Bierzo e Go de Madrid. “Tódalas marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para tódolos gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explica Esteban Loureiro, portavoz da asociación, quen incide en que o obxectivo “é promocionar o consumo deste producto artesá nuns intres moi difíciles para o sector por mor da crise sanitaria, polo que máis que nunca precisamos do apoio dos nosos consumidores habituais”.
O mércores día 19 de agosto o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acolleu o acto de Presentación da 90ª edición Encontro Internacional da FICC 2021, un encontro internacional que tan só se celebrou en tres ocasións en territorio español na súa longa traxectoria, e que se celebrará na Guarda o vindeiro ano.
Neste acto contouse coa presenza de Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, concelleira de Cultura; João Alves, presidente da FICC; José Vicente, presidente da Federación Española de Clubs campistas (FECC); Miguel Merino Ayllón, vicepresidente da Federación Española de Clubs campistas (FECC); Andrés Sánchez, vogal da Federación Española de Clubs campistas (FECC); Juan Antonio Cidanes, presidente do Camping Caravaning Club de Galicia-Vigo; José Iglesias, vogal e responsable das relacións coa FICC e José Coello, representante do Camping Santa Tecla.
O Presidente da Federación Española de Clubes campistas (FECC) agradeceu na súa intervención a boa disposición do Concello da Guarda para acoller esta edición, destacando que na Guarda xa se celebraron con éxito 3 acampadas nacionais, sendo un municipio excepcional para este tipo de eventos e contando o Camping Santa Tecla cunhas instalacións inmellorables. José Vicente indicou que o evento terá lugar na segunda quincena do mes de xuño de 2021, onde os centos de campistas de todo o mundo gozarán da boa gastronomía local, da natureza e dos recursos turísticos do municipio e da súa contorna cunha morea de actividades nas que se inclúen xogos populares, desfiles, visitas turísticas, entre outras.
Para o Presidente da FICC é un pracer estar de novo en Galicia, nun evento que se celebra por terceira vez en territorio español dende 1933, destacando a gran experiencia do comité organizador formado pola FECC na realización dos seus encontros nacionais, a apoio amosado polo Concello da Guarda e do Camping Santa Tecla. Joao Alves indicou que a decisión de facelo na Guarda estivo entre as opcións máis distinguidas xunto con Polonia, Croacia e Corea do Sur, pero a gran capacidade da FECC para a organización deste tipos de eventos foi clave para que finalmente A Guarda resultase gañadora, o que con levará unha promoción deste municipio a nivel mundial dende a FICC.
O Alcalde da Guarda agradeceu a todos os presentes a súa asistencia amosando unha vez más o compromiso do Concello para que este evento saia adiante e ben, agardando tamén que a situación provocada polo Covid-19 mellore de cara ao ano que ven. Antonio Lomba destacou “a gran repercusión a nivel mundial e forte impacto turístico e económico que terá este evento para a vila”, municipio que xa conta cunha longa traxectoria na organización e realización de eventos “coma o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado o pasado verán ou festas de importante renome coma a Festa da Langosta, do Peixe Espada ou as Festas do Monte”.
O acto de presentación desta 90 edición rematou coa sinatura do Convenio de Colaboración entre o Concello da Guarda e a FECC, que permitirá xestionar os recursos necesarios para que sexa un éxito.
As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos acusaron a Medio Rural de faltar á verdade respecto ao acontecido no incendio de Bugarín o pasado día 10. Segundo os comuneiros, “a Xunta manipula a información cando rebate as acusacións e fai unha relación de medios despregados no lume”. “Claro que houbo medios no incendio, –aseguran os comuneiros e comuneiras– pero actuando noutros puntos do mesmo. Porén a fronte do lume que avanzaba cara a Picaraña quedou por completo desatendida”.
Lembran que durante varias horas houbo catro camións motobombas na pista forestal “unicamente con condutor e sen bombeiros forestais para manexar as mangueiras e a fronte avanzaba sen que ninguén a atendese”.
