O pasado mércores 24 marzo celebrouse no Auditorio Mar de Vigo a Gala Anual da Deputación de Pontevedra onde foron nomeados aos sete restaurantes Estrela Michelin da provincia como embaixadores de Rías Baixas.
Ademais esta Gala é o evento para recoñecer ás 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED) dentro do destino Pontevedra-Rías Baixas.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, foi convidado para recoller o diploma de recoñecemento ao compromiso para a mellora continuada da calidade das empresas turísticas distinguidas. A Oficina de Turismo da Guarda e as praias de Area Grande e O Muíño renovaron o distintivo SICTED ata 2022 trala auditoria satisfactoria de agosto do ano pasado. Ademais no Concello da Guarda contamos con 10 establecementos turísticos xa distinguidos ou que tamén renovaron:
Aloxamentos:
- Albergue O Peirao
- Camping Santa Tecla
- Hotel Apartamento Marouco
- Hotel Vila da Guarda
Restaurantes:
- Casa de la Abuela
- Celtic
- O Cangrexal
- Marusía
- Xantar
Bar:
- La Botica
O 31 de marzo remata o prazo de adhesión ao proxecto SICTED para este 2021 polo que si algunha empresa ou servizo está interesada pode contactar coa Oficina de Turismo da Guarda.
Sobre o distintivo
A Deputación de Pontevedra financia este proxecto na súa totalidade: adhesión, formación, implantación e avaliación. Ademais a Xunta puntúa este distintivo de calidade na valoración de méritos de axudas e subvencións.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.
A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha evaluación anual de seguimento.