Aproveitando a inauguración do mural adicado á memoria histórica das mulleres do Rosal, a alcaldesa, Ánxela Fernández, reuníuse coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, para expoñerlle os proxectos prioritarios para o Concello e o municipio.
No relativo a recuperación da praza do Calvario, a Deputación financiou a redacción do proxecto a través do plan Ágora, a rexedora mostrou os novos avances duns traballo que “esperamos comezar este mes de novembro” e do cal solicitaron a axuda ReacPon. A alcaldesa tamén aproveitou a reunión para destacar a ampliación do Mercado do Rosal e solicitar a súa inclusión dentro do Plan Concellos 2021.
Durante a reunión tamén se fixaron as chaves do proxecto da mellora de mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián. As obras da primeira fase desta esperada actuación están a piques de comezar nos vindeiros días e a presidenta provincial tamén confirmou que nas próximas horas a Deputación remitirá xa ao Concello o proxecto redactado da segunda fase para que poida ser aprobado canto antes e tramitar o convenio.
A actuación Tabagón-Goián suporá unha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2. A primeira fase rematará na baixada da Barroza en As Eiras, e a segunda finalizará o tramo que queda na mesma parroquia.
En concreto, crearase un carril peonil e ciclista, completarase a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionaranse dous carrís de 2,80 metros de ancho, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública. Ademais, na zona do CRA María Zambrano disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora.
Coincidindo coa celebración do Día Nacional do TDAH (27 de outubro), a Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, programa unha charla para desmitificar informacións que existen sobre este trastorno que afecta entre o 5 e o 7 % dos nenos en idade escolar. A información como ferramenta e medios para combater prexuízos baseados no descoñecemento.
O Centro Neural acollerá esta charla que impartirá a psicóloga Paula Fernández Rodríguez o próximo día 29 de outubro a partir de 19.00 h. Baixo o título “TDAH. Máis aló do diagnóstico” preténdese dar a coñecer máis detalles deste trastorno neurobiolóxico, acabar cos seus mitos e mentiras creadas ao redor del.
A experta en adolescencia, trastornos de conduta e aprendizaxe, así como de TDAH, aproveitará esta charla para dar a coñecer a outra cara deste trastorno, a que día a día viven quenes o padecen e as súas familias, así como as normas básicas para a súa xestión “tentando ir máis aló da súa realidade máis obvia”.
O TDAH diagnostícase en nenos 3-4 veces máis que en nenas, unha diferenza que se atenúa conforme aumenta a idade. Persiste o trastorno nalgúns pacientes na adolescencia e na idade adulta: 40-70% adolescentes e ata 50-60% nos adultos.
A redondelá praza de José Figueroa foi escenario na mañá de hoxe da presentación da campaña ‘Nós galego 365’, unha iniciativa promovida pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela, que busca a potenciación da lingua galega no ámbito comercial, neste caso, no sector das panadarías.
A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Comercio, María Castro; a xerente da Asociación de Empresarios de Redondela, Julia Alonso e representantes das panadarías, deron a coñecer o contido dunha campaña que se axusta perfectamente ao lema da mesma xa que, tal e como sinalaba a xerente da Asociación de Empresarios, “o pan consúmese todos os días do ano e pretendemos que pase o mesmo co galego como idioma noso que é”.
Para iso, durante as vindeiras semanas, as panadarías entregarán o pan á súa clientela utilizando os 25.000 sobres para pan e 2.500 bolsas –ámbalas dúas de papel– rotuladas co lema Nós galego 365 e coa faciana de Xela Arias, a quen este ano dedicábase o Día das Letras Galegas. “Queremos que o Día das Letras non quede cinguido a unha soa xornada, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano con iniciativas como esta”. Afirmou a alcaldesa Digna Rivas.
Rivas agradeceu “a extraordinaria disposición da Asociación de Empresarios de Redondela a todas cantas iniciativas que presenta o Concello e que, como sempre, non dubidou nin por un instante en colaborar para que sexa todo un éxito”.
A rexedora local lembrou que “Redondela foi o primeiro concello galego en promover a normalización lingüística e queremos seguir sendo un referente en Galicia no uso da lingua galega e nas medidas para a súa difusión”.
Etiquetado de garantía
Amais da vinculación co galego e co pan, a campaña Nos galego 365 “ten un significado adicional de garantía de calidade” afirmou a xerente da Asociación de Empresarios xa que “os produtos de orixe galego e etiquetados en galego xeran unha diferenciación e non deixan dúbida algunha en canto a súa orixe e calidade”.
Entre os días 19 de outubro e 2 de novembro poderanse presentar as solicitudes ás subvencións en réxime de libre concorrencia do concello de Gondomar para actividades culturais, actividades de fin social e actividades deportivas do 2021, publicadas este luns no Boletín Oficial da Provincia.
O obxectivo destas axudas é fomentar o desenvolvemento de actividades, execución de obras ou investimentos en adquisición de subministros que redunden en beneficio da colectividade entre os veciños e veciñas de Gondomar nos ámbitos de cultura, deportes ou fins sociais, respectivamente.
As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou colectivos cidadáns, persoas ou entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades de interese municipal, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo as actividades obxecto da subvención.
As bases e a documentación necesaria que se debe encher para presentar as solicitudes poden descargarse na páxina web www.concellodegondomar.gal na columna de “DESTACADOS”.
No salón de sesións da casa do concello de Tui tivo lugar onte a sinatura dun convenio entre o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, CHMS, José Antonio Quiroga, para a execución, entrega, mantemento e conservación das obras do proxecto de construción dunha pasarela peonil na desembocadura do río Louro.
Esta actuación suporá un investimento de 230 mil euros dos que 160 mil serán aportados pola Confederación Hidrográfica, e 70 mil euros polo concello de Tui. Tras a sinatura do convenio, realizada esta mañá, a obra sairá agora a licitación e os traballos poderían comezar ao final do primeiro semestre de 2022.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a estreita colaboración tanto neste coma noutros proxectos por parte da Confederación Hidrográfica. Subliño coma a pasarela que permitirá construír este convenio “é un vello anhelo” e lembro coma xa en 2015 se tiña redactado o proxecto para a execución da Senda do Miño que percorrería as beiras do Miño até os termos municipais de Tomiño e Salvaterra, do que esta pasarela dicía “era o primeiro paso”. Tivo palabras de agradecemento o rexedor para corporación que permitiu habilitar o crédito preciso para facer fronte á aportación municipal para a execución do proxecto, tamén para os traballadores municipais e para Rosario Andrade de Kiwi España polas facilidades dadas para chegar a cesión dos terreos precisos para executar a obra.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, indicou que co convenio asinado este mediodía “desbloquéase a pasarela do Louro”. Unha obra que sinalou é “benquerida e desexada” e o seu desbloqueo dicía “da satisfacción a ese desexo de anos” neste senso. Enngadiu que este é o “inicio da colaboración co Concello de Tui” avanzando que nos próximos meses asinarán novos convenios.
