24.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación abre o xoves a inscrición para a cuarta ruta ornitolóxica...

    A Deputación abre o xoves a inscrición para a cuarta ruta ornitolóxica ‘Voando nas Rías Baixas’

    As Brañas de Xestoso, escenario deste novo roteiro guiado e gratuíto que se desenvolverá nos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada o vindeiro 30 de agosto

    A Deputación de Pontevedra abre mañá, xoves, ás 9.00 horas, o prazo de inscrición para a cuarta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, que permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Brañas de Xestoso. Ofértanse 15 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto que terá lugar o 30 de agosto. A inscrición deberá facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación de Pontevedra nesta ligazón.

    O escenario escollido para a ruta ornitolóxica foi declarado Zona de Especial Conservación e está protexido pola Rede Natura 2000. Situada na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, trátase dunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.

    Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco ou a bubela. Así mesmo, é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

    Tras esta cuarta ruta, ‘Voando nas Rías Baixas’ continuará cunha quinta excursión o 6 de setembro pola Serra do Suído, na Lama. ‘Voando nas Rías Baixas’, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

    Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á crise xerada pola covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense diferentes normas para os inscritos que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.