Xoves, 7 Agosto de 2025

Inspectores de Sanidade visitan preto de 9.000 establecementos dentro da campaña de reforzo para a mellora do cumprimento de medidas da Covid-19

A campaña de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid, posta en marcha nos mes de febreiro pola Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa leva realizadas, ata o 21 de marzo, preto de 9.000 visitas a establecementos, entre eles, 3.727 de alimentación (hipermercados, supermercados e ultramarinos), 313 centros comerciais e prazas de abasto, 1.286 instalacións deportivas, e 3.459 establecementos de hostalería.

A campaña ten por obxectivo asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias  implantadas para facer fronte á crise sanitaria da covid, en especial control de aforos, distancias, uso de máscaras, etc, actuacións que se encadran dentro do paquete de medidas para tentar diminuír a incidencia do virus.

No que atinxe á semana que vai do 15 ao 21 de marzo, o persoal inspector de saúde pública -máis de 200 efectivos-, vén de comprobar, nas 1.146 visitas realizadas a establecementos de hostalería, de alimentación e instalacións deportivas, que o 21% deles estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello. Dos que se atopaban abertos (79%), o 51% das visitas de inspección foron favorables, o 37% presentaban deficiencias leves, e o 12% deron como consecuencia incumprimentos de maior importancia. Cómpre destacar que segue o bo grao de cumprimento das medidas covid nos sector da alimentación, xa que das visitas realizadas, o 59% deron como resultado que cumpren as medidas que lles son de aplicación, e no 18% atopáronse deficiencias menores.

No que atinxe á hostalería, na semana que vai do 15 ao 21, o 40% dos establecementos cumpría coas medidas sanitarias, mentres que nun 30% atopáronse deficiencias menores e nun 9% incumprimentos, permanecendo aínda pechados un 21% dos establecementos de hostelería visitados.

Nesta terceira semana de marzo, no total das visitas de inspección ao conxunto dos establecementos, o 40% dos incumprimentos son por non dispoñer de xel de mans ou este non estar debidamente rexistrado para o seu uso; seguido do apartado de aforos (20%). Na distribución dos incumprimentos desta terceira semana de marzo, obsérvase que a maior parte, o 75%, son no sector da restauración. 

Sinalar que, tendo en conta que o obxectivo da campaña é o de asesorar sobre a normativa sanitaria, as medidas que se tomaron foron, sobre todo, o establecemento de prazos para emendar as deficiencias ou incumprimentos.

A campaña de reforzo estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.

O Rosal pon en marcha un novo Consello Municipal para traballar a prol do medio ambiente

0

O Concello do Rosal continúa dando pasos para afianzar o seu compromiso co medio ambiente, coa preservación da contorna e coa natureza. Neste camiño acaba de constituírse o Consello Municipal de Medio Ambiente, un novo órgano consultivo integrado por persoas e representantes de asociacións relacionadas coa natureza e co medio ambiente que servirá como foro aglutinador de ideas, propostas, preguntas e respostas sobre as actuacións medioambientais que se están levando a cabo no concello, así como calquera outra cuestión relacionada con este eido. “Para nós é importante contar en todos os campos coa participación da veciñanza e do tecido asociativo, sempre tan participativo e unha das marcas de identidade do Rosal. E este novo consello municipal será unha ferramenta máis nese camiño que comezamos hai xa tempo cara un concello máis sustentable, realizando todos os cambios de forma estratéxica e planificada”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Na reunión de constitución deste novo consello, celebrada por videoconferencia, ademais da rexedora e dos concelleiros de Medio Ambiente e Participación Veciñal, Sara Vicente e Ramón Fernández Leal, participaron tamén César Blanco, enxeñeiro de montes e integrante do departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela; Isaac González, antigo presidente da comunidade de montes do Rosal; Patricia Muñoz, empresaria e activista medioambiental; Manuel Sobrino, autor do blog ‘El naturalista cojo’; Charo Tabales, concelleira de medio ambiente no anterior equipo de goberno e actual concelleira do PP; e Ignacio Ojea, que participou no Inventario de Recursos do Baixo Miño.. O consello tamén contará coa participación de Carlos Villanueva, concelleiro de Educación; Ignacio Rivas, activista medioambiental; e Miguel Sousa, da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto entre as persoas participantes e para explicar as liñas xerais das accións inmediatas que está a desenvolver o Concello no eido medio ambiental, referíndose especialmente aos proxectos postos en marcha grazas á consecución de dúas subvencións de arredor de 78.000€ de fondos Feder Galicia 2014-2020 para o fomento da compostaxe entre a poboación e para a creación dun espazo de autorreparación a través do que concienciar á veciñanza para ir cada vez máis cara modelos de economía circular, coa reparación, reutilización e intercambio de materiais como eixo central para alongar a vida útil dos obxectos. Este espazo tamén servirá como centro de divulgación medio ambiental onde se acollerán charlas relacionada coa reciclaxe, a redución, a reutilización…, obradoiros e outro tipo de actividades relacionadas.

Dende o Consello propuxéronse tamén novas ideas a ter en conta, como a importancia que debe ter a relación entre medio ambiente e educación, a oportunidade de destacar todas as posibilidades que ten o Baixo Miño como espazo natural ou temas a estudar nun futuro inmediato como o cambio climático, a enerxía eólica e os espazos públicos. Tamén, entre outros temas, se abordaron cuestións relacionadas coas rutas polo monte, propostas como forma para coñecer O Rosal. Neste sentido o Concello xa está a traballar coas comunidades de montes para explorar a posibilidade de sinalar os sendeiros dos que dispón o municipio. Durante a reunión tamén se propuxo ter un plan de traballo no que abordar as problemáticas identificadas dende unha perspectiva práctica e facer partícipe á veciñanza para que transmita as carencias ou necesidades que detecta.

Este é xa o sexto consello municipal que pon en marcha o Concello do Rosal tras o de Desenvolvemento Local, Igualdade, Deporte, Cultura e Educación, cos que se busca crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

Sae ileso un traballador tras precipitarse dentro dun pozo en Salvaterra de Miño

Un taballador foi rescatado ileso tras precipitarse ao interior dun pozo, esta mañá, no concello de Salvaterra de Miño.

O 112 Galicia tivo constancia do feito mediante a chamada dun particular que avisou da caída dunha persoa nun pozo de, aproximadamente, cinco metros de altura e que se atopaba agarrado por una corda. Nese momento, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Pouco despois, a Policía Local de Salvaterra confirmoulle ao 112 Galicia que o traballador xa estaba rescatado, sano e salvo. De todas formas, os servizos médicos atenderon, no punto, a un compañeiro do home por queimaduras producidas nas mans ao suxeitar a corda da que este colgaba.

O Concello de Nigrán insiste en pedir ante a Xunta a desafección da casa dos mestres de Camos ao acreditar que non ten uso residencial

0

O Concello de Nigrán reiterará oficialmente ante a Consellería de Educación a súa petición de desafección da vivenda dos mestres de Camos (en Balinfra, número 45) ao poder acreditar documentalmente que está deshabitada e en estado de abandono. O Concello de Nigrán si dispón desde 2010 das antigas escolas e desde 2017 dunha das dúas casas dos mestres (número 43, cedida ao CEE Juan María para programa de respiro familiar), restando só a desafección educativa desta segunda ao alegar sempre a Xunta que seguía a funcionar como vivenda de mestres.

“Está adxudicada a unha docente pero toda a parroquia sabe que, en realidade, non vive ninguén desde hai anos. É de xustiza que o Concello poida dispoñer dela para un uso social porque se atopa nun estado de abandono que prexudica ao propio inmoble”, xustifica o alcalde, quen reitera a súa vontade de rehabilitala para outorgalle este fin, tal e como fixo coa súa xemelga adosada.

O Concello de Nigrán está en disposición de acreditar documentalmente ante a Xunta que a casa está sen uso porque o seu consumo eléctrico permanece prácticamente inalterable, as persianas baixadas (agás unha traseira, sempre subida), a finca en estado de crecente abandono e o peche perimetral derrubado. “Non hai dúbida que desde hai moitos anos non ten uso residencial, pero tomamos a iniciativa de acreditalo documentalmente desde novembro de 2020 á actualidade para tratar de desbloquear esta situación que prexudica ao municipio e indigna á veciñanza”, defende o alcalde.

A edificación foi construída hai máis dun século para fogar dos mestres é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas adosadas (unha delas, xa mencionada, a 43, está en uso desde 2017 tras obterse a desafección e cedela o Concello de Nigrán ao Centro de Educación Especial Juan María). Cada una destas dúas casas conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados. Igualmente, a escola infantil á que estaba vinculada xa non cumple tal función, por esta razón o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafección do seu uso docente, sendo concedido o 15 de marzo de 2015 e permitindo así que as escolas sirvan para albergar á asociación cultural VaiMillor ou ao grupo de pandereteiras da Asociación Cultural A Camoesa.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa en desuso para poder destinala a casos de emerxencia ou calquera outro fin social”, reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único ‘parche’ do recinto de Balinfra é esta casa abandonada. “Gustaríanos poder rehabilitala e integrala nos diferentes usos que se dan actualmente en Balinfra porque xa comprobamos que uns e outros se benefician da presencia mútua e comparten actividades”, finaliza González.

