19.4 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello conclúe as obras de rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

    O Concello conclúe as obras de rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

    A reforma consistiu na mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade e na modificación da distribución interior do edificio

    A alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, vén de facer entrega das chaves da Casa Cultural de Arnoso á asociación veciñal encargada da súa xestión, unha vez concluídas as obras de rehabilitación e mellora do edificio nas que o goberno local investiu máis de 100.000 euros dos fondos que lle corresponden a Ponteareas a través do Plan Concellos.

    Davila sinalou que “con este investimento logramos a impermeabilización do edificio, solucionando os problemas de filtracións de auga ao interior tras realizar o illamento térmico e colocar un sistema de recollida de augas perimetrais. Así mesmo, substituíuse a carpintería exterior para completar a mellora na eficiencia enerxética”.

    A alcaldesa nacionalista explicou que, ademais, “a modificación da distribución interior do edificio permite distintos usos para esta instalación cun mellor aproveitamento do espazo”.

    A superficie de entrada pechouse para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións, contando cunha porta que permite illala do resto da estrutura. O almacén converteuse nun baño adaptado ao que se pode acceder dende calquera sala do interior ou directamente dende o exterior, e o bar conta con armarios como zona de almacenaxe organizada.

    Rehabilitación da Casa Cultural de Arnoso

    Co obxectivo de acadar a accesibilidade universal do edificio, interviuse tamén nos seu accesos exteriores, construíndo unha nova rampla e modificando as escaleiras existentes. O edificio conta agora con dúas entradas independentes.

    A alcaldesa en funcións lembrou que, ademais, “o Concello adquiriu a única finca sen edificar situada xunto á Casa Cultural actual, co obxectivo de ampliar as instalacións para que o edificio poida contar no futuro cun salón de actos”. 

    Cristina Fdez. Davila manifestou que se trata dunhas actuacións “que responden á demanda das veciñas e veciños de Arnoso, e que continúan a liña de compromiso e colaboración do goberno local coas parroquias ponteareás e as súas Casas Culturais, iniciada no 2015”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.