Enrique Cabaleiro afirmou que o “goberno municipal vai seguir traballando en proxectos que poñan en valor os espazos naturais”. Así indicou que por unha parte está a execución da senda do río Caselas na desembocadura deste río até o límite con Salceda de Caselas, o que permitirá dicía Enrique Cabaleiro “unir dous territorios e dúas comarcas coma as da Paradanta e o Baixo Miño”. Amais o Concello de Tui está a realizar a modificación do proxecto inicial da senda do río Tripes que “comunicará dous espazos naturais coma son o río Miño e o Parque Natural do Monte Aloia”. Esta ruta irá dende a desembocadura do río Tripes no Miño, pola senda dos muíños até enlazar no Parque Natural do Monte Aloia.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, avanzou esta mañá que nos próximos días comezarán so traballos de limpeza e posterior estaquillado do trazado da senda á beira do Miño cara Tomiño, para unha vez marcado o tramo afectado iniciar as negociacións cos propietarios dos terreos.
O Concello do Rosal deu hoxe un paso máis no seu camiño de transformación da man da Deputación de Pontevedra, que inclúe non só novas obras en infraestruturas e equipamentos, senón tamén a recuperación de espazos públicos para reivindicar a memoria histórica de mulleres referentes no municipio. A presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa, Ánxela Fernández, inauguraron esta tarde o segundo mural do proxecto ‘Revolucionando Mentes’, programa cun marcado ton reivindicativo e de concienciación social, co que o concello reivindica o papel que xogaron as mulleres rosaleiras en distintos ámbitos e épocas.
Situado no exterior do Pavillón dos Deportes o mural é obra de Vanesa Álvarez e Lorena Arévalo e foi financiado polo programa da Deputación para o Fomento da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero en concellos de menos de 20.000 habitantes. A creación visibiliza a traxectoria vital de Xulia Suárez, Rufina Domínguez e Adela Álvarez, tres mulleres nas que O Rosal personifica a homenaxe a tódalas mulleres da súa historia. Nas intervencións, a presidenta provincial e a alcaldesa estiveron acompañadas por familiares destas tres rosaleiras: Xulia Suárez, que reivindicou os dereitos das mulleres durante o franquismo dende a súa profesión como enfermeira; Rufina Domínguez, que loitou a prol da II República chegando a esconder na súa casa ao último alcalde republicano do Rosal, e Adela Álvarez, un exemplo de muller dinamizadora da colectividade dende un ámbito rural como a parroquia de Fornelos e autora de diversas pezas poéticas en galego.
Novos proxectos para O Rosal
A visita da presidenta da Deputación serviu, ademais, para que a alcaldesa lle amosase os proxectos de ampliación do Mercado, financiado con achegas do Plan Concellos, e da reforma da Praza do Calvario, que O Rosal xa ten presentado ao plan provincial ReacPon.
En canto á segunda fase da reforma do Mercado de Abastos, a nova intervención estará financiada ao abeiro do Plan Concellos (390.000 €) e servirá para converter ao edificio nun espazo de referencia socioeconómica para a gastronomía e o turismo así como para recuperar a terraza do mesmo. As actuacións chegan despois da inauguración da primeira fase das reformas -no mes de maio- que tivo un custo de 207.000 euros financiados case nun 80% (161.300 €) pola Deputación.
A presidenta tamén coñeceu a futura reforma da Praza do Calvario, que foi licitada este mesmo mes cun orzamento de 1.158.500 euros, para a que o concello solicitou unha achega do Plan ReacPon de 517.938 euros. Nesta reurbanización empregaranse materiais construtivos que preserven e potencien o carácter patrimonial e arquitectónico existente e prepárase tamén unha reordenación da contorna do Calvario, así como do aparcamento.
Novidades no proxecto Tabagón-Goián
Carmela Silva tamén anunciou na súa visita novidades con respecto ao proxecto da mellora de mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián. As obras da primeira fase desta esperada actuación están a piques de comezar nos vindeiros días e a presidenta provincial tamén confirmou que nas próximas horas a Deputación remitirá xa ao Concello o proxecto redactado da segunda fase para que poida ser aprobado canto antes e tramitar o convenio.
A actuación Tabagón-Goián suporá unha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2.
A danza contemporánea e as letras de cancións de reggaeton que hoxe escoita a mocidade foron as grandes protagonistas da performance de Ruth Balbís en Gondomar. No marco dunha nova acción do programa da Deputación ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’, a artista ourensá levou á Praza da Paradela Pel continua para invitar á mocidade a reflexionar sobre o contido de violencia machista que se agocha tras as letras destas cancións e o conseguinte perigo desta violencia invisible. A actuación foi seguida en directo por 60 alumnas e alumnos da ESO do IES Auga da Laxe, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, o alcalde, Francisco Ferreira, e outros/as concelleiros/as.
A acción escénica de Balbís, creada ex profeso para ‘Violencia Zero’, consistiu nunha peza de danza contemporánea na que a artista suprimiu a melodía de cancións de reggaeton como Una vaina loca, de Fuego, ou Mirándote, de RVFV, para extraer e analizar as súas letras ao tempo que xogaba a montar e desmontar un “maniquí” cos que representaba a sexualización do corpo da muller nos seus videoclips e a violencia machista presente nas súas letras. Así, nunha actuación de 30 minutos inspirada na música que escoitan as alumnas as que instrúe como coreógrafa, Ruth decidiu apostar polo emprego dun código conceptual e visual común ás mozas e mozos para facelos/as reflexionar e facer visible esa violencia que, ata o momento, se amosaba invisible para elas e eles nas cancións que habitualmente escoitan e nos Tik Toks que bailan. Durante o transcurso da acción, a ourensá valeuse tamén de carteis coa estética dos que as tendas empregan nas rebaixas para citar neles cifras como número de visualizacións destes videoclips machistas e comparalos coas dunha canción de Mozart.