As Neves adxudica a Vodafone un contrato de telefonía máis ventaxoso para o concello

0

O novo contrato do servizo, por 12 meses, supón un importante aforro económico e unha mellora nas prestacións. Este cambio vén motivado pola análise dos actuais servizos contratados (liñas, consumos, terminais, coberturas, etc.) tanto de telefonía móbil como de fixa, realizado nos últimos meses por Óscar González, concelleiro de Servizos e responsable da área de innovación tecnolóxica.

A nova proposta inclúe liñas de telefonía para móbiles, instalacións de tratamento de auga e depuración e telefonía fixa. Tamén conexións mediante fibra, ADSL e router 4G en diferentes edificios municipais. Tódolos servizos estarán interconectados e o teletraballo será máis seguro e eficaz.

Na parte económica, o contrato ten un importe anual de 15.048 euros, considerablemente inferior ao actual de Movistar, que supera os 22.000 euros.

O proceso de cambio de compañía implica que o Concello debe soportar unha penalización con Movistar. Acordouse que o 60% desta penalización sexa sufragada por Vodafone e o 40% polo Concello, arredor de 3.000 euros. Aínda con isto, no primeiro ano o aforro será duns 4.000 euros e nos seguintes anos, coas mesmas condicións de 7.000 euros. Este aforro económico servirá para seguir mellorando os equipos e ferramentas tecnolóxicas para unha atención a veciñanza aínda máis eficaz.

Hoxe rexístranse 2.327 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.327, deles 847 son da área da Coruña, 175 da de Lugo, 127 da de Ourense, 217 da de Pontevedra, 574 da área de Vigo, 248 da de Santiago e 139 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 27 están en UCI, 179 en unidades de hospitalización e 2.121 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 112.108 persoas curadas, rexistrándose 2.334 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.841.195.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 447.787.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O club Bádminto Tui volve á competición

0

Despois dun tempo sen poder participar en competicións debido á crise sanitaria. O club Bádminton de Tui participou esta pasada fin de semana nunha cita dobre.

Despois de dúas longas xornadas, unha o sábado en Vigo e a outra o domingo en Ponteareas, o equipo de Tui está contentos, debido a que puideron volver gozar da competición e do deporte.

A xornada do sábado, foi no TTR Sub 13-Sub17 de Vigo organizado polo CER Vigo, no que a pesar de non lograr subir ao podium, aínda que estiveron preto, quedan co bo xogo desenvolvido polos xogadores.

O domingo, desprazáronse a Ponteareas onde participaron no TTR Sub 11 e Abs, do que se regresaron con moi bos resultados, destacando moi especialmente aos deportistas máis pequenos, os sub 11.

Neste torneo estes foron os resultados:

Categoría Absoluta

  • Bronce para Fabi Barreiro e Jessica Santos en Dobres Mixtos
  • Cuarto posto para Daniela Sanz e Patricia Quevedo (CER Vigo)

Categoría Sub11

  • ? Oro para Martín Gándara e Xoél Álvarez (As Neves) en Dobre masculino
  • ? Prata para Iago Díaz-Fierros e Mikel Martínez en Dobre masculino
  • ? Prata para Mariña García e Alexia Pérez en Dobre femenino
  • ? Bronce para Mariña García e Mikel Martínez en Dobre mixto
  • ? Bronce para Martín Gándara e Alexia Pérez en Dobre mixto
  • ? Bronce para Martín Gándara en individual masculino
  • ? Bronce para Mariña García individual feminino
  • ? Bronce para Alexia Pérez individual feminino
Imaxe do grupo do domingo

Areeiro aconsella comezar a tratar os buxos para facer fronte á expansión da praga da bolboreta

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra vén de alertar da subida de rexistros de actividade das eirugas hibernantes da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) e da importancia de facer máis intensiva a vixilancia ou mesmo iniciar o tratamento para facer fronte á súa expansión. Esta praga, orixinaria do leste de Asia, constitúe xa unha grave ameaza para os xardíns históricos e tradicionais das Rías Baixas e é a responsable da perda das formacións naturais de buxo no Pirineo catalán e no centro de Europa.

A pesar das frías temperaturas destas noites, as eirugas hibernantes da bolboreta do buxo están retomando a súa actividade e prevese que nos vindeiros días aumenten os seus rexistros. Deste xeito, dende Areeiro recomendan incrementar a vixilancia das sebes e árbores, eliminar os gromos afectados e mesmo aplicar tratamento xa nas comarcas máis cálidas para facer fronte a esta praga que, baixo condicións favorables, pode ser explosiva. As eirugas desta bolboreta, orixinaria do leste de Asia, presentan unha elevada voracidade, provocando a defoliación en poucos días dos buxos, que quedan practicamente nús, e comprometen a súa vitalidade. Por estes motivos, e durante a primavera, dende Areeiro aconsellan facer un seguimento periódico dos buxos para actuar a tempo e reducir a grave ameaza que supón esta especie invasora que está xa a provocar a perda de parte das formacións naturais de buxos en numerosos países de Europa.

O buxo é unha planta empregada amplamente nos xardíns das Rías Baixas formando parte do patrimonio histórico. Trátase dunha leñosa propia dos xardíns dos pazos, onde acostuman configurar trazados xeométricos ou labirínticos que constitúen verdadeiras obras de arte. De feito, Emilia Pardo Bazán facía referencia nos seus escritos aos buxos no marcos dos xardíns dos pazos galegos e hoxe seguen a ser parte do atractivo e tamén reclamo turístico  en lugares como Oca, na Estrada, ou Castrelos en Vigo.

A Federación Galega de Motonáutica impartirá un novo curso en Tomiño para obter ou renovar a licencia de navegación

0

A Federación Galega de Motonáutica impartirá en Tomiño un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación. Impartirase o sábado 10 de abril, sendo o día 6 o último día para apuntarse.

O curso, que será impartido no Espazo Fortaleza de Goián, consistirá nunha parte teórica e outra práctica, para a cal se empregará o pantalán existente na área. Na actividade poderán participar persoas con mobilidade reducida grazas á posta en disposición dunha embarcación adaptada.

No último curso realizado no municipio no verán do pasado ano participaron un total de 22 persoas, das cales 15 obtiveron a licencia e outras 7 conseguiron renovala. Se a nova convocatoria ten boa acollida, valórase a posibilidade de realizar un novo curso a finais do verán.

Desde a Federación Galega de Motonáutica agradecen a colaboración do Concello de Tomiño para a realización destas actividades, entre as que se atopan tamén a xa consolidada celebración no municipio dunha das probas do Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica, que este ano terá lugar o día 5 de xuño.

Para realizar a inscrición e obter máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected].

Unha muller resulta ferida nun accidente entre dous coches na autovía A-55 no Porriño

Unha muller resultou ferida, esta mañá, nun accidente entre dous vehículos na autovía A-55, ao seu paso polo concello pontevedrés do Porriño.

Foi un particular quen, sobre as 6:30 horas, alertou ao 112 Galicia por mor dun alcance entre dous coches nos que había unha persoa atrapada.

Inmediatamente, o CIAE 112 Galicia deu coñecemento aos Bombeiros do Porriño, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Policía Local e Protección Civil do Porriño.

Xa desde o lugar dos feitos, os bombeiros confirmaron que tiveron que abrir as dúas portas do vehículo para proceder á saída da persoa. Quen, finalmente, foi trasladada en ambulancia.

Co fin de restablecer a seguridade e normalidade da vía, desde a central do 112 Galicia, tamén se deu aviso ao persoal de mantemento de estradas e ao Centro de Xestión de Tráfico.

Programa Cultural de Semana Santa en Mos

0

A concellería de Cultura e Turismo do Concello de Mos que dirixe a edil Sara Cebreiro ten preparada unha programación cultural de Semana Santa, chea de actividades lúdicas para gozar en familia sen necesidade de moverse do municipio.

Os días 1 e 2 de abril (xoves e venres santo) o auditorio do Centro Dotacional de Torroso acollerá diferentes sesións de cine nos seguintes horarios e coas seguintes películas:

  • XOVES 1. “El VIAJE DE CHIIRO” sesións ás 11:30 h e ás 17:00 h
  • VENRES 2. “CAMPEONES” sesións ás 11:30 h e as 17:00 h

Para acudir a estas sesións será necesario reservar previamente, desta forma, será posible cumprir con todos os protocolos anti covid19.

Poden facelo chamando aos seguinted números de teléfono:

  • 986 33 94 04 (de 9:00h a 14:00h)
  • 986 33 83 25 (de 16:00h a 21:00h)

O sábado 3 e como non podía ser doutra maneira, tamén estará presente na devandita programación, a música tradicional, será da man dos grupos locais “ARUME e ALGARABÍA” que actuarán nos exteriores do Pazo de Mos ás 18:00 h, tamén previa reserva de entrada.

Así mesmo, o domingo 4 o lecer en familia será orientado aos máis pequenos da casa co espectáculo de clown “Rogelio, un pallaso en recuperación” onde o protagonista será o humor. “Rogelio leva encerrado na súa casa 20 anos. No instituto facíanlle bullying. Despois de ler a Paulo Coelho e seguir unha terapia de 12 pasos, está no último banzo. Paso número 12: facer en público o que máis lle gusta, a maxia. Se sae todo ben, danlle a alta médica. Pero claro, só poderá curarse coa axuda do púbico”

Para acudir a algunha destas dúas actividades que terán lugar no Pazo de Mos, será necesario reservar previamente por whatsap ao seguinte número: 639 300 974. En caso de choiva trasladaranse ao interior.

