Xoves, 13 Novembro de 2025

A sede da Deputación en Vigo acolleu a entrega de premios do certame de relatos curtos de AFAGA

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo foi escenario esta mañá da entrega de premios do sexto certame de relatos curtos sobre alzheimer “Nun recuncho da memoria”. Un total de 120 obras participaron no concurso, organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga), moitas delas chegadas desde diferentes comunidades españolas, outros países europeos e o norte e sur de América.  O deputado Carlos Font considerou un “orgullo” para a institución provincial acoller este acto na súa nova sede en Vigo e recoñeceu o “excepcional traballo” da asociación, que axuda a máis de 250 familias e presta servizos en dez concellos da provincia.

Na modalidade de galego resultou gañador Javier García Bello co relato “Avoíño” (dispoñible aquí), mentres que en castelán a vencedora foi Valeria Rey Maldonado, con “Memorias para oler” (ler). Ámbolos dous – Javier presente na cerimonia e Valeria desde Madrid co envío dun vídeo- expresaron o seu agradecemento polo premio. O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, lembrou que “este é un ano especialmente complicado polo que está a acontecer coa pandemia da Covid-19, xa que se a situación para as familias e as persoas con demencia é moi difícil, derivou en tráxica e desorientadora coas medidas de confinamento”. Rodríguez salientou o traballo do persoal sanitario, os coidadores e as coidadoras, e defendeu que, máis que nunca, demóstrase a necesidade duns servizos sanitarios públicos de calidade. “É fundamental un sistema que proporcione os recursos intermedios que garantan os coidados”, explicou, para resaltar e agradecer tamén o “imprescindible labor das familias”.

Carlos Font mostrou en representación da presidenta Carmela Silva o agradecemento da Deputación ao traballo de Afaga, e destacou a calidade dos relatos, que son “unha chamada á conciencia da sociedade sobre o Alzheimer e outras demencias”. O deputado advertiu de que “a pandemia debe facernos reflexionar a todos sobre a necesidade de atender ás persoas que máis o precisan, que deben ser os grandes beneficiarios do Estado de benestar”. Neste sentido concordou coas palabras do presidente da asociación ao considerar prioritaria unha sanidade cos medios axeitados, e reafirmou o compromiso da Deputación coa axuda social a través de diferentes instrumentos e programas que dotan de recursos aos concellos e as asociacións da provincia. Ademais, Font celebrou que a nova sede da Deputación en Vigo, situada na rúa Eduardo Chao, se teña convertido desde a súa inauguración en xaneiro nun centro dinámico no que teñen lugar actos sociais, culturais e doutra índole cidadá xunto coa actividade propia da Deputación. “Queremos que este sexa un lugar de encontro en pleno corazón do Casco Vello”, remarcou.

Heroes e heroínas

No acto tamén participou Raúl Pérez, gañador da anterior edición do relato en galego. Raúl leu a súa emotiva obra ante o público, entre os que estaban familiares de enfermos e enfermas e persoas integrantes da directiva de Afaga, e chamou “a valorar aos nosos maiores, que son verdadeiros heroes e heroínas”, para os que pediu un aplauso.

Ábrense novos prazos de inscrición para obradoiros de rap e música urbana en Nigrán

0

O Concello de Nigrán empregará o rap e estilos afíns (trap, R’n’b, EDM, reggaton…) para sensibilizar entre a mocidade sobre as desigualdades de xénero e a violencia aparellada. Deste xeito, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) ofrece unha nova oportunidade para realizar gratuítamente durante o mes de outubro catro “Obradoiros de Rap e música urbana” a cargo da escola de música de Nigrán ‘Gain Over’, composta por artistas locais de bandas tan recoñecidas como Blue Monk. O prazo de inscrición permanece aberto ata o venres anterior ao inicio de cada curso e está dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 11 e 18 anos, tendo prioridade os empadroados (no caso de vacantes poderán participar de outros municipios).

Os obradoiros están financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizándose no propio CIM (Estrada pola Vía, 65) nas seguintes datas: grupo 1, xoves 1 e 8 de outubro de 17:00 a 19:30 e sábados 3 e 10 de 10:00 a 12:00; grupo 2, venres 2 e 9 e sábados 3 e 10; grupo 3, xoves 15 e 22 e sábados 17 e 24; grupo 4, venres 16 e 23 e sábados 17 e 24. As persoas interesadas deberán remitir a folla de inscrición (poderá descargarse no Facebook Cim de Nigrán, Facebook OMIX Concello Nigrán, Instagram OMIX Nigrán ) acompañada da copia do DNI ao seguinte enderezo electrónico: [email protected].

Gain Over

“Cremos que, precisamente a través da música que a mocidade acostuma a escoitar e de músicos moi coñecidos en todo o Val Miñor, podemos chegar a eles máis facilmente con mensaxes que rachen cos estereotipos de xénero e que preveñan a violencia. Eles mesmos son os actores do cambio que queremos promover”, resume Patricia Diego, edil de Igualdade.

A través deste recurso pedagóxico innovador preténdese sensibilizar á mocidade sobre as desigualdades de xénero e promover a crítica social ante esta violencia, sendo os obxectivos máis específicos que o alumnado aprenda a identificar tópicos sexistas, previr noivados abusivos e convertilos a eles mesmos en protagonistas do cambio. Durante o obradoiro gravarán e producirán un vídeo-clip musical con letra centrada neste contexto e que se distribuirá a través das redes sociais para achegar o proxecto a toda a poboación.

Para máis información os interesados poden telefonear ao CIM (986383081).

Eva García ofrece a súa mediación aos traballadores de ‘Maderas Iglesias’ e instará unha reunión conxunta de alcaldes co conselleiro de Industria

A plantilla da firma porriñesa “Maderas Iglesias” solicitou hoxe a Eva García de la Torre que inste unha reunión conxunta de alcaldes dos concellos afectados por la crise desta firma co conselleiro de Industria e vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.

Actualmente “Maderas Iglesias” conta con 148 traballadores, veciños de concellos da zona. Os que máis teñen son de Porriño, Salvaterra, Mos, Ponteareas, Salceda e Vigo.

Eva García, acompañada de Lourdes Moure, concelleira de Facenda, comprometeuse a trasladar a invitación ás alcaldesas e alcaldes destes concellos para que se sumen á petición de entrevista co conselleiro de Industria.  

Os representantes dos traballadores trasladaron á alcaldesa a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritación xudicial pero os traballadores temen que se sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.

“Maderas Iglesias” foi un dos fabricantes de tarima flotante máis importantes do sector pero desde que estallou a burbulla inmobiliaria leva unha década en perdas e cunha imparable redución de plantilla con nove EREs consecutivos.

A Xunta e as asociacións de atención á diversidade avanzan nun protocolo escolar para nenos con necesidades específicas de apoio educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha primeira reunión de traballo con representantes das asociacións de atención á diversidade para avanzar na posta en marcha dun protocolo específico para alumnado con diversidade funcional durante este curso.

No encontro, que contou coa participación dunha trintena de entidades, o titular de Educación avanzou que este novo protocolo tomará como base o actual que xa rexe o ensino en Galicia pero dará unha resposta máis concreta para  a atención á diversidade con especial fincapé na atención a necesidades educativas especiais, independentemente da modalidade de escolarización.

Preténdese que o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 para alumnos con diversidade funcional no curso 2020-2021 recollaas reclamacións e necesidades expresadas por estes colectivos e que afonde ademais tanto nas pautas de prevención básicas individuais e colectivas específicas para este alumnado como nas pautas organizativas tendo en conta a dimensión asistencial que acompaña á educativa nalgúns destes casos, con persoal non docente que traballa no apoio á autonomía persoal deste alumnado e que precisan tamén dunha resposta sociosanitaria e educativa concreta.

Dialogado e consensuado

“Será un protocolo específico, dialogado e consensuado tomando como base as recomendacións e pautas sanitarias, que son de obrigado cumprimento, e tamén terase en conta as reclamacións dos distintos colectivos para asegurar un transcurso do curso seguro e eficiente para a infancia galega nun ano inédito como este”, explicou o conselleiro.

En todo caso, reiterou, as indicacións dos servizos de saúde serán o punto de partida e as liñas mínimas a garantir en cada momento e contarase tamén coa avaliación e asesoramento do novo Comité Educativo. Tras asumir o departamento de Educación da Xunta de Galicia, esta reunión foi a primeira toma de contacto de Román Rodríguez cos integrantes destas asociacións de atención á diversidade funcional e dá continuidade ao traballo realizado nos últimos anos para conseguir unha educación cada vez máis inclusiva.

Deporte seguro en Mos, reabre a Piscina Municipal

0

Hoxe ás 08.00 horas da mañá entraban pola porta do Pavillón Óscar Pereiro os primeiros usuarios da Piscina Municipal de Mos desde que o pasado mes de marzo cesara a súa actividade por mor da crise sanitaria da COVID-19.

Tratouse de 4 nadadores/as que acudiron ás instalacións deportivas mosenses a realizar a primeira sesión de nado libre tras o inicio da pandemia. Con todas as medidas e protocolos de seguridade e prevención en marcha, puideron gozar de 1 hora de práctica do seu deporte favorito.

Primeiros/as usuarios/as en acceder á Piscina Municipal de Mos esta mañá ás 08.00 horas, tras permanecer pechada desde o pasado mes de marzo.

