O Partido Popular do Porriño solicitará a comparecencia da Alcaldesa, Eva García, e da portavoz de EU SON Porriño-Son en Común, Patricia Sío, ante a “gravidade das declaracións feitas por ambos os grupos” nos últimos días sobre os termos de negación para a aprobación dun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito por importe de 3 millóns de euros.
A alcaldesa e a edil –asegura o portavoz popular Alejandro Lorenzo– “deberán dar conta diante da corporación e da cidadanía sobre o contido duns pactos entre forzas políticas que, tal e como se expuxo publicamente, perseguían unha nova repartición de cadeiras na corporación co voto a favor a unha modificación orzamentaria como moeda de cambio”.
Indignación dos populares
“A voceira de EU SON relatou en sesión plenaria, sen ningún tipo de pudor, que o seu grupo ía emitir un voto que incurriría nunha ilegalidade se a alcaldesa cumplira a súa parte do trato”, manifesta o portavoz, Alejandro Lorenzo. E é que a edil, defendeu que non podería votar a favor dun acordo que xa estaba aprobado en pleno “porque sería ilegal” para, dous minutos despois, asegurar que o seu grupo tiña condicionado ese voto a favor a que a Alcaldesa anunciara a súa dimisión.
“Estamos a falar de comprar votos, e hai que dicilo con total claridade. Se o que afirma a portavoz de EU SON é así, están a cometer un delito e deberán dar conta onde corresponde”, continúa Lorenzo. Cabe destacar que, en resposta, a rexedora limitouse a emitir un comunicado no que en ningún momento nega que se mantiveran as negociacións nestes termos.
Lembran os populares que a facturación pendente de pago que está servindo a estes grupos como base de negociación, está a ser investigados penalmente na causa que instrúe o Xulgado de Instrucción Nº 2 do Porriño na que están imputados varios corporativos polos delitos de tráfico de influencias, prevaricación e falsidade documental. Falamos de máis de 5 millóns de euros en facturas totalmente irregulares non contan con ningún tipo de contrato e onde se detectaron cuestións de tal gravidade como a facturación a nome de varias empresas por parte do mesmo administrador ou facturas por traballos non realizados. “O recoñecemento que EU SON pretendía aprobar se a alcaldesa cumprise a súa parte do acordo xa fora levado a pleno e acordouse, a petición do noso grupo, a revisión de oficio de esa facturación. O acordo estaba tomado, tal e como recoñeceu Sío”, explica o voceiro, “Estaban dispostos a evitar que se revisara esa facturación e incumplir o acordo plenario por puro interés partidista”.
“Esta dantesca situación volve comprometer a todos os grupos que manteñen a este goberno corrupto”, sentenza o edil, “PSOE, BNG, EU SON e Manuel Carrera investiron a esta alcaldesa. Para soster esta situación durante cinco anos o voto da rexedora non é suficiente, precísanse nove. Son cómplices e así está a demostrarse”.
O portavoz dos populares conclúe advertindo que o Partido Popular seguirá ata o final para resolver a trama económica e política que está a desleixar o Concello do Porriño. “A diferencia de todos eles nós non temos nin perseguimos máis pacto que cos veciños e veciñas do Porriño. Actuamos en todo momento movidos pola defensa do interés público ante o desfalco do que está a ser vítima a veciñanza e así seguiremos, facendo unha oposición tan dura como sensata basada únicamente na defensa dos intereses dos noso concello e dos nosos veciños. Chegaremos ata o final.”.