10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz pon en marcha un sistema de comunicación de incidencias por app...

    Mondariz pon en marcha un sistema de comunicación de incidencias por app móbil

    O goberno municipal busca promover a participación veciñal e gañar eficiencia na xestión de incidencias

    O Concello de Mondariz acaba de activar unha app móbil que permite á poboación local comunicar incidencias para unha xestión máis participativa e eficiente das mesmas. Trátase dunha app chamada “Línea Verde” que se pode descargar gratuítamente nos dispositivos móbiles desde Google Play e App Store e se complementa cun sitio web para a mesma finalidade baixo o dominio www.linaverdemondariz.gal.

    “Ademais de fomentar a participación veciñal, esta ferramenta optimiza a organización na xestión e control das incidencias que se detecten e solucionen no concello. Estes datos son importantes para analizar a situación dos equipamentos e servizos municipais cada certo tempo”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

    A app, unha vez descargada e instalada no dispositivo móbil, permite ás persoas usuarias rexistrar e enviar unha nova incidencia relacionada con alumeamento, abastecemento de auga, estradas municipais, saneamento, compostaxe orgánica, mobiliario urbano, recollida de lixo, recollida de residuos especiais para o punto limpo, recollida de vehículos, recollida de animais abandonados ou riscos sociais e sanitarios. A propia app, co xeoposicionamento habilitado, recoñece as coordenadas do lugar onde se localiza a incidencia e permite enviar unha fotografía. Unha vez enviada, esta comunicación de incidencia chega ao persoal do Concello de Mondariz para que se proceda á súa avaliación e solución. A persoa que fixo a comunicación da incidencia, así mesmo, recibe notificación no móbil cando cambia o estado da mesma.

    “Antes da posta en marcha deste novo sistema de xestión de incidencias baseado nas novas tecnoloxías da información e da comunicación, o persoal do Concello de Mondariz recibiu formación para adaptarse. Detrás deste cambio hai un esforzo colectivo por mellorar a xestión dos servizos e equipamentos máis básicos, buscando calidade e eficiencia”, sinala Barros.

    A través de Línea Verde, tanto da app móbil como do sitio web, as veciñas e os veciños da localidade tamén poden acceder a información medioambiental e mesmo realizar consultas específicas a persoas expertas nesta materia. “Para un concello rural como Mondariz, este servizo de consultoría medioambiental pode ser de especial utilidade”, asegura o alcalde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.