11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación abre a inscrición para a segunda das "DepoRutas BTT" que...

    A Deputación abre a inscrición para a segunda das “DepoRutas BTT” que percorrerá o concello de Meis

    A actividade, que seguirá en todo momento o protocolo de actuación para a prevención da Covid-19, terá lugar o 11 de outubro cun percorrido circular de 30 quilómetros

    Un día despois da celebración este pasado domingo da primeira das DepoRutas BTT do ano en Ponteareas, na que participaron máis dun cento de persoas, a Deputación de Pontevedra acaba de abrir este luns 14 de setembro o prazo de inscrición para a segunda destas probas, que percorrerá o concello de Meis o día 11 de outubro.

    Esta DepoRuta BTT ofrece un total de 200 prazas e se enmarca na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a desfrutar  este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. Neste caso, a proba que se desenvolverá en Meis conta cun percorrido circular de 30 quilómetros, con saída e chegada desde a praza da Biblioteca de Mosteiro.

    O itinerario iniciarase en dirección a Vilagarcía, cara aos montes de Talide e o río Ulla. Parte desta ruta comparte percorrido co Camiño de Santiago e a senda da Pedra da Auga ata o Mosteiro de Armenteira, e as persoas participantes regresarán logo pola ladeira do Monte Castrove. As saídas realizaranse de xeito gradual, desde ás 9 ás 9.30 horas.

    As DepoRutas BTT están dirixidas a todas aquelas persoas maiores de 16 anos (persoas, grupos ou familias) que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables. As e os interesados en participar nesta ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de prazas ata o 5 de outubro, ás 12 horas. Unha vez cubertas as prazas, abrirase unha lista de agarda. Ás persoas participantes se lles confirmará a asistencia a través da web www.depo.gal coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, co programa “Depo Informa”.

    As e os menores de idade deberán ir acompañados e, en caso de familias con varias crianzas, será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia. A ruta _ que inclúe os avituallamentos_ estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido.

    A Deputación de Pontevedra ten deseñado un protocolo de actuación para a prevención da Covid-19 en relación con esta proba deportiva, que establece en primeiro lugar que as persoas que teñan algún síntoma compatible coa enfermidade como febre, tose ou dificultade respiratoria non deberán asistir á ruta. Recomenda que as e os deportistas realicen o desprazamento de maneira individual no seu propio vehículo e, no caso de que viaxe máis dunha persoa, se respecten estritamente as medidas establecidas polas autoridades, que inclúen a utilización de máscaras protectoras e o viaxe, se é posible, en filas de asentos distintas, mantendo a maior distancia posible entre as e os ocupantes. Xa no momento da chegada ao evento, as persoas asistentes deben utilizar a máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns, así como evitar saúdos ou choques de mans. Só se lle permitirá o acceso á zona de retirada de dorsais á ou ao deportista que vai participar; non se admitirá a entrada a ningunha outra persoa acompañante. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.

    A organización habilitará unha carpa exterior para a retirada de dorsais con zonas de entrada e saída diferentes onde as e os participantes deberán acudir 30 minutos antes da súa quenda de saída. Na entrada montarase o servizo de control de temperatura. A ou o deportista que supere os 37,5 ºC non poderá tomar a saída.

    As e os participantes colocaranse coa máscara na saída ata 10 segundos antes do comezo. Deberán gardar a máscara no maillot e volver poñela ao chegar o avituallamento.  A entrada a esta zona realizarase de maneira individual e coa máscara posta. Non se entregará ningún produto na man, as e os participantes deberán recollelos da mesa. Haberá mesas suficientes para poder garantir a distancia mínima de seguridade. Finalmente, na chegada á meta, as e os deportistas deberán retirarse da zona nada máis chegar para evitar aglomeracións. Doutra banda, elimínanse as duchas e vestiarios.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.