O Concello de Nigrán promove a compra de roscas de Pascua nas panadarías do municipio

0

O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando novamente nesta semana Santa pola compra de Pascua nas panadarías do municipio, todas elas con longa tradición na elaboración de roscas e listas para recibir encargos. Como xa o fixo o ano pasado, o Concello de Nigrán elaborou unha cartelería específica que distribuirá en redes sociais e nos propios negocios baixo o lema ‘Agora máis que nunca compra os agasallos en establecementos locais. Merca a Pascua nas panadarías de Nigrán’ .

O Concello ven incentivando a través de diferentes campañas a filosofía #VivoEnNigránComproEnNigrán para garantir entre todos a súa supervivencia futura do pequeno comercio ante a grave situación económica e sanitaria. “Cada un de nós ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora. Son unha opción próxima ao noso domicilio, están abastecidos e non se forman aglomeracións e, sobre todo, son os nosos veciños e recibirannos cun sorriso”, sinala o alcalde, Juan González.

“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas as persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza queda no pobo. Porque aínda que agora o tápe a máscara sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos impórtas… :)”. Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece novamente nesta campaña para comprar no comercio de proximidade.

Arbo está en tempada de lamprea

0

Arbo é un municipio que convive cunha curiosa especie de peixe que leva existindo máis de 500 millóns de anos, e que atopou no Miño uno dos mellores ambientes para desenvolverse. Moito antes da aparición dos dinosauros a lamprea xa habitaba no océano, desde entón, cada ano entre abril e xuño, miles de pequenos ovos de lamprea inician o seu ciclo de vida.

Este concello é a capital mundial da lamprea, non existe constancia doutro pobo no mundo que teña unha tradición tan antiga e arraigada ao redor deste peixe ciclóstomo prehistórico e misterioso.

A lamprea en Arbo é toda unha tradición. Prepárase desde hai séculos e a que se captura a esta altura do Miño ten unha textura, unha cor e un sabor diferentes. A mellor tempada para degustala é de xaneiro a abril e o prato típico é “á arbense”, cociñada no seu propio sangue.

Os seus cociñeiros e cociñeiras de Arbo son creadores da receita que pasou de xeración en xeración ao longo da historia.

O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, lémbra que dá comezo a tempada de lamprea e que nos restaurantes e casas rurais serven lamprea no menú, os establecementos hostaleiros de Arbo son acolledores, accesibles, e conta con todos os servizos, adaptados ás circunstancias sanitarias, cumpren todas as medidas de seguridade para non propagar a Covid-19.

O Concello conclúe as obras de rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

A alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, vén de facer entrega das chaves da Casa Cultural de Arnoso á asociación veciñal encargada da súa xestión, unha vez concluídas as obras de rehabilitación e mellora do edificio nas que o goberno local investiu máis de 100.000 euros dos fondos que lle corresponden a Ponteareas a través do Plan Concellos.

Davila sinalou que “con este investimento logramos a impermeabilización do edificio, solucionando os problemas de filtracións de auga ao interior tras realizar o illamento térmico e colocar un sistema de recollida de augas perimetrais. Así mesmo, substituíuse a carpintería exterior para completar a mellora na eficiencia enerxética”.

A alcaldesa nacionalista explicou que, ademais, “a modificación da distribución interior do edificio permite distintos usos para esta instalación cun mellor aproveitamento do espazo”.

A superficie de entrada pechouse para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións, contando cunha porta que permite illala do resto da estrutura. O almacén converteuse nun baño adaptado ao que se pode acceder dende calquera sala do interior ou directamente dende o exterior, e o bar conta con armarios como zona de almacenaxe organizada.

Rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

Co obxectivo de acadar a accesibilidade universal do edificio, interviuse tamén nos seu accesos exteriores, construíndo unha nova rampla e modificando as escaleiras existentes. O edificio conta agora con dúas entradas independentes.

A alcaldesa en funcións lembrou que, ademais, “o Concello adquiriu a única finca sen edificar situada xunto á Casa Cultural actual, co obxectivo de ampliar as instalacións para que o edificio poida contar no futuro cun salón de actos”. 

Cristina Fdez. Davila manifestou que se trata dunhas actuacións “que responden á demanda das veciñas e veciños de Arnoso, e que continúan a liña de compromiso e colaboración do goberno local coas parroquias ponteareás e as súas Casas Culturais, iniciada no 2015”.

O Rosal aproba de forma inicial o seu plan de municipal contra os incendios forestais

0

O Concello do Rosal continúa a dar pasos no camiño para minimizar os riscos de incendio forestal no municipio. Por unanimidade, o pleno deu luz verde o pasado xoves á aprobación inicial do Plan municipal de de prevención e defensa contra os incendios forestais no concello, a través do que se planificará o territorio segundo o grao de perigo que supón a súa situación actual.

O obxectivo deste plan é definir unha rede de faixas secundarias de xestión de biomasa formadas por un conxunto de parcelas lineais do territorio estratexicamente localizadas, e garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas para reducir o risco de incendio e garantir a seguridade da veciñanza.

Aínda que o municipio rosaleiro ten un índice baixo de incendios, cunha media de 4,7 ao ano e 5,2 hectáreas afectadas segundo os datos da Consellería de Medio Rural, os lumes forestais constitúen unha das maiores ameazas ao sector forestal galego, un dos piares básicos da creación e mantemento de emprego no rural. Neste sentido, o plan é o documento que contén as accións necesarias para a prevención e defensa dos incendios tras unha análise da situación actual e establecendo unha zonificación do territorio como marco das directrices de actuación.

A Galiña Azul

Por outra banda, o pleno tamén aprobou por unanimidade a proposta de Alcaldía para solicitar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta que teña en conta de forma prioritaria os méritos e a experiencia das 9 traballadoras da Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal no proceso para a súa regularización laboral e o acceso á condición de empregadas públicas de carácter fixo, sempre dentro do marco legal da aplicación da convocatoria de prazas.

Algunha das traballadoras leva case 25 anos de prestando servizo nesta escola, contratadas inicialmente polo Concello do Rosal e subrogadas no 2008 pola Xerencia de Consorcio Galego de Servizo de Igualdade e Benestar como persoal laboral fixo ata a convocatoria de prazas, que debía ser nun máximo de dous anos dende a contratación da interinidade. Non obstante, na actualidade a maioría desas empregadas públicas “que efectúan as súas funcións en postos de traballo de carácter estrutural” adquiriron a condición de traballadoras indefinidas non fixas por sentencia xudicial firme ou teñen contrato de interinidade ata a cobertura da praza.

Tras a aprobación da oferta de emprego público por parte da Xunta de Galicia no 2020 pídese agora acordar modificacións lexislativas que permitan efectuar convocatorias de consolidación de emprego a postos ou prazas de carácter estrutural na que teña unha importante e prioritaria consideración a valoración dos méritos acreditados polas persoas aspirantes, preferentemente a experiencia nos postos de traballo e o tempo de prestación de servizos, favorecendo a estabilidade profesional destes traballadores e traballadoras.

A Guarda aproba en pleno as bases de axudas ás empresas que tiveron que pechar pola Covid-19 por importe de 55.000€

0

No pleno ordinario deste venres día 26 de marzo aprobáronse por unanimidade as bases reguladoras da liña de axudas directas aos establecementos afectados pola Covid-19 por un importe total de 55.000€. Estas axudas están destinadas aos establecementos afectados polo peche obrigatorio decretado pola Xunta de Galicia con data de 26 de xaneiro de 2021.

Estas axudas están destinadas ao pagamento de gastos de funcionamento das empresas coma arrendamento, electricidade, cuotas de autónomos, seguros, etc. Se establece unha contía máxima de 700€ por establecemento/empresa.

As empresas afectadas por este peche poderán solicitar as axudas en canto se publiquen no Boletín Oficial da Provincia(BOPPO).

A Guarda destina o 1% do seu presuposto anual a axudas ás empresas para gastos derivados da covid.

Durante as pasadas semanas estivo aberta a convocatoria para que os negocios de hostalería, comercio e servizos se beneficiasen das axudas directas que lles podan axudar a sufragar todos aqueles gastos engadidos que a pandemia está a xerar nos seus negocios, como pode ser a compra de hidroxel, mamparas ou outros elementos de protección, etc. Arestora estas

Os empresarios e empresarias da vila contan cunha nova convocatoria de axudas, que arestora se atopa en proceso de tramitación e que ten como obxectivo apoiar ás microempresas e autónomos da localidade a través da posta en marcha dunha campaña na que se fomentará o consumo local coa posta en circulación de bonos de compra que poderán ser utilizados pola cidadanía nos establecementos de hostalería, comercio ou servizos que desexen adherirse á campaña e que cumpran os requisitos de participación.

Estas medidas veñen a complementar todas aquelas outras que se foron implantando desde o inicio da pandemia para reducir o impacto da COVID-19 e que pretendían e pretenden contribuír á reactivación económica da vila como son:

  • A redución na taxa do lixo para negocios.
  • A exención de pago das taxas por ocupación de vía pública para as terrazas durante 2020 e 2021.
  • Habilitación dunha sección específica na web de Turismo na que se ofrece información actualizada sobre normativa, subvencións ou axudas dirixidas á hostalería, así como posta a disposición do persoal da propia oficina de Turismo para solucionar dúbidas.
  • Posta en marcha da campaña #NonRompasOCírculo dirixida a sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre o consumo local.
  • A creación da plataforma de venda online www.mercanaguarda.com
  • Formación presencial sobre xestión do risco da COVID-19 na hostalería, así como un servizo de asesoramento telefónico para os negocios participantes.
  • Publicación de listados de establecementos comerciais que ofrecían servizo a domicilio durante o confinamento.
  • Publicación durante o confinamento, e durante o actual período de severas restricións na hostalería, de listados actualizados de restaurantes, bares e cafeterías con servizo de comida ou bebida para levar ou que ofrecen entrega a domicilio. – Publicación de listados actualizados dos establecementos do mercado municipal con servizo de pre-encarga e/ou entrega a domicilio.

