14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas solicita á deputación unha axuda de 16.000 euros para mantemento do...

    Ponteareas solicita á deputación unha axuda de 16.000 euros para mantemento do Servizo de Normalización Lingüística

    O servizo de Lingua da Deputación de Pontevedra recibiu neste exercicio sete solicitudes de subvención para apoiar o mantemento e a posta en marcha dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) dos concellos da provincia. O Concello de Ponteareas foi un dos que presentou a solicitude de axuda por unha contía de 16.000 euros (o máximo permitido) para facer fronte ao custe de persoal do departamento municipal, que xa está en funcionamento. A petición será agora analizada polos técnicos provinciais e, se non se producen contratempos, será aprobada proximamente.

    A maiores da solicitude do Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra recibiu tamén peticións de subvención para mantemento por parte dos concellos de Moaña, Redondela, Valga e O Grove, todos eles municipios con SNL en activo. Por outra banda, os concellos de Nigrán e de O Porriño presentaron solicitude para a creación dun novo departamento, o primeiro concello para contratar persoal técnico a media xornada e o segundo para xornada completa.

    Nesta edición a liña de axudas para Normalización Lingüística da Deputación aumentou a súa contía un 33 %, chegando ata os 200.000 euros. Segundo explicou a deputada de Lingua, María Ortega, o obxectivo deste aumento é apostar pola normalización de xeito estable nos concellos, fuxindo de actividades puntuais, co financiamento das retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL) das entidades locais.

    Outra das novidades das axudas do 2020 é que as contías que pode recibir cada concello chegan ata 20.000 euros –fronte aso 15.000 anteriores– no caso da creación e reforzo, podendo supoñer o 100 % do custe do persoal a contratar para xornada completa, se ben só se financia o 80 % no caso de mantemento do SNL. Para as agrupacións de concellos, a cifra subía ata os 25.000 euros, mais non se recibiu ningunha solicitude con estas características. Como compromiso principal, as entidades solicitantes deben manter o SNL nas mesmas ou mellores condicións das existentes no momento de solicitar a axuda por un período mínimo de dous anos.

    En xeral, as funcións dos servizos de normalización lingüística que se acollen a esta convocatoria, tanto internas como externas, deben ser asesorar a Administración municipal na procura do incremento do uso e prestixio da lingua galega; velar polo cumprimento da lexislación lingüística por parte da institución e por garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía; fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade; propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social; planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da administración como para a poboación en xeral ou para os diferentes sectores sociais; ou mellorar a calidade lingüística e comunicativa da administración, entre outras.

    As axudas para actividades, a maiores

    Outra das novidades desta convocatoria é que os concellos solicitantes poderán optar tamén á vindeira liña de axudas da Deputación para o fomento de actividades ou programas de dinamización, algo incompatible nas anteriores edicións.

    “Queremos que as entidades aposten de xeito estable por ter servizos de normalización, que se multipliquen, e que na provincia se cree unha rede de servizos de fomento da lingua, xa que é un departamento esencial”, dixo María Ortega.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.