Esta foi a vixésimo segunda acción levada a cabo dentro da sexta edición do programa, que este ano ten como lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Nin un paso atrás na loita contra a igualdade”. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Tras máis de 100 accións artísticas por toda a provincia desde o seu inicio en 2015, o programa da Deputación de Pontevedra seguirá reivindicando a igualdade de xénero por toda a provincia ata que remate o ano.
O compositor Reveriano Soutullo é unha das figuras máis importantes na historia da música de Ponteareas. Foi un dos músicos máis influíntes e importantes de principios do século pasado e a súa pegada pódese notar nas novas melodías que nacen na vila do Tea. Por todo isto, a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, organiza este domingo unha xornada homenaxe a Reveriano Soutullo. Comezará ás 17.00 horas cunha ofrenda floral nos xardíns da Xiralda e ás 18.00 horas a Banda Xuvenil de Xinzo musicará as obras do compositor nun concerto no Auditorio Municipal.
O edil de Cultura anima a toda a veciñanza “a asistir a unha homenaxe que pon en valor a figura de Reveriano Soutullo, un compositor imprescindíbel para a música de Ponteareas”. Lembra que esta xornada xa estaba pensada para o ano pasado con motivo dos 40 anos do seu falecemento, pero que se aprazou por causa da pandemia, e que é a segunda homenaxe que recibe despois que en 2019 festexárase os 90 anos do pasodobre de Ponteareas. Ademais Fernando Groba quere agradecer á Banda Xuvenil de Xinzo que se comprometera con este acto e está seguro que “darán un concerto fantástico”. A entrada será de balde ata completar aforo.
Reveriano Soutullo naceu en Ponteareas fai 141 anos, no 1.880. Deu os seus primeiros pasos na música moi pequeno, xa que o seu pai era o director da Banda de Redondela. Rapidamente mostrou un gran talento musical que puliu co director da Banda de Ponteareas, Segundo Fernández. Aos catorces anos xa dirixía o Orfeón de Tui e aos vinte múdase a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio madrileño de harmonía e cornetín. Alí, malia uns inicios difíciles nos que se gañaba a vida co seu cornetín, a súa carreira despegou ata converterse nun dos músicos máis influentes da época.
Na súa grande obra o compositor sempre gardou unha gran relación coa música tradicional do país e aportou vairas creacións propias e instrumentacións do repertorio internacional en certames de bandas de música e orfeóns de Galicia. Todo esta traxectoria exemplificase nunha das súas obras máis coñecidas: ‘Pasodobre de Puenteareas’.
O Museo Meirande de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación da súa nova páxina web nun acto presidido pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, ás que acompañaba a concelleira de Turismo, María Castro, representantes da Corporación Municipal e o alumnado do obradoiro de emprego ‘Redondela TIC 2020’, encargados da elaboración do novo portal da instalación museística.
A presentación da nova web –museomeirande.org– correu a cargo de cinco alumnos a alumnas do propio obradoiro que, de xeito sinxelo, directo e ilustrativo, desgranaron un por un todos os aspectos dun portal que está chamado a ser o escaparate do Meirande.
De deseño moderno, rápido na carga de contidos e dinámico na súa presentación, a nova web foi elaborada no sistema responsive design ou deseño adaptado, que permite a súa perfecta visualización dende calquera dispositivo sexa este ordenador de sobremesa ou portátil, tablet ou smartphone.
Nada falta neste novo portal de fácil utilización xa que é totalmente intuitivo e con contidos fáciles de localizar, con menús claros que non deixan dúbidas sobre os seus contidos. Así o visitante pode consultar a historia do museo, facer un seguemento detallado da Batalla de Rande ou adentarse nos misterios do suposto tesouro de Rande.
Amais do Museo propiamente dito, a páxina permítenos coñecer os lugares de interese próximos e conta cunha elaboradísima sección multimedia da que as e os visitantes poden descargar folletos explicativos –en galego, castelán e inglés– gozar de dous extraordinarios audiovisuais: Rande 1702, arde el mar e Como se hizo Meirande e acceder a contidos de audio e unha completa galería fotográfica.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás alumnas e alumnos “por un traballo excepcional que permite que o Meirande poida contar cun escaparate de auténtico luxo e que poda levar a nosa historia e patrimonio a calquera recuncho do mundo”.
“Meirande grazas ao voso traballo –concluíu a alcaldesa dirixíndose ao alumnado– conta cunha páxina web que, non só permite que as e os visitantes poidan atopar todos os contidos do seu interese, senón que contribúe a espertar neles a curiosidade e as ganas de achegarse para coñecer este museo en primeira persoa”.
Tivo tamén a alcaldesa palabras de agradecemento para a concelleira de Turismo, María Castro, “que conseguiu, en tempo récord, poñer a este museo ‘no mapa’ dos museos máis importantes da costa atlántica e cantábrica conseguindo que o Meirande pase a formar parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos”.
O Concello de Baiona comezou as obras que permitan mellorar a accesibilidade do Camiño Rial en Baíña.
“O Obxectivo adecuarse o espazo de circulación dos vehículos e peóns para facelo máis transitable e seguro nunha vía de acceso estreito”, destaca o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.
Os traballos, que xa están en marcha, responden a un compromiso asumido polo Alcalde, Carlos Gómez, e o concelleiro nunha das súas visitas pola parroquia de Baíña. O obxectivo principal é minimizar os problemas existentes na entrada do camiño, co fin de facilitar aos veciños e veciñas o acceso ás súas vivendas e leiras agrícolas.
Os traballos consisten na mellora da accesibilidade e inclúen a instalación dunha varanda protectora con respecto á marxe do río Baíña ademais do asfaltado nunha zona onde o pavimento está afundido e moi deteriorado. Así mesmo, realizarase o saneo da zona previo á execución da nova capa de rodadura e realizarase o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño.
“Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria da zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor quen engade que” esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.
As vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes da provincia de Pontevedra, contadas coa mirada única de Álvaro Cunqueiro. É o lenzo que debuxa Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, unha compilación de textos do escritor mindoniense publicada pola Editorial Galaxia co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará promoción o territorio a través desta obra. “Non hai unha guía turística tan fermosa como esta. Recoñecemos todos os lugares pero están descritos dunha forma máxica”, eloxiou esta mañá a presidenta da institución, Carmela Silva, na presentación do libro na sede de Vigo xunto ao director de Galaxia, Francisco Castro.