O novo protocolo de nado libre na Piscina Municipal de Mos establece unha persoa por rúa (ata un máximo de 6 persoas ao contar o vaso cun total de 6 rúas) que debe ter reservado o mesmo horario para todo o mes. Os horarios distribúense ao longo do día en sesións de unha hora repartidas entre as 08.00 horas da mañá e as 22.00 horas os luns, mércores e venres; e entre as 08.00 horas da mañá e as 20.45 horas da tarde os martes e xoves. Os luns, mércores e venres hai polo tanto 9 sesións de unha hora dispoñibles para os nadadores e nadadoras que van por libre; e os martes e xoves 7 sesións dunha hora.

Por outra banda, tamén comezan as clases de aquagym tanto para o público xeral como para os/as usuarios/as do programa municipal ‘Exercítate’ para maiores (no caso do ‘Exercítate’ iniciaranse o 1 de outubro). Estas clases impártense con aforo limitado e utilizando a piscina completa para realizalas. Tamén contan con horarios de mañá e de tarde e requiren de reserva previa. Os luns só se imparte unha sesión de tarde, mentres que os martes, mércores e xoves hai dúas sesións de mañá (unha delas do ‘Exercítate’) e unha de tarde; e os venres dúas sesións de mañá, unha das cales dentro do programa ‘Exercítate’.

No caso do ximnasio do Pavillón Óscar Pereiro, este abrirá as súas portas e reanudará a súa actividade de cara ao vindeiro 15 de outubro, tamén en turnos de unha hora, previa reserva no mesmo horario para todo o mes por parte dos/as usuarios/as. Os luns, mércores e venres habilitaranse 9 turnos de uso entre as 08.00 horas da mañá e as 22.30 horas da noite; e os martes e xoves 6 turnos dunha hora entre as 08.00 horas da mañá e as 21.00 horas.

Primeiros/as usuarios/as en acceder á Piscina Municipal de Mos esta mañá ás 08.00 horas, tras permanecer pechada desde o pasado mes de marzo.

Todas as reservas para os servizos dispoñibles no Pavillón Óscar Pereiro deberán facerse por teléfono no 986 33 40 70 e pódese chamar para reservar tanto de mañá de 09.00 a 14.00 horas como de tarde de 16.00 a 22.00 horas.

Ademais, entre os diversos protocolos activados nas instalacións deportivas municipais, o mes pasado os monitores deportivos municipais do Pavillón Óscar Pereiro e Piscina Municipal recibiron unha formación específica en prevención da COVID-19.

Durante o curso, impartido pola empresa de prevención Cualtis e coordinado polo departamento municipal de Persoal, Recursos Humanos e Pevención de Riscos Laborais, os monitores deportivos do Concello de Mos foron instruídos sobre o protocolo de seguridade e sanitario de prevención da COVID-19 a seguir por eles mesmos e o deseñado para os/as usuarios/as das instalacións deportivas do Pavillón Óscar Pereiro, que os monitores deben garantir que sexa cumprido por parte da cidadanía e dar as indicacións oportunas para que se faga correctamente.

As directrices preventivas a seguir estarán sempre baseadas no rigoroso cumprimento dos protocolos de seguridade sanitarios e no asesoramento técnico especializado para poder adaptarse correctamente ás circunstancias da nova realidade derivada da COVID-19.

Neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, insisten en que, “desde o Concello primamos a seguridade e a saúde da cidadanía, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios, e as medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso; e priorízanse a prudencia e a cautela por riba de todo”.

Comeza o programa de formación para o Comercio Local impulsado polo Concello das Neves

0

Consciente das tendencias de consumo actuais, cada vez máis dixitais, e da aceleración desta tendencia coa chegada da Covid-19, dende o goberno local desenvolveuse un programa formativo para o comercio local, co obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario post-Covid.

O pasado venres 11, tivo lugar unha presentación previa na que as persoas participantes puideron ter un primeiro contacto co equipo que as formará, así como resolver dúbidas e coñecer de xeito pormenorizado o programa de formación que comeza hoxe luns 14, e que se desenvolverá de aquí a final de ano.

O programa de formación en liña consta de dúas fases. Na Fase I, haberá seis sesións de 60-120 min nas que se falará sobre as tendencias de consumo actuais, e se traballará arredor do uso de Google My Business, WhatsApp Business, e Facebook e Instagram profesional, ademais do uso da venda online e de ferramentas para triunfar nas redes. Na fase II, as e os participantes que o
desexen, contarán co apoio dunha persoa experta para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as súas debilidades.

Participan un total de 12 establecementos comerciais que poderán asistir ás sesións en directo e que tamén poderán acceder a elas noutro horario compatible coa súa actividade económica.

Debido ás diferenzas de horarios comerciais, ademais de ter as conferencias dispoñibles uns días despois da súa realización en directo, as persoas participantes terán contacto permanente co equipo de monitores para resolver dúbidas e ampliar coñecementos sobre calquera un dos temas tratados.

Turismo mariñeiro: vivir o mar en primeira persoa

0

O GALP Ría de Pontevedra promove o proxecto de cooperación Mar das Illas en
colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo
Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra
e a Asociación Mar Seguro de Galicia. A iniciativa, que está financiada pola Consellería do
Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), ten como obxectivo fomentar a pesca
turismo e o turismo mariñeiro desde o sector pesqueiro das Rías Baixas, especialmente no
ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e,
actualmente, atópase na súa terceira fase.

Desde o GALP Ría de Pontevedra conversaron cos promotores dos seis proxectos, tres de
turismo mariñeiro e tres de pesca turismo, que resultaron seleccionados: Sauro Martínez
Durán de Sanxenxo, José Manuel Agulla Piñeiro e Reveca Gago de Bueu, Francisco Javier
Costa García de Cangas, Severino Casal Diz de Redondela, Eduardo Martínez Romero de
Vilanova de Arousa e Rosa María Millán Romero da Pobra do Caramiñal. Todos eles xa
lanzaron a mostra piloto das súas propostas con moi boa acollida. De feito, as iniciativas de
Severino Casal e Rosa María Millán, ambas as dúas de turismo mariñeiro de marisqueo a pé,
están abertas ao público e funcionando a pleno rendemento.

As experiencias de pesca turismo a bordo dunha embarcación pesqueira serán as primeiras que se comercialicen en Galicia converténdose nun produto innovador e pioneiro na comunidade, amparado pola normativa vixente. As rías de Pontevedra, Arousa e Vigo-A Guarda abrigan estas propostas que buscan poñer en valor o labor dos traballadores e traballadoras do mar, promover o coidado dos recursos, valorizar os produtos da pesca e do marisqueo e situar ao sector como unha saída laboral de futuro para a xente moza.

Orixe: os cursos de formación

Nas pasadas edicións de Mar das Illas formáronse preto de 120 profesionais do mar como Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG (Parque Nacional das Illas
Atlánticas de Galicia) grazas aos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e de Pesca e Turismo Sostible no ámbito do PNMTIAG. Para participar na fase de titoría foi requisito indispensable que polo menos un dos integrantes do proxecto estivese en posesión do diploma acreditativo.

Foi nestes talleres onde as seis iniciativas atoparon o pulo necesario para saír adiante. Por
exemplo, Severino Casal coñeceu ás compañeiras coas que darlle vida a Amarturmar, asociación que actualmente compoñen 12 persoas, na súa maioría mulleres: “Decidimos
facer unha asociación de turismo mariñeiro para promocionar a cultura mariñeira”, unha
idea que lle andaba pola cabeza a Casal desde facía tempo. “Tiña ganas de ensinar a miña
profesión porque parece que non lle damos valor. Cando vivín en Madrid decateime de que
a xente valora Galicia, a súa comida, o seu peixe; eu antes de ir para Madrid xa era mariñeiro
e volvino ser aquí”, explica. Agora as demais promotoras deste proxecto nado nos primeiros
meses do 2019 completarán estes obradoiros que lles serven, segundo Casal, para levar á
“práctica no traballo e na miña ría de Vigo”

Turismo mariñeiro

Nun primeiro momento, José Manuel Agulla, responsable de Bueu, unha vila con alma
mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre; pensara en realizar unha ruta levando pasaxeiros
no seu barco e descubríndolles o seu labor na Ría de Pontevedra, pero finalmente decantouse por deseñar unha visita na que difundir a cultura mariñeira da vila. “Ensinareilles Bueu e como era antigamente mediante unhas imaxes históricas que temos preparadas, tamén as embarcacións tradicionais, as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”, explica. O percorrido, que tamén incluirá o paso pola lonxa e a praza de abastos, dura unhas dúas horas e nel poderán participar ata 15 persoas.

Os outros dous proxectos de turismo mariñeiro ocúpanse do marisqueo a pé e xa levan un
tempo funcionando. Estas iniciativas gozan de boa aceptación entre a comunidade educativa
e conectan coa xuventude achegándolles as oportunidades de futuro e benestar que ofrece
o sector.

“Primeiro pásaselles un vídeo promocional do Concello e despois veñen á praia, onde lles
explicamos algo de teoría sobre ecoloxía, sostibilidade, o que son os moluscos, como é a
nosa ría e incidimos na importancia de manter as augas limpas. E na última parte, a xente
baixa á auga e fáiselle unha demostración práctica dos aparellos e permíteselles tocalos e,
incluso, andar con eles. Todo o que se recolle nesa demostración volve logo ao mar” conta
Rosa María Millán. Desta proposta con selo da Pobra do Caramiñal, na que é posible coñecer mellor á ameixa xapónica, fina e babosa, o berberecho e a navalla poden gozar un máximo de 15 persoas por quenda. Ademais dispoñen de cadeiras anfibias. “A xente que se apunta ás visitas está moi interesada. Na primeira visita que fixen, era a unha xente de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían, estaban encantados”, rememora Millán. A información sobre as rutas que realizan atópase na páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal.

