A Deputación supervisará o estado de todas as pontes e pasos elevados na rede de estradas provinciais

Carmela Silva: “Queremos revisar e avaliar todas as pontes da nosa rede de estradas amais de ter información rigorosa para poder actuar ao respecto”

Xunta de goberno. Deputación de Pontevedra - Setembro 2020

O goberno da Deputación vén de aprobar o expediente para a contratación dun servizo de inventario, inspección e avaliación de pontes e obras de paso das estradas provinciais. “Todas e todos –asegurou Carmela Silva– recordamos situacións como a que aconteceu en Italia, coa caída dunha ponte que levantou todas as alarmas. Queremos revisar e avaliar todas as pontes da nosa rede de estradas e ter información veraz para poder actuar”. Neste eido, a Deputación investirá 283.588,31 para un proxecto que se desenvolverá durante os anos 2021 e 2022.

A través desta actuación vaise obter un coñecemento detallado das características actuais dos pasos e pontes, detectando problemáticas e anomalías existentes para planificar actuacións a desenvolver. Máis polo miúdo, e tal e como explicou a presidenta, vanse “recompilar todos os datos e revisar a información sobre as obras de paso existentes na rede da Deputación pero tamén daqueles que, pertencendo a outras administracións, supoñan restricións ou condicionantes para as estradas provinciais”. Para elo, a empresa que resulte contratada deberá seguir as instrucións marcadas polo Ministerio de Fomento na súa “Guía para a realización do inventario de obras de paso”.

En liñas xerais, a través desta actuación vaise crear unha ficha de inventario por cada obra de paso existente na rede de estradas provinciais ou relacionada coa mesma. Para poder cumprimentar cada ficha realizarase unha toma “in situ” de datos e inspeccións principais, tanto visuais como detalladas. Os traballos analizarán as xuntas, varandas, o estado do firme e/ou pavimento así como todos aqueles elementos que sexan susceptibles dalgún tipo de mantemento por parte da Deputación o afecten á circulación. Tamén determinarán o grao de deterioro, a súa localización, gravidade e incidencias que poidan afectar á estrutura. Finalmente, vaise crear unha aplicación informática para o sistema de xestión de obras de paso que incluirá toda a información, recollida durante o proceso anterior, xeorreferenciada.