A máxima responsable provincial explicou que cando a editorial propuxo á Deputación participar no proxecto “non houbo ningunha dúbida”. “Queremos que a xente que nos visite namore desta maxia porque aquí está a provincia enteira. É un instrumento fermosísimo para facer que a xente nos coñeza”, anotou Carmela Silva.
A presidenta avanzou que levará exemplares de Polos vieiros do fabulador para regalar nas viaxes de promoción turística que a levarán esta semana a Madrid, Valencia e Zaragoza. “Somos un destino potentísimo que garda os valores dun turismo sostible. Vivimos nun paraíso paisaxístico, gastronómico, de lendas e tradicións, de cultura, historia e patrimonio. E todo isto o escribiu Cunqueiro de forma maxistral nun libro cheo de recursos estilísticos”, anotou, para cualificar a obra como “unha xoia imprescindible en calquera biblioteca de persoas que amen ler, persoas que amen o lugar no que viven, e xente que sinta o pracer pola beleza”.
Percorrido pola provincia
Polos vieiros do fabulador recolle nas súas 200 páxinas unha escolma de artigos en galego e castelán nos que o escritor mindoniense aborda aspectos da identidade do territorio. “Fedellando no arquivo da Editorial Galaxia, entre as distintas publicacións de Cunqueiro decatámonos de que este escritor, que convertía calquera artigo nunha fábula e facía dunha conferencia un exercicio literario de primeira orde, dedicoulle moitísimas páxinas á provincia de Pontevedra”, sinalou Francisco Castro, para engadir: “Había que compilar todo nun libro e o resultado é este Polos vieiros do fabulador: Cunqueiro e Pontevedra, que está organizado dunha maneira moi intuitiva”.
A obra inclúe textos dedicados a Pontevedra, Vigo, Arousa, Cambados e Tui, ademais dun segundo apartado de itinerarios turísticos pola comarca do Deza, Cuntis, toda a contorna da Ría de Vigo ou as Illas de Cíes. A terceira parte céntrase nas viaxes gastronómicas, mentres que a cuarta componse de textos de carácter oral, como conferencias e pregóns de festas.
“O libro inclúe textos espallados por mil lugares. É unha publicación moi interesante para as persoas que vivimos na provincia de Pontevedra e para os e as amantes da literatura de Álvaro Cunqueiro. Son incapaz de atopar un texto que non sexa xenial e unha festa de fabulación”, engadiu o director de Galaxia, quen agradeceu o apoio da Deputación e de Carmela Silva á literatura e a cultura galega. A obra xa está a venda nas librerías.
A presidenta provincial leu varios fragmentos do libro e felicitou á Editorial Galaxia polo seu traballo. “Sempre nos sorprende con publicacións marabillosas que nos fan sentir emocións e que nos din que pertencemos a un gran lugar no mundo”.
Concello de Salvaterra de Miño a través da AECT Río Miño e en colaboración coa Deputación de Pontevedra é beneficiario do proxecto “Visit Río Minho”, un proxecto ecoturístico, financiado un 75 % por fondos europeos e que conta cun orzamento total de 2 millóns de euros que están sendo investidos na preservación e valorización do territorio Río Miño transfronteirizo, o cal abarca 26 municipios galegos e portugueses.
O obxectivo de ” Visit Rio Minho” é a capitalización do río e do territorio adxacente a través de actividades transfronteirizas preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino turístico, e dentro das diferentes accións a realizar está a replantación de especies autóctonas na Illa Fillaboa, co fin de potenciar o aproveitamento das condicións naturais da Illa Fillaboa.
A través desta acción preténdese mellorar a vexetación do propio entorno e convertela nun referente de aprendizaxe do medio ambiente, pasando a ser unha visita obrigada en Salvaterra para todos os que desexen gozar da natureza do río Miño e a súa contorna. Replantación que complementa o resto de acción que se levarán a cabo dentro do Proxecto Europeo Río Miño destino navegable, que busca por en valor o entorno do Miño dunha forma sustentabel.
A Illa Fillaboa, de titularidade municipal, encóntrase na desembocadura do río Tea, dentro do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do Baixo Miño ES114007, incluída en Rede Natura 2000, e conta cunha superficie en torno aos 100.000m2. Nesta acción plantaranse árbores das especies: quercus suber, quercus Robur, Alnus Glutinosa, Laurus Nobilis, Fraxinus Angustifolia e Acer Pseudoplatanus.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de recibir aos deportistas da Federación Galega de Surf que se proclamaron recentemente campións de España nas súas diferentes especialidades. O mandatario galego asegurou que, Esperanza Barreras, Guillermo Carracedo e Carlos Dopico son a “clara mostra da hexemonía galego nos deportes náuticos en xeral, así como en todas e cada unha das vertentes so surf, o que converte a Galicia nunha terra polideportiva, multidisciplinar e diversa con grandes referentes para todos os nenos e nenas”.
Lete Lasa lembrou que Galicia xa conta con grandes eventos como o Pantín Classic, o Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Pro Ferrol ou o Campionato de España de Surfing que se vén de celebrar por oitava vez consecutiva en Galicia. Ademais, Lete Lasa puxo o acento nos deportistas galegos de surf que levan conseguindo grandes resultados nos últimos anos desde pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero ata estes tres novos campións de España”.
A nigranesa Esperanza Barreras vén de proclamarse campioa de España de SUP (stand up paddle) longa distancia en Nigrán. Neste ano tamén acadou os campionatos de España de SUP velocidade e SUP carreira técnica. Dentro dos seus maiores éxitos está o bicampionato mundial de SUP longa distancia e o subcampionato Eurotour que vén de acadar nesta última tempada. Esperanza é deportista de alto nivel (DAN) e actualmente tramita a documentación para ser deportista galega de alto nivel (DGAN).
Guillermo Carracedo (Muros) proclamouse campión de España de SUP ondas en Xixón por cuarta vez consecutiva. No ano 2019 acadou a quinta praza no mundial da súa disciplina. Guillermo é deportista galego de alto nivel (DGAN), así como deportista de alto nivel (DAN).
O coruñés, Carlos Dopico é o primeiro campión de surf adaptado galego da historia. Acadou o seu título no Campionato de España de surf adaptado que se vén de celebrar en Nigrán. Carlos atópase en pleno proceso de recoñecemento como deportista galego de alto nivel (DGAN).
Os tres deportistas preparan xa os seus respectivos mundiais de cara a esta nova tempada.
Entre o 20 e o 24 de outubro celebrarase en Cerveira e Tomiño un encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participa Tomiño canda outros 10 socios europeos, co obxecto de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.
