15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación apraza a primeira das rutas 'Os viñedos do Castelo' e...

    A Deputación apraza a primeira das rutas ‘Os viñedos do Castelo’ e ‘Bosques terapéuticos’ do xoves polas malas previsións meteorolóxicas

    A ruta de Soutomaior celebrarase o día 26 de agosto e a visita programada a Cabo Udra terá lugar no mes de setembro. Ámbalas dúas iniciatias teñen as prazas esgotadas en todas as sesións programadas para este verán

    A Deputación de Pontevedra decidiu aprazar a primeira das rutas ‘Os Viñedos do Castelo’, así como a visita dos ‘Bosques Terapéuticos’ programada pola contorna de Cabo Udra, ámbalas dúas previstas para mañá, xoves 20 de agosto, polas malas previsións meteorolóxicas. No caso da ruta polos viñedos do Castelo de Soutomaior, adiouse para o día 26 de agosto, mentres que a sesión dos ‘Bosques Terapéuticos’ en Cabo Udra terá lugar en setembro, e a data exacta anunciarase proximamente.

    Hai que destacar que estas dúas iniciativas que puxo en marcha este verán a institución provincial tiveron unha acollida excepcional e esgotaron as prazas (525 en total) para todas as sesións programadas, tanto as cinco rutas ‘Os Viñedos do Castelo’ como as trinta dos ‘Bosques Terapéuticos’.

    Polo tanto, as rutas de ‘Os Viñedos do Castelo’ comezarán pasado mañá, venres, 21 de agosto, e desenvolveranse posteriormente os días 26, 27 e 28 deste mes e o 3 de setembro.

    A novidosa iniciativa supón outra forma de achegarse ao Castelo de Soutomaior a través dunha ruta polos seus viñedos, unha cata do viño ‘Pedro Madruga’ e un espectáculo teatral con Rosso&Bianco. A actividade, unha iniciativa coa que o goberno de Carmela Silva quere promover o produto local e actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente, ten unha duración de 9o minutos e comezará cun paseo guiado pola senda dos viñedos de Soutomaior, a cargo de persoal propio de turismo que achegará a experiencia natural do percorrido. Ao longo do traxecto explicaranse ás persoas participantes cuestións relativas ás orixes do viño, á DO Rías Baixas e as súas subzonas (destacando a de Soutomaior), así como sobre os tipos de uvas e o proceso da vendima.

    E, tralo percorrido, será a quenda da cata do caldo ‘Pedro Madruga’, que sae das mesmas cepas do Castelo de Soutomaior e foi obtido da colleita de 2019 da man da adega ‘Quinta das Eiras’. E nesta última parte da degustación actuará Rosso&Bianco, o dúo cómico formado por David Carrera e Alberto Antelo, que porá en escena a súa peza teatral “Albariño Edition”, un monográfico sobre o viño albariño dende un punto de vista persoal e moi ameno.

    No caso do programa ‘Bosques Terapéuticos’, a Deputación de Pontevedra ofrece auténticos “baños de bosque” para as persoas participantes nestas rutas por cinco parques forestais da provincia: Cabo Udra (Bueu), Freaza (Fornelos), Camposancos (A Guarda), A Picaraña (Ponteareas) e Serra da Groba (Oia). A actividade busca afondar na natureza para relaxar a mente e reducir os niveis de estrés. Deste xeito, trátase dunha actividade recomendada para todo o mundo, xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador, para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e para aumentar a esperanza de vida.

    Tódalas actividades da Deputación inclúen protocolo covid-19 polo que inclúen distancia de seguridade, aforo limitado, control de temperatura, uso obrigado de máscaras e hixiene de mans, entre outras medidas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.