15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosTres novas actividades formativas gratuítas na cuarta edición do programa ‘Coas mans...

    Tres novas actividades formativas gratuítas na cuarta edición do programa ‘Coas mans na masa’

    Aberta xa a inscrición para participar nos cursos de elaboración artesanal de ungüentos e conservas, que se celebrarán nos concellos da Oia, Mos e Pazos de Borbén o vindeiro mes de abril

    A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha unha nova edición do programa ‘Coas mans na masa’, un itinerario formativo organizado ao abeiro da Escola Eurural que ten por obxectivo achegar valor engadido a produtos do sector primario a través da transformación da abundante materia prima do territorio en produtos de gran calidade e á súa conservación para a posterior comercialización.

    Nesta cuarta edición regresan os cursos de elaboración artesanal de conservas e de ungüentos naturais, dando así a oportunidade a todos os concellos do GDR 14 de desfrutar de actividades que sempre contan cunha alta demanda por parte da poboación. Así, este ano levarase a cabo unha acción formativa relacionada coa ‘Elaboración artesanal de conservas’ que se celebrará os vindeiros 12, 13 e 14 de abril no concello de Oia. Neste curso, que se organiza por cuarto ano consecutivo e que conta cada vez con maior interese por parte da veciñanza, as persoas participantes aprenderán a facer conservas naturais cos alimentos de tempada que abundan na contorna.

    Pola súa banda, os concellos de Mos (19 e 20 de abril) e Pazos de Borbén (26 e 27 de abril) acollerán dous novas accións formativas sobre a ‘Elaboración artesanal de ungüentos naturais’, no que as persoas interesadas poderán aprender a crear cremas, pinturas, aceites… con recursos naturais tamén presentes na contorna.

    Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14 e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da web de Eurural, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán en horario de 16.30 a 20.30 horas de forma presencial e con todas as medidas de seguridade necesarias para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.

    Escola Eurural

    O programa ‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como ferramenta para canalizar todas as accións formativas que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural organiza no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

    A Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa da AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio, recolle a aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.