8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas investirá máis de 400.000 euros na mellora da contorna da piscina...

    Ponteareas investirá máis de 400.000 euros na mellora da contorna da piscina municipal e centro de saúde

    O goberno do BNG-PSOE informou da adxudicación das obras de humanización e mellora da accesibilidade no entorno do complexo deportivo Álvaro Pino e do Centro de Saúde por 403.228 €. A reordenación e integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro Pino e mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos públicos anexos conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos viarios municipais (DEPOREMSE) que financia o 80% da obra. O Concello aportará con fondos propios o 20% restante

    As obras, que se executarán ao longo de tres meses, suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao Centro de Saúde. Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns.

    O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, explican que esta nova obra constitúe un exemplo máis da política iniciada en 2015 polo actual goberno municipal co obxectivo de mellorar a calidade de vida recuperando espazos para o desfrute da cidadanía

    A actuación que mellora da mobilidade e seguridade no entorno, persigue tamén facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.