7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaGonzalo Caballero propón 12 pactos para enfrontar os grandes retos do país...

    Gonzalo Caballero propón 12 pactos para enfrontar os grandes retos do país e advirte que “a nosa proposta non vai de cheques en branco”

    O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu onte á xuntanza co presidente da Xunta cunha proposta de acordo en torno a 12 eixos para enfrontar “os grandes retos do país” e encarar a reconstrución. “A nosa proposta non vai de cheques en branco, vai de compromiso con Galicia”, subliñou. “O primeiro que lle transmitín ao presidente é a nosa vontade de colaboración”, manifestou o líder do PSdeG, na liña da “vontade construtiva e propositiva” que xa avanzara de cara a esta xuntanza. “Nós entendemos o goberno como unha tarefa común e exercemos a oposición con lealdade e ánimo de colaboración”, engadiu.

    Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “neste momento, cunha crise de tanta envergadura, o interese de Galicia debe ser o único importante”. “Estou convencido de que é o que nos está a demandar a xente: que cada quen faga a súa parte para reconstruír Galicia”, apostilou, para sinalar que as diferenzas ideolóxicas e programáticas entre PSdeG e PP deben permitir o diálogo nunha situación de crise tan grave.

    Así pois, dende a óptica de que “temos a obriga de traballar para dar oportunidades de futuro aos galegos”, o máximo responsable do PSdeG debullou unha axenda de traballo en torno á mellora dos servizos públicos e, en primeiro termo, do sistema de vacinación; á reactivación económica e a xeración de emprego como eixo clave e á loita contra a desigualdade derivada da crise.

    Eixos para o acordo

    En concreto, Gonzalo Caballero propuxo mellorar os plans de axudas directas para os sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería, o comercio, o deporte, a cultura ou o ocio nocturno; traballar pola modernización da nosa industria e dos sectores primarios e apostar polo coñecemento, a ciencia e a innovación “para impulsar o futuro”.

    A mellora dos servizos públicos co establecemento dun catálogo xeral de prestacións foi outro dos puntos nos que se baseou o diálogo co presidente da Xunta, así como a importancia de atender os riscos de pobreza e exclusión. Neste punto, o dirixente socialista fixo fincapé na situación das mulleres, que sofren “con máis dureza” as consecuencias das crises, e na mocidade, actualmente sen expectativa de futuro.

    “Non nos podemos permitir que unha nova xeración teña que emigrar do país”, advertiu, consciente da importancia de atender o reto demográfico e de vertebrar o territorio para evitar o abandono do medio rural. Ao fío diso, resaltou a necesidade de contar con infraestruturas de calidade, de comprometérmonos coa sustentabilidade ambiental e de atender o dereito á vivenda.

    Ademais, Gonzalo Caballero formulou a apertura dunha comisión non permanente que poida avaliar e facer seguimento dos fondos europeos que reciba Galicia para desenvolver proxectos encamiñados á reactivación económica e á modernización. En paralelo, propuxo estimular a cogobernanza, reforzar o autogoberno galego coa transferencia de 30 competencias e aumentar os fondos que reciben os concellos fronte á crise, unha cuestión na que non houbo acordo co presidente da Xunta.

    Normalidade

    Finalmente, o secretario xeral do PSdeG chamou a “converter en normal” as xuntanzas do presidente da Xunta cos líderes da oposición. “É o normal nunha democracia”, considerou, partidario de “traballar xuntos” para avanzar tamén co goberno de España nos proxectos máis importantes para Galicia.

    “Sei que moitas veces non imos coincidir na orientación das políticas, pero sei que poderemos coincidir nas necesidades e intereses das galegas e dos galegos”, concluíu Gonzalo Caballero.

    Contido da xuntanza

    Tras unha xuntanza que se prolongou durante case tres horas, o presidente da Xunta e o líder do PSdeG coincidiron na importancia de poñer todos os medios necesarios para un axeitado plan de vacinación. Caballero instou a abordar un plan extraordinario de contratación e estabilización de persoal para o sistema sanitario público.

    Ademais de reclamar melloras en atención primaria e hospitalaria, o secretario xeral do PSdeG instou a mellorar as prestacións en saúde mental, e conseguiu o compromiso do presidente de contratar 120 profesionais máis neste eido antes de fin de ano.

    No que atinxe ao rescate dos sectores afectados polas restricións, Gonzalo Caballero reclamou unha boa xestión do plan de axudas directas aprobado po goberno de España, e que faga aportacións dende as arcas autonómicas. Ademais, demandou un programa de reapertura dos negocios que tiveron que pechar e que “deben seguir sendo parte do futuro da economía do país”.

    Ambos dirixentes repasaron a situación da industria de Galicia e Caballero requiriu unha política industrial “máis activa” por parte da Xunta para abordar os retos do sector da automoción, o papel, o aluminio, o mar e o naval.

    Así mesmo, o dirixente socialista pediu que o emprego sexa “factor determinante” á hora de fixar os proxectos que opten a fondos europeos. Nesta liña, Caballero aceptou estudar os proxectos aprobados onte polo Consello da Xunta e amosouse disposto a respaldar todos aqueles que sexan positivos para a reactivación de Galicia.

    En paralelo, chamou a incrementar a inversión en I+D+i ata o 1,5% do PIB en dous anos e solicitou que se manteñan o nivel de inversión en investigación sanitaria da Xunta este ano ao longo de toda a lexislatura.

    No eido social, Gonzalo Caballero pediu traballar nun novo modelo de residencias de maiores e o presidente comprometeuse a presentalo proximamente. Tamén formulou o líder socialista a importancia de que a Xunta financie debidamente o servizo de axuda no fogar que están levando adiante os concellos, así como de traballar en sendos plans contra a pobreza infantil e soidade non desexada.

    Finalmente, Gonzalo Caballero sinalou a importancia do diálogo político, económico, social e municipal. Ante a carencia de modelo da Xunta para a reactivación, instou a traballar nun plan estratéxico de Galicia para esta década, priorizando a modernización, o emprego, a loita contra a desigualdade e a vertebración territorial. Ao respecto, o presidente trasladou a súa intención de poñelo en práctica.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.