Venres, 14 Novembro de 2025

Trescentos deportistas tomarán a saída o domingo no VII Trail do Trega rodeados dun estrito protocolo de seguridade sanitaria

0

A Casa dos Alonsos, sede do Concello da Guarda, acolleu na mañá de hoxe a presentación da sétima edición do Trail do Trega que terá lugar este vindeiro domingo, 11 de outubro, a partir das 10:30 horas. Trátase dunha proba emblemática e que se disputa, na súa totalidade, no marco incomparable que ofrece o monte Trega e que, este ano, é ‘reinventada’ de cara a facela segura e adaptada aos protocolos sanitarios sen que por iso perda nada da súa beleza e do seu carácter competitivo.

No acto de presentación o alcalde, Antonio Lomba, estivo acompañado polo deputado de Deportes, Gorka Gómez; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o organizador da proba, Serafín Acevedo.

A concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes salientaba a importancia das medidas de seguridade sanitaria que rodeaban a este trail que non dubidou en cualificar como “un icono de todas as probas deportivas que se desenvolven ao longo do ano na Guarda”. Recoñecía Magallanes a “complexidade dos tempos que estamos a vivir”, pero tamén amosaba a súa confianza na recuperación do pulso deportivo e cultural da Guarda “sempre vixilando o cumprimento dos protocolos establecidos para a COVID-19”.

Agrupación por similares características técnicas e competitivas

Serafín Acevedo, organizador da proba, salientaba nas súas palabras o esforzo organizativo por ‘reinventarse’ e que, pese a iso, a proba se mantivera como un espectáculo deportivo de primeira orde sen perder nin atractivo para as persoas espectadoras nin competitividade para as e os atletas.

Non é tarefa doada coodinar a 300 participantes cos protocolos da COVID-19 actualmente en vigor e, porén, conseguiuse. Así as saídas realizaránse por quendas de 10 deportistas o que, de entrada permitirá que poidan manter unha distancia mínima de seguridade de tres metros entre eles. Ao mesmo tempo, haberá 30 segundos entre a saída de cada unha das quendas.

Outra das novidades será o agrupamento das e dos atletas por características físicas e competitivas, dese xeito, explicaba Serafín Acevedo, “os e as atletas máis rápidos e con mellores marcas sairán primeiro, co que se evitan aglomeracións e adiantamentos” doutra banda, e para garantir aínda máis a seguridade, os avituallamentos serán individualizados e debidamente embolsados.

A saída para esta proba de 14 quilómetros e 800 metros de desnivel, será as 10: 30 horas dende a Alameda da Guarda, un lugar idóneo pola súa amplitude que permitirá que o público asistente poida manter as debidas distancias de seguridade. Pese a que o Trail do Trega non ten un desnivel significativo, o cambio constante de terreo, a orografía complicada e as condicións meteorolóxicas adversas e cambiantes, fan que sexa unha proba para a que se precisa unha boa preparación física. Asi mesmo a organización ten programada unha andaina guiada, de 10 quilómetros e con 500 metros de desnivel, con saída dende a Alameda ás 10 horas e que, ao igual que o trail, ten limitado o número de participantes que será de 100 persoas

Achegar á cidadanía actividades deportivas seguras

Na súa intervención, Gorka Gómez, deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra subliñaba a importancia dos concellos á hora de desenvolver actividades como a que se estaba a presentar. “O máis fácil –afirmou– sería paralizar a actividade deportiva totalmente. Pero nestes momentos temos que facer precisamente o contrario”. Gómez amosaba o seu convencemento de que “hai que achegar á cidadanía actividades deportivas seguras, que se celebren ao aire libre porque o deporte é sinónimo de saúde”.

O deputado de Deportes incidu na aposta que, por este trail, facía a Deputación de Pontevedra potenciando “unha proba emblemática e unha disciplina que se desenvolverá en tres concellos, O Rosal, Silleda e a Guarda que compoñen a Pontevedra Trail League”. Amais da súa importancia deportiva “poñemos en valor os diferentes espazos naturais e, paralelamente, ofertamos a cidadanía deportes nestes momentos complicados”.

Gómez reafirmaba o seu convencemento na importancia do deporte como medio de manter a saúde e de recuperar, pouco a pouco, certa normalidade e por iso facía fincapé que, dende a Deputación “levamos meses facendo actividades deportivas seguras sen problemas, eventos que se desenvolveron durante o verán cun total éxito de participación e de seguridade”. Nesa liña considera preciso, Gorka Gómez, “trasladar á cidadanía a importancia de facer actividades, ao igual que é importante manter a actividade económica e cultural”. Temos que ter claro que haberá que covivir durante unha tempada con esta situación sanitaria e temos que seguir vivindo”.

Antonio Lomba: “malos tempos para a lírica”

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradecía a presenza de Gorka Gómez e a implicación da Deputación nesta proba e o que cualificaba “a osadía” de preparar eventos deportivos como este Trail do Trega ou a recentemente celebrada ‘La Icónica’ –marcha na modalidade nórdica entre Oia-A Guarda-Tui–, lembraba o título da canción de Germán Copini e Golpes Bajos ‘Malos tiempos para la lírica” asegundando que agora son “malos tempos para a lírica, pero tamén para a cultura e o deporte”.

Tiña Antonio Lomba un especial recoñecemento á concelleira de Cultura e Deporte, Montserrat Magallanes ao asegurar que “Montse leva demostrado que, con moita cabeciña, se pode fomentar cultura e deporte cumprindo os protocolos sanitarios e poñendo ese granciño de area para que isto non se paralice totalmente, que é o peor que nos podía pasar”.

Nun tempo en que aqueles que se dedican a organizar eventos culturais e deportivos “están a pasar un mal momento porque ninguén se atreve e ninguén quere dar un paso adiante, Montse, como concelleira de Deportes e Cultura, é quen tira para adiante”.

Aseguraba ter respecto á organización dun evento do calibre do Trail do Trega, aínda que non dubidou en afirmar que “teño un pouco menos de medo porque estades detrás de min, Montse, Serafín, e a Deputación e foron quen de facer un protocolo extraordinario para poder celebrar esta competición deportiva”. Subliñaba a dificultade que ten o desenvolvemento deste tipo de eventos con 300 persoas correndo “o que demostra ben ás claras que a xente ten ganas de facer deporte ao igual que hai xente que participa na andaina porque tamén ten ganas de andar”.

“Debemos ter claro que non se pode parar todo” afirmaba con rotundidade Antonio Lomba. “Hai unha parte importante da economía que está pendente do deporte e da cultura” polo que, engadía, “debemos procurar que nesta nova normalidade, as institucións e aqueles osados do sector privado traballemos para sacar isto adiante como sexa, para dicirlle á xente estamos mal pero con sentido común podemos dar seguridade á cidadanía para que faga a vida o máis normal posible”.

Lomba insistiu que a organización do Trail era unha boa mostra que se podían facer cousas con seguridade “pero o estamos a facer coa cabeza moi fría. Dende o principio da pandemia se de algo podemos presumir foi de estar sempre como cabezas pensantes para facer que a vida para os nosos veciños e veciñas fora o máis normal posible na prestación de servicios, na organización de eventos culturais, deportivos, na atención aos máis desfavorecidos. O fixemos todocon moito sentido e tendo todos os días pequenos ‘cónclaves’ pensando que paso podíamos dar para seguir avanzando”.

“Creo que o trail do Trega está magníficamente organizado –remataba o alcalde da Guarda–. Temos que ter precaución porque non podemos permanecer en casa pechados con medo porque, ese medo acaba convertíndose en angustia, e a angustia en depresión e sairíamos mal parados”.

Unha vintena de tomiñesas aprenden recursos de internet para mellorar a súa competitividade laboral

0

“Competencias dixitais na busca de emprego e nas relacións coas administracións” é o nome do curso que, con aforo completo e lista de agarda, comezou este luns en Tomiño.

Organizado polos servizos de Igualdade da Deputación de Pontevedra e do propio Concello, o obradoiro está dirixido a mulleres en paro o en na busca de mellora de emprego.

A acción, totalmente gratuíta, impartirase en tres grupos de seis persoas, co fin de garantir a seguridade das participantes, que asistirán a clase dúas veces por semana, a razón de 2,5 horas por sesión, na sede da antiga Escola Obradoiro de Goián, recentemente rehabilitada.

As clases estenderanse até o 12 de decembro en diferentes horarios, de mañá ou tarde, contando neste último caso, con servizo de canguros, de balde, para as nais que o necesiten.

A presentación da actividade tivo lugar o pasado venres e estivo a cargo da responsable da Oficina Municipal de Igualdade de Tomiño, Silvia Rodríguez, e do profesor a cargo do programa, Jose Fonterosa, con longa experiencia en formación en temas de informática e internet.

Segundo explicou a primeira, a acción ten coma obxectivo paliar a división sexual do traballo, é dicir, as dificultades de acceso e permanencia no mercado laboral das mulleres respecto dos homes, existente na nosa sociedade. “Sobre todo en tempos de crise, esta diferencia se agudiza aínda máis; por iso queremos axudarvos a paliar este desequilibrio no punto de partida ao acceso ao mercado laboral”, explicou a técnica.