No tocante a Amarturmar, Severino Casal convida a explorar a Enseada de San Simón caracterizada polas súas augas calmas, tanto que “ás veces parece un lago”. “A ruta do
marisqueo a pé é coas mariscadoras na enseada, nas praias de Cesantes. Ensinámoslles as
especies, a diferenciar os mariscos e invitámolos a coller unha sacha ou un rastro”, apunta. A
visita, de noventa minutos de duración, permite ver desde como se extrae o carallote (longueirón vello) ou os poliquetos ata observar as ovas dos chocos e, coa marea baixa, a seba (zostera marina), “o prado mariño”. O número de participantes mínimo para realizar a actividade é dez. Pódese consultar na súa páxina web e no seu perfil Facebook para saber das visitas.

O CNPonteareas consegue un total de 14 medallas e álzase coa victoria na categoría Máster no Campionato Galego de Natación en Augas abertas

Onte domingo, día 13, disputouse no encoro do Pontillón (Pontevedra) o IV Campionato Galego de Natacion en augas abertas. Tratábase da 1.ª proba oficial en augas abertas que se celebraba en Galicia tras o parón das competicións ocasionada pola Covid-19. A temperatura da auga non permitiu o uso de neopreno. O formato da proba e os/ as nadadores/ as adaptáronse ao protocolo establecido pola organización para previr o contaxio da Covid-19.

Dúas distancias, 1000 metros para os alevíns e 2000 metros para o resto de categorías, o uso de máscara antes e despois de nadar e de xel desinfectante marcaron unha proba con moitísima participación (23 equipos absolutos e 19 en categoría Máster). Na categoría Máster, o CNPonteareas alzouse coa vitoria conxunta, mentres que na Absoluta (Infantil, Alevín, Júnior 1 e 2 e Sénior) a vitoria foi para o CNGalaico (Pontevedra), seguido do CNPonteareas que alcanzaba así o Subcampeonato.

Os nadadores e nadadoras do CNPonteareas (preto de 40 participantes) conseguiron 8 medallas na categoría Máster (3 ouros, 2 pratas, 3 bronces) e 6 metais no resto (2 ouros, 3 pratas, 1 bronce).

Os participantes expresaron unha gran emoción por volver estar de novo nun ambiente competitivo, nunha proba oficial, á espera de que se aprobe un calendario de ligas e competicións para a tempada 2020-2021.

[su_image_carousel source=”media: 20896,20895″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A Deputación abre a inscrición para a segunda das “DepoRutas BTT” que percorrerá o concello de Meis

Un día despois da celebración este pasado domingo da primeira das DepoRutas BTT do ano en Ponteareas, na que participaron máis dun cento de persoas, a Deputación de Pontevedra acaba de abrir este luns 14 de setembro o prazo de inscrición para a segunda destas probas, que percorrerá o concello de Meis o día 11 de outubro.

Esta DepoRuta BTT ofrece un total de 200 prazas e se enmarca na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar  este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. Neste caso, a proba que se desenvolverá en Meis conta cun percorrido circular de 30 quilómetros, con saída e chegada desde a praza da Biblioteca de Mosteiro.

O itinerario iniciarase en dirección a Vilagarcía, cara aos montes de Talide e o río Ulla. Parte desta ruta comparte percorrido co Camiño de Santiago e a senda da Pedra da Auga ata o Mosteiro de Armenteira, e as persoas participantes regresarán logo pola ladeira do Monte Castrove. As saídas realizaranse de xeito gradual, desde ás 9 ás 9.30 horas.

As DepoRutas BTT están dirixidas a todas aquelas persoas maiores de 16 anos (persoas, grupos ou familias) que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables. As e os interesados en participar nesta ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de prazas ata o 5 de outubro, ás 12 horas. Unha vez cubertas as prazas, abrirase unha lista de agarda. Ás persoas participantes se lles confirmará a asistencia a través da web www.depo.gal coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, co programa “Depo Informa”.

As e os menores de idade deberán ir acompañados e, en caso de familias con varias crianzas, será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia. A ruta _ que inclúe os avituallamentos_ estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido.

A Deputación de Pontevedra ten deseñado un protocolo de actuación para a prevención da Covid-19 en relación con esta proba deportiva, que establece en primeiro lugar que as persoas que teñan algún síntoma compatible coa enfermidade como febre, tose ou dificultade respiratoria non deberán asistir á ruta. Recomenda que as e os deportistas realicen o desprazamento de maneira individual no seu propio vehículo e, no caso de que viaxe máis dunha persoa, se respecten estritamente as medidas establecidas polas autoridades, que inclúen a utilización de máscaras protectoras e o viaxe, se é posible, en filas de asentos distintas, mantendo a maior distancia posible entre as e os ocupantes. Xa no momento da chegada ao evento, as persoas asistentes deben utilizar a máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns, así como evitar saúdos ou choques de mans. Só se lle permitirá o acceso á zona de retirada de dorsais á ou ao deportista que vai participar; non se admitirá a entrada a ningunha outra persoa acompañante. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.

A organización habilitará unha carpa exterior para a retirada de dorsais con zonas de entrada e saída diferentes onde as e os participantes deberán acudir 30 minutos antes da súa quenda de saída. Na entrada montarase o servizo de control de temperatura. A ou o deportista que supere os 37,5 ºC non poderá tomar a saída.

As e os participantes colocaranse coa máscara na saída ata 10 segundos antes do comezo. Deberán gardar a máscara no maillot e volver poñela ao chegar o avituallamento.  A entrada a esta zona realizarase de maneira individual e coa máscara posta. Non se entregará ningún produto na man, as e os participantes deberán recollelos da mesa. Haberá mesas suficientes para poder garantir a distancia mínima de seguridade. Finalmente, na chegada á meta, as e os deportistas deberán retirarse da zona nada máis chegar para evitar aglomeracións. Doutra banda, elimínanse as duchas e vestiarios.

Galicia rexistra un total de 4.264 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.264 deles 1.297 son da área da Coruña, 795 da de Lugo, 482 da de Ourense, 503 da de Pontevedra, 361 da área de Vigo, 640 da de Santiago, e 186 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 28 están en UCI, 221 en unidades de hospitalización e 4.015 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 15.440 persoas curadas, rexistrándose 689 falecementos. As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios son dous homes de 88 e 79 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verin e no CHUAC, respectivamente; e unha muller de 75 anos que estaba ingresada no CHUO. Todos eles presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 398.112.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Salceda de Caselas xa conta un Regulamento de Participación Veciñal

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a aprobación definitiva do regulamento de participación veciñal do Concello de Salceda de Caselas, que entrou polo tanto en vigor, e que será o primeiro regulamento de participación cidadá do Concello de Salceda.

No documento regúlase o rexistro de asociacións municipal e a participación veciñal nas decisións do Concello, e ten como eixo fundamental a creación do Consello veciñal, que canalizará a participación cidadá, e que celebrará sesións abertas ao público. Para a creación do Consello, as asociacións que o desexen poden presentar xa a súa solicitude de participación no mesmo.

O mencionado regulamento é un dos compromisos do acordo entre os dous partidos do equipo de goberno.  Ámbolos dous grupos defenden a participación cidadá como un dos puntos fundamentais da política local, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.

Verónica Tourón, concelleira de participación cidadá:  “impulsamos así un concello aberto e democrático, fomentando a participación da veciñanza, acandando deste xeito unha convivencia plena de dereitos e unha preocupación pola problemática social e cultural do noso pobo, mellorando as condicións de vida de Salceda”. “Como responsable da área alégrome moito deste feito e lamento que o PP non apoiase este regulamento porque a participación da veciñanza debería ser o eixo da acción política de calquera color”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O dinamismo social da nosa vila débese ver reflexado na participación na vida pública, e este regulamento ofrécenos unha nova canle directa para que o tecido asociativo, en representación da nosa veciñanza, participe nas decisións públicas que afectan a Salceda. En pouco máis dun ano levamos mantido reunións con 53 asociacións do municipio, e agora damos un pasiño máis na súa total integración no día a día do municipio”.

Un ferido de consideración en Redondela

0

O 112 Galicia rexistrou na tardiña de onte un accidente no que se viron implicados un turismo e unha moto. Como consecuencia do impacto, os dous ocupantes da moto resultaron feridos, un deles con lesións de consdieración, polo que foron evacuados ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Cómpre sinalar que o accidente produciuse ás 20:30 horas de onte na N-552, en Chapela (Redondela). Foi unha testemuña do accidente quen contactou co 112 Galicia para solicitar asistencia médica para os motoristas, pois, malia estar conscientes presentaban importantes lesións. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

O tudense David Fernández Pérez, proclámase campión de España 2020 na modalidade Enduro

0

A Escola de Ciclismo A.D. AVANZA está de celebración co campionato de España Junior conseguido por David Fernández Pérez.

O corredor da A.D.AVANZA desprazábase ata o Pirineo Aragonés como un mais dos sete seleccionados pola Federación Galega de Ciclismo, para participar no campionato de España de Enduro, sendo esta a primeira modalidade que pon os seus títulos estatais en xogo neste 2020.

A falta de probas de este ano, facía que os Riders visen incrementadas as súas inquietudes e gañas de poñer a proba o seu nivel físico ante a falta de competicións por culpa da pandemia da Covid-19.