O Proxecto BRIDGE, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para cidadáns da Unión Europea, integra 11 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países, co fin de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Así, no proxecto participan, ademais de Tomiño e Cerveira, entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia.
Do lado tomiñés, Goián acollerá o vindeiro venres (22/10) unha das sesións de traballo coa recepción dos participantes por parte da alcaldesa Sandra González, e conferencias sobre boas prácticas de cooperación transfronteiriza, como as existentes entre universidades galegas e portuguesas, ou as desenvolvidas pola AECT Río Minho. Haberá, ademais unha intervención a cargo dun representante da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.
Durante a execución do proxecto, ata outubro de 2022, os parceiros analizarán as causas que alimentan a xenofobia e o euro escepticismo en moitos países, presentando posíbeis solucións para garantir que as rexións transfronteirizas da Unión Europea poidan, a través dos seus propios medios, contribuír á mellora da cidadanía europea con experiencias compartidas, como a da Eurocidade Cerveira–Tomiño.
O BRIDGE prevé diferentes encontros nos que se abordarán temas relacionados coa financiación de programas e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; os problemas causados pola suspensión do Tratado de Schengen durante a pandemia; iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social, cultural, ambiental e de cidadanía ou as dificultades legais que existen na actualidade.
Os vindeiros 23 e 24 de outubro, A Cañiza celebra a II Edición do “Cocido Cañicense”. Un evento gastronómico promovido, impulsado e organizado conxuntamente polo Concello e polos hostaleiros da localidade. Un atractivo culinario que ven a engadirse aos moitos activos turísticos deste Municipio que ademáis destaca pola súa especial diversidade paisaxística e a súa accidentada orografía que se pode percorrer e desfrutar grazas aos sendeiros e as rutas naturais.
A Cañiza é terra famosa pola calidade dos seus xamóns e polos seus excelentes cocidos. Dos mellores de Galicia. Por iso e co inicio do outono, restaurantes e concello poñen en marcha esta nova edición, coincidindo coa baixada das temperaturas que é como mellor se saborea este prato único que durante décadas congregou entorno ás mesas das nosas xentes a familias e amigos. Un prato que sólo na Cañiza se converte en arte culinario.
E o seu segredo está envolto nos aires das nosas cumes que posúen un microclima especial para o curado dos produtos do porco. Un aire frío e seco que consegue optimizar o curado e outorgar ás carnes o mellor sabor.
Son moitos os padais que xa coñecen o noso cocido pero promovido polo Concello, os hostaleiros da Cañiza organizan esta segunda edición, esmerándose en cociñar este prato tradicional preparado con chourizo de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño e costela de porco completado con pito, carne de vacún, patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Todo iso acompañado con pan rústico e pan de millo ou “Bica” e regado polos viños brancos e tintos, a gusto do cliente, da denominación de orixen Rías Baixas, tamén da Cañiza, Abelan e Eido da Fonte.
Antes ou despois deste prato ofrecerase un caldo servido en tazón. E como en toda boa comida, non pode faltar a sobremesa. Arroz con leite ou leite frita e café.
Ademáis haberá un pequeño agasallo para cada comensal.
O Concello e os hostaleiros da Cañiza queremos convidarvos a gozar dunha agradable xornada culinaria durante este fin de semana na Cañiza. Para iso vos aconsellamos reservar en calquera dos 8 restaurantes participantes nesta II edición do “Cocido Cañicense”.
O Concello da Guarda continúa traballando na mellora do mercado municipal de cara a convertelo nun Mercado de Excelencia con diferentes actuacións, que incluíron nos pasados meses a substitución do pavimento do piso superior por gres cerámico antibacteriano, a adecuación de dous postos que se sacarán a concurso xunto a outros que se atopan baleiros e a creación dunha zona de lecer coa apertura da terraza frontal de cara ao seu uso no futuro coma zona de servizos para cafetería ou establecemento similar.
Desde fai case unha década as intervencións para acadar unha mellora das instalacións do mercado teñen sido prioridade para o Equipo de Goberno. Entre estas intervencións atopamos obras e actuacións de diversa índole dirixidas a mellorar:
– As condicións do edificio (arranxo da cuberta, solución aos problemas de filtracións e humidade, substitución dos pavimentos, reforma dos baños das escaleiras ou substitución de luminarias por LED).
– As condicións de traballo dos praceiros e praceiras, así como a satisfacción da clientela (instalación de portas automáticas de cristal para mellorar a sensación térmica, creación de varias zonas de descanso, instalación de fío musical ou construción dunha zona de lavado de utensilios de traballo).
– A accesibilidade do edificio (instalación do ascensor, creación dunha rampla de acceso na rúa Julián López, construción dun aseo accesible ou a creación de prazas de aparcamento para persoas de mobilidade reducida nas inmediacións).
– Aspectos estéticos (pintado das paredes, adquisición de mostradores-expositores para os postos de venda ambulante, decoración de Nadal, colocación de lonas decorativas ou renovación das antigas portas de madeira).
O total invertido desde o 2013 nestas instalacións ascende a 332.339,10€ dos cales máis de 80.000€ corresponden a aportacións municipais e o resto proveñen de subvencións a nivel provincial e autonómico.
Unha vez finalizadas estas obras só quedará por levar a cabo a última das fases para a modernización da Praza de Abastos que consistirá nun proxecto de mellora estética máis acorde a estes tempos. Esta reforma estética, na que se prevé inverter arredor de 100.000 €, pretende converter un mercado, no que xa podemos atopar produtos dunha calidade moi alta, nun espazo no que ademais resulte máis agradable e atractivo para os clientes.
As obras rematadas recentemente contan cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de preto de 28.000 € dos cales un 75% foi aportado polo FEDER, un 7,5% polo MAPAMA e un 17,5% pola Xunta de Galicia a través das subvencións a Proxectos de rehabilitación e reforma de Mercados Municipais 2020-2021. A aportación restante, sobre 20.000 €, está financiada a través do plan concellos da Deputación de Pontevedra.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou en Vigo un curso de Auxiliar de Servizos ao que asisten 14 persoas, 6 mulleres e 8 homes, todas elas con discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para profesión habitual.
Esta formación, financiada pola Fundación “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo (FSE), está enmarcada dentro de Máis Emprego, un programa que ten por obxectivo favorecer o acceso ao mercado laboral por vez primeira como tamén ofrece a oportunidade de realizar unha reciclaxe profesional.