Jose Fonterosa, pola súa banda, avanzou o programa teórico-práctico a desenvolver, que incluirá diferentes temas relacionados con internet. Enviar un correo electrónico a un organismo, navegar por páxinas webs dunha administración; obter a vida laboral, o certificado dixital ou a chave 365; tramitar de bolsas, solicitar cita previa, buscar  ofertas de traballo, etc., serán só algunhas das tarefas da folla de ruta da actividade, que tamén incluirá nocións básicas de informática. Asemade, a formación incluirá un módulo de coñecemento dos dereitos laborais que axuden ás mulleres a reclamar o que lles pertence; recibindo tamén nocións de acoso laboral e como actuar ante el, e formación básica en temas de igualdade.

A maioría das mulleres participantes teñen entre 30 e 50 anos, amas de casa con fillos moitas delas, e teñen experiencia laboral (agora desempregadas) relacionada co sector dos servizos, a agricultura, as fábricas, etc. Mulleres que afectadas pola chamada “brecha dixital”, tentan agora pórse á par de outras persoas máis novas en temas de internet e informática que lles permitan informarse e acceder a outro tipo de postos, ademais de aprender a moverse por internet.

Mellorar competencias

Oana leva 14 anos en Galicia. Ten 32 anos e traballou en hostalería, viveirismo e automoción. Con dúas fillas ao seu cargo, está agora mesmo en paro e tentando sacar a ESO. Quere mellorar os seus coñecementos de internet, para incrementar as súas posibilidades de atopar un emprego estable.

Yolanda (49 anos, sen fillos) é de Tomiño e traballa desde os 13 anos no sector servizos, e desde os 20, en hostalería. Con estudos primarios, asiste a este curso convencida de que o futuro laboral, e o presente, está no dominio de internet e redes sociais.

Luz María (35 anos, dous fillos), é natural de República Dominicana e leva en España 20 anos, 13 deles en Tomiño. Traballou en hostalería e ten coñecementos básicos de internet, pero é consciente da necesidade de mellorar as súas competencias para resultar máis competitiva no mercado laboral.

O alcalde Antonio Lomba faise escoitar no Parlamento de Galicia

0

Nos últimos meses estase comprobando como a asistencia sanitaria na Guarda cada vez e máis precaria pasando de ter 8 profesionais a 4 na actualidade, que o mes que ven quedarán en 3. Sobre este tema, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, xa mantivera contacto co anterior conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña co convencemento, di Lomba “que ao ser da comarca entendería a situación e daríalle unha pronta solución”.

As pasadas eleccións autonómicas foron as encargadas de dar ao traste coas esperanzas do alcalde guardés xa que, sinala, “atopámonos conque un dos poucos conselleiros que se cambian é o de Sanidade”.

Por este motivo o 1 de outubro, o alcalde dirixiuse por escrito ao novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para poñer de manifesto, unha vez máis, os problemas de persoal que se veñen producindo no Centro de Saúde e que teñen como consecuencia unha atención deficiente á veciñanza. Un escrito que a día de hoxe non tivo resposta nin solución, converténdose este problema “en preocupante ao sentirnos no Concello coas mans atadas, xa que non podemos facer nada, mais que ver como enferman os nosos veciños e veciñas, sen poder ser atendidos”, lamentase ao alcalde guardés.

Antonio Lomba quere recordarlle o novo conselleiro que A Guarda e un concello “no cal tamén hai votantes do PP que non entenden como pode ser posible este abandono” polo que o rexedor local ” fai unha invitación persoal ao conselleiro de Sanidade, Julio García, para que comprobe in situ a situación da sanidade local. Tamén se quere denunciar “o abandono do PAC, que ás veces queda sen ningún profesional para poder atender urxencias”, conclúe o alcalde da Guarda.

A Deputación inicia as obras de renovación do punto limpo de Gondomar

0

A Deputación de Pontevedra arranca as obras de acondicionamento e adaptación do punto limpo de Gondomar para a xestión e reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos (RAEE), no marco do proxecto ESTRAEE. A actuación, cun orzamento de 35.307€, permitirá que a veciñanza conte cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros.

No punto limpo de Gondomar, situado no lugar de Hervillás (parroquia de Vincios), as obras tiveron que retrasar o seu inicio xa que estaban a espera de permisos necesarios. En concreto, vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para recollida de posibles derrames. Amais, no nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Doutra banda, instalarase iluminación e tamén un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

A Consellería de Sanidade iniciou onte a vacinación da gripe para o colectivo do persoal

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu a mañá de onte a vacinarse da gripe no centro de saúde de Lavadores de Vigo, dentro da campaña de vacinación que está a levar a cabo o seu departamento para protexerse contra esta enfermidade.

Comesaña destacou que vacinarse fronte á gripe este ano ten unha especial relevancia, xa que no contexto da pandemia pola Covid-19 poden coincidir ambas infeccións, de aí a importancia da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade.

Os profesionais sanitarios iniciaron o día de onte 5 de outubro a súa vacinación, co obxectivo de  facilitar e favorecer a inmunización previa ao inicio da mesma.  A poboación xeral, e especialmente os grupos de risco están chamados a vacinarse a partir do vindeiro martes 13 outubro.

Galicia ten este ano un total de 865.830 doses dispoñibles para esta campaña, 200.830 doses máis que na campaña do 2019, e suficientes para conseguir e incluso incrementar estas altas coberturas propostas como obxectivo.

Unha colisión entre dous vehículos deixa cinco persoas feridas en Redondela

0

Un total de cinco persoas resultaron feridas despois de colidir dous turismos ao seu paso polo concello pontevedrés de Redondela.

Ao fío das 10:30 horas desta mañá, un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente entre dous vehículos que circulaban pola estrada que une Redondela e Arcade, á altura do lugar de Soutoxuste. O alertante indicaba que podía haber persoas feridas pero aseguraba que as persoas estaban accesibles.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia pasouse aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ata o lugar dúas ambulancias. Ademais foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, os Bombeiros de Redondela e os efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras chegar ao punto e evacuar aos feridos, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado dun total de cinco persoas, dúas delas trasladadas á Clínica Fátima e os tres feridos restantes ao Hospital Domínguez.

Desde o 112 Galicia tamén se solicitou a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Nigrán fornece de máscaras inclusivas ao profesorado de todos os centros educativos do municipio e ao alumnado con necesidades especiais

0

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu proxecto ‘Un Nigrán para todos’ fornecendo de máscaras inclusivas ao profesorado de todos os centros educativos do municipio e ao alumnado con necesidades especiais.  Estes EPIS teñen a zona da boca en PVC transparente, o que permite a lectura de beizos e a transmisión de emocións, cuestión fundamental para a comunidade xorda pero tamén para o persoal educativo de determinadas especialidades. A inicios da pandemia o Concello de Nigrán foi pioneiro no país fornecendo deles á comunidade xorda da localidade e as súas persoas de contacto (neste caso foran donadas polo grupo #YoMePongoACoser, fundado , entre outros, por Nieves Comesaña, fabricante actual).

“Inicialmente pensamos no profesorado de Audición e Linguaxe, pero logo pensamos que tamén son necesarias para o profesorado de idiomas ou de infantil ou o de educación especial, igual que para o alumnado con problemas de audición e os seus compañeiros”, explica a edil de Educación, Marina Vidal. Así, serán entregadas ao longo da semana nos CEIP Humberto Juanes, Carlos Casares, Mallón, Da Cruz, Escola Infantil Dunas, CPI Arquitecto Palacios, A Galiña Azul, IES Val Miñor, Escolas Proval, CEE Juan María, CEE Panxón, Centro Menela-Castro Navás, Colegio Ángel de la Guarda e Colegio Estudio. O seguinte pedido do Concello será repartido entre persoal de residencias de maiores de Nigrán e de Axuda a Domicilio.

“Somos un municipio que aposta pola inclusión, o Covid-19 trouxo consigo barreiras físicas como as máscaras, imprescindibles para conter a pandemia pero que incomunican a moitas persoas e dificultan a transmisión de emocións, por iso desde o inicio apostamos polo emprego destes EPIS que, a moita honra, son un producto local”, engade o alcalde, Juan González.

Así, as 260 máscaras inclusivas foron adquiridas polo Concello á mercería Barrosiña, da nigranesa Nieves Comesaña e a súa filla Nuria, sendo unha das primeiras iniciativas empresariais en toda España na fabricación profesional das mesmas. Actualmente véndense a un prezo de 8 € a través da web www.mascarillasparasonreir.es e traballan para acadar a súa homologación tras obter xa a certificación das mesmas. “Son 100 % algodón, lavables ata 40 veces a 60 grados e o PVC que empregamos foi analizado en laboratorios demostrándose que non supón ningún risco para a saúde”, explica Nieves. “O grupo que houbo de voluntariado #YoMePongoACoser regalounos durante o confinamento moitas máscaras inclusivas, agora temos a sorte de que Nieves continuase con elas como iniciativa empresarial, e estamos encantados de promover este produto en sí mesmo e de que sexa de Nigrán, tal e como recalca a etiqueta”, subliña González.

Concello inclusivo

O Concello de Nigrán foi pioneiro no 2019 en España xunto con Madrid en adquirir 6 mochilas vibratorias para que as persoas xordas poidan “sentir” a música nos concertos (e mesmo as cedeu a decenas de concellos e entidades para promover en Galicia a súa adquisición pública) e, ademais, no 2018 instalou no paneis dos parques infantís públicos o abecedario en lingua de signos. Todo este tipo de iniciativas son propostas a través dun equipo interdisciplinar integrado no proxecto municipal ‘Un Nigrán para todos’ adicado á plena inclusión.

