Luns, 9 Decembro de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais á ría de Vigo no concello de Redondela

Este foco foi localizado durante os labores rutineiros de inspección que o Plan de control de vertidos, de Augas de Galicia, realiza na rede fluvial e na marxe litoral do municipio

A Xunta vén de emendar un punto de vertido de augas residuais á ría de Vigo no concello de Redondela.

O punto de vertido foi localizado durante os labores rutineiros de inspección que o Plan de control de vertidos de Augas de Galicia realizada na rede fluvial e na marxe litoral do termo municipal.

O persoal técnico da Xunta constatou a orixe dun aporte de auga residual nunha vivenda unifamiliar, localizada no barrio da Portela, zona na cal existe rede de saneamento municipal.

Augas de Galicia notificoulle os feitos observados ao Concello de Redondela, requiríndoselle a adopción das medidas oportunas para a subsanación do punto de vertido. Desde o Concello trasladouse ao particular a obriga de conectarse á rede de saneamento municipal.

Recentemente, os técnicos de Augas de Galicia realizaron unha nova inspección na zona, verificando que as augas residuais xeradas na citada vivenda se atopan conectadas á rede de saneamento municipal, quedando emendado o vertido que se producían cara á ría de Vigo.