O Concello de Nigrán inviste 2.600 € na renovación das canastras de Gaifar e A Carrasca

0

O Concello de Nigrán renovou esta semana as canastras das pistas deportivas de Gaifar, situado en Panxón, e os aros e redes das situadas na Carrasca, en Parada, cun investimento total de 2.600 €.

Mentres que en Gaifar tratouse dunha substitución completa de todo o xogo de basket (fora retirado hai meses debido ao seu mal estado) en Parada só se mudou o aro ao atoparse en boas condicións o resto. En ambos casos empregouse material antivandálicos e de alta resistencia fronte á corrosión, así, os novos taboleiros, tubo, aro e redes son de aceiro galvanizado.

“Trátase de canastras para uso recreativo en exterior pola súa gran resistencia, máxime aquí en Panxón, onde a salinidade do mar corroe facilmente calquera elemento se non reúne as condicións axeitadas”, subliña González, quen destaca os investimentos deportivos realizados en Panxón nos últimos anos, como a pista multideporte ao carón do Pavillón ou os recentes parques de calistenia e biosaudable. “Una zona ao carón do mar e co Pavillón Municipal é especialmente axeitada para apostar polos deportes ao aire libre, o máis seguro actualmente”, incide.

Mondariz pon en marcha un sistema de comunicación de incidencias por app móbil

0

O Concello de Mondariz acaba de activar unha app móbil que permite á poboación local comunicar incidencias para unha xestión máis participativa e eficiente das mesmas. Trátase dunha app chamada “Línea Verde” que se pode descargar gratuítamente nos dispositivos móbiles desde Google Play e App Store e se complementa cun sitio web para a mesma finalidade baixo o dominio www.linaverdemondariz.gal.

“Ademais de fomentar a participación veciñal, esta ferramenta optimiza a organización na xestión e control das incidencias que se detecten e solucionen no concello. Estes datos son importantes para analizar a situación dos equipamentos e servizos municipais cada certo tempo”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A app, unha vez descargada e instalada no dispositivo móbil, permite ás persoas usuarias rexistrar e enviar unha nova incidencia relacionada con alumeamento, abastecemento de auga, estradas municipais, saneamento, compostaxe orgánica, mobiliario urbano, recollida de lixo, recollida de residuos especiais para o punto limpo, recollida de vehículos, recollida de animais abandonados ou riscos sociais e sanitarios. A propia app, co xeoposicionamento habilitado, recoñece as coordenadas do lugar onde se localiza a incidencia e permite enviar unha fotografía. Unha vez enviada, esta comunicación de incidencia chega ao persoal do Concello de Mondariz para que se proceda á súa avaliación e solución. A persoa que fixo a comunicación da incidencia, así mesmo, recibe notificación no móbil cando cambia o estado da mesma.

“Antes da posta en marcha deste novo sistema de xestión de incidencias baseado nas novas tecnoloxías da información e da comunicación, o persoal do Concello de Mondariz recibiu formación para adaptarse. Detrás deste cambio hai un esforzo colectivo por mellorar a xestión dos servizos e equipamentos máis básicos, buscando calidade e eficiencia”, sinala Barros.

A través de Línea Verde, tanto da app móbil como do sitio web, as veciñas e os veciños da localidade tamén poden acceder a información medioambiental e mesmo realizar consultas específicas a persoas expertas nesta materia. “Para un concello rural como Mondariz, este servizo de consultoría medioambiental pode ser de especial utilidade”, asegura o alcalde.

A Deputación dá vía libre á contratación do novo proxecto de humanización en Gondomar

0

O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o expediente para a contratación de novas obras de humanización en Gondomar, que se desenvolverán en concreto na interconexión entre as rúas San Bieito e Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns. O orzamento desta actuación acada os 271.769 euros e financiarase a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello, de xeito que a Deputación asumirá o 70% do coste e o Concello o 30% restante.

A presidenta Carmela Silva destacou que o proxecto ten por obxectivo “darlle prioridade e maior seguridade á veciñanza e viandantes das rúas San Bieito e Emigrante e aos tramos iniciais dos viarios provinciais EP2302 en dirección a Peiteiros e EP 2301 cara a Chaín e Morgadáns, que unen o casco urbano de Gondomar con estas parroquias”. Deste xeito, dáse continuidade tamén á gran transformación urbana que está a experimentar este concello. Máis polo miúdo, as actuacións inclúen a ampliación e construción de beirarrúas –que como mínimo van manter un ancho xeral de 2,5 metros- e a renovación de servizos como o alumeado público, recollida de pluviais e residuais e a canalización das instalacións de enerxía, alumeado e comunicacións.

A presidenta provincial expresou a súa satisfacción  porque “certamente a Gondomar non hai quen o coñeza –resaltou -. Levamos 5 anos gobernando nesta Deputación, o mesmo tempo que leva o alcalde, e este concello agora é un pobo para a xente. Antes era unha vía pola que se transitaba para ir dun lugar a outro cunha infraestrutura que o atravesaba e que facía que non houbera espazo público, e agora a transformación é brutal. Realmente Gondomar ten agora unha beleza extraordinaria en soamente cinco anos. Para isto serven as administracións públicas e non para estar todo o rato confrontando sen aportar nada”.

As obras tamén incluirán a habilitación de novos pasos de cebra elevados e se prevé, amais, a realización dun muro de contención entre o inicio da EP 2302 e a EP 2301 para habilitar unha beirarrúa de paso ata a parada de autobuses, a fin de “dar seguridade á xente que transita”, así como a pavimentación das calzadas con solado de adoquíns, “unha estética que embelece estas grandes vilas da nosa provincia”.

Salvaterra mellora a pavimentación en Bugallar e Cernadas, na parroquia de Lira

O Concello de Salvaterra de Miño iniciou, este pasado venres, as obras de mellora da pavimentación en Bugallar e Cernadas, na parroquia de Lira. Trátase de dous camiños de titularidade municipal que se atopan actualmente nun avanzado estado de deterioro, polo que se fará una renovación completa da capa de rodadura.

Para a pavimentación definitiva estenderase e compactarase unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 Surf 50/70 D.

Coas obras que se expoñen neste proxecto, explica a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, preténdese mellorar o servizo que ofrecen os camiños, xa que son viais moi empregados polos veciños e veciñas da zona.

Por un lado executarase unha limpeza de marxes coa apertura de cunetas ao longo dos 388 metros de actuación e seguidamente estenderase e compactarase unha capa de 5 cm de espesos de mestura bituminosa nun total de 1.320,65 m2. Establecéndose un prazo de execución das obras dun mes, de acordo co programa de traballos establecido.

O presuposto para a execución desta obra ascende á cantidade de 20.434,40 €, que O Concello de Salvaterra de Miño levará a cabo a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Mos destina máis de 725.000 euros do Plan Concellos a ampliar a rede de saneamento en Petelos e Sanguiñeda e outros proxectos

0

A Xunta de Goberno local de Mos aprobou onte o Plan Concellos 2021 e a aceptación das bases da convocatoria na súa totalidade. Tal e como adiantaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto dentro deste Plan Concellos o Goberno local acometerá traballos de ampliación da rede de saneamento, de mellora da seguridade viaria en varios camiños municipais e de continuación da Humanización de Cela cun investimento de 725.112,36 euros.

Deste xeito a administración local mosense adheriuse á Liña 1 desta convocatoria para a inclusión de obras e saneamentos que son necesarios para mellorar os viais e servizos de saneamento do Concello de Mos.

Así, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe procedeuse á aprobación e solicitude dentro da Liña 1 de investimentos dunha subvención por importe de 137.866,65 euros co obxecto do financiamento do proxecto de ampliación da rede de saneamento integral do Concellos de Mos, nas parroquias de Sanguiñeda e Petelos, proxecto que tamén foi aprobado pola Xunta de Goberno.

A instalación de rede de saneamento na parroquia de Petelos acometerase no camiño do Cocho, camiño da Fontiña e camiño da Garabulla. As obras consisten na canalización das diferentes tuberías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos, reposicións, etc.

Na parroquia de Sanguiñeda beneficiarase da ampliación da rede de saneamento municipal o barrio de Amieirolongo. As obras consisten no bombeo e impulsión para dar saída á rede de saneamento existente e así completar dita rede e permitir que chegue ata un pozo en funcionamento. A canalización da impulsión realizarase mediante tubería de descarga común incluíndo todas as actuacións complementarias a esta: excavación de zanxa e reposicións.

Levarase a cabo a execución de 1.342,60 m de saneamento por gravidade en Petelos e 205,00 metros de impulsión en Sanguiñeda.

Por outra banda, e dentro da mesma Liña, aprobouse tamén esta mañá a subvención por importe de 435.801,90 euros co obxecto do financiamento do proxecto de humanización da estrada Generoso Domínguez desde o Camiño da Quinta ata a Igrexa de San Pedro de Cela; así como a aprobación do devandito proxecto.