EU Son do Porriño advirte que non teñen que xustificarse ante o PP “porque nin somos goberno nin temos que renderlle contas aos Populares”

EU Son do Porriño saiu onte ao paso, de xeito claro e contundente, ás declaracións realizadas en días anteriores polo PP porriñés na que adiantaba a súa postura de solicitar a comparecencia da alcaldesa Eva García de la Torre e da voceira de EU Son, Patricia Sío, pola polémica xurdida sobre a suposta decisión da alcaldesa de dimitir.

En cinco puntos, a formación asemblearia da resposta aos populares, puntos que pola súa importancia e por deixar ben clara a postura de EU Son do Porriño, transcribimos literalmente.

Sinalan, en primeiro lugar que “Nós respondemos e responderemos sempre ante a cidadanía do Porriño, no Pleno e nas rúas. Ante quen non temos que xustificarnos é ante o PP porque nin somos goberno nin temos que renderlle contas aos populares. As nosas decisións son tomadas sempre en asembleas ou no Consello Local e as reunións con terceiros sempre as mantemos mínimo dúas persoas do grupo.

O aparecido nalgún medio é, ademáis de falto de rigor informativo ao non ter contactado con todas as partes, unha ofensa á honra e unha acusación grave de “chantaxe”. Este ataque ridículo desenmascara a quen o lanza e pensa que somos todos iguais. Ollo de seguir con ese tipo de afirmacións, non nos obriguen a ter que tomar unha vía que non desexamos.

Se nalgún momento quen representa a este grupo municipal quixese algún sillón ou cargo e ese fose o propósito da nosa acción política, xa teriamos dúas concellerías e en mellores condicións que agora. Só chegaba con negocialas antes da sesión de investidura.

A noticia da dimisión da alcaldesa partiu do xefe de gabinete cando as nosas concelleiras lle transmitiron que calquera negociación importante pasaba por aí. Non é que o noso Grupo Municipal fose a votar a favor no expediente das facturas da 413 que ía a Pleno, senón que valorariamos cales estaban ben informadas e cales non podiamos aprobar.

O PP debería facer política doutro xeito e cambiar de estratexia comunicativa; quen o asesora ou lle fai as notas de prensa está acabando cunha imaxe que tiña Alejandro de conciliador e moderado e resultando últimamente moi resesa”.

Acto de presentación da saída de “La Vuelta” no Concello de Mos

0

Onte luns, 5 de outubro de 2020, ás 19:00 horas no Pazo de Mos,  celebrouse a presentación da nova saída e actividades relacionadas con “La Vuelta” ciclista. Presentaron o acto Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Javier Guillén, Director de “La Vuelta”; Óscar Pereiro, embaixador de “La Vuelta – Mos” e Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia. Tamén asistiron como invitados membros do tecido asociativo, deportivo, cultural e empresarial da mesa “Mos con La Vuelta” e concelleiros da corporación de Mos.

Na rolda de prensa, o Director de “La Vuelta” Javier Guillén expuxo as novidades do cambio de data, os municipios participantes e deu a información sobre o percorrido da 15ª etapa. Nidia Arévalo pola súa parte, presentou as actividades previas á saída do 5 de novembro relacionadas co eido musical, artístico, educativo, cultural e deportivo do Concello de Mos.

Estas actividades están a ser organizadas desde a mesa sectorial “Mos con La Vuelta”, formada polo tecido cultural, económico e social do Concello, en colaboración coas concellerías de Deportes, Educación e Cultura e da man dos centros educativos e dos clubs de ciclismo.

Como gran apertura da programación terá lugar un gran concerto musical a cargo de “Milladoiro” no pazo de Mos o sábado 24 de outubro, financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Dende o Concello tamén animan a todos os músicos a facer a súa propia versión musical da canción oficial de “La Vuelta” que unha vez interpretadas polas bandas, grupos e solistas da localidade serán difundidas nas redes sociais.

Así mesmo, o Concello pon en marcha o concurso de debuxo “Dalle unha volta” dirixido aos ciclos de infantil, primaria e secundaria dos colexios do concello.

Os estudiantes de Artes do IES de Mos, serán os encargados do deseño da máscara oficial “La vuelta – Mos” que se poderá lucir o día da saída da etapa de Mos.

Tamén as mulleres palilleiras teñen protagonismo nesta programación previa á saída da volta ciclista; xa que a Asociación de Palilleiras de Mos, unha das asociacións culturais referente do municipio traballa activamente nun proxecto que formará parte do atrezo da saida nos exteriores do Pazo;  trátase dun deseño artesanal de encaixe de gran formato elaborado coa técnica de bolillos.

Desde a Concellería de Deportes traballan a súa vez activamente na organización dunha charla que será ofrecida por un ciclista de reconocido prestixio internacional e da que nuns días se anunciará nome e data.

Pola sua parte a Directora de Turismo, Nava Castro; pechou o acto poñendo en valor o municipio como localidade de paso do Camiño de Santiago, entorno que acollerá esta saída.

Mos será a única localidade da provincia de Pontevedra na que haberá unha etapa de saída este ano 2020. Nestes momentos, máis que nunca é preciso ilusionar a poboación e seguindo rigorosamento os protocolos anti covid19, celebrar actividades adaptadas á situación actual coa colaboración das institucións e de toda a veciñanza nesta exclusiva que pasará por Mos.

A Asociación de alfombristas ‘Corpus As Monxas’ participará no Encontro Virtual de Arte Efémera

A Asociación Ponteareá CORPUS AS MONXAS, participa hoxe na tradicional oitava de San Miguel, patrón da vila do Tea, dunha forma virtual. Este proxecto organizado pola Oitava Noite de Uriangato, (México) patrimonio inmaterial do mundo, realizase hoxe, día 6 de outubro, coa participación de alfombristas de todo o mundo e grazas á colaboración da Coordinadora internacional de Entidades de alfombristas de Arte Efémera.

A actividade consiste na confección dunha alfombra, con formato similar que se realiza en cada delegación alfombrista e que se compartirá co mundo dunha maneira virtual a través das redes sociais e de mais medios tecnolóxicos.

Corpus As Monxas, quere agradecer á OITAVA NOITE, o seu esforzo por levar a cabo, un ano máis, “un evento do mais importante en canto a arte efémera refírese en América Latina, e no que teriamos que reunirnos e a pandemia impedíunolo”.

Corpus As Monxas convida á cidadanía a compartir esta actividade “onde Ponteareas, co seu Corpus declarado Festa de Interese Turístico Internacional, estará presente activamente do mesmo xeito que os nosos irmáns da Orotava e delegacións, tanto de España (Carrión de los Condes, Cataluña, Bueu, A federación Galega de Asociacións de Arte Efémera, …) e doutros países como Alemaña, Bélxica, Nepal, India, Xapón, Malta, Italia, e moitos mais países”.

“Unha vez mais Ponteareas mostra a súa cara mais solidaria coa situación actual e con todos os irmáns alfombristas do mundo, tendendo mans e unindo lazos”, remata a Asociación de Alfombristas Corpus As Monxas.

Baiona recibe unha achega de 6.000 euros da Deputación para compra de produtos sanitarios e de desinfección para o centro Ángel Bedriñana

0

O Concello de Baiona vén de recibir unha achega de 6.000 euros ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos 2020 para dar liquidez á hora de sufragar necesidades motivadas pola crise do coronavirus. Concretamente, a subvención vai destinada á actuación que ten por nome ‘Medidas destinadas a paliar vos efectos negativos dá crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e a prevención para evitar a transmisión dá pandemia’.

O obxectivo do Concello que preside Carlos Gómez, é poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias no centro Anxo Bedriñana xa que está previsto a implementación de actividades en distintos ámbitos, tales como o programa ‘Emprégache’, o programa achegándonos ás novas tecnoloxías, entre outros así como distintos curso enfocados aos máis novos do municipio por exemplo o curso de ilustración e cómic que comeza este sábado.

O Concello de Baiona iniciará no edificio municipal a posta en marcha de protocolos e implantación das medidas de prevención, que teñen como obxectivo xeneral, e reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia.

A subvención destinarase a distintos tipos de actuacións. A primeira delas é a posta en marcha dun tratamento de choque no edificio municipal o que supoñerá unha limpeza con produtos hixiénicos adecuados contra a COVID antes da apertura das instalacións.

Doutra banda, a axuda servirá para colaborar nos labores de limpeza e desinfección en profundidade o centro municipal: desinfección de superficies cando sexan usadas as aulas por distintas persoas ( mesas, computadores, cadeiras, pomos de portas …); desinfección do material cando é compartido…

O terceiro tipo de actuación para o que se destinará a subvención da Deputación Provincial de Pontevedra é o relacionado coa hixiene e protección persoal. A hixiene de mans é a medida principal de prevención e control da infección por coronavirus. Por iso, garantiuse a presenza de dispensadores de xabón e de xel en base alcohólica para a desinfección de mans. Tamén se dedicará parte desta partida á adquisición de máscaras.

O vindeiro venres Ponteareas celebra a gala de entrega de premios do concurso ‘Debuxa o TEuA

A concellaría de Ensino que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández Davila, anima a cidadanía a asistir á entrega de premios do concurso Debuxa o TEuA organizado pola asociación ‘Familias Azuis’, co apoio da Xunta de Galicia, para promover o coñecemento e a concienciación sobre o autismo.

A gala de entrega de premios será na sala multiúsos do auditorio municipal o venres 9 de outubro ás 18 horas e nela poderemos gozar de música de piano en directo interpretada por unha persoa con autismo.

