10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarManifesto Miñor denuncia a precaria recollida de RSU nas parroquias de Gondomar

    Manifesto Miñor denuncia a precaria recollida de RSU nas parroquias de Gondomar

    Manifesto Miñor (MM) vén de denunciar o “empeoramento do servizo de recollida de RSU, que afecta especialmente ás parroquias de Gondomar”. A situación, segundo MM, dista moito do anunciado polo Goberno local logo da contratación da empresa FCC, por un importe de arredor dun millón de euros anuais e que prevía “unha mellora sen parangón do servizo, coa substitución de colectores, limpezas e desinfeccións constantes, unha mellora no funcionamento do punto limpo, etc”.

    “A realidade, pola contra, é ben distinta”, afirma a formación asemblearia xa que habitualmente pódese observar que a recollida de RSU non se realiza de maneira diaria en todas as parroquias e os colectores permanecen cheos durante varios días. “Malia a insistencia do alcalde en xustificar esta situación co incivismo –explica Manifesto Miñor–, o certo é que a pésima recollida de lixo está a provocar a proliferación de vertedoiros por todas as parroquias”. Non se pode descargar a responsabilidade nas persoas incívicas, xa que, engade MM, é o Goberno local “o que ten a obriga de supervisar a recollida de RSU e revisar o prego de condicións que rixe o contrato con FCC para facer que facer que a empresa o cumpra”.

    Dende Manifesto Miñor denunciamos “a responsabilidade da empresa que se encarga do servizo na mala recollida de RSU nas parroquias” e aseguran que “cómpre revisar o contrato diante do máis que mellorable funcionamento do Punto Limpo. Sempre indicamos que era unha mala idea que a mesma empresa que se encarga da recollida do lixo xestione tamén o punto limpo, por pura lóxica e porque son ‘negocios’ incompatibles”.

    O certo é que na medida en que os puntos limpos funcionen correctamente, esténdanse polo territorio e a xente tome consciencia, “simplemente as empresas de recollida diminúen considerablemente a súa carga de traballo”, motivo polo que Manifesto Miñor insiste na necesidade “de impulsar o punto limpo de Gondomar como modelo sustentable de tratamento dos residuos sólidos urbanos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.