10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO 'Chandefolk' homenaxea este sábado no concerto de Milladoiro a Antón Seoane,...

    O ‘Chandefolk’ homenaxea este sábado no concerto de Milladoiro a Antón Seoane, veciño de Camos e membro fundador da formación

    O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk ao emblemático grupo Milladoiro cun concerto este sábado ás 22:00 horas na carballeira de Chandebrito (xunto ao campo de futbol) grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal. Será unha edición especial na que, xunto a Comunidade de Montes, a asociación de veciños e a comisión de festas da parroquia, se fará un recoñecemento público da figura do seu membro fundador Antón Seoane (guitarra, acordeón e teclados de 1979 a 2013) e quen elixiu a parroquia de Camos para vivir hai preto xa de 20 anos.

    Ademais, xunto a Seoane, os actuais membros da banda colaborarán durante a tarde do sábado na plantación do futuro ‘Bosque de Maeloc’ en 7.000 metros cadrados queimados nos incendios de 2017 na zona coñecida como ‘outeiro das Laxes’, esta superficie será reforestada con especies autóctonas e, ao finalizar, descubrirase, na súa honra, un monumento alusivo ao grupo realizado con pedra da canteira de Chandebrito Lemmar Granite que renderá homenaxe aos 40 anos da publicación do seu primeiro disco ‘A Galicia de Maeloc’.

    “Chandefolk celebra a súa terceira edición cun grupo de absoluta referencia, Historia viva da rexeneración do folk galego, e do que en Nigrán nos sentimos especialmente orgullosos por contar co seu fundador Antón Seoane como veciño, tiñamos unha débeda pendente neste sentido”, destaca o alcalde, Juan González.

    Deste xeito, nesta edición marcada polas circunstancias sanitarias, mantense a gratuidade pero haberá un límite de aforo para garantir a seguridade dos asistentes e, de xeito excepcional e polo mesmo motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior ao concerto. Como nos demais eventos musicais do Concello, as mochilas vibratorias estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que desexe sentir a música (deben solicitalo a traves de info@entresignos.com), precisamente foi en Chandefolk o ano pasado cando o Concello as estreou.

    ‘A Galicia de Maeloc’, é o primeiro álbum de estudio do grupo tradicional galego Milladoiro fundado por Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Foi gravado nos estudos Audiofilm de Madrid en febreiro de 1979 e publicado en 1980, sendo o primeiro disco galego en editarse no mercado francés e o primeiro na historia do folk galego no que se combina gaita galega, ocarina, zanfona, harpa, clavecín ou frautas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.