O concurso de debuxo dirixíuse a alumnado de educación primaria dos centros de ensino de Ponteareas. O xurado, composto pola activista Montserrat N. Ríos do blog Asper Revolution que traballa en CEPAMA e pola ilustradora Luz Beloso, entregará unha tablet ao primeiro premiado, un valede 50€ para material escolar para o segundo premiado.

Familias Azuis recomenda reservar entrada por whatsapp no número de teléfono 671 496 458.

Concellaría e organizadores solicitan o apoio de toda a cidadanía no traballo de visibilización do autismo que afecta a un de cada 150 nenos e nenas. Reivindicar os seus dereitos e a súa completa integración social está nas mans de toda a socidade.

Ponteareas aproba unha iniciativa do BNG solicitando fondos para afrontar gastos derivados da COVID-19

O Pleno Ordinario da Corporación Municipal de Ponteareas vén de aprobar, cos únicos votos en contra do PP, unha iniciativa do BNG na que se reclama a tramitación urxente e extraordinaria dun Decreto por parte do goberno español que contemple fondos para que os Concellos poidan afrontar a crise sanitaria, social e económica derivada da COVID-19. Ademais, a iniciativa do Bloque solicita a derrogación da Lei 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, “para permitir ás entidades locais atender as competencias propias con cargo aos remanentes e superávit”.

A portavoz municipal do BNG en Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, sinalou que “o Congreso xa rexeitou o Decreto que pretendía que fose o goberno do Estado quen utilizase os fondos remanentes dos Concellos, é dicir, o diñeiro que non se investiu rematado o propio ano”.

“É fundamental garantir que a posibilidade de utilización de fondos por parte dos concellos non sexa utilizado por outras Administracións para buscar financiamento mentres as entidades locais asumen competencias impropias, cargando así sobre os municipios o custo de servizos que non poden nin deben ser asumidos”, sinalou Fdez. Davila.

A portavoz nacionalista lembrou que en Ponteareas “ademais dos servizos impropios que levamos décadas asumindo polo abandono da Xunta, agora fixémonos cargo dende o goberno local de hixienizar os centros educativos en horario lectivo por responsabilidade ante a pandemia da COVID-19”.

Fernández Davila insistiu en que “o ensino é unha competencia da Xunta, pero ademais estamos ante unha pandemia sanitaria, e sendo a sanidade tamén unha competencia autonómica o goberno galego debe asumir as súas competencias e prestar este servizo ou, demostrada a súa incapacidade, destinar os recursos necesarios aos Concellos para combater a pandemia nos centros educativos.”

Arbo adhírese ao proxecto Horeca de recollida selectiva en hostalería e restauración

0

O Concello de Arbo vén de incorporarse ao Convenio marco firmado entre a Xunta de Galicia e ECOEMBES no que se regulan os compromisos das partes implicadas no que respecta ao funcionamento do sistema integrado de xestión xestionado por ECOEMBES no ámbito de Arbo.

Un dos obxetivos básicos do proxecto Horeca, é fomentar a recollida selectiva e a selección de residuos de envases, mediante o desenrrolo de accións específicas como pode ser o aumento da participación dos pequenos xeneradores na recollida selectiva.

“Este proxecto, que é totalmente gratuíto para o concello, realízase con fondos compartidos entre Xunta de Galicia e Ecoembes e sumou xa a máis de 100 concellos en Galicia e máis de 2.500 bares, cafeterías e restaurantes, que están a potenciar un crecemento importante no contedor amarelo”, asegura o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

A comunicación de ECOEMBES en relación co Proxecto de Recollida Selectiva nos locais de hostalería (bares, restaurantes e cafeterías), estructurase en varias fases:

  1. Visitas aos establecementos/puntos de xeneración para:
    • Informar acerca do proxecto e promover a súa incorporación ao mesmo
    • Captar establecementos que queiran sumarse a iniciativa de Ecoembes
  2. Formación e información en materia de recollida selectiva (entrega de dípticos e guías de barras) entrega de chaqueta profesional e entrega de distintivos do local como ‘Ecohosteleiro’
  3. Entrega dos medios en función dos requirimentos e necesidades
  4. Seguimento do proxecto aos locais que se sumen a campaña

“Aprobar a adhesión ao acordo de colaboración entre o Concello de Arbo e ECOEMBES para a posta en marcha dun proxecto destinado á mellora da recollida selectiva de envases lixeiros no Concello de Arbo, mediante o fomento da participación de establecementos do sector HORECA, ven sendo unha proposta interesante para seguir fomentando a reciclaxe en Arbo”, manifesta Horacio Gil.

O rexedor local lembra que un dos obxectivos básicos do Convenio “é fomentar a recollida selectiva e a selección de residuos de envases, mediante o desenvolvemento de accións específicas como pode ser o aumento da participación dos pequenos xeradores na recollida selectiva”.

As Neves acolle un curso sobre Certificación Forestal organizado pola Asociación Forestal de Galicia

0

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está desenvolvendo este outono un amplo programa de formación en toda a comunidade orientado a mellorar a silvicultura. Un dos próximos cursos abordará a certificación forestal, un sistema que garante a xestión sostible do monte e que é cada vez máis demandado no mercado.

O curso de certificación forestal desenvolverase no concello de As Neves o venres 9 de outubro. Será a partir das 16 horas no Centro de Interpretación do Patrimonio Natural de Taboexa, no lugar de As Barreiras.

No marco da xornada, abordaranse as características dos selos PEFC e FSC, así coma as vantaxes que ten para o propietario forestal a certificación do seu monte.

Uso de maquinaria forestal e prevención de riscos laborais

No marco do programa formativo da Asociación Forestal de Galicia, están previstos tamén sendos cursos a próxima semana sobre prevención de riscos e uso de maquinaria. Desenvolveranse o martes 13 no Rosal (Casa do Monte de Santa Mariña do Rosal) e en Ponteareas o xoves 15 de outubro (Centro Cultural Xinzo), ambos en xornada continua a partir das 8 horas da mañá.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214. De cara a garantir a prevención de riscos, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e manteranse as distancias de seguridade e o uso obrigado da mascarilla.

Galicia rexistra un total de 4.101 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.101, deles 820 son da área da Coruña, 495 da de Lugo, 1.037 da de Ourense, 685 da de Pontevedra, 419 da área de Vigo, 528 da de Santiago, e 117 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 37 están en UCI, 204 en unidades de hospitalización e 3.860 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 20.170 persoas curadas, rexistrándose 757 falecementos. O número de PCR realizadas é de 511.007.

O gaiteiro Óscar Gómez ofrece un concerto este vindeiro domingo na Feira Vella de Ponteareas

Óscar Ibáñez & Tribo ofrecerán o vindeiro domingo, día 11 ás 19:30 horas no parque da Feira Vella, un concerto enmarcado no Concurso de Gaitas e que foi adiado por mor da meteoroloxía adversa. A entrada é gratuíta e brindará ao espectador a ocasión única de gozar dun dos máis afamados e recoñecidos compositores galegos.

Polifacético, o gaiteiro Óscar Ibáñez aterra en Ponteareas logo de actuar nos festivais máis importantes de todo o mundo. Máis de corenta premios avalan a súa longa traxectoria que comezou en Poio da man do grupo Treboada. Imparte cursos de gaita nos centros galegos de toda Europa e América e as súas gravacións figuran en máis de vinte discos.

No concerto deste domingo como teloneiro actuará o grupo Avelaíña gañador do LIII concurso de Gaitas do País de Ponteareas.

As persoas interesadas deberán reservar entrada nesta ligazón. Como en tódolos eventos e actividades do concello de Ponteareas desenvolverase baixo as máis estrictas normas de seguridade sanitaria.

O Rosal anuncia a apertura do prazo para solicitar subvencións para actividades sociais

0

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicar as bases para as subvencións municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades sociais durante o ano 2020 no Rosal. As entidades interesadas terán 15 días naturais a partir deste martes 6 de outubro para presentar a súa solicitude. Estas bases, aprobadas por acordo plenario o pasado 24 de setembro, forman parte do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello rosaleiro, unha ferramenta a través da que realizar unha planificación detallada a medio e longo prazo das axudas ao tecido asociativo.

O orzamento total para estas axudas será de 5.000 euros. O obxectivo da convocatoria é apoiar e promover en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións entre as entidades de carácter social que desenvolvan actividades que redunden no benestar social da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social ou fomento e sensibilización da participación cidadá definidas como prioritarias dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. A maioría das asociacións que realizan este tipo de actividades teñen un ámbito de actuación supramunicipal.

As axudas irán destinadas a financiar proxectos de inclusión social para a cobertura de necesidades básicas ou que se executen directamente con persoas en situación de vulnerabilidade; de intervención con persoas maiores, dependentes ou con diversidade funcional; de atención no ámbito das drogodependencias ou para a realización de actividades socioculturais destinadas á poboación xeral.

Arranca o ‘Culturminho’ co obxectivo de crear novos eventos culturais no Miño transfronterizo

A Deputación de Pontevedra arranca mañá o primeiro Foro da Cultura do Río Miño Transfronteirizo, ‘Culturminho’, que se prolongará ata este venres co obxectivo de reunir aos axentes culturais, asociacións, colectivos, concellos e entidades para crear novas iniciativas culturais transfronteirizas no territorio do Miño.  

O obxectivo desta cita, organizada ao abeiro do programa Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, é reflexionar sobre as potencialidades da cultura común como elemento de valor transfronteirizo, e desenvolver axendas e programacións culturais conxuntas seguindo a idea de consolidar o territorio do Rio Minho atraendo público moi diverso de ambas marxes, así como facer fincapé na nova situación social que condicionará o ocio e o consumo cultural tratando de visualizar alternativas.

