O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe o esforzo da Comunidade educativa para adaptar os centros de FP aos requirimentos hixiénico-sanitarios derivados da covid-19, facendo destes espazos uns verdadeiros “talleres seguros”. Tamén reiterou o compromiso do seu departamento para achegar todo o profesorado que sexa necesario para cumprir coas normas sanitarias en canto a seguridade nas aulas e nos talleres de FP.
Fíxoo tras unha visita ao CIFP A Xunqueira no que estivo acompañado polo director Rafael Núñez Portela, e na que ambos supervisaron as medidas implementadas no centro, como a instalación de mamparas, a reorganización de espazos ou a instalación de sinalética no chan.
Ademais do reforzo do profesorado, os centros educativos poderán adoptar outras medidas complementarias como a implantación do ensino semipresencial ou o reforzo de elementos de seguridade, en función das necesidades específicas de cada un.
O responsable de Educación destacou a complexidade do proceso de adaptación destes centros, no que a docencia se desenvolve nun entorno moi semellante a un entorno profesional e agradeceu a profesionalidade e dedicación dos profesionais neste “atípico retorno ás aulas”.
Precisamente, na súa visita ao CIFP a Xunqueira, o conselleiro lembrou que onte mesmo se consensou cos representantes dos centros de Secundaria adiar unha semana o inicio do curso en ESO, Bacharelato e FP, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria nas súas instalacións. A decisión tomouse en base a criterios técnicos, toda vez que a planificación inicial para estes centros mudou tras a reunión que o Goberno Central convocou para o pasado 27 de agosto.
O incremento da distancia de seguridade nas aulas a 1,5 metros obrigou aos centros de Secundaria a comezar de novo toda a súa reorganización, que se suma ao gran esforzo que a súa comunidade educativa viña desenvolvendo nas últimas semanas para preparar o curso escolar.