22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Goberno da Deputación destina máis de 200.000 euros para mellora do...

    O Goberno da Deputación destina máis de 200.000 euros para mellora do campo de fútbol de Pardellas, Ponteareas

    En total, o goberno que preside Digna Rivas aprobou medio millón de euros para investimentos en Ponteareas, Bueu, A Estrada e Cambados

    A Xunta de Goberno aprobou a transferencia doutros 499.539,07 euros que, nesta ocasión, están destinados a facer realidade proxectos impulsados dende Ponteareas, Bueu, A Estrada e Cambados, fondos pertencentes ao Plan Concellos da Deputación, o maior instrumento para o investimento nos concellos da provincia. “Como sempre, –afirmou a presidenta Carmela Silva–, a Deputación é a administración que inviste nos concellos e que garante co seu respaldo económico os servizos e dereitos da xente, viva onde viva”

    O Concello de Ponteareas recibe 209.198,62 euros para a financiación da “Instalación de céspede artificial e marcador no campo de fútbol municipal en Pardellas”. Este espazo, deteriorado polo paso do tempo e o uso intensivo, terá unha renovación completa do seu ‘tapete’. Así, vaise dotar ao campo dun novo céspede artificial, facilitando o seu mantemento e posibilitando a súa utilización en condicións óptimas. A maiores instalarase un marcador tipo ‘Outdoor’ con transmisión de radio/cable e cunha visibilidade completa ata 120 metros.

    Outros 77.440 euros irán destinados ao Concello de Bueu para a adquisición de dous aseos públicos. Un destes equipamentos colocarase na Praza de Massó, na contorna da Casa do Concello, e o segundo no Paseo María Eugenia, preto do Estaleiro de Purro. Os aseos serán accesibles, gratuítos, autolimpables e antivandálicos. Contarán cun sistema de drenaxe non visible, inodoro, barra de apoio, moble lavamáns, dispensador para papel hixiénico, perchas, papeleira e sistema de ventilación.

    No Concello de A Estrada, a Deputación vai sufragar obras de asfaltado en camiños municipais por valor de 133.272,35 euros. En concreto, vaise mellorar as condicións de uso e seguridade das vías de comunicación das parroquias de Rubín, Lagartóns, Guimarei, Cereixo, Ouzande, Tabeirós, Vinseiro, Pardemarín, Olives, Curantes, Nigoi, Parada, Ribela e Codeseda. Carmela Silva destacou que “non hai un camiño ou vía rural na Estrada cuxa reparación non se teña feito con recursos da Deputación de Pontevedra”.

    O último destino desta nova remesa do Plan Concellos será o Concello de Cambados, que obterá 79.628,10 euros para a mellora das beirarrúas e zonas de estacionamento na rúa Sevilla, mellorando tamén as redes de saneamento e pluviais, así como as conexións das baixantes das edificacións. Neste caso trátase dunha actuación complementaria a unha primeira fase, xa executada co Plan Concellos, por valor doutros 74.433,85 euros. O ámbito de actuación comprende o tramo que vai dende a rúa Pombal ata a liña de delimitación do Conxunto Histórico-Artístico de Cambados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.