Nesta ocasión, debido á pandemia da Covid-19, o Culturminho terá formato telemático e contará cada día pola tarde con mesas de debate e conferencias na que participarán persoas de colectivos e entidades que están a traballar en eventos xa recoñecidos polo público. Poderá seguirse na canle AECT Rio Minho de YouTube e tamén desde a web smartminho.eu, onde é preciso formalizar as inscricións (de maneira gratuíta).

A xornada abrirase mañá coa inauguración de autoridades, a presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, para dar lugar despois á mesa de debate sobre ‘Artes e música no Rio Miño’. Neste grupo estará representada unha selección de entre as actividades culturais profesionais realizadas nos 26 concellos que integran a área transfronteiriza do Miño: o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o de Vilar de Mouros, con Joao Pinto, da Bienal de Arte de Cerveira, do Festival Folk Celta de Ponte da Barca ou de Entre Margens.  

 Ao día seguinte, o mércores 7, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no Río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.

O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no Río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado.

Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista con máis de 78.000 seguidores en Twitter.

Segundo apunta o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, unha vez se teñan analizadas as sinerxias do potencial cultural do territorio, celebrarase unha nova edición do Culturminho, prevista para o primeiro semestre de 2021 de maneira presencial. Nese novo foro traballarase no deseño de novas propostas culturais e eventos que desenvolver no territorio para as que se buscará, ademais, financiamento europeo.

Mañá abre o prazo para inscribirse na ludoteca municipal

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, informa da apertura do prazo de inscrición da ludoteca para este curso 2020-2021.

Mañá día 6 e o mércores día 7 de 09:30 a 14:00  horas e de 17:00 a 20:00 horas as familias poderán inscribirse neste servizo municipal que organizará o curso en grupos e horarios en función da demanda para axudar nunha mellor conciliación laboral e familiar.

Na ludoteca municipal promóvese espertar a creatividade e a curiosidade pola aprendizaxe a través de actividades e saídas lúdico-didácticas. Baixo as medidas protocolarias consonte ao Plan de Reactivación no ámbito infanto-xuvenil da Xunta de Galicia, a ludoteca ofrecerá saídas medioambientais, actividades de fabricación de xabóns ou candeas, manualidades, repostería e cociña, expresión corporal e musical, bixutería e coiro e xogos, entre outras propostas.

Se tes entre 6 e 12 anos e queres aprender xogando podes chamar ao número de teléfono 673 79 47 60.

SmartPeme pon en marcha esta semana outros seis obradoiros online na provincia

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre optimización, copywritting na web e redes sociais, marketing, debuxo con Onshape e técnicas para mellorar o posicionamento de empresas turísticas.

En concreto, este luns Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, imparte o obradoiro ‘Optimiza a túa páxina de Facebook’. O martes, 6, será a quenda de ‘Copywriting aplicado a web e redes sociais’, a cargo de Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Comunicación e Industrias Creativas.

Na xornada do mércores están previstas dúas accións: o enxeñeiro informático José Luis Taboada desenvolverá ‘Inbound Marketing’ e Lara Taboada, titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro ‘Identidade de marca para a túa empresa: que debes saber’.

O xoves, 8 de outubro, chega ‘Debuxo con Onshape. Part Studio II’ da man do experto universitario en robótica Manuel Freire. E, por último, o venres levarase a cabo ‘Como mellorar o posicionamento local da túa empresa’, a cargo de Mariana Rosa, técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos e graduada en Turismo.

A unidade móbil de doazón de sangue estará no Rosal o vindeiro mércores 7 de outubro

0

Como é habitual, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase ata O Rosal este mes de outubro. Será o vindeiro mércores 7, día no que o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na Praza do Calvario aberto ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Para o Centro de Transfusión a máxima prioridade é a seguridade das persoas doantes e receptoras dos compoñentes sanguíneos, polo que continúa extremando os protocolos de prevención para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir unha afluencia gradual e ordenada dos e das doantes.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recoméndase non acudir a doar sangue se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese tamén ás persoas doantes agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

Ademais, en cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas novas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Cada unidade conta tamén con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

A XV Festa do Tinto Rías Baixas se celebrará o vindeiro 12 de outubro nas Neves axustando o seu formato á realidade Covid

0

A celebración este ano da XV Festa do Tinto Rías Baixas, en As Neves, non seguirá o formato dos anos pasados. A situación creada pola Covid-19 fixo necesario adaptar a súa forma a esta nova realidade. A xa tradicional festa deixará paso, o vindeiro luns, 12 de outubro, a un acto de promoción deste produto nas instalacións da carpa do Hotel Nande, entre as 12:00 e as 15:00 h.

Será un espazo de exposición e degustación de viños, nomeadamente tintos, de toda a denominación de orixe, e estará musicado pola Banda de Música Popular de Rubiós e o solista Juan Lois Diéguez.

Ás 13:00 h desenvolverase a parte oficial do día, con intervencións de profesionais vinculados a estes viños dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, e representantes do Concello.

Será de aplicación o ‘Protocolo COVID’ en todo o recinto, con aforo limitado. Por iso, será necesario realizar a reserva previa de prazas entrando en bit.ly/festatinto.

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais á ría de Vigo no concello de Redondela

0

A Xunta vén de emendar un punto de vertido de augas residuais á ría de Vigo no concello de Redondela.

O punto de vertido foi localizado durante os labores rutineiros de inspección que o Plan de control de vertidos de Augas de Galicia realizada na rede fluvial e na marxe litoral do termo municipal.

O persoal técnico da Xunta constatou a orixe dun aporte de auga residual nunha vivenda unifamiliar, localizada no barrio da Portela, zona na cal existe rede de saneamento municipal.

Augas de Galicia notificoulle os feitos observados ao Concello de Redondela, requiríndoselle a adopción das medidas oportunas para a subsanación do punto de vertido. Desde o Concello trasladouse ao particular a obriga de conectarse á rede de saneamento municipal.

Recentemente, os técnicos de Augas de Galicia realizaron unha nova inspección na zona, verificando que as augas residuais xeradas na citada vivenda se atopan conectadas á rede de saneamento municipal, quedando emendado o vertido que se producían cara á ría de Vigo.

Nigrán abre o prazo de inscrición para un novo programa de voluntariado ambiental para recuperar o ecosistema dunar de Praia América

0

O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para participar no novo programa de voluntariado ambiental incluído no proxecto do GALP ‘Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’. Ademais, enmarcado tamén no ámbito divulgativo deste proxecto, haberá diferentes roteiros ao longo do mes, todos con inscrición previa e limite de aforo por protocolo sanitario.

As xornadas de voluntariado ambiental os días 10, 17 e 24 de outubro consistirán na eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora das condicións dunha planta ameazada, recollida de lixo e realización de actividades divulgativas e de sensibilización sobre o litoral. Estas actividades matinais de voluntariado (de 11 a 14:00 horas) estarán guiadas por un educador ambiental e a asociación ecoloxista Amigos da Terra e complementaranse con roteiros ambientais durante a tarde (16:00 horas) só para este voluntariado, coa finalidade de agradecer o seu traballo e aumentar a súa sensibilización na conservación do espazo. Os interesados deben ser maiores de idade e inscribirse a través do mail [email protected] aportando os seus datos e indicando no asunto ‘Voluntariado Ambiental’. A inscrición está aberta a un ou varios días, debendo indicalo o interesado. Toda a actividade cumprirá coa Ley de Voluntariado, polo que tamén incluirá o xantar.

Igualmente, o Concello realizará tres roteiros ambientais ao marxe das xornadas de voluntairado. O primeira será o 11 de outubro por Monteferro, o segundo o 25 de outubro polo esteiro de A Foz do Miñor e o último o 31 de outubro polo espazo dunar de Praia América. Finalmente, realizaranse sendos roteiros temáticos, un sobre a cultura mariñeira de Nigrán o 18 de outubro e outro  sobre o patrimonio etnográfico do mar o 1 de novembro. Todos serán ás 11:30 horas e, por cuestións de protocolo sanitario e o consecuente límite de aforo, é preciso a inscrición previa no mail [email protected] indicando os datos de todos os participantes e o roteiro en concreto no que se desexa participar.

Obras

O proxecto ‘Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’ obtivo a maior puntuación do GALP, que o subvenciona con 45.451,23€ e inclúe un apartado de intervencións. Así, construirase un observatorio de aves, e instalarase unha varanda de seguridade na pasarela existente na duna de Praia América-Lourido e unha pasarela flexible de madeira para o acceso á praia en catro puntos da mesma.

Paso adiante da Deputación na reforma da estrada Os Valos-Guizán, en Redondela, cun investimento superior aos 400.000 euros

0

Redondela verá outra estrada provincial mellorada en breve tempo. A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar o proxecto de execución dun tramo da EP-2906 entre Os Valos e Guizán. As obras, que teñen un orzamento de 402.341,59 euros financiados na súa totalidade pola entidade provincial, serán licitadas en breve e contarán cun prazo de execución de 5 meses.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, remarcou que trátase dunha obra “moi importante e moi agardada e que encadramos no marco da moderna mobilidade que estamos a impulsar para promover a seguridade viaria e a mobilidade sostible, mellorando así a calidade de vida e facendo que os espazos públicos sexan tamén da xente e non só dos vehículos”.