O alumnado, que procede dos concellos de Vigo, Salceda de Caselas, Ponteareas, O Porriño e Redondela, recibirá un total 100 horas lectivas, das que 30 son teóricas e 70 horas serán impartidas como prácticas en empresas das zonas de residencia do alumnado, co fin de facilitarlle o contacto co tecido empresarial e, polo tanto, favorecer a súa inserción.
Ao rematar esta formación, o alumnado recibirá un seminario complementario de mellora da empregabilidade, no que se lle facilitará información sobre ferramentas e técnicas para a posta en marcha da súa busca activa de emprego. Esta formación rematará con clases de informática orientadas ao posto de traballo.
Programa Máis Emprego
COGAMI iniciou o programa Máis Emprego na provincia de Pontevedra en 2017, tendo por finalidade mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, promovendo a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios integrados e personalizados de cara á inserción laboral.
No que vai de ano, foron 139 as persoas atendidas a través deste programa, 63 mulleres e 76 homes, coas que se está traballando na súa inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados, como xa se fixo coas 399 persoas que pasaron por Máis Emprego, logrando o 56% a inserción laboral.
Onte pola tarde, ás 16.30 horas, celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción a Susana Alonso Carballo polos logros acadados en bicicleta de montaña a comezos do presente mes de outubro.
Susana Alonso foi recibida e felicitada na Casa Consistorial mosense por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Política Social e Igualdade, José Areal, concelleiro de Deportes e demais membros da Corporación Municipal.
A mosense Susana Alonso terminou na primeira posición da Marcha Costa da Morte o domingo 3 de outubro, proba que pechou o calendario da Copa de Galicia de bicicleta de montaña na modalidade de maratón (XCM), na que Alonso Carballo quedou subcampioa da categoría Absoluta Feminino.
Con saída e chegada en Carballo, Alonso tiña como obxectivo gañar a Marcha Costa da Morte e, se era posible, superar na xeral do certame a Rebeca Muñoz (Ribadumia). A corredora mosense puido alcanzar o primeiro obxectivo, pero non o segundo. Gañou con claridade, pero a terceira posición de Muñoz impediulle a Alonso superala na xeral da Copa Galicia. A ausencia de Susana Alonso, por unha caída, na proba Piñor resultou determinante. Terminou segunda na xeral con dez puntos menos que a gañadora. Iso si, levou a categoría elite.
A Marcha BTT Costa da Morte, organizada polo Club Ciclista Monte Neme, incluíu nesta última edición unha nova distancia, de 74 Km, a única de carácter competitivo que, ademais, decidiu aos vencedores da Copa Galicia logo de catro probas, sendo puntuable, así mesmo, para o ranking nacional de XCM. Na xeral feminina, Susana Alonso, de Mos foi a gran campioa. Resultou, así mesmo, primeira en elite (4:18). Seguiuna Mar Delgado, do club anfitrión, o Monte Neme, en ambas as clasificacións.
Na Copa Galicia quedou primeira, por diante de Susana, Rebeca Muñoz Narciso con 350 puntos. Susana Alonso Carballo erixiuse subcampioa con 300 puntos. Terceira foi Ana María González Cuña con 280 puntos. Cuarta Sofía de Jesús da Silva Sousa con 240 puntos e quinta Desiree Fernández Rey, con 190 puntos.
Alonso participa esta fin de semana no Campionato de España de Ultramaratón
León acolle o Campionato de España de Ultramaratón o próximo sábado 23 de outubro. Unha nova Power Race que se expande a nivel nacional. O pistoletazo de saída terá lugar no Club Deportivo Supera dentro dun percorrido de 134 quilómetros por 11 municipios da provincia. A proba conta cunha cifra próxima a 500 participantes de todo o país, deles, 62 dos rexistrados son mulleres, e unha delas é a mosense Susana Alonso, á que alcaldesa e Corporación Municipal desexáronlle hoxe toda a sorte do mundo para voltar a Mos cun novo título de campioa de España baixo o brazo.
As familias do Rosal xa desfrutan do Espazo Crianza, o proxecto impulsado polo Concello para brindar ás familias un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos. 13 bebés e 6 mulleres embarazadas foron as primeiras usuarias que aproveitaron este servizo para informarse e aprender sobre o desenvolvemento infantil, así como para resolver inquedanzas para unha crianza libre de prexuízos e culpas. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, afirma que “estamos moi contentas coa boa acollida do servizo por parte da veciñanza”, e lembra que a participación neste espazo é de balde. As persoas interesadas deberán facer unha inscrición previa enchendo este documento e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar.
Este Espazo era “unha demanda habitual nas familias” e xurdiu coa intención de “axudalas a crecer de maneira sa cos que seus pequenos e pequenas cun servizo próximo e de calidade”. Para a rexedora este servizo tamén é un xeito de facer do Concello un lugar máis inclusivo e accesible para as familias. “Un paso máis no noso camiño cara un O Rosal para todos e para todas”, conclúe Ánxela Fernández.
Estes encontros, nos que se aborda unha educación libre, activa e respectuosa, están divididos en grupos dependendo da idade dos nenos e nenas. Por un lado, hai acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais xestantes a partir da semana 28 de embarazo, con sesións quincenais os mércores de 10 a 11 horas que comezarán o vindeiro 6 de outubro. Tamén se implementaron dous grupos para acompañar ás familias no desenvolvemento integral do seu bebé, dependendo do seu desenvolvemento motor e cognitivo. Así, hai un grupo para bebés de 0 a 6 meses e outro de 6 a 12 meses. Tamén será unha sesión quincenal, a primeira foi o mércores 13 de outubro en horario de 10.00 a 11.00 e de 11.30 a 12.30 h, respectivamente.
A Xunta incrementará o vindeiro ano un 25% as axudas dirixidas á formación no eido do transporte por estrada, cun investimento de 500.000 euros.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR).
No encontro, a conselleira trasladou a sensibilidade do Goberno galego ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do progresivo incremento do prezo dos combustibles.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén comprometeu o traballo da Xunta para ofrecer maiores facilidades nas tramitacións administrativas, como demanda o sector, e para buscar alternativas para impulsar áreas de descanso para os transportistas, tendo en conta que os criterios impostos polo Goberno de España impiden que se destinen a este fin os fondos Next Generation de Mobilidade
Vázquez Mourelle avanzoulles representantes de APETAMCOR que a Xunta vai reforzar nos Orzamentos de 2022 as partidas destinadas á formación do colectivo co obxectivo de facilitar o acceso de man de obra ao sector, que está a acusar carencia de profesionais nos últimos tempos.