O Concello de Mos cre necesario mellorar a seguridade do vial e humanizar a contorna na que é a segunda fase da Humanización de Cela (a primeira é entre a PO-331 e o Camiño da Quinta). Esta segunda fase inclúe a execución dunha nova beirarrúa na marxe esquerda (parte Norte do vial). Esta beirarrúa aumenta o ancho actual, duns 5 m, a 10 m previstos no plan. Con isto, conséguese non só aumentar a seguridade dos peóns, senón mellorar nalgúns puntos o trazado viario, e por tanto a seguridade do tramo. A actuación compleméntase cos muros e movementos de terra necesarios para ampliar a sección, e tamén con obras complementarias, como o deseño de nova iluminación eficiente, a adaptación da drenaxe, o soterramento das redes de servizo aéreas, a mellora da sinalización ou redutores físicos de velocidade, entre outras.

E por último hoxe procedeuse tamén á aprobación e solicitude dentro da Liña 1 dunha subvención por importe de 151.443,79 euros co obxecto do financiamento do proxecto de mellora na seguridade viaria de 2 camiños do Concello de Mos (Camiño Estrada Real Petelos-Sanguiñeda e Camiño de Cabezal en Torroso) así como a aprobación do documento redactado do proxecto.

A mellora da pavimentacion do Camiño de Cabezal, cunha lonxitude de 850 metros, comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros. E rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

A mellora da seguridade viaria en Estrada Real, parroquias de Petelos e Sanguiñeda, cunha lonxitude de 1408 metros, comprenderá actuacións previas que inclúen o desbrozado lateral, limpeza de cunetas e noiros. E rehabilitación de firmes e pavimentos mediante regularización da capa de rodadura coa aplicación de 1 cm de asfalto que regularice as zonas que presentan unha maior fisuración do asfalto.

“Deste xeito pretendemos completar próximamente o 100 % da rede de saneamento integral do Concello de Mos e cos proxectos de humanización e asfaltado incrementar a seguridade viaria tanto para os veciños e veciñas das zonas beneficiarias como para os viandantes e conductores que transiten polas mesmas”, declararon os representantes municipais Arévalo e Augusto, “continuando ademais co compromiso do goberno local de manter en óptimas condicións as estradas e camiños do Concello en aras de preservar a seguridade de condutores e peóns”.

Gondomar súmase ao movemento ‘A Hora do Planeta’ apagando a iluminación do centro urbano

0

Promovida pola concellería de Medio e Transición Ecolóxica esta adhesión súmase ás distintas iniciativas e políticas que desde este departamento veñen promovendo para garantir a sustentabilidade de Gondomar e un uso máis racional e seguro para a contorna natural, en concreto, e para garantir a saúde do medioambiente en xeral.

“É unha das prioridades que se marcou o noso goberno -asegura o rexedor Paco Ferreira- quen sinala que a responsabilidade da defensa do planeta non debe recaer só na cidadanía, é un labor conxunto da sociedade na que as administracións tamén debemos contribuír de forma directa na loita contra o cambio climático”.

Por iso este sábado 27, ademais de apagar durante unha hora os edificios e monumentos máis representativos do Concello de Gondomar, como promove a iniciativa “A Hora do Planeta”, nesta ocasión ampliarase ao centro urbano do municipio sumándose a Praza Paradela, as rúas Portugal, Párroco Mariño, Rosalía de Castro e o Parque da Coelleira.

A Hora do Planeta é unha iniciativa que, promovida por WWF naceu en Sidney en 2007, cidade desde a que se estendeu a 187 países. Na actualidade converteuse nun movemento mundial do que forman parte miles de cidades e concellos, como é o caso de Gondomar, de 200 países, que apagaron máis de 17.000 monumentos.

Desde o Concello anímase a veciñanza a sumarse á Hora do Planeta e apagar entre as 20.30 e 21.30 da tarde as luces, un símbolo co que se quere lembrar desde a organización “que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta e que debemos defendela para salvagardar a súa saúde, e á vez a nosa propia e o benestar”.

‘A prisión de Francisco I’ volve ao Museo do Prado logo de estar en depósito no Concello do Porriño dende 1929

Un equipo técnico enviado polo Museo do Prado retirou e trasladou cara a Madrid, o cadro ‘A prisión de Francisco I’, que estaba en depósito nas dependencias do Concello do Porriño desde o século pasado. O óleo, obra do pintor italiano Giovanni Migliara foi cedido polo Museo do Prado ao Concello con data do 11 de decembro de 1929. A pintura estivo colgada nunha das paredes da antigas oficinas da alcaldía durante 92 anos.

O cadro de Migliara forma parte do que se chama ‘El Prado disperso’, denominación que abrangue as obras das diferentes coleccións pictóricas que o Museo cedeu debido á escaseza de espazo de exposición nas súas dependencias desde que abriu ao público, en 1819.

Máis dun século despois, a partir de 1980, a dirección do Museo do Prado comezou unha revisión dos depósitos feitos para verificar que as obras permaneceron nos lugares e institucións que documentaban os seus arquivos e coñecer o seu estado de conservación.

O levantamento do depósito feito a Porriño responde á decisión do Museo para volver a expoñer a pintura de Migliara nas salas do século XIX. Probablemente a mediados deste ano, segundo o persoal do Prado. Previamente pasará por un proceso de posta a punto polos restauradores do Museo, aínda que o estado de conservación é bo, segundo comunicaron.

‘A prisión de Francisco I’ recrea o encarceramento do antigo rei Francia na Cartuja de Pavía, logo de ser derrotado polo emperador Carlos I en 1525. Este lenzo foi pintado por Giovanni Migliara ao redor de 1825 segundo os rexistros do Museo do Prado. A raiña María Cristina de Borbón mercouno e incorporouse aos fondos da pinacoteca nacional.

O Concello realizará un estudo para poñer en funcionamento o mercado de San Miguel

0

O pleno do Concello do Rosal aprobou este xoves en pleno a realización dun estudo para a posta en marcha de novo do mercado de San Miguel, que tras a reforma feita hai uns anos continúa sen actividade algunha e en total desuso. Para esta reactivación, o Concello realizará un estudo de campo e de viabilidade sobre as utilidades deste mercado “situado nunha contorna moi particular e que merece recuperar a actividade que tivo hai tempo adaptándoa á realidade actual e ás necesidades da veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Para coñecer cal é a orientación adecuada para a praza de San Miguel realizarase unha diagnose da situación e dos usos na que se terá en conta tanto o estado actual da edificación, dos equipamentos e dos servizos dos que dispoñe como da percepción e opinión sobre o mercado dos propios rosaleiros e rosaleiras e das persoas interesadas en ter un posto e desenvolver a súa actividade comercial nel.

Por outra banda, tamén se establecerá unha estratexia de optimización e redimensionamento dos usos do mercado e se realizará unha análise de posibles actuacións de innovación a efectuar nas instalacións.

Gonzalo Caballero propón 12 pactos para enfrontar os grandes retos do país e advirte que “a nosa proposta non vai de cheques en branco”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu onte á xuntanza co presidente da Xunta cunha proposta de acordo en torno a 12 eixos para enfrontar “os grandes retos do país” e encarar a reconstrución. “A nosa proposta non vai de cheques en branco, vai de compromiso con Galicia”, subliñou. “O primeiro que lle transmitín ao presidente é a nosa vontade de colaboración”, manifestou o líder do PSdeG, na liña da “vontade construtiva e propositiva” que xa avanzara de cara a esta xuntanza. “Nós entendemos o goberno como unha tarefa común e exercemos a oposición con lealdade e ánimo de colaboración”, engadiu.

Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “neste momento, cunha crise de tanta envergadura, o interese de Galicia debe ser o único importante”. “Estou convencido de que é o que nos está a demandar a xente: que cada quen faga a súa parte para reconstruír Galicia”, apostilou, para sinalar que as diferenzas ideolóxicas e programáticas entre PSdeG e PP deben permitir o diálogo nunha situación de crise tan grave.

Así pois, dende a óptica de que “temos a obriga de traballar para dar oportunidades de futuro aos galegos”, o máximo responsable do PSdeG debullou unha axenda de traballo en torno á mellora dos servizos públicos e, en primeiro termo, do sistema de vacinación; á reactivación económica e a xeración de emprego como eixo clave e á loita contra a desigualdade derivada da crise.

Eixos para o acordo

En concreto, Gonzalo Caballero propuxo mellorar os plans de axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería, o comercio, o deporte, a cultura ou o ocio nocturno; traballar pola modernización da nosa industria e dos sectores primarios e apostar polo coñecemento, a ciencia e a innovación “para impulsar o futuro”.

A mellora dos servizos públicos co establecemento dun catálogo xeral de prestacións foi outro dos puntos nos que se baseou o diálogo co presidente da Xunta, así como a importancia de atender os riscos de pobreza e exclusión. Neste punto, o dirixente socialista fixo fincapé na situación das mulleres, que sofren “con máis dureza” as consecuencias das crises, e na mocidade, actualmente sen expectativa de futuro.

“Non nos podemos permitir que unha nova xeración teña que emigrar do país”, advertiu, consciente da importancia de atender o reto demográfico e de vertebrar o territorio para evitar o abandono do medio rural. Ao fío diso, resaltou a necesidade de contar con infraestruturas de calidade, de comprometérmonos coa sustentabilidade ambiental e de atender o dereito á vivenda.