As afirmacións que fan as comunidades de montes de Ponteareas e Arcos distan moito de ser gratuítas xa que “hai medio cento de veciños e veciñas voluntarias, con nome e apelidos, que foron testemuñas, ademais de numerosos videos e fotografías que o atestiguan, onde se pode observar ducias de voluntarios apagando o lume, algo que as brigadas da Xunta non permitirían se estiveran alí”.
Para os comuneiros resulta “inadmisíbel e unha falta de respecto” que a Xunta os acuse de mentir, para ocultar o acontecido. “En lugar de averiguar que pasou e tomar nota dos erros para evitalos no futuro, a Xunta prefire defenderse atacando aos que cooperamos na extinción do lume ante a falta de medios nesa fronte”.
As comunidades sinalan que “na fronte que avanzaba cara A Picaraña durante varias horas unicamente estiveron facendo labores de extinción os voluntarios, non había nin un só bombeiro e cando chegaron eran tan poucos que tivemos nós que axudar a transportar as mangueiras polo medio do monte”. Os comuneiros lamentan a “burda manipulación” que fai a Xunta citando os medios despregados noutras zonas pero obviando a falta de atención da fronte da Picaraña.
As comunidades pedirán unha reunión cos responsabeis do distrito ao considerar “moi grave” que Medio Rural “reaccione con mentiras contra as comunidades que nos encargamos de vixilar o monte da Picaraña durante todo o verán e de axudar na extinción de lumes coma o do día 10”.
O venres 28 de agosto ás 11:30 da mañá, no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira, a actriz e narradora Raquel Queizás achegará a maxia do cinema aos cativos coa actividade ‘Cinema Marabillas’. Durante 50 minutos rapaces e rapazas dende os 6 anos de idade, descubrirán os contos tradicionais e imperecedoiros –Alicia no pais das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz, Polgariño,…– a través das súas primeiras adaptacións cinematográficas e da voz e representación de Raquel Queizás.
Unha actividade na que non faltará aventura, humor, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación. Esta actividade que se desenvolve ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, é totalmente de balde pero é precisa inscrición previa na Biblioteca de Redondela ou no teléfono 986 401 561.
A Concellería de Desenvolvemento Local do Concello da Guarda vén de anunciar a celebración, durante a última fin de semana de agosto e a primeira de setembro, dun mercadiño co que se pretende apoiar ao sector da artesanía, especialmente golpeado durante este verán pola crise sanitaria. Ao mesmo tempo, a iniciativa pretende favorecer ás entidades de acción social que tanta axuda levan prestado durante a pandemia. Paralelamente espérase que o mercado tamén funcione como un atractivo máis, que de vida ás nosas rúas e estimule as compras nos comercios e o consumo na hostalaría da localidade.
A participación no mercado será gratuíta e o Concello proporcionará a cada artesán ou asociación un stand, ata acadar un máximo de 20 postos. Pola súa parte os e as artesás, así como as asociacións deberán comprometerse a manter os postos abertos os venres pola tarde en horario de 17:00 a 20:30, e os sábados e domingos en horario de 10:30 h a 14:00 h e de 17:00 h a 20:30 h, durante as dúas fins de semana.
Os e as profesionais interesados/as, así como as asociacións, deberán presentar as súas solicitudes antes do 24 de agosto ás 14:00 horas a través da dirección de correo electrónico [email protected].
Os artesáns deberán indicar nese correo electrónico os seguintes datos: nome e apelidos, teléfono de contacto, concello no/a que están empadroados/as e descrición dos produtos de artesanía que ofrecen. Así mesmo deberán deixar constancia por escrito nese mesmo correo o seu compromiso para manter aberto o posto durante todo o período de duración do mercado, respectando os horarios do mesmo.
No caso das asociacións deberán indicar: nome da asociación, nome e apelidos da persoa representante da mesma, tipo de produtos que venden e localidade na que ten a súa sede social. Así mesmo deberán tamén comprometerse por escrito a abrir os postos respectando o horario e datas nas que terá lugar o mercado.
Posteriormente poderáselles requirir documentación para verificar os datos que aportan na solicitude.
