O Goberno de Redondela lanzou hoxe unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza de Cabanas, Rande e Chapela ante a alerta ocasionada polas obras de construción dunha instalación de gas licuado nos terreos da empresa Aucosa, traballos “que non figuraban na licencia solicitada pola empresa” e, en consecuencia, o Concello “adoptará medidas de restauración da legalidade urbanística”.
A alcaldesa Digna Rivas lamentou que por parte da dirección da empresa téntese terxiversar a realidade ao afirmar que a obra “non conta con autorización municipal porque o propio concello trasladoulle que non era competente nesta materia” cando á realidade, explica a alcaldesa, é que os servizos técnicos do Concello trasladáronlle a Aucosa, expresamente, “que os traballos, SI estaban suxeitos a licencia e, a pesar diso, omitiron as obras da instalación de gas licuado na mesma”.
En vista de todos estes feitos, o Concello manterá a vixilancia no cumprimento da licencia outorgada a Aucosa “para ter a seguridade de que os traballos que está a realizar, están recollidos no correspondente permiso”, vixilancia que de momento deu como froito “decatarse do inicio dunhas obras non recollidas na licencia presentada por Aucosa”.
En todo caso, engade a alcaldesa de Redondela, “os servizos técnicos do Concello requirirán á Xunta de Galicia as correspondentes autorizacións e permisos que lle foron concedidos á empresa porque, de existir, nunca foron remitidas ao Concello por parte da administración autonómica”.
Por outra banda, a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, amosaron a súa “incredulidade” ante o que cualificaron de “incomprensible silencio e indiferenza da Xunta de Galicia “ante un problema que afecta seriamente á saúde e calidade de vida dun grande número de veciños e veciñas”. Hay meses, sinala a rexedora local, “que vimos solicitando dende o Concello e de xeito insistente, unha reunión coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental, sen que ata o de agora esta se teña producido”.
Á vista desta indiferenza da administración con competencias en Medio Ambiente, a alcaldesa de Redondela adiantou que o Concello “adoptará as medidas que considere oportunas co fin de defender os intereses das nosas veciñas e veciños”. “A Xunta de Galicia non pode ignorar o grave problema da veciñanza de Chapela, Rande e Cabanas, un problema que afecta a súa calidade de vida e mesmo a súa saúde”.