Ademais, Gonzalo Caballero formulou a apertura dunha comisión non permanente que poida avaliar e facer seguimento dos fondos europeos que reciba Galicia para desenvolver proxectos encamiñados á reactivación económica e á modernización. En paralelo, propuxo estimular a cogobernanza, reforzar o autogoberno galego coa transferencia de 30 competencias e aumentar os fondos que reciben os concellos fronte á crise, unha cuestión na que non houbo acordo co presidente da Xunta.

Normalidade

Finalmente, o secretario xeral do PSdeG chamou a “converter en normal” as xuntanzas do presidente da Xunta cos líderes da oposición. “É o normal nunha democracia”, considerou, partidario de “traballar xuntos” para avanzar tamén co goberno de España nos proxectos máis importantes para Galicia.

“Sei que moitas veces non imos coincidir na orientación das políticas, pero sei que poderemos coincidir nas necesidades e intereses das galegas e dos galegos”, concluíu Gonzalo Caballero.

Contido da xuntanza

Tras unha xuntanza que se prolongou durante case tres horas, o presidente da Xunta e o líder do PSdeG coincidiron na importancia de poñer todos os medios necesarios para un axeitado plan de vacinación. Caballero instou a abordar un plan extraordinario de contratación e estabilización de persoal para o sistema sanitario público.

Ademais de reclamar melloras en atención primaria e hospitalaria, o secretario xeral do PSdeG instou a mellorar as prestacións en saúde mental, e conseguiu o compromiso do presidente de contratar 120 profesionais máis neste eido antes de fin de ano.

No que atinxe ao rescate dos sectores afectados polas restricións, Gonzalo Caballero reclamou unha boa xestión do plan de axudas directas aprobado po goberno de España, e que faga aportacións dende as arcas autonómicas. Ademais, demandou un programa de reapertura dos negocios que tiveron que pechar e que “deben seguir sendo parte do futuro da economía do país”.

Ambos dirixentes repasaron a situación da industria de Galicia e Caballero requiriu unha política industrial “máis activa” por parte da Xunta para abordar os retos do sector da automoción, o papel, o aluminio, o mar e o naval.

Así mesmo, o dirixente socialista pediu que o emprego sexa “factor determinante” á hora de fixar os proxectos que opten a fondos europeos. Nesta liña, Caballero aceptou estudar os proxectos aprobados onte polo Consello da Xunta e amosouse disposto a respaldar todos aqueles que sexan positivos para a reactivación de Galicia.

En paralelo, chamou a incrementar a inversión en I+D+i ata o 1,5% do PIB en dous anos e solicitou que se manteñan o nivel de inversión en investigación sanitaria da Xunta este ano ao longo de toda a lexislatura.

No eido social, Gonzalo Caballero pediu traballar nun novo modelo de residencias de maiores e o presidente comprometeuse a presentalo proximamente. Tamén formulou o líder socialista a importancia de que a Xunta financie debidamente o servizo de axuda no fogar que están levando adiante os concellos, así como de traballar en sendos plans contra a pobreza infantil e soidade non desexada.

Finalmente, Gonzalo Caballero sinalou a importancia do diálogo político, económico, social e municipal. Ante a carencia de modelo da Xunta para a reactivación, instou a traballar nun plan estratéxico de Galicia para esta década, priorizando a modernización, o emprego, a loita contra a desigualdade e a vertebración territorial. Ao respecto, o presidente trasladou a súa intención de poñelo en práctica.

Redondela consegue o compromiso do Ministerio para incluír na reposición de viais da AP9 “reivindicacións irrenunciables para Chapela”

0

“As alegacións presentadas pola veciñanza e colectivos de Chapela ao proxecto de reposición de viais da AP9, son irrenunciables e o Concello loitará para que a débeda que se ten con Chapela sexa resarcida”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas durante a reunión telemática mantida con Sergio Vázquez Torrón, secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Na xuntanza, na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar; a concelleira de Urbanismo, María Castro Abad, e asesores e técnicos do Ministerio, o Concello de Redondela puxo sobre a mesa todos os temas tratados anteriormente en materia de reposición de viais, con especial incidencia nas alegacións que, non estando recollidas no actual proxecto, o Goberno redondelán cualifica de “irrenunciables tanto por parte da veciñanza e colectivos de Chapela, como por este equipo de Goberno” e para as que acadou o compromiso da súa inclusión por parte do Ministerio.

Entre eses temas cualificados como “irrenunciables” pola está a necesidade de arranxar a Ponte de Trasmañó no que fai referencia a súa accesibilidade cara a N-552 de xeito que mellore as súas condicións de seguridade e de comodidade.

Digna Rivas e Roberto Villar explicaron que, en referencia ao camiño Mouriño, “era innegociable un arranxo que non contemplara a totalidade do vial” e aseguraron que “era inaceptable a reparación só da metade do mesmo”. Na mesma liña, tanto a alcaldesa como o concelleiro subliñaron a importancia de incluír a mellora do camiño do Piñeiral.

No decurso da reunión, os representantes do Goberno local de Redondela insistiron na necesidade de “resarcir a Chapela, dunha vez por todas, de todos os prexuízos a AP9 ocasiona á parroquia e aos seus habitantes” polo que tamén se puxeron sobre a mesa “temas de gran calado” como la redacción do proxecto da Avenida de Redondela “unha obra que contribuirán a mellorar Chapela e a calidade de vida da súa veciñanza e coa que se paga unha débeda histórica coa parroquia”.

Todos estes temas foron explicados, polo miúdo na mañá de hoxe xoves, tanto á Asociación de Afectados pola AP9 como á Asociación de Veciños de Chapela co fin de que “ámbolos dous colectivos teñan información puntual sobre un tema que lles afecta directamente”.

Digna Rivas sinalou que, tal e como se acordara hai tempo con estes colectivos, en breve convocarase a Comisión de Seguimento. “Non tería sentido tela convocado sen antes contar co compromiso firme por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nos temas tratados”, afirma a alcaldesa xa que de telo feito antes, engade, “sería unha xuntanza da Comisión totalmente baleira de contidos. Agora, tras a reunión de onte co secretario xeral de Infraestruturas, podemos facer que as cousas avancen con compromisos firmes sobre os que traballar nos temas propostos”, conclúe a rexedora local.

Tomiño apúntase ás renovables

0

O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), dúas axudas cofinanciadas polo Fondo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia, co obxectivo de acometer dous proxectos de enerxía fotovoltaica; un na propia Casa do Concello e outro no edificio multiusos que alberga a  Escola Municipal de Música, en Goián.

No primeiro caso, a axuda ascende a 3.902,98 euros, que representan o 80% do investimento total (4.878,72 euros). Concretamente, instalaranse 11 paneis solares para autoconsumo de enerxía fotovoltaica de 4.8 Kwp e as obras incluirán, ademais, a colocación das estruturas de soporte, dun inversor, dun cadro de corrente que permita a conexión e da man de obra.

No caso da Escola Municipal de Música, instalaranse outros 21 paneis solares para autoconsumo fotovoltaico de 9,2 Kwp no edificio multiusos, acondicionándose o sistema para a conexión e montaxe á rede eléctrica. A axuda ascende neste caso a 7.480,70 euros, que representan tamén o 80% do investimento total (9.350,88 euros).

O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, explica que o Concello de Tomiño presentou ao INEGA tres proxectos susceptibles de ser subvencionados, entre os que tamén figuraba, ademais dos aprobados, a instalación de paneis solares para autoconsumo fotovoltaico no edificio da escola infantil Galiña Azul do Seixo. “Trataremos de ir aumentando progresivamente o investimento neste tipo de enerxías renovables, xa que ademais do aforro económico e enerxético que significan, levan aparellado un gran beneficio para o medio ambiente”, aclara o edil.

Tres novas actividades formativas gratuítas na cuarta edición do programa ‘Coas mans na masa’

0

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha unha nova edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo organizado ao abeiro da Escola Eurural que ten por obxectivo achegar valor engadido a produtos do sector primario a través da transformación da abundante materia prima do territorio en produtos de gran calidade e á súa conservación para a posterior comercialización.

Nesta cuarta edición regresan os cursos de elaboración artesanal de conservas e de ungüentos naturais, dando así a oportunidade a todos os concellos do GDR 14 de desfrutar de actividades que sempre contan cunha alta demanda por parte da poboación. Así, este ano levarase a cabo unha acción formativa relacionada coa ‘Elaboración artesanal de conservas’ que se celebrará os vindeiros 12, 13 e 14 de abril no concello de Oia. Neste curso, que se organiza por cuarto ano consecutivo e que conta cada vez con maior interese por parte da veciñanza, as persoas participantes aprenderán a facer conservas naturais cos alimentos de tempada que abundan na contorna.

Pola súa banda, os concellos de Mos (19 e 20 de abril) e Pazos de Borbén (26 e 27 de abril) acollerán dous novas accións formativas sobre a ‘Elaboración artesanal de ungüentos naturais’, no que as persoas interesadas poderán aprender a crear cremas, pinturas, aceites… con recursos naturais tamén presentes na contorna.

Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web de Eurural, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas de forma presencial e con todas as medidas de seguridade necesarias para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.

Escola Eurural

O programa ‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como ferramenta para canalizar todas as accións formativas que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural organiza no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

A Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa da AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio, recolle a aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.