A Concellería de Mocidade e Voluntariado, que xestiona Miguel Bouzó, vén de organizar para este vindeiro venres, 21 de agosto, unha excursión a Siradella. A actividade é totalmente de balde e está destinada a mozos e mozas a partir de 12 anos que poderán visitar o Centro de Interpretación do monte A Siradella e participar na ruta guiada no complexo Intermareal Umia-O Grove. Ademais visitarán o museo da Salga e Punta Moreiras.
O complexo intermareal Umia-O Grove está incluído na listaxe de humedais de importancia internacional (Humedal RAMSAR) e na zona de especial protección para as aves (ZEPA).
A hora de saída será ás nove da mañá dende a estación de autobuses cun horario de chegada aproximado de arredor das 20:30 horas e para particpar é imprescindible inscribirse no enderezo electrónico [email protected].
Esta excursión forma parte do proxecto de voluntariado ambiental xuvenil que se está a desenvolver este verán e no que participan máis de vinte mozas e mozos.
O Concello vén de facer balance do uso e da eficiencia da aplicación de rexistro de incidencias ‘Línea Verde As Neves’ que lanzou o día 1 de xuño. En dous meses e medio, rexistráronse arredor de 600 incidencias das cales, o 80 % xa foron resoltas.
Dende a área de Innovación Tecnolóxica valoran moi positivamente estas cifras, “tanto pola participación veciñal como pola axilidade coa que se xestionan e resolven as incidencias, dun xeito máis rápido e coordinado”.
Lembran que a aplicación permite comunicar ao Concello en tempo real e empregando o teléfono móbil, calquera problema que se vexa na vila, só facendo unha fotografía. Deste xeito, é posible informar de calquera avaría, dano, atranco ou perigo que se atope en calquera lugar do concello e que teña que ver co alumeado, abastecemento, saneamento, estradas, camiños e pistas urbanas e rurais, lixo e limpeza, compostaxe, punto limpo ou áreas de lecer e de deportes.
Do mesmo xeito, se poden rexistrar incidencias que atanguen a fontes e lavadoiros e sinalizacións de tráfico, ou mesmo denunciar casos de acoso escolar e violencia machista e alertar de situacións de risco social ou sanitario.
A través da APP pódese pedir información sobre medio ambiente, realizar consultas e obter respostas personalizadas en 24 horas, solicitar a recollida de residuos, buscar información sobre puntos de interese das Neves ou acceder a outros servizos municipais como o de Turismo, Patrimonio, Urbanismo ou Edificios Públicos.
Comunicación, alertas e novas no teléfono móbil
Os veciños e veciñas que o desexen, poden recibir no seu teléfono todas as comunicacións, novas de actualidade e alertas que o Concello publique nas súas redes sociais e participar, tamén, en consultas e enquisas que se fagan dende a administración municipal.
O segundo Tenente-Alcalde e responsable da área de innovación tecnolóxica, Óscar González, anima a quen non o fixera aínda, a descargar e empregar esta aplicación, que está dispoñible na Play Store para teléfonos Android e na AppStore para teléfonos iPhone.
O Concello de Redondela iniciará, en breve, os traballos de acondicionamento e reforma das dependencias dos Servizos Sociais de Chapela, co fin de facelas totalmente accesibles e, ao mesmo tempo, conseguir unha mellora enerxética de todo o espazo. Na actualidade, os Servizos Sociais de Chapela atópanse situados nos baixos do pavillón municipal.
Trátase dun espazo que combina os servizos de atención ao público, información e rexistro, amais de contar con distintos despachos de atención a servizos sociais onde desenvolve o seu traballo aquel persoal do servizo que precisa dun despacho individual para atención personalizada.
O proxecto que desenvolverá o Concello busca potenciar os usos existentes no edificio é, ao mesmo tempo, crear novos espazos de atención á cidadanía “como un punto de Rexistro e información xeral e outro de información dos servizos de Recadación municipal” explica a alcaldesa Digna Rivas que salienta a importancia destas oficinas “que farán posible que a veciñanza de Chapela non teña que desprazarse a Redondela para a realización de determinados trámites”.