O Rider da escola de ciclismo A.D. AVANZA, o tudense David Fernández vixente, campión Galego de Enduro 2019, desprazábase ata o Pirineo Aragonés para levar as cores da selección galega o mais alto do podio proclamándose campión de España 2020 na modalidade de Enduro.

Unha veciña de Tomiño foi asistida tras resultar ferida cunha máquina de espigas

0

Recibíuse o aviso de que os servizos sanitarios de urxencia atenderon o sábado pola tarde a unha muller que resultou ferida mentres manexaba unha máquina de espigas, en Tomiño. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a persoa ferida foi liberada polos familiares ao quedarlle atrapada unha man na máquina.

Os feitos ocorreron en Taborda, na parroquia de Amorín, ás sete horas da pasada tarde. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do sucedido a través da chamada dun particular.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES da Guarda, dos axentes da Garda Civil e dos membros de Protección Civil da localidade.

Finalmente, a persoa ferida foi atendida polos equipos de emerxencia e trasladada a un centro médico polos profesionais sanitarios.

Comeza ‘Dixitaliza o teu negocio’ o programa do Concello de Ponteareas para implantar novas estratexias no contexto da pandemia da COVID-19

O Concello de Ponteareas presentou este xoves a iniciativa ‘Dixitaliza o teu negocio’, con plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto provocado polo coroavirus. O plan, que inclúe tamén unha plataforma escaparate para o comercio de Ponteareas, “vai orientar e facilitar aos comercios a mellora do seu posicionamento online, permitindo coñecer todas as alternativas para que cada un escolla o seu método de dixitalización” explicou a concelleira de Promocion Econónmica, Eva Gil.

O obxectivo desta iniciativa, segundo manifestou a concelleira nacionalista, “É desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”.

A formación estará a cargo de profesionais para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios, analizando e resolvendo cada situación concreta coa finalidade de incrementar as oportunidades de venda e mellorar a produtividade e competitividade dos negocios, sinalou Eva Gil.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, quixo recoñecer o esforzo realizado polo comercio local para a súa reapertura e tomando as medidas de prevención necesarias para gañar a confianza dos veciños e reducir os riscos sanitarios e animou a todos os comerciantes a participar neste proxecto, totalmente gratuíto, e que todos os comercios poida adaptar os seus negocios á nova situación derivada da COVID-19”.

Os empresarios e autónomos que estén interesados en sumarse ao proxecto; “dixitaliza o teu negocio” para participar na fomación poderán inscribirse a través plataforma www.dixitalizaponteareas.com.

A DXT inicia o luns unha campaña “contra as distracións ao volante” causa de un de cada catro accidentes ocorridos en Galicia

A Dirección Xeral de Tráfico comezará o vindeiro luns unha campaña especial de vixilancia contra as distraccións ao volante en Galicia. Ao longo da semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo nas estradas galegas, con especial atención ás vías convencionais.

Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizaranse o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Ademais, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

As distraccións na condución prodúcense cando algún suceso, actividade, obxecto ou persoa, dentro ou fóra do vehículo, captan a atención do condutor e desvíana da tarefa de conducir.
É fundamental que o condutor centre toda a súa atención na tarefa de conducir. De feito, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, as distraccións ao volante concorreron no 25,19% dos accidentes que se produciron nas estradas de Galicia en 2019.

A maioría das desatencións ao volante teñen como orixe o uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores GPS ou outros dispositivos. Neste sentido, é importante destacar que o uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente equiparándoo ao de facelo baixo os efectos do alcol.

Sancións

Na mesma campaña do ano pasado, realizada tamén en setembro, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlou 35.326 vehículos nas estradas galegas, e impuxo 417 sancións, das que 101 foron por uso indebido do móbil. Convén lembrar que as distraccións poden carrexar sancións de 200 euros e perda de tres puntos no carné

Redondela distribuirá máis de 3.200 máscaras protectoras entre o alumnado do ensino obrigatorio dos centros públicos do municipio

0

O vindeiro luns, 14 de setembro, o Concello de Redondela iniciará a distribución de máis de 3.200 máscaras de protección entre o alumnado de infantil, primaria e ESO –o ensino obrigatorio– dos centros públicos do municipio. A concelleira de Educación, Olga García Ballesteros, destacada que esta medida responde á “fonda preocupación” do Concello de Redondela, ante un inicio de curso rexido por un protocolo “claramente mellorable” e no que o Goberno local, aínda carecendo de competencias nesta materia, “fará todo o posible por garantir a saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas”.

Nese sentido, a concelleira subliña “a contundencia” dun informe do secretario xeral da Deputación de Pontevedra que sinala textualmente que “a desinfección dos centros escolares por mor da COVID-19 nos centros de infantil, primaria e especial, non son competencia propia dos municipios e supón unha ampliación das mesmas que excede da pura limpeza”.

O informe tamén foi valorado pola alcaldesa Digna Rivas que asegurou que “non fai máis que dar a razón aos concellos xa que a lexislación do Estado nos centros docentes é clara ao sinalar que “as administracións educativas deberán asegurar o cumprimento das normas de desinfección, prevención e acondicionamento” e lembra a alcaldesa de Redondela que o propio informe recalca que “as administracións educativas son o Ministerio de Educación e a Consellería de Educación”.

En todo caso “por responsabilidade”, afirma a rexedora local, “o Goberno local seguirá desenvolvendo todas aquelas medidas preventivas que contribúan a garantir a seguridade dos e das escolares, “independentemente de a quen correspondan as competencias”. “Aos nosos veciños e veciñas –di a rexedora local– impórtalle a saúde dos seus fillos e fillas e non a quen corresponde garantila”.

Vídeo-testemuña de concienciación sobre a COVID-19

Ao mesmo tempo que a entrega de máscaras aos centros escolares, se lles facilitará a cada uno dos colexios unha memoria USB cunha copia do vídeo-testemuña realizado polo Goberno local dentro da campaña de prevención e concienciación contra a COVID-19 ‘Faino por Todxs’. A intención é que dito vídeo sexa difundido entre o alumnado de máis idade.

Esta iniciativa densenvólvese dende o convencemento de que nenos e nenas, sobre todo os de máis idade, precisan concienciarse da situación real que estamos a vivir e da importancia das medidas preventivas, non só para a súa protección, senón tamén para a das súas familias.

Nese sentido o Goberno local amosa a súa confianza en que “a nosa mocidade, que amosou unha conduta exemplar durante o confinamento, seguirá dando mostras da súa responsabilidade”.

Román Rodríguez subliña o esforzo da comunidade educativa para converter os centros de FP en “talleres seguros”

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe o esforzo da Comunidade educativa para adaptar os centros de FP aos requirimentos hixiénico-sanitarios derivados da covid-19, facendo destes espazos uns verdadeiros “talleres seguros”. Tamén reiterou o compromiso do seu departamento para achegar todo o profesorado que sexa necesario para cumprir coas normas sanitarias en canto a seguridade nas aulas e nos talleres de FP.

Fíxoo tras unha visita ao CIFP A Xunqueira no que estivo acompañado polo director Rafael Núñez Portela, e na que ambos supervisaron as medidas implementadas no centro, como a instalación de mamparas, a reorganización de espazos ou a instalación de sinalética no chan.

Ademais do reforzo do profesorado, os centros educativos poderán adoptar outras medidas complementarias como a implantación do ensino semipresencial ou o reforzo de elementos de seguridade, en función das necesidades específicas de cada un.

O responsable de Educación destacou a complexidade do proceso de adaptación destes centros, no que a docencia se desenvolve nun entorno moi semellante a un entorno profesional e agradeceu a profesionalidade e dedicación dos profesionais neste “atípico retorno ás aulas”.

Precisamente, na súa visita ao CIFP a Xunqueira, o conselleiro lembrou que onte mesmo se consensou cos representantes dos centros de Secundaria adiar unha semana o inicio do curso en ESO, Bacharelato e FP, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria nas súas instalacións. A decisión tomouse en base a criterios técnicos, toda vez que a planificación inicial para estes centros mudou tras a reunión que o Goberno Central convocou para o pasado 27 de agosto.

O incremento da distancia de seguridade nas aulas a 1,5 metros obrigou aos centros de Secundaria a comezar de novo toda a súa reorganización, que se suma ao gran esforzo que a súa comunidade educativa viña desenvolvendo nas últimas semanas para preparar o curso escolar.

Arbo Recibe 4.000 euros para elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES)

0

O Concello de Arbo   ven de recibir por parte da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda a notificación da resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se conceden as axudas convocadas pola Orde do 5 de maio de 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, que vai destinada a asistencia técnica na elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), por un importe de 4.000 €.

O Concello de Arbo forma parte xa do Pacto dos Alcaldes contra o Cambio Climático dende outubro de 2019. Horacio Gil, alcalde de Arbo, asegura que “todos temos algo que facer e no ámbito da administración local o facemos deseñando estratexias para reducir esas emisións en función das nosas competencias”.

Precisamente, para alcanzar eses obxectivos, o Concello de Arbo ten que redactar un Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima (PACES) cun inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Polo que no mes de xuño, solicitabase unha achega a Conselleria de Medio Ambiente para a elaboración do Plan.

Tendo en conta a resolución de adxudicación da achega de 4.000 € pola Consellería de Medio Ambiente, o Concello contratou o servizo de “asistencia técnica para a elaboración dun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES)”. Dentro dos cometidos da empresa adxudicataría do contrato deberáse realizar unha proba (durante 6 meses con datos de electricidade) dunha plataforma tecnolóxica de referencia para o cálculo das emisións do seu concello. entrega uhna guía de axudas e fondos europeos adaptada ao concello para a realización de novos proxectos e ferramentas e manuais para a actualización permanente do PACES e a elaboración dos informes de seguimento bianuais.