O proxecto aposta pola reordenación da mobilidade peonil, ciclista e rodada coas características ben establecidas no modelo que a Deputación está a implantar nos tramos da súa Rede Provincial de Estradas nos que se constata a existencia dunha importante presión residencial. O tramo obxecto da actuación ten unha lonxitude de preto de 750 metros e abrangue o sector máis densamente habitado ao longo dunha vía que totaliza 2,9 Km e que, ademais, une a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550.

A estrada presenta actualmente serias deficiencias ao contar con dous carrís de 3 metros de sección e unha beiravía moi variable, por tramos case inexistente, e con bordos e elementos perigosos, entre eles postes de formigón do alumeado. Ademais, dispón de numerosas interseccións con camiños municipais que non están correctamente resoltas e, finalmente, abundantes tendidos aéreos. Coas súas características actuais, e a pesar das numerosas vivendas ás que dá servizo, resulta completamente inadecuada para o tránsito peonil.

O proxecto que se vai executar comeza cunha primeira actuación entre o PQ 2+180 e o PQ 2+390 onde xa se actuou coa construción dunha beirarrúa na marxe dereita. Polo tanto, as obras centraranse na beiravía esquerda cunha importante ampliación para a mellora da seguridade viaria. A continuación, na zona de maior densidade edificatoria vaise crear unha plataforma única de convivencia entre peóns e vehículos coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Quedan tamén deste xeito ben ordenados os cruces e interseccións principais. Dende este punto engádese sección á estrada para gañar un carril peóns-bicicletas. Para elo habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 centímetros de anchura, para protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho. A velocidade de circulación para os vehículos será de 30 Km/h, incluíndo para axudar ao “calmado de tráfico”, a instalación de elementos redutores e pasos de peóns sobreelevados. Amais, no treito de plataforma única reforzarase a convivencia reducindo o límite aos 20 Km/h.

A Deputación vai proceder tamén ao soterramento dos cables aéreos e á instalación dun novo sistema de iluminación, substituíndo os actuais farois dun elevado consumo, por outros que reducirán significativamente o impacto enerxético e medioambiental. Ademais, optimizará o alumeado, que actualmente só está pensado para o tráfico, ás novas circunstancias de mobilidade integral. A desaparición dos actuais postes de formigón contribuirá, a maiores, á mellora da seguridade.

Ao tratarse dunha obra de urbanización completa, no convenio asinado co Concello de Redondela a principios deste ano quedou establecida unha achega dun 70% por parte da Deputación (281.639,04 euros). Porén o Concello decidiu achegar o 30% restante a través do Plan Concellos, polo que o 100% do investimento necesario vai ser realizado con fondos procedentes da Deputación.

Nigrán consigna 2.500 euros á Solidariedade Galega co pobo saharahuí para axudas de emerxencia nos campamentos de refuxiados

0

O Concello de Nigrán consigna por vez primeira na súa Historia unha axuda directa de 2.500 € anuais ata o ano 2023 á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, responsable do programa ‘Vacacións en Paz’ no que participa o municipio e que consiste en traer a menores a Galicia para apartalos das inclemencias do verán nos campamentos de refuxiados de Arxelia e, ao mesmo tempo, recibir atención médica. O obxectivo desta nova liña estratéxica aprobada no Pleno é contribuír a proxectos de cooperación ao desenvolvemento, axuda humanitaria ou sanitaria, formación ou ao propio programa ‘Vacacións en Paz’ suspendido este verán polo Covid-19.

“Este verán o Covid-19 impedíu que os menores viñesen a España e desde o Concello consideramos que, precisamente, agora o pobo saharaui é cando máis nos precisa ao seu carón, non podemos ver para outro lado. Estes cartos que sempre destinamos a financiar os billetes de avión de tres nenos que acollen familias de Nigrán queremos que se manteñan para contribuír con axuda alimentaria e de protección nos campamentos, onde a precisan máis que nunca”, explicou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen preside ademais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que tamén colabora co pobo saharaui. “Agardamos que os nenos poidan regresar e voltaremos a consignar a axuda para pagar os billetes de avión dos que veñen a Nigrán”

A finalidade de SOGAPS e dobre. Por unha parte pretende mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauis, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos; por outra parte, dende o ano 1991 que se creou o movemento solidario en Galicia, o obxectivo segue sendo o de dar resposta ás necesidades de planificación e mellora na xestión e execución da axuda humanitaria dirixida os refuxiados saharauis que se da na nosa Comunidade a petición e coordinación da Delegación Saharaui para Galicia.

As organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauis, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONG internacionais (Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA), emitiron un chamamento conxunto o 19 de abril de 2020 para solicitar aos donantes que realicen contribucións e donaciones para apoiar os procedemento de prevención da COVID-19 e evitar un maior deterioro na situación humanitaria, especialmente porque a taxa de anemia entre mulleres, embarazadas e nais lactantes aumentou ata superar o 73 %, e respecto á porcentaxe de malnutrición entre os nenos menores de cinco anos, este aproxímase ao 25 %; así como tamén se rexistra unha alta porcentaxe de persoas con diabetes e presión sanguínea arterial.

As actividades do programa ‘Mocidade Viva’ de Ponteareas sumaron preto de un milleiro de participantes neste verán

O concelleiro de Mocidade do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, valorou moi positivamente o alcance do programa Mocidade Viva salientando que “preto dun milleiro de asistentes puideron gozar da ampla e variada oferta de actividades programadas para as mozas e mozos tendo en conta as súas opinións e demandas”.

Os espazos ao aire libre como as prazas e parques da vila foron o escenario de máis de quince actividades que se desenvolveron cumprindo as medidas sanitarias vixentes. Modalidades de cultura urbana, cine ou actividades novidosas na vila como a orientación nocturna e o sendeyak foron as que máis atraeron ás mozas e aos mozos.

O concelleiro de Mocidade indicou que as accións seguiron o seu obxectivo de “ofrecer á mocidade espazos de socialización seguros e saudables para o lecer e a formación nun momento de grandes incertezas como o que estamos atravesando, no que as opcións de lecer xuvenil se ven constantemente minguadas.“

Bouzó quixo agradecer novamente o traballo levado a cabo voluntariamente polas dinamizadoras xuvenís no desenvolvemento e planificación desta programación durante o verán, lembrando que “dende o Concello facilitamos a formación en materia de lecer alternativo e saudable dun grupo de mozas e mozos no pasado mes de febreiro, e agora coa súa implicación nestas actividades esa formación reverte en beneficio do conxunto da mocidade ponteareá”.

O responsable de Mocidade de Ponteareas adiantou que o programa Mocidade Viva, estable durante todo o ano, “continuará neste outono ofrecendo diversas actividades lúdicas e formativas, así como espazos nos que a mocidade poida desenvolver libremente as súas inquedanzas”. Neste sentido, este sábado ás 21 h tiña lugar unha sesión de patinaxe libre, na que cada moza ou mozo puido gozar libremente cos seus patíns no Complexo Deportivo Álvaro Pino, sempre mantendo as distancias de seguridade e medidas sanitarias.

Nigrán estrea ‘Xantar na Casa’, servizo de comida a domicilio dirixido a persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión

0

O Concello de Nigrán estreará na comarca do Val Miñor nas vindeiras semanas o programa ‘Xantar na Casa’, un servizo de comida a domicilio destinado a garantir unha alimentación saudable a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en risco de exclusión social e para o que xa está aberto o prazo de solicitude. O obxectivo final desta iniciativa enmarcada no programa municipal ‘Un Nigrán para todos’ é aumentar a calidade de vida destas persoas con problemas de automomía, tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). As persoas interesadas que cumpran estes requerimentos (maiores e/ou dependentes ou en risco de exclusión social) poden solicitar información e inscribirse a través do 660 083 984 de 10:00 a 14:00 horas ou no correo electrónico [email protected]

Un día á semana as persoas beneficiarias deste programa do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e sobremesa).

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35 % do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega.

“Entréganse menús saudables listos para consumir que aumentan á calidade de vida das persoas dependentes e tamén a das súas familias, xa que facilitan a conciliación”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o caso de moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, e que non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar.

“Moitos desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares e, sen dúbida, este programa é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario. Ademais, ao comezo do servizo comprobaráse que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares, no caso de carecer de electrodomésticos poñeráse a súa disposición un microondas e/ou frigorífico en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.

“En definitiva, damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable”, resume o rexedor.

O Goberno da Deputación destina máis de 200.000 euros para mellora do campo de fútbol de Pardellas, Ponteareas

A Xunta de Goberno aprobou a transferencia doutros 499.539,07 euros que, nesta ocasión, están destinados a facer realidade proxectos impulsados dende Ponteareas, Bueu, A Estrada e Cambados, fondos pertencentes ao Plan Concellos da Deputación, o maior instrumento para o investimento nos concellos da provincia. “Como sempre, –afirmou a presidenta Carmela Silva–, a Deputación é a administración que inviste nos concellos e que garante co seu respaldo económico os servizos e dereitos da xente, viva onde viva”

O Concello de Ponteareas recibe 209.198,62 euros para a financiación da “Instalación de céspede artificial e marcador no campo de fútbol municipal en Pardellas”. Este espazo, deteriorado polo paso do tempo e o uso intensivo, terá unha renovación completa do seu ‘tapete’. Así, vaise dotar ao campo dun novo céspede artificial, facilitando o seu mantemento e posibilitando a súa utilización en condicións óptimas. A maiores instalarase un marcador tipo ‘Outdoor’ con transmisión de radio/cable e cunha visibilidade completa ata 120 metros.