O goberno local de Ponteareas leva a pleno a normativa para regular o teletraballo no concello

O concelleiro de Recursos Humanos e Innovación Tecnolóxica, Benito Márquez, elevará ao pleno o próximo martes, 30 de marzo, o Regulamento para o Fomento do Teletraballo no concello de Ponteareas. O concelleiro indicou que, a grandes rasgos, o Regulamento “establece que poden solicitar acollerse a esta modalidade de traballo os empregados municipais que ocupen postos que non requiran de prestación de servizos presenciais. Actualmente, e debido á situación de pandemia, xa están teletraballando ao redor de 42 traballadores municipais, e durante ese tempo demostrouse que é un instrumento eficaz e válido, sempre que se utilice con responsabilidade e profesionalidade, sendo moi ben acollido polo persoal municipal e co que, ademais, se favorece a conciliación da vida persoal e laboral”.

Márquez informou que “o Regulamento abordouse o 26 de febreiro en Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos, que realizaron as súas aportacións, incluíndose estas no documento que vai a pleno. O Regulamento foi aprobado definitivamente polos sindicatos maioritarios, UGT e CCOO, absténdose na votación o CSIF e a CIG, o luns 23 de marzo”. Trala súa aprobación inicial polo pleno e a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), abrirase un prazo de 30 días hábiles para a presentación de reclamacións ou suxestións que serán estudiadas para a súa posible incorporación ao documento final. Posteriormente o Regulamento, de haber reclamacións, volverá ao pleno para a súa aprobación definitiva.

O tempo máximo da xornada en cómputo semanal que unha persoa poderá solicitar o teletraballo é do 60% (tres de cada cinco días). Aqueles traballadores que teñan persoas dependentes ao seu cargo ou con fillos menores de 14 anos poderán solicitar o 80% (catro de cada cinco días) da xornada laboral en teletraballo, sempre que as necesidades do servizo o permitan. A prestación do servizo garantirá, en todo caso, un mínimo de presencialidade co fin de favorecer o vínculo das/os empregadas/os públicas/os coa organización e o traballo en equipo. Non obstante, de forma suficientemente motivada poderase incrementar a porcentaxe de horas en modalidade de teletraballo.

O concelleiro de Recursos Humanos incidiu, asemade, en que “con esta regulación do teletraballo facilitamos que o concello siga funcionando en situacións de emerxencia, como as actuais, preservando a saúdo dos traballadores municipais ante unha situación de alerta sanitaria como a actual; do mesmo xeito, con esta normativa avanzamos no noso obxectivo de modernizar a administración pública e facela máis áxil de cara ao cidadán”.

O Concello pon en marcha rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón esta Semana Santa

0

O Concello porá en marcha para esta Semana Santa rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón, un percorrido de 3,5 km por unha ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo no que as persoas participante coñecerán a historia e os diferentes recunchos de estes muíños singulares construídos en cascada da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia.

Para poder garantir as distancias de seguridade entre asistentes e extremar as medidas de precaución, os grupos estarán limitados a 8 persoas. As rutas serán o xoves 1, venres 2 e sábado 3 de abril con saída ás 11.30 horas dende a área de visitantes do BIC-Muíños do Folón e Picón. As persoas interesadas en participar deberán facer a súa reserva a través a web do Concello, no espazo habilitado dentro da axenda cultural.

As rutas terán un custo de 2 euros por persoa, que deberán abonarse para facer efectiva a reserva de praza. Para desfrutar sen inconvenientes do percorrido, recoméndase ademais levar calzado cómodo e unha botella de auga. O uso de máscara é obrigatorio.

Consciente da alta afluencia de visitantes que poden estar percorrendo os muíños durante os días de Semana Santa, o Concello do Rosal apela á responsabilidade dos veciños e veciñas en especial en intres de alta concorrencia e pide que se eviten aglomeracións e se obstaculicen zonas de paso para coidar a saúde de todos e todas.

Aberto o prazo para solicitar axudas á creación escénica a compañías profesionais galegas

A Xunta abriu onte o prazo dun mes para solicitar as axudas á creación escénica cun orzamento de 800.000 euros. A iniciativa, cuxa convocatoria publica o Diario Oficial de Galicia, vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.

Trátase dunhas axudas enmarcadas no Plan de Reactivación da Cultura, que desde o ano pasado inclúe diferentes convenios ou ordes de subvención que repercuten nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

As bases manteñen a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención. Así, as axudas poderán ser solicitadas  para os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Outra das modalidades é para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia. Neste caso, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.

Pola súa banda, á danza e artes do movemento destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

As axudas inclúen tamén unha modalidade para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.

Todo isto, co obxectivo de apoiar é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos. Ademais, o seu lanzamento coincide na véspera da conmemoración do Día Mundial do Teatro que ten lugar o sábado e que a Xunta celebrará co propio sector nun acto no Salón Teatro.

Criterios de valoración

Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.

O pasado ano beneficiáronse da iniciativa 29 proxectos, cinco deles correspondentes á Modalidade 1, 16 á Modalidade 2, seis á Modalidade 3 e dous  á Modalidade 4. Moitos destes espectáculos estreáronse recentemente a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa e coordina a Xunta de Galicia, tales como Strela do día, de Producións Teatráis Excéntricas; 32m2, de Butacazero; Soga e cinsa, de Aporía Escénica ou Drop, de Pistacatro Producións. Outros están na actualidade en representación neste circuíto, son os casos, por exemplo, de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, ou Nina-Ninette, de Paula Quintas-CompañíaTraspediante.

Luis López apela aos valores do Camiño de Santiago “para facer que Galicia sexa cada día máis grande” na inauguración do Monumento da Vieira de Tui

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, apelou aos valores propios do Camiño de Santiago e dos peregrinos “para facer que Galicia sexa cada día máis grande e teña máis futuro” durante o acto de inauguración do Monumento da Vieira de Tui, impulsado pola asociación de comerciantes Acitui e que quedou emprazado en plena Praza de Galicia da vila tudense.

O representante autonómico, que foi o encargado de descubrir esta nova icona do Camiño Portugués na súa localidade de partida, quixo agradecer ao colectivo comercial e ao pobo de Tui a súa contribución a esta ruta de peregrinaxe. “Sodes uns grandes embaixadores das rutas xacobeas e un exemplo de acollemento e hospitalidade aos camiñantes”, indicou.

Luis López tamén se lembrou das máis de 2.300 persoas que, tristemente, faleceron como consecuencia da covid-19 e convidou a todos os galegos a “seguir aplicando a responsabilidade, a solidariedade, o esforzo, o sacrificio, o compañeirismo, a amizade, a unión e a loita contra a adversidade, valores tan propios do Camiño, para dobregar ao virus e protexer a saúde dos galegos”.

O delegado territorial cualificou o Monumento da Vieira como “unha perfecta icona que vai visibilizar a centralidade e importancia de Tui” como punto de partida do Camiño Portugués, que percorre 18 concellos galegos ata chegar a Santiago de Compostela e que está considerada como a segunda ruta peregrina en importancia atendendo ao volume de camiñantes. Finalmente, destacou a importancia estratéxica do Camiño de Santiago e do Ano Santo nos eidos turístico, social, económico e relixioso e amosou a súa confianza en que “será un elemento fundamental para a reactivación, tan pronto como se supere a pandemia, xa que ademais contamos coa merecida oportunidade de que sexa dobre e chegue ata o ano 2022”.

Orientación laboral para os xóvenes de Ponteareas e a Comarca

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, iniciou dende principios de ano diferentes charlas nos centros educativos de Ponteareas e da Comarca para a orientación laboral dos xóvenes.

Dende o Departamento de Orientación Laboral do Concello de Ponteareas, a través da orientadora laboral, Isabel Illán; estanse levando a cabo as diferentes charlas de Asesoramento Vocacional e Formativo aos alumnos e alumnas dos últimos cursos de diferentes Institutos do Condado, tal e como se detalla a continuación:

  • 3 de febrero en IES Pazo da Mercé (As Neves) alumnos de Ciclos de Administrativo e Informática.
  • 9 de marzo EFA A Cancela (As Neves) alumnos de Ciclos de Administrativo y Panadaría.
  • 24 marzo CIP A Granxa (Ponteareas) alumnos de Ciclos de Xardinería, Viticultura, Forestal, Educación Ambiental y Paisaxismo.
  • 12 mayo A Cancela (As Neves) alumnos de Ciclo de Auxiliar de Enfermería.

O contenido destas charlas  divídese en dous grandes bloques, un formativo e outro laboral.

No bloque formativo abárcase a formación reglada e non reglada, centrando as explicacións nesta última, informando aos alumnos da Formación para o Empleo á  que poden acceder a través de distintos portais institucionais, unha vez finalicen os seus estudos.

O bloque laboral divídese en emprego público: convocatorias fixas e temporais nas diferentes Administracións Públicas; e privado: que comprende dende o primeiro  emprego -a través de becas, prácticas..- ata a búsqueda de emprego xenérica e específica por sectores –portais de emprego, clusters empresariais, asociacións…

A concelleira salienta a importancia destas charlas que “poden abrir uns amplios espectros profesionais para todos os mozos e mozas que son o noso presente e o noso futuro” e anima a todos os que precisen orientación a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora laboral, a quen define como “unha profesional con ampla experiencia que é coñecedora da realidade laboral que nos rodea e as distintas posibilidades ás que poder optar”.

A Xunta oferta 354 prazas públicas en escolas infantís para o curso 2021/2022 nas bisbarras da Paradanta, Baixo Miño e O Condado

A Xunta de Galicia vai ofertar 354 prazas públicas autonómicas na rede de escolas infantís A Galiña Azul nas bisbarras de Baixo Miño, Condado e A Paradanta para o vindeiro curso 2021/2022 tras a correspondente publicación da planificación de centros.