Nesa liña, o Concello de Arbo deberá concentrar os seus esforzos “en reducir a demanda de enerxía nos seus territorios e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais” remata o alcalde Horacio Gil.

A Deputación renderá homenaxe ás e aos deportistas de alto nivel e promesas da provincia

O parque de Castrelos en Vigo acollerá o vindeiro 24 de setembro unha gala, “con todas as medidas de seguridade”, na que a Deputación de Pontevedra renderá homenaxe ás e aos deportistas de alto nivel e promesas da provincia. “Queremos facerlle un recoñecemento –asegurou a presidenta- a estes homes e mulleres que levan o noso nome a nivel nacional e internacional e que, en moitas disciplinas, son as e os máis grandes”.

Neste eido, o goberno provincial vén de aprobar a concesión de axudas a 224 deportistas de alto nivel (Depo Dan) e promesas (Depo Promesa), que foron reforzadas este ano con 51.800 € máis que no 2019 para “responder ás novas necesidades derivadas da covid”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que “se sempre foi importante o apoio da Deputación ao deporte, nestes momentos de pandemia, onde temos tantas problemáticas, por contaxios, límites de aforamentos, emprego de mascarillas, mantemento das distancias de seguridade, temos que facelo aínda máis”. Deste xeito, o goberno ampliou este ano os recursos das bolsas dirixidas a deportistas de alto nivel e promesas que pasaron dos 180.600 € do 2019 aos 232.400 € deste ano.

As bolsas Depo Dan e Depo Promesa permitirán ás persoas deportistas “adestrar, preparar os seus obxectivos e participar en competicións internacionais e nacionais”. Así, serán un total de 224 as persoas que se beneficiarán das achegas, das que 151 son deportistas de alto nivel e recibirán 187.300 € e 73 promesas e contarán con 45.100 €. Amais, das 224 persoas con bolsa da Deputación, 92 son mulleres, 61 deportistas de alto nivel e 31 novas promesas.

Gonzalo Caballero propón tres comisións parlamentarias pola crise da COVID-19

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou onte a apertura de tres comisións parlamentarias que sirvan para formular a reconstrución de Galicia trala covid, analizar a evolución da pandemia no noso país e estudar o que ocorreu nas residencias de maiores durante a primeira vaga, toda vez que nestes centros faleceron case a metade das persoas que perderon a vida a causa do virus na comunidade galega.

Así o trasladou o líder socialista aos medios de comunicación durante o transcurso da primeira xuntanza da Comisión Interparlamentaria do PSdeG neste curso político, e fixo fincapé en que o PP de Feijóo “non pode bloquear” estes órganos. “Ten que permitir a súa constitución e o seu bo traballo”, recalcou.

Ademais, Gonzalo Caballero xustificou a primeira destas comisións, a de reconstrución, proposta polo PSdeG e confirmada por Feijóo, na necesidade de contribuír entre todas as forzas políticas a deseñar medidas que permitan que “ninguén quede atrás” na saída desta crise sanitaria, económica e social, así como de elaborar políticas de recuperación ao servizo do emprego e da cidadanía máis vulnerable.

No que atinxe á investigacioón sobre o sucedido nos xeriátricos galegos, o secretario xeral do PSdeG incidiu na importancia de “aprender do que pasou” para “corrixilo” no futuro, e afeou o “veto” que pretende impor Feijóo a esta proposta de traballo parlamentario no canto de situarse “ao carón da xente”. “A comisión de investigación das residencias é unha débeda moral coas vítimas, as familias, e traballadoras sociais”.

E, a maiores, Gonzalo Caballero reclamou “unha comisión de seguimento da covid” para coñecer o alcance dos contaxios nun momento no que existe “falta de información” sobre os contaxios e os falecementos. “A Xunta non está trasladando información pormenorizada ao Parlamento nin aos concellos”, sinalou, consciente de que as administracións locais carecen de datos sobre o número de persoas afectadas no seu municipio.

Priorizar ás persoas

En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG subliñou que esta ten que ser a lexislatura da “protección das persoas” e por ese motivo puxo o foco na elaboración dos orzamentos tanto da Xunta como do Goberno de España.

Por iso, chamou á Xunta a que siga a liña de traballo de “priorizar ás persoas” que ten emprendido o executivo estatal e “rectifique os recortes e retrocesos” que ten acometido nas políticas sociais ao longo da última década.

Así o reflicte, sinalou Gonzalo Caballero, o último informe da Asociación Estatal de Directores y Gerentes de Servicios Sociales, que sitúa a “Galicia entre as cinco comunidades que máis recortaron en políticas sociais na última década”.

“Nesta lexislatura, necesitamos uns orzamentos que prioricen ás persoas e que se abandone esa política de recortes”, destacou o líder socialista, quen situou ese extremo como “unha liña vermella” para o PSdeG.

Baiona inicia unha campaña de sancións contra empresas e persoas “pouco cívicas”

0

Tirar a lixo fóra do horario establecido, depositar as bolsas na rúa, abandonar residuos en puntos non autorizados ou amontoar restos vexetais a carón dos contedores son algunhas das condutas que están a ser obxecto dos devanditos expedientes. Os infractores detectados son tanto empresas coma particulares.

Dende o goberno municipal, a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Domínguez destaca que “segan a ordenanza municipal: a correcta xestión dos residuos é de obrigado cumprimento, e insisten en que a falta de civismo dalgúns non pode prevalecer sobre todos os que si respectan as normas de convivencia”.

Estos comportamentos veñen sucedendo dende fai anos, pero a crise da COVID agravou a situación, xa que moitos veciños néganse a abrir os contedores e arroxan as bolsas ó chan, incluso sen baixar dos seus vehículos.

O alcalde, Carlos Gómez, instou a todas as veciñas e aos veciños de Baiona a dar exemplo e atallar o grave problema que supón o incumprimento das nosas obrigas como cidadáns, “trátase de concienciar, non de multar”, sentenciou

A Delegación do Goberno anima á cidadanía a aproveitar a convocatoria galega do Programa MOVES para fomentar o uso dos coches eléctricos

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, animou hoxe á cidadanía, empresas e administracións a aproveitar a convocatoria publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia para fomentar o uso do coche eléctrico e a mobilidade eficiente. Esta convocatoria, que xestiona a Xunta con fondos procedentes do Goberno de España, “ofrece a oportunidade de renovar o parque móbil dos galegos e a súa forma de trasladarse favorecendo o uso de medios menos contaminantes e máis sostibles”.

A iniciativa, explicou Javier Losada, corresponde á segunda edición de Programa de Incentivos á Mobilidade Eficiente e Sostible ( MOVES II) que foi aprobado o pasado mes de xuño polo Consello de Ministros cunha dotación orzamentaria de 100 millóns de euros, un 222%, máis que a primeira edición. O delegado do Goberno explica que a Xunta recibe de leste programa cinco millóns de euros, que son os que poñen agora ao dispor da cidadanía, segundo o criterio de repartición consensuada coa Conferencia Sectorial de Enerxía e baseado no Padrón de habitantes.

O programa MOVES II permite subvencionar, con axudas directas, a compra de vehículos eléctricos ou híbridos enchufables -ata os 5.500 euros, no caso dos coches 100% eléctricos-, a instalación de infraestrutura de recarga e de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, así como a implantación de plans de transporte aos centros de traballo. Respecto da primeira edición, o programa incorpora a posibilidade de que os concellos empreguen as axudas para realizar adaptacións rápidas que lles permitan responder as necesidades de mobilidade que xurdiron como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19, como pode ser a conversión de carrís convencionais en carrís bici ou espazos reservados para o peón.

O delegado do Goberno en Galicia subliña o apoio do Executivo á industria da automoción, estratéxica en España e Galicia, nestes momentos e co obxectivo de que poida aproveitar as oportunidades que ofrecen cambios asociados á nova mobilidade ligada aos procesos de descarbonización e de transformación dixital. Nesta liña nace o Plan de impulso da cadea de valor da industria da automoción: Cara a unha mobilidade sostible e conectada, activado polo Goberno de España e no que se enmarca o Plan MOVES.

Activación económica ligada á mobilidade sostible

MOVES II aumentou o seu orzamento en 55 millóns de euros con respecto á edición de 2019, dotada con 45 millóns. Os 100 millóns do novo programa proveñen de liñas orzamentarias asignadas ao Instituto para o Aforro e a Diversificación da Enerxía ( IDAE), dependente de Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

O investimento público do Estado que contempla MOVES II podería chegar a mobilizar un valor engadido de entre 3,5 e 4 millóns de euros por cada millón investido, xerando máis de 5.000 empregos. Ao tempo, contribúese a mitigar as emisións contaminantes e de gases efecto invernadoiro: o programa podería promover un aforro de 14 toneladas equivalentes de petróleo ( ktep) ao ano e unha redución de emisións anual estimada nunhas 40.250 toneladas de CO2.

A Biblioteca «Xoán Xosé Pérez Labaca» de Mondariz acolle unha xornada sobre ‘aproveitamento sostible de plantas galegas de interese medicinal’

0

A Biblioteca Pública Municipal de Mondariz acollerá, o sábado 3 de outubro unha xornada técnica sobre “Aproveitamento sostible de plantas galegas de interese medicinal, aromático e cosmético”. A inscrición permanecerá aberta ata o día 29 de setembro e o aforo estará limitado a 12 persoas.

