Luns, 24 Marzo de 2025

EU Ponteareas lamenta a prórroga do contrato de Viaqua

Esquerda Unida de Ponteareas lamenta que no pasado pleno do 1 de outubro, o goberno de Ponteareas acordara prorrogar o contrato da actual empresa concesionaria do ciclo da auga Viaqua. Segundo o Goberno local, isto faise porque a día de hoxe o Concello aínda non dispón da documentación que foi retirada polo xulgado no marco do caso Patos, o que impide facer os trámites necesarios para resolver o fin do contrato e decidir o “futuro da xestión”.

Para EU Ponteareas, ese ” futuro da xestión” xa o teñen decidido BNG e PSOE, xa que, afirma a formación asemblearia, “o pasado agosto contrataron por 18.000 euros a unha empresa para redactar os pregos do novo contrato” o que ao seu entender dexa ás claras a intención “de seguir privatizando o servizo por moito que tenten dar a entender outra cousa”.

Esquerda Unida considera necesario lembrar que dende que se aprobou a proposta levada a pleno por esta organización no ano 2018, para que se puidera comezar a tempo o cambio da xestión privatizada á xestión directa, o goberno de Ponteareas “non fixo absolutamente nada ao respecto”, indubidablemente coa clara intención de non cumprir o acordo plenario.

Esquerda Unida ten claro que o goberno municipal aposta pola privatización e soamente coa presión veciñal se poderá cambiar o rumbo que xa ten tomado este goberno. “De todas nós depende que unha multinacional se siga a lucrar co que é dos veciñas e veciños ou que a xestión do ciclo da auga sexa levada directamente polo concello” remata EU Ponteareas.