Outros 77.440 euros irán destinados ao Concello de Bueu para a adquisición de dous aseos públicos. Un destes equipamentos colocarase na Praza de Massó, na contorna da Casa do Concello, e o segundo no Paseo María Eugenia, preto do Estaleiro de Purro. Os aseos serán accesibles, gratuítos, autolimpables e antivandálicos. Contarán cun sistema de drenaxe non visible, inodoro, barra de apoio, moble lavamáns, dispensador para papel hixiénico, perchas, papeleira e sistema de ventilación.

No Concello de A Estrada, a Deputación vai sufragar obras de asfaltado en camiños municipais por valor de 133.272,35 euros. En concreto, vaise mellorar as condicións de uso e seguridade das vías de comunicación das parroquias de Rubín, Lagartóns, Guimarei, Cereixo, Ouzande, Tabeirós, Vinseiro, Pardemarín, Olives, Curantes, Nigoi, Parada, Ribela e Codeseda. Carmela Silva destacou que “non hai un camiño ou vía rural na Estrada cuxa reparación non se teña feito con recursos da Deputación de Pontevedra”.

O último destino desta nova remesa do Plan Concellos será o Concello de Cambados, que obterá 79.628,10 euros para a mellora das beirarrúas e zonas de estacionamento na rúa Sevilla, mellorando tamén as redes de saneamento e pluviais, así como as conexións das baixantes das edificacións. Neste caso trátase dunha actuación complementaria a unha primeira fase, xa executada co Plan Concellos, por valor doutros 74.433,85 euros. O ámbito de actuación comprende o tramo que vai dende a rúa Pombal ata a liña de delimitación do Conxunto Histórico-Artístico de Cambados.

A Biblioteca Xela Arias de Chapela festexou o seu decimo quinto aniversario cun concerto de Xoán Curiel

0

A Biblioteca Xela Arias de Chapela celebrou, esta pasada semana, o seu décimo quinto aniversario, celebración que non se pudo realizar en abril, que era cando correspondía, a causa da pandemia da COVID-19. Para esta ocasión tan especial, contouse coa presenza do músico Xoán Curiel, artista ben coñecido polos usuarios e usuarias da biblioteca de Chapela a través dos seus libro-discos.

Para maior seguridade sanitaria a actividade tíñase pensado realizar no xardín do Piñeiral do Crego, pero a meteoroloxía adversa fixo necesario trasladar a actividade ao auditorio. Dentro, sobre o escenario, unha biblioteca en miniatura acollia ao artista “un músico didáctico, fascinante e divertido, que foi quen de transformar a distancia física imposta, e a barreira das máscaras en auténticos sorrisos, en ritmo e en diversión compartida… ao tempo que nos aprendía máis dunha curiosidade musical”, explicaban dende a biblioteca de Chapela. 

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cutura, Daniel Boullosa, durante a presentación da actividade

Era unha actividade dirixida ás familias, especialmente a nenos e nenas de entre cinco e dez anos e foron moitos os que se achegaron para pasar unha tarde divertida e agradable. O acto contó tamén coa presenza da alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Cultura Daniel Boullosa, quenes fixeron a presentación do acto.

O Concello de Tui e o IKFEM agradecen con música aos voluntarios da COVID-19 o seu labor

0

O Concello de Tui e o IKFEM amosaron o venres o seu agradecemento aos colectivos que dende o inicio da pandemia teñen colaborado co Concello en diversas facetas. O agradecemento chegou en forma de velada musical coa asistencia de 25 persoas da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño e do Voluntariado da Caridade de San Vicente de Paul ao concerto inaugural que ofreceu no Teatro Municipal o Quarteto Contratempus.

Con este sinxelo xesto quíxose agradecer o importante labor realizado por estes e outros colectivos locais durante o confinamento e que continúa na actualidade.

Nun acto previo ao concerto o alcalde, Enrique Cabaleiro, xunto ao presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo; a Deputada de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias; o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, membros da corporación; a directora do IKFEM, Andrea González, e outras autoridades presentes no teatro tudense compartiron uns momentos con estes voluntarios transmitíndolles persoalmente as grazas polo labor que realizan a diario e que nestes tempos de pandemia ten adquirido aínda maior importancia.

A Deputación súmase ao ‘Día Mundial dos Animais’ que se celebra hoxe domingo, cunha nova campaña centrada no CAAN

Con motivo da celebración este domingo 4 de outubro do Día Mundial dos Animais, a Deputación de Pontevedra lanzou hoxe unha nova campaña de concienciación para fomentar a súa defensa e protección, denunciar o abandono e o maltrato e promover as adopcións. Esta iniciativa on line está centrada nos cans e cadelas do Centro de Acollida e Protección (CAAN) e anima á cidadanía a compartir mensaxes na web institucional e nas redes sociais corporativas en defensa e protección dos animais.

Un audiovisual, diferentes creatividades e unha galería mostran aos cans e cadelas que están no centro esperando unha oportunidade de atopar un fogar, amais de mensaxes de familias que adoptaron en Caan e que contan a súa experiencia. “É un vídeo –explicou a presidenta provincial Carmela Silva– enmarcado na nosa liña de fomentar as adopcións e insistir nos chamamentos a esa lacra que nos embrutece como sociedade que son os abandonos. Chamamos á cidadanía a que comparta estas mensaxes nas súas redes e se una a nós nesta campaña”.

A presidenta lembrou o firme compromiso da institución coa defensa dos animais, “en consonancia cos obxectivos dunha provincia sostible e respectuosa coa natureza e coas especies que a habitan” e destacou que a campaña se suma deste xeito á chamada de atención que fai cada ano a Organización Mundial de Protección Animal para contribuír á súa conservación e á difusión de iniciativas para crear unha nova cultura de respecto. Neste senso, subliñou que o compromiso da Deputación “vai ser cada día máis unha prioridade, porque a perda da biodiversidade está esnaquizando o noso planeta, por mais que haxa negacionistas que non o queiran ver e que non tomen decisións para que poidamos cambiar a forma de relacionarnos co planeta. Nesta pandemia démonos conta que eramos bastante menos poderosos do que criamos: somos moi vulnerables”.

Ao fío desta xornada, Carmela Silva destacou as boas novas sobre adopcións que leva acadadas este ano o CAAN da Deputación. Así, a pesares do parón de dous meses que supuxo o confinamento, ata o 1 de outubro xa son 411 os cans e cadelas que atoparon un novo fogar, 12 deles en Portugal. A presidenta incidiu en que con estes datos, “non hai dúbida que imos superar o récord anual de adopcións que acadamos o pasado 2019, con 466”. “O noso obxectivo-agregou- é chegar aos 500 animais adoptados e cremos que imos acadar esta cifra. Estes datos supoñen una media de 1,4 adopcións diarias, polo tanto, está claro que as campañas funcionan porque está habendo moita concienciación”.

Das 399 adopcións acadadas en España, 369 corresponden a fogares galegos, mentres que o resto dos animais viaxaron a Castela León (12), Asturias (5), Cataluña (4), Madrid (3), País Vasco (3), Andalucía (2). En Galicia a maior parte das adopcións, foron na provincia de Pontevedra, cun total de 293, seguidas por Lugo (53), A Coruña (21) e Ourense (2). E dentro da provincia, a cidade de Pontevedra ten o maior número de adopcións (34); seguida de Vigo (30), A Estrada (18), Cambados (17), Meis (16), Sanxenxo (16) e Marín (13).

A outra cara da moeda, como subliñou a presidenta, está nos abandonos. “É algo intolerable, fala moi mal de quen abandona e temos que sinalar á xente que abandona os animais”, afirmou. Ata outubro, o persoal do CAAN recolleu 894 animais, aínda que nesta cifra tamén están cans perdidos que son devoltos ás súas familias e que neste caso foron 421. ”O ano pasado –lembrou a presidenta- as recollidas foron 1.332 e deste xeito parece que no 2020 vai haber máis adopcións e vai haber menos abandonos. É unha boa noticia pero temos que chegar ao abandono cero”.

Carmela Silva citou o tráxico caso da recollida realizada esta semana de dez cachorros en Ponteareas, que foran arroxados nunha caixa a un colector. Cando chegou o persoal do CAAN, catro destes cachorros estaban mortos e o resto faleceu de camiño ao centro. “Tiñan apenas horas de vida –dixo-. E isto non se pode tolerar, pero hai que contar estas cousas para que a xente tome conciencia. Así que neste Día Mundial dos Animais eu animo ás persoas a que se pase polo CAAN, a que adopten can e cadelas e que nos poñamos fronte aos abandonos, os denunciemos e sinalemos á xente que abandona aos animais e que fai estas cousas de deixalos tirados a un colector para que morran”.

O CAAN presta servizo a 50 concellos da provincia, despois das adhesións de Ponteareas e O Porriño. Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.

EU Ponteareas lamenta a prórroga do contrato de Viaqua

Esquerda Unida de Ponteareas lamenta que no pasado pleno do 1 de outubro, o goberno de Ponteareas acordara prorrogar o contrato da actual empresa concesionaria do ciclo da auga Viaqua. Segundo o Goberno local, isto faise porque a día de hoxe o Concello aínda non dispón da documentación que foi retirada polo xulgado no marco do caso Patos, o que impide facer os trámites necesarios para resolver o fin do contrato e decidir o “futuro da xestión”.

Para EU Ponteareas, ese ” futuro da xestión” xa o teñen decidido BNG e PSOE, xa que, afirma a formación asemblearia, “o pasado agosto contrataron por 18.000 euros a unha empresa para redactar os pregos do novo contrato” o que ao seu entender dexa ás claras a intención “de seguir privatizando o servizo por moito que tenten dar a entender outra cousa”.

