9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAberto o prazo para solicitar axudas á creación escénica a compañías profesionais...

    Aberto o prazo para solicitar axudas á creación escénica a compañías profesionais galegas

    É unha liña na que o ano pasado se beneficiaron preto de 30 proxectos

    A Xunta abriu onte o prazo dun mes para solicitar as axudas á creación escénica cun orzamento de 800.000 euros. A iniciativa, cuxa convocatoria publica o Diario Oficial de Galicia, vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.

    Trátase dunhas axudas enmarcadas no Plan de Reactivación da Cultura, que desde o ano pasado inclúe diferentes convenios ou ordes de subvención que repercuten nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

    As bases manteñen a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención. Así, as axudas poderán ser solicitadas  para os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Outra das modalidades é para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia. Neste caso, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.

    Pola súa banda, á danza e artes do movemento destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.

    As axudas inclúen tamén unha modalidade para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.

    Todo isto, co obxectivo de apoiar é favorecer a produción escénica en todas as súas disciplinas artísticas e incrementar o público, así como consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos. Ademais, o seu lanzamento coincide na véspera da conmemoración do Día Mundial do Teatro que ten lugar o sábado e que a Xunta celebrará co propio sector nun acto no Salón Teatro.

    Criterios de valoración

    Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.

    O pasado ano beneficiáronse da iniciativa 29 proxectos, cinco deles correspondentes á Modalidade 1, 16 á Modalidade 2, seis á Modalidade 3 e dous  á Modalidade 4. Moitos destes espectáculos estreáronse recentemente a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa e coordina a Xunta de Galicia, tales como Strela do día, de Producións Teatráis Excéntricas; 32m2, de Butacazero; Soga e cinsa, de Aporía Escénica ou Drop, de Pistacatro Producións. Outros están na actualidade en representación neste circuíto, son os casos, por exemplo, de A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, ou Nina-Ninette, de Paula Quintas-CompañíaTraspediante.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.