As obras incluirán a creación dun espazo para sala de xuntas amais dos correspondentes aseos de uso público, actuacións todas elas que como xa é norma en todas as obras que se realizan en dependencias municipais, contarán coas normas de accesibilidade e seguridade.
No que fai referencia á fachada, será modificada para crear unha entrada acristalada que, amais de identificar con claridade os servizos que albergan estas instalacións, permita unha maior luminosidade e unha accesibilidade total para usuarias e usuarios.
As obra, realizadas no marco do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE) 2014-2020, contarán cun investimento de 170.000 euros cofinanciados ao 80 % con fondos Edusi Redondela e o 20 % de fondos propios do Concello redondelán.
Trátase, segundo a alcaldesa Digna Rivas, de facer “un espazo cómodo e funcional para as persoas usuarias e as traballadoras e traballadores do servizo” e, ao mesmo tempo coa inclusión de servizos como Recadación Municipal ou Rexistro, “permiten un achegamento da administración á cidadanía facendo os seus servizos máis próximos e evitando desprazamentos”.
O pavillón Óscar Pereiro está a ser obxecto de obras de mantemento e mellora de cara á vindeira tempada. Os traballos de encintado do vaso da piscina e selado dos azulexos xa se realizaron e nestes momentos estase levando a cabo o enchido do mesmo, que se prolongará durante varios días máis, ata a semana que ven, e irá seguido da depuración da auga para que sexa apta e a chamada a Sanidade da Xunta de Galicia para que comprobe que así é e certifique as idóneas condicións de uso. Onte xa se recibiu a visita técnica para facer as pertinentes probas da legionela, polo que a semana que ven prevese que todo estea listo e a punto no vaso da Piscina Municipal de Mos.
Ademais estanse a acometer tarefas de mantemento na sauna, vestiarios, etc. e pintaranse teitos e paredes para que todos os espazos estean perfectamente preparados para o inicio da vindeira tempada. Tanto estes traballos como os de enchido do vaso da piscina foron supervisados esta mañá polo tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto.
Ademais o goberno local atópase ultimando a folla de ruta para a actividade municipal a partir de setembro, como xa se anunciara a semana pasada, que estará baseada no rigoroso cumprimento dos protocolos de seguridade sanitarios e iranse anunciando próximamente as medidas concretas a adoitar en cada ámbito e/ou colectivo.
Un deses ámbitos é o deportivo, que inclúe (entre outros moitos aspectos, colectivos e edificios) as dependencias e instalacións deportivas municipais, entre as que se atopa o Pavillón Óscar Pereiro e a Piscina Municipal nel ubicada, sobre as que próximamente irase informando á veciñanza mosense de todas e cada unha das medidas e decisións adoitadas, data de reapertura, horarios, condicións de uso, etc.
Se ben, primarase sempre a seguridade e a saúde da cidadanía, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios, e as medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso; e priorizaranse a prudencia e a cautela por riba de todo.
Mellora da cuberta do Pavillón Óscar Pereiro
Con cargo ao Plan Concellos, a administración local mosense executará tamén a mellora da cuberta do Pavillón Óscar Pereiro na súa parte translúcida. Substituiranse tódalas pranchas existentes substituíndoas por outras novas de policarbonato celular de 30 mm de espesor e 900 mm de ancho. As novas pranchas estarán ancoradas á estrutura portante mediante abrazadeiras de ancoraxe.
Con esta mellora obterase unha transmisión de luminosidade do 52 %, o que suporá un aforro na enerxía eléctrica da instalación e lograrase maior claridade no interior do pavillón, ademais de evitar as filtracións de auga. A integración co resto da cuberta é perfecta, por ter un sistema de unión en forma de alas, polo que forma un plano compacto, unindo as pranchas. Ademais asegura a entrada da luz sen necesidade de cambios de temperatura e evita fugas térmicas ou entrada de humidades. A superficie en planta da cuberta do pavillón é de 1.298,00 metros cadrados, sendo a superficie de policarbonato de 500 metros cadrados. O orzamento de execución material ascende a 21.000 euros.