A actividade está dirixida, preferentemente a mozos e mozas do medio dural, traballadores e traballadoras do sector agrario, agroalimentario e forestal; persoas propietarias de explotacións agrícolas ou forestais; membros das comunidades de montes veciñais en man común e de asociacións rurais; persoas tituladas de ciclos formativos da rama agroforestal e empresas agrícolas, agroalimentarias e forestais.

A apertura da xornada que terá lugar o 3 de outubro ás 9:30 horas a cargo de Francisco Javier Silva Pando, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e coordinador das cornadas, que procederá á descrición do proxecto Obtención de infusións e esencias a partir de procedencias galegas de especies silvestres, medicinais e aromáticas. O propio Silva Pando desenvolverá o primeiro relatorio sobre Plantas de interese medicinal, aromático e cosmético en Galicia.

A este primeiro relatorio seguirá o desenvolvido por Nicanor Floro Andrés Rodríguez, director de oficina de Farmacia en Vigo, que tratará os Principios acctivos das plantas medicinais: actividade terapéutica dos principais grupos.

Logo dunha pausa, Ruth María Barros Camba do IES Calvo Sotelo da Coruña, falará sobre O cultivo de plantas de interese medicinal, aromático e cosmético. Posibilidades en Galicia. Os relatorios da mañá rematarán co ofrecido por Carmen Valiño Vázquez, de ‘Milhulloa’ de Caldas de Reis que tratará sobre O procesado industrial de plantas medicinais, aromáticas e cosméticas.

As sesións de tarde iniciaránse as 16 horas con Normas de recolección de plantas para uso medicinal e aromático a cargo de Francisco Javier Silva Pando e Pilar Furones Pérez do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

A xornada rematará cunha mesa redonda na que, baixo o título xenérico de Obtención de extractos de plantas medicinais e aromáticas. Oleatos, tinturas, destilados e hidrolatos florais, contará coa participación de Carmen Valiño Vázquez, María Jesús Expósito Casal, Pilar Furones Pérez e Francisco Javier Silva Pando.

A inscrición previa desta actividade organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, pode realizarse ou a través desta ligazón web, enchendo a solicitude e enviándola por correo ao enderezo [email protected]. A reserva de prazas será prerferente ás persoas e actividades anteriormente citadas e por orde de inscrición. A organización, posteriormente, confirmará por correo electrónico a selección ás persoas participantes.

Para o día 10 de outubro, está previda unha segunda edición desta xornada da que, oportunamente, darase a coñecer o prazo de inscrición.

Galicia rexistra hoxe un total de 4.281 casos activos por coronavirus, 55 casos menos que onte sábado

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.281 deles 1.304 son da área da Coruña, 814 da de Lugo, 473 da de Ourense, 470 da de Pontevedra, 366 da área de Vigo, 670 da de Santiago, e 184 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 26 están en UCI, 221 en unidades de hospitalización e 4.034 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 15.222 persoas curadas, rexistrándose 681 falecementos. O número de PCR realizadas é de 394.634.

A campaña ‘Sigue o teu instinto’ da Deputación xa superou neste verán os obxectivos marcados para todo o ano

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer os resultados da campaña de promoción turística “Sigue o teu instinto”, que neste verán xa superou “con moito todos os obxectivos marcados para todo o ano” ao acadar máis de 24 millóns de impactos, cando o obxectivo anual era de 20 millóns”. Silva lembrou que esta campaña de difusión estivo enfocada a tres tipos de canles: Smart TV, redes sociais e medios de comunicación. “Os datos son espectaculares, sinalou, e isto ten que ver cos resultados que acadaron as Rías Baixas nos meses de verán”.

Amais dos 24 millóns de impactos, en canto ás visualizacións dos vídeos xa se superaron os 5 millóns de visualizacións completas, cando o obxectivo era de 3,4 millóns. No que atinxe a visitas á páxina web e redes sociais, só ás canles da Deputación son arredor de 50.000 pero, tal e como indicou Carmela Silva, tendo en conta tamén as visitas aos artigos promocionados nas revistas de viaxes “xeramos máis de 200.000 en total”.

En Smart TV acadáronse máis dun millón de visualizacións nos anuncios de vídeos contratados nas plataformas de Atresmedia e Mediaset, o 96% completas. En Youtube superáronse as 1.200.000 impresións cos spots xenéricos, de costa e de patrimonio, o 65% delas completas. En canto á difusión a través das redes sociais, anunciáronse tamén tres spots (xenérico, de costa e patrimonio) en Facebook cunha taxa de visualizacións completas do 90%, 334.000 completas das 369.000 totais, e 1,6 millóns de impresións e 16.000 clics en anuncios dirixidos á web en Facebook e Instagram.

Nos distintos formatos de anuncios de vídeo en medios xeralistas ou non especializados en turismo, obtívose unha porcentaxe de visualizacións completas de entre o 50% (641.000), o 80% (2.036.000) e o 73% (372.000). No que respecta aos banner, producíronse 13,7 millóns de impresións e case 26.000 clics á páxina web. A campaña “Sigue o teu instinto” tamén foi difundida nalgúns dos principais medios de comunicación dixital, “estivemos en todos os periódicos galegos” e tamén noutros como El País, El Mundo, La Nueva España, ABC, La Razón, 20 Minutos, La Vanguardia, Mundo Deportivo, Diario Información, El Periódico, Heraldo, Marca, Telva, Expansión, Cinco Días, El Comidista e Verne.

Igualmente, tamén se publicaron anuncios en revistas de viaxes online como Viajes National Geographic, que tivo 38.000 páxinas vistas a un artigo sobre o destino, 471.000 impresións dos anuncios na súa web e as súas redes sociais con 7.500 interaccións coas publicacións. Na revista Viajar, os resultados foron de 30.000 páxinas vistas a artigos sobre o noso destino e o Castelo de Soutomaior, e 77.000 impresións en redes sociais con máis de 5.000 interaccións. En canto a Traveler, obtivo 87.000 páxinas vistas a un artigo sobre o noso destino e 815.000 impresións nas redes sociais. E, por último, Elle Living acadou 125.000 impresións dun banner con preto de 200 clics á web.

A presidenta provincial tamén fixo especial fincapé nos datos particulares do mes de agosto, no que se acadaron 18 millóns de impresións coa campaña, máis de 4 millóns de visualizacións completas dos vídeos promocionais, mentres que as publicacións e anuncios tiveron case 80.000 interaccións e clics nas redes e web de Turismo Rías Baixas.

Fomento amosa unha “disposición favorable” a cecer ao Porriño o treito da N-120 entre Cans e a rotonda do Confurco

O Concello do Porriño trasladou onte ao Goberno Central a petición de que o treito da N-120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal. A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.

Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.

Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

Nigrán amplía o saneamento no barrio de Tomadas en Chandebrito

0

O Concello de Nigrán ven de rematar as obras de conexión á rede municipal de saneamento no barrio de Tomadas (Chandebrito). Deste xeito, os interesados xa poden tramitar esta conexión que beneficia a 10 vivendas e 5 parcelas pendentes de urbanizar. A través do persoal municipal o Concello emprendeu as obras e realizou a conexión mediante a instalación de 100 metros de tubaxe en PVC para completar a rede en este barrio de Chandebrito.

“Dende o concello de Nigrán, e xa sexa con noso persoal municipal como en este caso, a través da concesionaria Aqualia (recentemente en Vilariño), plan concellos da Deputación (en obras actualmentre nos barrios da Lagoiña, Xestal e Palomar e tamén este ano en A Carrasca, Carousa ou PO552) ou co uso de remanente (aprobados xa as rúas Raña ou Rego do Forno) temos como obxectivo achegar o saneamento á o maior número de barrios e vivendas posibles porque vequido directo e o tratamento inadecuado das augas residuais xeneradas poas actividades humanas é unha das principais causas de contaminación das augas subterráneas, fluviais e mariñas e da alteración e degradación dos ecosistemas asociados”. Declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

Tal e como informou Concello e Aqualia aos veciños, estes deben acudir á oficina de Aqualia na Avda. Val Miñor, 2 (de luns a venres, de 09:00 a 13:00 horas) para solicitar a conexión ao mesmo.

Mos continúa ao poñer en valor a importancia da muller na sociedade con novo catro accións formativas a través do CIM

0

Coincidindo co regreso dos cativos e cativas ás aulas, o Centro de Información á Muller de Mos vén de convocar catro accións formativas dirixidas ás mulleres. Trátase, segundo a alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Igualdade, Sara Cebreiro, “de non baixar a garda no que a apoio ao colectivo feminino refírese”.

Nesta nova normalidade desde o Concello de Mos non se quere descoidar nin o máis mínimo a actividade do CIM, Centro de Información á Muller, mosense; nin baixar a garda no que a apoio ao colectivo feminino se refire. Así o expresaban hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, que presentaron a nova programación de setembro do Centro de Información á Muller de Mos acompañadas por parte das traballadoras do CIM mosense.

Arévalo e Cebreiro presentaron a nova programación para este mes de setembro do CIM, acompañadas polas traballadora do servizo. A devandita programación está formada por 4 cursos subvencionados pola Xunta de Galicia, 2 dos cales imprártense en horario de mañá e 2 en horario de tarde, para ofrecer unha oferta adaptada ás diferentes necesidades das mulleres interesadas en participar.