Ademais, a Consellería de Política Social acaba de abrir o período de solicitude de praza ata o 12 de abril e informa de que a mesma pode formalizarse por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de dúbida, os usuarios poden recabar información nos propios centros infantís.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita á escola infantil do Edificio Administrativo de Pontevedra para explicar a planificación desta prestación en toda a provincia e confirmou que, para o vindeiro curso, manteranse as oito escolas infantís nas comarcas de Baixo Miño, Condado e A Paradanta, das que a dúas sitúanse no Concello de Tomiño

A relación de centros e as súas prazas é a seguinte:

Deste xeito, na bisbarra haberá un total de 24 unidades -de 0 a 3 anos de idade- de atención infantil en funcionamento que comezarán a súa actividade o 6 de setembro de 2021 cun tempo máximo de ata once meses e oito horas diarias por cativo.

Ademais, a Consellería de Política Social mantén, por segundo curso consecutivo, a gratuidade total de matrícula e servizos nas escolas infantís de Galicia –incluíndo as municipais, de iniciativa social e privadas– dos segundos fillos e consecutivos tras a súa implantación hai un ano co obxectivo de facilitar a conciliación e axudar ás economías familiares.

“Temos unha gran rede de escolas infantís que, ademais de atender axeitadamente aos nosos cativos e contribuír a que comecen paseniñamente coa súa formación, amosáronse como un lugar seguro fronte á covid-19”, explicou o delegado territorial, que tamén puxo en valor a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos, “xa que se trata dunha medida pioneira e única en España que amosa o compromiso que temos coas familias, coa súa calidade de vida e co favorecemento da conciliación”. “Creo que é unha medida que apoia de xeito real e práctico ás familias e ademais é máis necesaria ca nunca polos adversos efectos socioeconómicos da pandemia”, indicou o delegado. Deste xeito, Galicia afrontará o vindeiro curso 2021/2022 de atención infantil cun total de 173 escolas públicas de titularidade autonómica cunha oferta de 10.383 prazas, das que 1.132 pertencen a Pontevedra e a súa contorna, e complementa este servizo de conciliación, nos concellos menos poboados, con case 80 casas niño que roldarán o cento ao longo deste ano coa apertura prevista dunha vintena máis.

A Guarda presente na Gala Anual da Deputación

0

O pasado mércores 24 marzo celebrouse no Auditorio Mar de Vigo a Gala Anual da Deputación de Pontevedra onde foron nomeados aos sete restaurantes Estrela Michelin da provincia como embaixadores de Rías Baixas.

Ademais esta Gala é o evento para recoñecer ás 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED) dentro do destino Pontevedra-Rías Baixas.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, foi convidado para recoller o diploma de recoñecemento ao compromiso para a mellora continuada da calidade das empresas turísticas distinguidas. A Oficina de Turismo da Guarda e as praias de Area Grande e O Muíño renovaron o distintivo SICTED ata 2022 trala auditoria satisfactoria de agosto do ano pasado. Ademais no Concello da Guarda contamos con 10 establecementos turísticos xa distinguidos ou que tamén renovaron:

Aloxamentos:

  • Albergue O Peirao
  • Camping Santa Tecla
  • Hotel Apartamento Marouco
  • Hotel Vila da Guarda

Restaurantes:

  • Casa de la Abuela
  • Celtic
  • O Cangrexal
  • Marusía
  • Xantar

Bar:

  • La Botica

O 31 de marzo remata o prazo de adhesión ao proxecto SICTED para este 2021 polo que si algunha empresa ou servizo está interesada pode contactar coa Oficina de Turismo da Guarda.

Sobre o distintivo

A Deputación de Pontevedra financia este proxecto na súa totalidade: adhesión, formación, implantación e avaliación. Ademais a Xunta puntúa este distintivo de calidade na valoración de méritos de axudas e subvencións.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.

A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha evaluación anual de seguimento.

A rúa Manuel Rodríguez será peonil en San Bieito

A humanización da rúa Manuel Rodríguez no barrio de San Bieito non contempla o paso de vehículos. Así o vén de confirmar o concelleiro de Urbanismo do goberno local, Pedro Pereira, unha vez aprobado o proxecto con cargo ao Plan Concellos e ao Plan Ágora, da Deputación de Pontevedra.

Pedro Pereira reuniuse días atrás con comerciantes e veciñanza para informar das obras. O concelleiro do BNG comprometeuse con estes colectivos a dar solución ás demandas de espazos para carga e descarga, parada rápida e aparcamento.

Pereira ten iniciado tamén contactos coas persoas propietarias dos terreos de terra onde están a aparcar vehículos na rúa Leandro Diz. A idea é pavimentar e acondicionar esta explanada, hoxe en mal estado, para poder contar na zona cun gran aparcamento gratuíto en superficie.

“Desde o Bloque defendemos que a rúa sexa peonil para gañar espazos para o lecer da veciñanza e axudar a reactivar económica e socialmente os barrios históricos de San Bieito e San Sebastián. O compromiso do BNG coas humanizacións vén de lonxe no Porriño e forma parte fundamental do noso programa de goberno. Iniciamos no seu momento a humanización do centro urbano e agora que temos de novo responsabilidades en Urbanismo as zonas peonís avanzan”, afirmou Pedro Pereira.

A Xunta licita a restauración da igrexa do mosteiro de Santa María de Oia para corrixir humidades por máis de 800.000 euros

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acaba de licitar as obras de restauración e rehabilitación da igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, orientadas a corrixir as humidades e favorecer o seu mantemento e estética, por un importe de 829.000 €.

A apertura do proceso de contratación vén de ser anunciada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita ao templo coa alcaldesa, Cristina Correa. “Trátase dunha obra fundamental para mellorar as condicións xerais, a conservación e a imaxe deste Ben de Interese Cultural (BIC) que ademais é un dos principais referentes do Camiño Portugués da Costa”, significou o representante autonómico, que lembrou que esta actuación é plurianual e ten un prazo de execución de nove meses, polo que o seu remate está previsto para o primeiro semestre do vindeiro ano 2022.

Luis López revelou que a restauración desta igrexa de Oia “é a de maior calado no ámbito do patrimonio que vai desenvolver a Xunta este ano na provincia de Pontevedra e unha das de maior importancia de toda Galicia, algo merecido e necesario posto que se trata dunha das xoias culturais xacobeas neste dobre Ano Santo”. En concreto, a Xunta está a destinar na actualidade 3 millóns de euros á mellora dunha ducia de bens patrimonais na provincia de Pontevedra, como a igrexa de Santo Estevo de Negros (Redondela) ou a recentemente rematada de Santa María de Baiona, entre outras.

Contido das obras

En canto ás obras na igrexa do Mosteiro de Oia, permitirán mellorar mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. O proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.

Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.

As obras previstas na igrexa de Santa María de Oia tamén inclúen a apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.

A Deputación súmase este sábado á “Hora do Planeta” apagando a luz dos seus edificios

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado 27 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno provincial apagará as luces de todos os seus edificios e sedes, uníndose a esta iniciativa da ONG pola que milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático.

En concreto, en Pontevedra a Deputación apagará as luces na sede do Pazo Provincial, as do Edificio Administrativo e as da sede de Turismo Rías Baixas (Palacete dos Mendoza) e, en Vigo, fará o mesmo na sede provincial da rúa Chao. O 2021 é o inicio dunha década clave para a biodiversidade e a defensa da natureza, con grandes citas mundiais como a Cumbre da Diversidade Biolóxica de Kunming, que celebrarase en maio, e a Cumbre do Clima de Glasgow, que terá lugar no mes de novembro. A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.

Ponteareas acolle este domingo o Torneo TTR sub 11 e absoluto de bádminton

O Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas acollerá este domingo 28 de marzo o Torneo TTR nas categorías sub 11 e absoluta de bádminton, que se disputará a porta pechada e seguindo os  protocolos sanitarios correspondentes.

Na presentación do evento, na que participaron o director técnico do Club Bádminton Ponteareas, Víctor Lemos, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, salientouse que esta será a primeira competición autonómica de bádminton que se disputará en Ponteareas neste 2021, reunindo preto de 70 deportistas de toda a comunidade.

O Club Bádminton Ponteareas, que organiza o torneo xunto á Federación Galega de Bádminton e o Concello de Ponteareas, estará representado por 7 deportistas sub 11: Hugo Estévez , Hugo Iglesias,  Martin Romero, David Sampedro, Roi Vilchez, María Giráldez e Inés Lemos.

O Concello de Nigrán revisa os criterios dos inmobles para garantir o dereito ao abastecemento e saneamento

0

O Concello de Nigrán ven de revisar os criterios para tramitar á conexión ao abastecemento ou saneamento municipal co fin de garantir este dereito tamén as vivendas en proceso de regularización.

Juan González, alcalde de Nigrán e concelleiro da ‘Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’ , incide en que precisamente este é o obxectivo número 6 dos ODS e toma esta decisión en base a propia resolución da Asemblea Xeral da ONU do 28 de xullo de 2010 na que se recoñece explícitamente o dereito do ser humano á auga e ao saneamento, reafirmando que un auga potable limpa e o saneamento son esenciais para todos os dereitos humanos.

“Non é moralmente aceptable denegar a conexión a persoas que o precisan para un uso doméstico, e iso é o que resolvemos con esta nova tramitación que acepta a inmobles en proceso de regularización”, resume González.