Esquerda Unida considera necesario lembrar que dende que se aprobou a proposta levada a pleno por esta organización no ano 2018, para que se puidera comezar a tempo o cambio da xestión privatizada á xestión directa, o goberno de Ponteareas “non fixo absolutamente nada ao respecto”, indubidablemente coa clara intención de non cumprir o acordo plenario.

Esquerda Unida ten claro que o goberno municipal aposta pola privatización e soamente coa presión veciñal se poderá cambiar o rumbo que xa ten tomado este goberno. “De todas nós depende que unha multinacional se siga a lucrar co que é dos veciñas e veciños ou que a xestión do ciclo da auga sexa levada directamente polo concello” remata EU Ponteareas.

O Goberno de Redondela paralizará a obra da instalación de gas licuado de Aucosa “ao non estar incluída na licencia solicitada pola empresa”

0

O Goberno de Redondela lanzou hoxe unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza de Cabanas, Rande e Chapela ante a alerta ocasionada polas obras de construción dunha instalación de gas licuado nos terreos da empresa Aucosa, traballos “que non figuraban na licencia solicitada pola empresa” e, en consecuencia, o Concello “adoptará medidas de restauración da legalidade urbanística”.

A alcaldesa Digna Rivas lamentou que por parte da dirección da empresa téntese terxiversar a realidade ao afirmar que a obra “non conta con autorización municipal porque o propio concello trasladoulle que non era competente nesta materia” cando á realidade, explica a alcaldesa, é que os servizos técnicos do Concello trasladáronlle a Aucosa, expresamente, “que os traballos, SI estaban suxeitos a licencia e, a pesar diso, omitiron as obras da instalación de gas licuado na mesma”.

En vista de todos estes feitos, o Concello manterá a vixilancia no cumprimento da licencia outorgada a Aucosa “para ter a seguridade de que os traballos que está a realizar, están recollidos no correspondente permiso”, vixilancia que de momento deu como froito “decatarse do inicio dunhas obras non recollidas na licencia presentada por Aucosa”.

En todo caso, engade a alcaldesa de Redondela, “os servizos técnicos do Concello requirirán á Xunta de Galicia as correspondentes autorizacións e permisos que lle foron concedidos á empresa porque, de existir, nunca foron remitidas ao Concello por parte da administración autonómica”.

Por outra banda, a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, amosaron a súa “incredulidade” ante o que cualificaron de “incomprensible silencio e indiferenza da Xunta de Galicia “ante un problema que afecta seriamente á saúde e calidade de vida dun grande número de veciños e veciñas”. Hay meses, sinala a rexedora local, “que vimos solicitando dende o Concello e de xeito insistente, unha reunión coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental, sen que ata o de agora esta se teña producido”.

Á vista desta indiferenza da administración con competencias en Medio Ambiente, a alcaldesa de Redondela adiantou que o Concello “adoptará as medidas que considere oportunas co fin de defender os intereses das nosas veciñas e veciños”. “A Xunta de Galicia non pode ignorar o grave problema da veciñanza de Chapela, Rande e Cabanas, un problema que afecta a súa calidade de vida e mesmo a súa saúde”.

Galicia volve a rebaixar o número de casos activos ata os 4.038

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.038, deles 819 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, 946 da de Ourense, 689 da de Pontevedra, 445 da área de Vigo, 530 da de Santiago, e 116 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 36 están en UCI, 192 en unidades de hospitalización e 3.810 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 19.981 persoas curadas, rexistrándose 755 falecementos. O último falecemento corresponde a unha muller de 83 anos, que estaba ingresada no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, e tiña patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 504.922.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Salceda remata o programa de promoción da Igualdade e prevención da violencia de xénero logo de dous meses de intenso traballo

O Concello de Salceda de Caselas vén de dar por rematado o programa que durante dous meses traballou na promoción da Igualdade e a prevención da violencia de xénero. Foron 150 horas de asistencia xurídica, psicolóxica, laboral e social acompañadas de itinerarios profesionais, 22 horas de talleres de autoestima, técnicas de búsqueda de emprego, habilidades dixitais, análisis da violencia de xénero e valorización dos coidados e encontros de avaliación.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda e responsable da área de igualdade non podía evitar sentirse orgullosa de poder ter desenvolvido “un programa pioneiro coma este, en que por vez primeira se traballa nunha iniciativa co tecido empresarial dirixida ás mulleres máis vulnerables”

O programa, que comezou no mes de agosto, rematou o pasado 30 de setembro cunha reunión da alcaldesa Loli Castiñeira con Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa; David Sobral, xerente da Asociación de Empresarios/as das Gándaras e Jorge Trigo, Director de RRHH de CEAMSA, á que acudiron 5 mulleres en representación das participantes.

O obxectivo da visita non foi outra que a búsqueda de acordos para tratar de insertar no mercado laboral ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

As participantes do Programa, que nace con vocación de continuidade, foron mulleres vítimas de violencia de xénero, en situación de desemprego, traballadoras en actividades non remuneradas, inactivas ou xubiladas, inmigrantes e refuxiadas, pertencentes a etnias minoritarias, drogodependentes, mulleres que viven soas ou con cargas familiares non compartidas, mulleres con discapacidade e con outras situacións de vulnerabilidade.

Con elas se traballou transversalmente na prevención da violencia de xénero, o empoderamento e a empregabilidade a través de ferramentas e habilidades para facilitar a incorporación ao mercado laboral, mellorar a autoestima e a calidade de vida asi como a súa participación social e visibilidade.

Por outra banda, e durante a atención persoalizada nos itinerarios profesionais, traballouse con elas con ferramentas estructuráis para a orientación persoal e profesional.

Nesta última etapa do Programa, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo, tal e como sinalou a alcaldesa, o esforzo focalizouse na inserción laboral como un dos requisitos para o empoderamento de todas as mulleres, fundamentalmente as máis vulnerables e que levan anos fora do mercado laboral.

A predisposición dos representantes empresariais ante a posibilidade de poñer en marcha vías de colaboración para a inserción das participantes deste Programa foi total e tanto a alcaldesa Loli Castiñeira como Indalecio Cuevas, David Sobral e Jorge Trigo quedaron emprazados a traballar neste senso.

O martes 13 comeza en Tui a segunda edición de ‘Cultiva a Mente’

0

O próximo martes, 13 de outubro, ponse en marcha a segunda edición do programa ‘Cultiva a Mente’ froito da colaboración entre o Concello de Tui, a través do departamento de Servizos Sociais, e AFAGA, a Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer e outras demencias de Galicia.

Na primeira edición deste programa ‘Cultiva a mente’ participaron oitenta persoas. Debido ao confinamento os obradoiro tiveron que deixar de realizarse presencialmente aínda que durante estes meses realizouse un seguimento dos usuarios. Agora retómase de forma presencial os martes de 10 a 11:30 h en Caldelas, e de 12 a 13:30 h en Guillarei. Os mércores de 10 a 11:30 h en Pazos de Reis; de 12 a 13:30 h en Areas e os venres de 10 a 11:30 h en Rebordáns. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca descentralizar este servizo e achegalo á cidadanía.

Durante hora e media á semana as persoas inscritas realizarán técnicas de memoria, recibirán consellos saudables para o cerebro, e ao tempo fomentarase a socialización e emoción positivas.

Os grupos en cada unha destas parroquias están completos pero estase a confeccionar lista de agarda para cubrir as prazas vacantes que se poidan rexistrar. Por iso as persoas interesadas poden cubrir o impreso de solicitude, accesible en tui.gal, e presentalo por Rexistro de entrada na Casa do Concello.

O 15 de outubro remata o prazo para o pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles urbana e rústica 2020 en Redondela

0

O Concello de Redondela vén de poñer en coñecemento de toda a veciñanza interesada que o vindeiro 15 de outubro, xoves, remata o prazo para o pagamento, en período voluntario, dos recibos do Imposto sobre Bens Inmobles de urbana e rústica do exercicio 2020 (IBI).

O pagamento pode realizarse en calquera das entidades bancarias colaboradoras –Abanca, Caixabank ou Banco Bilbao Vizcaya– presentando o correspondente recibo que xa foi remitido aos domicilios das persoas contribuíntes.

Aquelas veciñas ou veciños que aínda non recibiran a correspondente carta de pagamento –recibo– no seu domicilio, poden solicitar un duplicado dos mesmos la Oficina de Recadación e Xestión Tributaria do Concello de Redondela, –rúa Ernestina Otero 35, baixo– en horario de e atención ó público: mañás de luns a venres de 9:00 h a 14:00 h e tardes de luns a xoves de 16:00 h a 19:00 horas). Para calquera información pódense dirixir ao teléfono 986 408 374, ao correo electrónico [email protected] ou a través da Oficina Virtual Tributaria https://redondela.tributoslocales.es

Cómpre salientar que unha vez finalizado este prazo de pagamento voluntario, o cobro realizarase por vía executiva coas recargas de apremio correspondentes.

Galicia rexistra un total de 4.092 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.092, deles 848 son da área da Coruña, 503 da de Lugo, 891 da de Ourense, 722 da de Pontevedra, 460 da área de Vigo, 547 da de Santiago, e 121 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 194 en unidades de hospitalización e 3.863 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 19.714 persoas curadas, rexistrándose 751 falecementos. O número de PCR realizadas é de 499.201

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros e os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.