A Policía Local de Ponteareas realizou unha inspección da feira do pasado día 14 e denunciou a cinco vendedores ambulantes por non empregar máscara na súa actividade. As inspeccións continuarán a diario nas rúas e locais de Ponteareas para asegurar que a veciñanza cumpre coas normas derivadas da crise sanitaria.
Por outra banda na fin de semana pasada a Policía Local realizou novos controis de locais de ocio nocturno, completando a inspección de todos eles iniciada hai tres semanas, que atinxíu a unha veintena de locais, e na que se detectaron diferentes infraccións nalgúns deles.
A Policía Local salienta que estas inspeccións permiten que os locais corrixan e subsanen deficiencias como ter os extintores caducados, carecer de libro ou follas de reclamación, non dispoñer da información sobre o aforo ou sobre a prohibición de venda de alcohol e tabaco a menores, etc.
Por outra banda, a Policía Local procedeu á clausura e precintado dun local de hostelaría situado na Rúa Real que viña causando problemas reiterados á veciñanza da zona e que carecía de licenza.
Ademais, dúas patrullas da Policía realizaron controis de alcoholemia e drogas o sábado á noite en diferentes rúas da localidade detectándose varios positivos que deron lugar a infracción administrativa
A Sociedade Cultural do Viso celebra este venres 21 de abril a súa asemblea anual ordinaria que terá lugar na Antiga Escola de Tuimil (Sociedade de Agricultores do Viso) ás 20:30 horas. No decurso da asemblea farase balance das actividades do ano 2019, avaliaranse as medidas tomadas en virtude do Covid-19 e se someterán a aprobación as propostas de actuacións para o presente ano.
Entre as anteditas propostas estarían os habituais cursos de pandeireta, percusión e gaita, e continuar na labor de realización de estudos culturais da parroquia para a súa publicación e difusión.
Neste senso aproveitarase a asemblea para presentar aos asociados/as a publicación do libro sobre os valores culturais do Viso ‘O Viso, a construción dunha paisaxe cultural’ promovido pola Sociedade Cultural do Viso, encargándose a súa elaboración a Xurxo Constela de A Citania e contando con axudas da Deputación de Pontevedra e o Concello de Redondela.
As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegaranse este xoves ao concello de Tui para falar de compostaxe coa veciñanza. Instalarase unha carpa na rúa Casal Aboy para informar sobre compostaxe comunitaria e doméstica e entregar compost á veciñanza. As e os cidadáns que se acheguen poderán resolver dúbidas sobre a xestión dos residuos oránicos e do resto das fraccións e do punto limpo grazas explicacións do persoal técnico provincial.
A intención é que toda a xente que se achegue saiba que compostar é sinxelo e convirte o lixo orgánico nun recurso, dándolle unha nova vida ao convertelo en compost. Entre outras das explicacións afondarase sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non.
As persoas asistentes, amais de cubrir as inscricións para participar na compostaxe comunitaria ou solicitar un composteiro individual, poderán recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…). As persoas que queiran levar unha mostra de compost tamén recibirán indicacións das posibilidades de uso para fertilizar as prantas.
O punto informativo que se instalará o xóves de 10 a 13 horas na rúa Casal Aboy (no recinto onde está ubicado o mercado municipal) leva percorrendo todos os ‘concellos Revitaliza’ da provincia dende o pasado ano. Ata o de agora o interese espertado foi moi alto, tanto no referido á compostaxe individual con composteiros de horta, como á compostaxe comunitaria en zonas de máis densidade de vivendas. De feito, hai zonas nas que hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para habilitar centros de compostaxe comunitaria.
As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.
O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vėn de informar ao Goberno municipal das Neves que todas as 8 usuarias do Centro de Día e 14 traballadoras deron negativo por COVID-19. Todas elas estaban en ‘cuarentena’ dende o pasado xoves, día 13, logo do positivo por COVID-19 doutra das veciñas que acuden ao centro.
Cómpre lembrar que logo de ter coñecemento do positivo deuse aviso, de inmediato, ao resto das usuarias e ao persoal do mesmo para que permanecesen illadas nas súas casas. En todo caso, o Centro de Día das Neves permanece pechado.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.