7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaTurismo mariñeiro: vivir o mar en primeira persoa

    Turismo mariñeiro: vivir o mar en primeira persoa

    O GALP Ría de Pontevedra conversa cos promotores das seis iniciativas enmarcadas no proxecto de cooperación Mar das Illas

    O GALP Ría de Pontevedra promove o proxecto de cooperación Mar das Illas en
    colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo
    Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra
    e a Asociación Mar Seguro de Galicia. A iniciativa, que está financiada pola Consellería do
    Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), ten como obxectivo fomentar a pesca
    turismo e o turismo mariñeiro desde o sector pesqueiro das Rías Baixas, especialmente no
    ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e,
    actualmente, atópase na súa terceira fase.

    Desde o GALP Ría de Pontevedra conversaron cos promotores dos seis proxectos, tres de
    turismo mariñeiro e tres de pesca turismo, que resultaron seleccionados: Sauro Martínez
    Durán de Sanxenxo, José Manuel Agulla Piñeiro e Reveca Gago de Bueu, Francisco Javier
    Costa García de Cangas, Severino Casal Diz de Redondela, Eduardo Martínez Romero de
    Vilanova de Arousa e Rosa María Millán Romero da Pobra do Caramiñal. Todos eles xa
    lanzaron a mostra piloto das súas propostas con moi boa acollida. De feito, as iniciativas de
    Severino Casal e Rosa María Millán, ambas as dúas de turismo mariñeiro de marisqueo a pé,
    están abertas ao público e funcionando a pleno rendemento.

    As experiencias de pesca turismo a bordo dunha embarcación pesqueira serán as primeiras que se comercialicen en Galicia converténdose nun produto innovador e pioneiro na comunidade, amparado pola normativa vixente. As rías de Pontevedra, Arousa e Vigo-A Guarda abrigan estas propostas que buscan poñer en valor o labor dos traballadores e traballadoras do mar, promover o coidado dos recursos, valorizar os produtos da pesca e do marisqueo e situar ao sector como unha saída laboral de futuro para a xente moza.

    Orixe: os cursos de formación

    Nas pasadas edicións de Mar das Illas formáronse preto de 120 profesionais do mar como Guías Acreditados de Turismo Mariñeiro no ámbito do PNMTIAG (Parque Nacional das Illas
    Atlánticas de Galicia) grazas aos cursos de Iniciación ao Turismo Mariñeiro e de Pesca e Turismo Sostible no ámbito do PNMTIAG. Para participar na fase de titoría foi requisito indispensable que polo menos un dos integrantes do proxecto estivese en posesión do diploma acreditativo.

    Foi nestes talleres onde as seis iniciativas atoparon o pulo necesario para saír adiante. Por
    exemplo, Severino Casal coñeceu ás compañeiras coas que darlle vida a Amarturmar, asociación que actualmente compoñen 12 persoas, na súa maioría mulleres: “Decidimos
    facer unha asociación de turismo mariñeiro para promocionar a cultura mariñeira”, unha
    idea que lle andaba pola cabeza a Casal desde facía tempo. “Tiña ganas de ensinar a miña
    profesión porque parece que non lle damos valor. Cando vivín en Madrid decateime de que
    a xente valora Galicia, a súa comida, o seu peixe; eu antes de ir para Madrid xa era mariñeiro
    e volvino ser aquí”, explica. Agora as demais promotoras deste proxecto nado nos primeiros
    meses do 2019 completarán estes obradoiros que lles serven, segundo Casal, para levar á
    “práctica no traballo e na miña ría de Vigo”

    Turismo mariñeiro

    Nun primeiro momento, José Manuel Agulla, responsable de Bueu, unha vila con alma
    mariñeira, onte, hoxe e oxalá que sempre; pensara en realizar unha ruta levando pasaxeiros
    no seu barco e descubríndolles o seu labor na Ría de Pontevedra, pero finalmente decantouse por deseñar unha visita na que difundir a cultura mariñeira da vila. “Ensinareilles Bueu e como era antigamente mediante unhas imaxes históricas que temos preparadas, tamén as embarcacións tradicionais, as artes que se utilizaban antes, e de aí pasaremos ao peirao para ver os meus barcos e falarlles da miña experiencia”, explica. O percorrido, que tamén incluirá o paso pola lonxa e a praza de abastos, dura unhas dúas horas e nel poderán participar ata 15 persoas.

    Os outros dous proxectos de turismo mariñeiro ocúpanse do marisqueo a pé e xa levan un
    tempo funcionando. Estas iniciativas gozan de boa aceptación entre a comunidade educativa
    e conectan coa xuventude achegándolles as oportunidades de futuro e benestar que ofrece
    o sector.

    “Primeiro pásaselles un vídeo promocional do Concello e despois veñen á praia, onde lles
    explicamos algo de teoría sobre ecoloxía, sostibilidade, o que son os moluscos, como é a
    nosa ría e incidimos na importancia de manter as augas limpas. E na última parte, a xente
    baixa á auga e fáiselle unha demostración práctica dos aparellos e permíteselles tocalos e,
    incluso, andar con eles. Todo o que se recolle nesa demostración volve logo ao mar” conta
    Rosa María Millán. Desta proposta con selo da Pobra do Caramiñal, na que é posible coñecer mellor á ameixa xapónica, fina e babosa, o berberecho e a navalla poden gozar un máximo de 15 persoas por quenda. Ademais dispoñen de cadeiras anfibias. “A xente que se apunta ás visitas está moi interesada. Na primeira visita que fixen, era a unha xente de Madrid, case lle tiven que quitar o rastro da man porque non mo devolvían, estaban encantados”, rememora Millán. A información sobre as rutas que realizan atópase na páxina web do Concello da Pobra do Caramiñal.

    No tocante a Amarturmar, Severino Casal convida a explorar a Enseada de San Simón caracterizada polas súas augas calmas, tanto que “ás veces parece un lago”. “A ruta do
    marisqueo a pé é coas mariscadoras na enseada, nas praias de Cesantes. Ensinámoslles as
    especies, a diferenciar os mariscos e invitámolos a coller unha sacha ou un rastro”, apunta. A
    visita, de noventa minutos de duración, permite ver desde como se extrae o carallote (longueirón vello) ou os poliquetos ata observar as ovas dos chocos e, coa marea baixa, a seba (zostera marina), “o prado mariño”. O número de participantes mínimo para realizar a actividade é dez. Pódese consultar na súa páxina web e no seu perfil Facebook para saber das visitas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.