O primeiro dos cursos titúlase ‘Vivir en positivo’ e impartirase en dous días durante 3 horas cada día: serán o venres 11 de setembro e o mércores 16 de setembro, en horario de 10.00 horas a 13.00 horas na Axencia de Colocación de Mos.

Os temas a tratar neste curso serán a autoestima, o autocoidado, autocoñecemento, xestión do estrés, técnicas de relaxación, etc.

O segundo curso versa sobre ‘Empoderamento feminino’ e, ao igual que o anterior, impartirase en dous días durante 3 horas cada día: serán o venres 18 de setembro e o martes 22 de setembro, en horario de 10.00 horas a 13.00 horas, tamén na Axencia de Colocación de Mos.

As materias a traballar serán a intelixencia emocional, os límites da sexualidade e o liderazgo.

O terceiro curso, ‘Cambios na vida’, é máis longo e terá unha duración de 10 días e clases de 3 horas diarias. Desenvolverase os luns, martes e venres do 11 de setembro ao 1 de outubro en horario de 16:30 horas a 19.30 horas e o Multiusos das Pozas como lugar de celebración.

Os obxectivos desta acción formativa son aprender a xestionar situacións como cambios de parella, cambio de traballo, falecementos, facerse maior, ser nai, vivir un accidente. Cambios habituais e constantes na vida e que poden chegar a desorientar á persoa que os vive.

No curso traballarase sobre como abrir novas etapas, reconectar e volver a gozar coa propia vida.

Por último, o curso ‘Namórate de ti’, organizado por EuRural, será sobre autoestima e empoderamento a través da fotografía e terá unha duración de 4 días (luns e martes): o 28 e 29 de setembro e o 5 e 6 de outubro. O horario será de 16:30 horas a 19.30 horas e impartirase no Pazo de Mos. Os contidos a tratar serán a autoestima, o amor propio, a motivación, identificación da violencia, autoaceptación, autocoidado, etc.

Estes 4 cursos forman parte dun programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través de subvencións a entidades locais da Comunidade Autónoma.

Aínda quedan algunas prazas vacantes e as interesadas en inscribirse deben facelo no CIM podendo realizar a inscrición telefónicamente de 10.00 horas a 14.00 horas nos números de teléfono da Xurídica, Ana, 673 069 866, e/ou da Psicóloga, María, 673 069 936.

Tres dos obradoiros ‘Vivir en positivo’, ‘Empoderamento feminino’ e ‘Os cambios na vida’ corresponden ao programa, solicitado polo Concello de Mos de Fortalecemento para o cambio en mulleres en situación de vulnerabilidade, dentro do Programa de promoción da Igualdade e prevención da violencia de Xénero, impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia a través das subvencións á entidades locais da nosa Comunidade Autónoma.

O primeiro dos obradoiros ‘Vivir en positivo’, realizarase de xeito presencial e teleformación individualizada. O segundo dos Obradoiros ‘Empoderamento feminino’ tamén se realizará de xeito presencial e teleformación individualizada.

A Consellería de Sanidade establece medidas restritivas pola COVID-19 no concello do Rosal

0

A Consellería e Sanidade, decidiu onte establecer medidas restritivas no concello do Rosal ao igual que o fixo nos de A Guarda, Lalín, Vilaboa e Poio. A medida adoptouse logo da reunión do Subcómite clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica en Galicia.

Entres as medidas que terán que adoptar o Concello do Rosal destacan a limitación dos aforos ao 50 % nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería –onde ademais estará prohibido o consumo en barra–, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Estas medidas foron publicadas onte no DOG e entraron en vigor ás 00:00 horas de hoxe sábado. A posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado no prazo máximo dunha semana.

Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Aberto o prazo de inscrición para o Taller de Inmersión á repostería sefardí

0

A concellería de Turismo do Concello de Tui oferta, dentro do programa de actividades das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, un taller de inmersión á repostería sefardí. Correrá a cargo de Abigail Cohen, propietaria da única pastelaría con obradoiro artesanal de pastas xudías existente en España, a Pastelería ‘La Candela’ en Hervás.

O obradoiro constará dunha parte de introdución á cultura sefardí, os seus costumes, ingredientes básicos e a cociña kosher así como ás festividades xudías e os seus doces para continuar, xa coas mans na masa, aprendendo a elaborar os produtos. Os participantes levarán despois a receita e unha mostra das pastas elaboradas.

Trátase dunha oportunidade para saborear ricos doces, que Abigail Cohen elabora con mimo, o vindeiro venres 18 de setembro ás 19:.00 horas, na Aula Uned (Convento de San Domingos) de Tui.

O taller de inmersión á repostería sefardí está dirixido aos profesionais do sector da hostalaría, restauración e alimentación así como a persoas interesadas nesta temática. As inscricións se realizan na Oficina de Turismo, de forma presencial, no teléfono 677 418 405 ou no correo [email protected].

O obxectivo do Concello de Tui é contribuír á consolidación dunha oferta turística diferenciada arredor do patrimonio xudeu de Tui que incremente os recursos que, para turistas e visitantes, ofrece á nosa cidade.

Esta actividade forma parte do programa ‘Sabores de Sefarad’ que promove a Red de Juderías–Caminos de Sefarad á que pertence o concello de Tui.

O 26 de outubro continuará o programa en Tui coa presenza de Javier Zafra, auto do libro ‘Sabores de Sefarad, los secretos de la gastronomía judeo-española’, que abordará unha xornada sobre esta temática.

O Concello adxudica a elaboración dun plan de acción para o clima e a enerxía sostible

0

O Concello continúa no seu camiño para implantar no Rosal un modelo de consumo enerxético sostible, eficiente e comprometido co medio ambiente. Despois de realizar unha auditoría enerxética na que se avaliou tanto o consumo da iluminación pública exterior como do conxunto de instalacións municipais, o Concello vén de adxudicar o contrato para a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES). O obxectivo deste documento é identificar oportunidades e ámbitos sobre os que actuar para conseguir unha redución do CO2 no municipio.

“Non se trata de facer cousas puntuais, senón de mudar por completo o modelo actual de forma estratéxica e planificada, centrándonos en criterios económicos pero tamén éticos e de compromiso co medio ambiente”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Para a rexedora este proxecto é “unha aposta decisiva para ter un plan de futuro que nos sirva para mellorar a eficiencia enerxética do concello”.

Para a elaboración deste plan, realizarase un inventario das emisións de C02 equivalentes derivadas dos consumos enerxéticos do municipio que serva para facer unha diagnose do estado actual no que se atopa O Rosal, con medidas implantadas ata a data para a redución de gases de efecto invernadoiro, sectores nos que se debería actuar de xeito máis inmediato e prioridades de actuación. A través do PACES proporanse tamén medidas destinada a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir a dependencia dos combustibles fósiles empregando enerxías renovables.

O proxecto terá un custe de 6.000 euros que serán financiados pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención para a elaboración dos PACES dirixida a concellos adheridos ao ‘Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas polo Clima e a Enerxía’, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O ‘Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas’, ao que está adherido O Rosal, é un movemento que agrupa a milleiros de gobernos locais que se comprometen a afrontar retos coma a sostibilidade enerxética e que pretende garantir unha contorna estable dende o punto de vista económico, social e medioambiental para as xeracións actuais e futuras.

As actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Baiona paga outro millón de euros polo aparcadoiro do Aral

0

O Concello de Baiona aprobou, no último Pleno da Corporación, unha modificación de crédito a fin de seguir saldando a débeda contraída polo anterior goberno municipal con Abanca, debido a unha sentencia xudicial tralo rescate do aparcadoiro público do Aral, unha débeda, sinala o Goberno que preside Carlos Gómez “de preto dos catro millóns de euros”.

A débeda contraída estase a saldar co cargo ao remanente de Tesourería, é dicir, cos aforros municipais dos que terá que saír 1 millón de euros para facer fronte ao segundo prazo, pactado para este ano 2020. No 2021, haberá que aboar preto de outro millón de euros.

Tamén referido ao parking do Aral, o concelleiro Óscar Martínez, explicou que xa son máis de 100 as novas altas de persoas abonadas dende que se fixo pública a nova ordenanza reguladora deste aparcadoiro municipal e que entrou en vigor o pasado mes de agosto. Na nova ordenanza establécese que veciños e veciñas poden ter unha praza para o seu vehículo por só 32 euros ao mes.

Martínez subliñou a mellora que esta medida supón xa que, afirma, “dase a posibilidade dun estacionamento protexido e accesible no centro de Baiona a prezo económico. Ademáis lembra o responsable de Vías e Obras que a veciñanza, ten unha hora de aparcamento gratuíto todos os días da semana, incluídos sábados e domingos.

A Concellería de Vías e Obras de Redondela remata os traballos na rúa San Xoán de Arcal

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela, que xestiona Vicente Lamas, deu por rematados os traballos de mellora e asfaltado da rúa San Xoán de Arcal, en Redondela, unha rúa que atopábase un estado “deplorable” e na que as veciñas e veciños viñan, dende hai anos, reclamando a súa reparación “sen que ninguén lles fixera caso”, sinala o responsable de Vías e Obras.

As labores realizadas supoñen unha reparación integral co asfaltado de toda a vía e o conseguinte levantado de arquetas para adecualas ao novo firme. Para o remate da obra, explica Lamas, “tan so queda o pintado da sinalización horizontal e das prazas de estacionamento” co que a rúa quedará adecuada ao que se pide a unha zona urbana moderna.

