A Deputación de Pontevedra súmase este sábado 27 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno provincial apagará as luces de todos os seus edificios e sedes, uníndose a esta iniciativa da ONG pola que milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático.
En concreto, en Pontevedra a Deputación apagará as luces na sede do Pazo Provincial, as do Edificio Administrativo e as da sede de Turismo Rías Baixas (Palacete dos Mendoza) e, en Vigo, fará o mesmo na sede provincial da rúa Chao. O 2021 é o inicio dunha década clave para a biodiversidade e a defensa da natureza, con grandes citas mundiais como a Cumbre da Diversidade Biolóxica de Kunming, que celebrarase en maio, e a Cumbre do Clima de Glasgow, que terá lugar no mes de novembro. A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.