Concretou que os vindeiros Orzamentos incrementan en 100.000 euros, con respecto ao presente exercicio, estas partidas para a formación dos profesionais do transporte por estrada.
O Goberno galego vén prestando apoio técnico e económico ao sector do transporte, co que vén mantendo unha liña de diálogo e colaboración continua, para garantir a súa competitividade.
Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia publicaba en xullo a resolución coa listaxe das asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada, que este ano acadan un investimento autonómico de 400.000 euros.
A Xunta, desde o ano 2017, leva mobilizado preto de 2 millóns de euros en subvencións enfocadas ao fomento da formación destes profesionais.
Estes incentivos teñen como obxectivo favorecer a mellora das capacidades dos profesionais en materias como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.
Tamén se inclúe a subvención de cursos necesarios para o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.
Cómpre lembrar que no ano 2020 se realizaron un total de 1.139 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dos que se beneficiaron un total de 11.351 alumnos.
O Concello de Arbo, en colaboración coa Fundación “Segundo Gil Dávila”, convoca becas de axuda para os estudos, por unha cuantía de 500,00€ cada unha.
Poderán solicitar esta axuda aqueles mozos e mozas, que realicen estudos universitarios no presente curso 2021/2022 e que cumpran os seguintes requisitos:
Estar empadroado no concello cun ano de anterioridade ao momento en que se solicita a beca.
Non estar en posesión ou non reunir os requisitos legais para a obtención dun título do mesmo ou superior nivel ao correspondente ao dos estudos para os que se solicita a beca. A estes efectos, non poderán ser beneficiarios de beca aqueles estudantes aos que únicamente lles reste, para a obtención do título, a acreditación dun determinado nivel de coñecemento dun idioma estranxeiro.
Estar matriculado nalgunha das ensinanzas universitarias do sistema educativo español para obter un título universitario oficial.
No caso do máster, só se terán en conta aqueles que habilitan para o exercicio profesional.
Non atoparse incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
A instancia de solicitude dirixirase ao alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil. Esta solicitude terá que ir acompañada da documentación establecida nas bases da convocatoria (a disposición dos solicitantes nas Oficinas Municipais e na páxina web).
O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro día 15 de novembro de 2021. Toda a información adicional necesaria pode atoparse nos Servizos Sociais do Concello de Arbo ou na páxina web do Concello www.concellodearbo.es.
Pontevedra provincia está a referendarse como símbolo da mobilidade urbana sostible e amable no 25 Congreso Vyodeal, o Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que reúne hoxe luns e mañá martes no Pazo Provincial aos principais expertos e expertas do país para falar dos retos actuais e futuros da “Estrada local como espazo público”. Ao redor de cen persoas asisten de xeito presencial a estas dúas xornadas, organizadas pola Asociación Española de Estradas en colaboración coa Deputación, e que hoxe inauguraron a presidenta Carmela Silva, e a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, ambas cunha reflexión conxunta sobre a necesidade de seguir humanizando o espazo público para garantir os dereitos das persoas a través do compromiso cunha transformación viaria baseada no diálogo e a colaboración “de todos e todas”. “Son miles de quilómetros que temos que reconstruír e transformar cunha mirada diferente, pero as boas prácticas amosan a intelixencia”, afirmou Carmela Silva.
Tras subliñar que Pontevedra é “un referente en sostibilidade urbana, a icona do que pretende este simposio ” e que está considerada como “a provincia das persoas primeiro”, Isabel Pardo de Vera incidiu en que nestes momentos non se pode desligar “a xestión e deseño de espazos públicos e as infraestruturas do humanismo”, porque “o espazo público perténcenos a todos e todas”. “Estou convencida dos inconmensurables efectos positivos do emprego dos nosos espazos públicos sobre o benestar físico e psicolóxico das persoas, a súa incidencia na calidade de vida, na cohesión social e na saúde mental –sinalou a secretaria de Estado-. A estrada que penetra no local é potencial facilitadora agora de que as persoas leven a cabo estes roles sociais e culturais. Cuestións tan importantes como se a cidadanía pode moverse facilmente ou se os espazos de que dispoñemos teñen sido elitizados, teñen que ser factores á hora de redimensionar e pensar os concellos como focos culturais e sociais e non como lugares de paso”. Neste senso, afondou no reto, “xa en execución en deputacións xestionadas con esta visión estratéxica”, para transformar estas vías, “que agora son non lugares, en espazos onde prime a mobilidade asequible desde o enfoque da accesibilidade, especialmente naquelas poboacións vulnerables. Unha mobilidade limitada é exclusión social. Afrontamos momentos de cambio e grandes responsabilidades e só o conseguiremos co esforzo e co diálogo de todos e todas”. Neste senso, Pardo de Vera recalcou que “a mobilidade é un dereito fundamental que debe asegurarse a cada cidadán e cidadá viva onde viva, coas mesmas condicións, e polo tanto a súa xestión debe ser xusta e equitativa”.
Na súa intervención, Carmela Silva puxo en valor a aposta desde hai seis anos por un modelo de espazo público “onde a cidadanía ten que ser o centro” e no que o tratamento das infraestruturas cara este obxectivo “é un elemento central da nosa política”. “Somos unha administración comprometida para todos os cambios –destacou-. Cos cambios para a transición ecolóxica, que sen actuacións no espazo público non é posible; cos cambios para que a cohesión social sexa unha realidade e cos cambios para a creación dunha economía distinta, verde”. “Hoxe –engadiu- esta é unha provincia diferente. Quédamos moito por facer e imos a facelo porque temos un firme compromiso cun novo modelo de estada local, entendida como espazo público onde todas as persoas vivimos mellor, pero particularmente as máis vulnerables, as que expulsaramos e que non tiñan seguridade algunha. Cando as cidades non están pensadas para as persoas sufrimos moito, o pasamos mal e polo tanto temos que transformalas cidades para que crianzas, mulleres, persoas dependentes, a metade do mundo poidamos sentirnos ben no espazo público”.