Doutra banda, a Concellería de Vías e Obras adiantou que nesta vindeira semana tamén se comezarán cos traballos de asfaltado da rúa que leva cara a Ventosela.

Finalmente, Vicente Lamas deu conta que os traballos de roza que se desenvolven en todas as parroquias de Redondela, están xa máis aló do 70 % co que se espera que conclúan nestas vindeiras semanas. Dentro desas actuacións inclúese o rozado do paseo de Redondela ata a Portela, paso que utilizan numerosas veciñas e veciños.

Como en outras moitas cousas, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, os traballos de roza estaban previstos para varios meses atrás pero, a situación xerada pola COVID-19 e a conseguinte paralización es expedientes, provocou atrasos na execución dos traballos.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 25 e sábado 26 de setembro

0

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 25 e sábado día 26 de setembro.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 25 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 26 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para maior seguridade, pide a túa cita previa para doar no 900 100 828.

  • Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas
  • Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar
  • Informe ao médico se está a tomar algún medicamento

A homenaxe aos heroes e heroínas da crise sanitaria pecha O Alivio 2020

0

O Alivio chega á súa recta final. Este sábado 12 de setembro a Praza do Seixo acollera o peche das festas co tradicional acto cívico e cun concerto da Banda de Música de Goián. A tarde arrancará ás 20.00 horas cunha sentida homenaxe a todas as persoas que durante a crise sanitaria colaboraron de forma activa na loita contra a COVID-19, a todos os colectivos e a toda a veciñanza que converteron o municipio nun exemplo de unidade e solidariedade durante unha situación excepcional.

O acto cívico, que por primeira vez non protagoniza unha persoa individual, centrará o seu recoñecemento no persoal sanitario, que estará representado por Ana María Fonterosa, enfermeira do centro de saúde tomiñés con máis de 32 anos de experiencia.

Tras esta homenaxe, chegará a quenda da música. A Agrupación Musical de Goián non faltará á súa cita co Alivio e porá punto e final co seu concerto a unhas festas diferentes e marcadas por todas as medidas de prevención tomadas para que o público puidera desfrutar de música, contos, teatro ou maxia con total seguridade.

A Banda de Música de Goián subirase ao escenario ás 22.30 horas. O concerto será de balde, pero será necesario reservar entrada chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O sábado preséntase en Ponteareas a asociación ‘Móvete Polo TDAH’

A concelleira de Educación e tenenta de alcalde do Concello de Ponteareas, Cristina F. Davila convida a toda a cidadanía a asistir ao acto de presentación da asociación “‘Móvete polo TDAH’ que terá lugar mañá sábado ás 17 horas na Praza Maior de Ponteareas. 

Dentro dos actos previstos estarán ás 18 horas a asociación de Protección á Infancia Contra o Abuso e ás 18:20 terá lugar a presentación de Percuterapia con Pedro Campos, músico terapeuta que colabora con distintas institucións en Galicia. 

Ás 19 horas haberá unha actuación musical de Pedro Campos e ás 20 horas os rapaces e rapazas asistentes confeccionarán máscaras co anagrama da asociación. 

Sanidade declara A Guarda zona con especiais restriccións por motivo do COVID-19

0

A Consellería de Sanidade estableceu esta mañá medidas restrictivas logo da reunión do subcomité clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica en Galicia. As medidas entrarán en vigor a partir as 00:00 h do sábado 12 de setembro. Estas medidas  serán revisadas no prázo máximo dunha semana.

As medidas  inclúen a reducción dos aforos a un 50 % en celebracións como bodas e bautizos, este mesmo aforo aplicarase as piscinas públicas e aos establecementos comerciais, de hostelería, etc. No caso das terrazas o aforo será do 75 %. Tamén se establece unha limitación do número de persoas nas xuntanzas, tanto en lugares pechados como na vía pública, a un máximo de 10 persoas. Ademais redúcense os aforos en velorios e lugares de culto.

Con motivo destas restriccións o concello da Guarda tomou a decisión de suspender o mercadillo deste sábado 12 de setembro. Así mesmo establece aforos limitados para as praias de 4 m2 por persoa. No caso da Area Grande e Fedorento son os seguintes: Area Grande, marea baixa 438 persoas, marea alta 234 persoas. Praia de Fedorento, marea baixa 98 persoas, marea alta 44 persoas. Estes aforos serán controlados periódicamente pola Policía Local.

O concello está valorando cos responsables da área sanitaria de Vigo o aforo para o partido de balonmán do Atlético Guardés que se celebrará este sábado ás 20:30 h

A día de hoxe o número de casos activos na localidade é de 30. Temos que recordar que é responsabilidade de todos os veciños e veciñas controlar a situación sanitaria debida ao COVID-19. É necesario manter o uso da mascarilla e extremar a hixiene de mans e o mantemento da distancia social, sobre todo tendo en conta que co comenzo da actividade escolar aparecen novos factores de risco. Dende o concello queremos trasladarlle ás familias que reforcen as medidas de precaución cos cativos, prestando especial atención a aparición de febre.

Carlos Font cualifica o adiamento do curso escolar como “a constatación dun estrepitoso fracaso da Xunta”

Cos votos de PSdeG-PSOE e o BNG e a oposición do PP, o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a moción para esixir da Xunta de Galicia que, diante do clamor social de pais e nais, Anpas, sindicatos, concellos, e de toda a comunidade educativa, se responsabilice dunha vez dunha competencia exclusivísima do Goberno galego como é o inicio do curso escolar que, en palabras do voceiro Carlos Font, “segue sumido nun absoluto caos que deixa á sociedade nunha indefensión intolerable e sen garantías; nin docentes nin sanitarias”.

O portavoz socialista cualificou de “fracaso estrepitoso da Xunta de Galicia a lamentable rectificación de última hora, rexistrada ás 11.34 horas de hoxe, cando a Consellería tivo que recoñecer que non é posible comezar o curso e certificaba o aprazamento do mesmo en Secundaria e Formación Profesional, tal e como lle viñan reclamando institutos de toda a provincia”. Font acusou á Xunta de actuar “tarde e mal” e de xerar “unha tensión innecesaria con todo o mundo”, e todo para acabar admitindo “o mesmo que xa lle tiñan pedido por escrito os centros, entre eles ata 12 directoras e directores da cidade de Pontevedra”.

O voceiro socialista referiuse tamén ao problema xerado polo intento da Xunta de cargar aos concellos cos gastos extraordinarios de desinfección, cando o informe do secretario xeral da Deputación e outros ditames de persoas expertas, conclúen que trátase dunha competencia exclusivamente autonómica, na medida en que ten que ver coa saúde pública e excede claramente do deber de limpeza e mantemento ordinarios. “Resulta indignante, dixo Font, que o PP se poña, tamén na Deputación, do lado da Xunta e non dos concellos”, recalcou. Ademais, lembrou que a institución provincial actuou de xeito temperán enviando 1,7 millóns de euros aos concellos para cubrir os gastos xerados pola pandemia. Pola contra, lembrou que a Xunta recibe case 93 millóns de euros extra do Goberno do Estado para cubrir as necesidades educativas en Galicia “e se dedica a recadalos, pero sen transferir un euro aos concellos”. “A mesma Xunta”, engadiu, “que xa protestara porque eses cartos chegan condicionados para gastos educativos”. Unha actitude que contrasta coa de outras comunidades autónomas, como Baleares, onde o Goberno asume o coste das desinfeccións.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, César Mosquera, detallou que os concellos están a afrontar gastos extraordinarios de entre o 3% e o 6% dos seus recursos “que lles van abanear as súas contas” e cualificou como “falta de respecto absoluto” cargar aos municipios co custe dunhas desinfeccións que son competencia autonómica. “Aos concellos non se lles manda un euro, pero si máis cargas con moita alegría”, indicou, antes de concluír que nos debates no seo da Deputación hai que estar do lado dos concellos, “aos que representamos”.

Por outra banda, o Pleno rexeitou cos votos do PSOE e do BNG unha moción do PP a propósito do Real Decreto Lei sobre uso dos remanentes municipais que onte decaeu no Congreso. Carlos Font defendeu que o RDL era a única fórmula legal para poñer os aforros “incautados pola Lei de Estabilidade Presupostaria de 2012, coñecida como Lei Montoro”, a disposición dos municipios e explicou que o Goberno ofreceu un mecanismo que “en termos de negocio sería un negocio ruinoso para o Estado, pois supoñía devolver o 135% do entregado e convertelo, ademais, en déficit estatal”. O deputado concluíu que os únicos que poden estar hoxe felices son os bancos e mesmo puxo o exemplo de Madrid, que pagará 2 millóns de euros ao ano en intereses negativos “gracias ao bloqueo”.

César Mosquera subliñou que o auténtico “corralito” foi a Lei Montoro e afeoulle ao PP que intente patrimonializar o resultado da votación de onte no Congreso. Cualificou a moción como “oportunista” e como un intento de “poñerse de campeóns”. “A vostedes non lles importa o fondo da cuestión, senón o exercizo do carroñeirismo político”.

Galicia rexistrou hoxe un total de 4.361 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.361 deles 1.403 son da área da Coruña, 855 da de Lugo, 463 da de Ourense, 413 da de Pontevedra, 364 da área de Vigo, 689 da de Santiago, e 174 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 26 están en UCI, 201 en unidades de hospitalización e 4.134 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.670 persoas curadas, rexistrándose 676 falecementos. A últimas persoas falecidas foi unha muller de 80 anos que estaba ingresada no CHUO e un home de un home de 76 anos que estaba ingresado no CHUAC. Ambos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 384.735.