A presidenta avanzou que no marco do congreso vanse visitar dúas das actuacións baixo este prisma, a mellora da mobilidade peonil da EP-0601 Portosanto-Campelo en Poio e a reforma da praza de España en Ponte Caldelas, “que ten cambiado a socioloxía deste concello”. Carmela Silva engadiu que é o momento en que “xa non se poden cometer máis erros no espazo público que expulsen ás persoas” e tamén que este modelo “é a ocasión para que o sector privado teña novas oportunidades, e traballamos moito con enxeñeiros, enxeñeiras, e tamén co sector das empresa; é un momento transcendental que todos e todas temos que estar xuntos e xuntas”.
Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, explicou na súa intervención no Vyodeal que o actual goberno provincial tiña claro hai seis anos, cando chegou ao á Deputación, que era preciso mudar a perspectiva sobre o deseño das vías locais e aplicar un modelo no que as persoas debían ser o eixo central. Segundo afirmou, “as ideas sobre as que se basean as actuacións son tan importantes ou máis que as solucións técnicas”, polo que o departamento de Mobilidade comezou a tratar as vías como rúas, centros de vida ou articulación social fronte á uniformización previa, cando as estradas sempre se deseñaban para o tráfico a motor “como se todas tivesen que ser estradas estatais, con grandes velocidades e largos amplos de carril”. “Iso era un ‘estropicio’ social, económico e do territorio”, subliñou, para louvar o traballo feito polo persoal técnico provincial, “que non só aceptou o noso plantexamento, senón que o asumiu con entusiasmo”. Mosquera defendeu que á hora de tratar as vías é preciso ter en conta as funcións necesarias en cada lugar. “Nas vías locais precísase outra perspectiva, cariño, implicación e humanidade: (…) esas vías son o espazo no que ata non hai moito xogaban os rapaces e se facían as festas”, subliñou, insistindo na necesidade de analizar os matices e a grande variedade de usos que reclama a cidadanía.
Na inauguración do congreso, Juan Francisco Lazcano,presidente da Asociación Española de Estradas, destacou que “ningún outro lugar é máis apropiado para acoller este foro que Pontevedra, que pon o acento na humanización do camiño” e lembrou que os viarios locais e provinciais supoñen 70.000 quilómetros, o 41% da lonxitude da rede total do Estado “cunhas características e necesidades de xestión propias”. “A estrada local é un servizo público de dispoñibilidade plena, que é sinónimo de espazo publico e responsabilidade común –dixo-. Son os viarios destinados a ter o maior protagonismo social e político nestes tempos de cambio que vivimos. Son as estradas máis humanas, e as que acubillan todos os tipos de tráfico”. Lazcano apuntou que temas de máxima actualidade como a xestión de infraestruturas derivada da incidencia dos desastres naturais, como é o caso do volcán da illa da Palma, os incendios da sexta xeración ou as inundacións de Valladolid, están presentes na mesa de debate deste congreso, que por terceira vez acolle a provincia de Pontevedra.
Xa na quenda das ponencias, o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, explicou o proxecto Ágora como unha iniciativa que continúa o traballo iniciado en 2015 nas vías provinciais, asesorando agora aos concellos para tratar os seus espazos públicos propios. “A Deputación está a asistir aos concellos e a xerar unha inercia que empuxa a seguir o noso modelo de recuperación do espazo público en todos os ámbitos”, subliñou. Explicou que cos proxectos e obras que se van subvencionar grazas á Rede Ágora nos vindeiros anos incrementarase o espazo público para as persoas un +176% fronte ao espazo destinado aos vehículos a motor. “Nestes anos houbo un cambio brutal. Recuperar o espazo público debe ser un obxectivo político. Debemos construír unha nova sociedade e protexer o noso hábitat, garantir o dereito ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva”, finalizou. A intervención de Benítez foi aplaudida polo director da AEC Jacobo Díaz Pinal, quen salientou que a Deputación de Pontevedra “ten anos de adianto” sobre outras administracións.
Pola súa banda, o director de Infraestruturas e Estradas Provinciais da Deputación, Daniel Romay, substituíu ao deputado provincial Gregorio Agís para falar sobre “Os retos de futuro na xestión das redes de deputación”. Na súa intervención afondou sobre as características do deseño implantado desde a institución provincial e as estratexias de futuro para a súa consolidación como “un modelo de infraestruturas que priorice as necesidades dos sectores máis vulnerables e que recupere o espazo público para as persoas, un modelo que cumpra os ODS”. “E para conseguilo estamos a traballar nunha propia Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra”. Romay explicou que a mobilidade segura e saudable, a conectividade sostible, a tecnoloxía e dixitalización e o modelo de gobernanza sostible son as áreas estratéxicas que se van seguir para afianzar un sistema que, como lembrou, conseguiu nos últimos cinco anos logros como “reducir a siniestralidade e pasar dos 7 tramos de concentración de accidentes que existían no 2014 a cero o pasado ano”. Iso a través das distintas actuacións levadas a cabo, como a implantación de 1.500 calmados de tráfico, o investimento de 25 millóns de euros na transformación das estradas provinciais e de 50 millóns en materia de conservación, así como a creación de novos viarios e sendas e recuperación de contornas para priorizar ás persoas. Tamén se deron pasos na dixitalización, coa posta en marcha do expediente electrónico e en especial cun videoinventario da rede provincial “que nos está a axilizar o traballo do día a día”.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado polos seus homónimos de Baiona e Nigrán, Carlos Gómez e Juan González,respectivamente, así como a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, inauguraron este novo taller dando a benvida aos alumnos e alumnas que “unha vez máis cubriron rapidamente as prazas previstas demostrando o interese que suscitan estas convocatorias”.
Como en ocasións anteriores o taller estará dividido en dous grupos de 10 alumnos por especialidade que ademais de formarse e obter os certificados de profesional correspondente (limpeza de superficie e locais, e, emprego doméstico e atención sanitaria), durante o período de 9 meses que asistan ao taller de formación percibirán o Salario Mínimo Interprofesional.
Subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade cun orzamento de 346.946 euros pertence aos tres concellos da mancomunidade e execútase en Gondomar. O rexedor deste concello, Paco Ferreira, subliñou precisamente o feito de “que a colaboración de administracións en materias tan sensibles como a xeración do emprego é fundamental como demostra o éxito das edicións de talleres xa celebradas anteriormente nas que un 50% dos participantes lograron inserirse no mercado laboral”.
Unha idea na que coincidiron os distintos representantes políticos presentes no acto, que animaron aos beneficiarios e beneficiarias deste novo obradoiro “a esforzarse e aproveitar a oportunidade de formarse e adquirir novas ferramentas para adecuarse ás demandas do mercado laboral”.
Baiona ilumina de cor rosa a casa do Concello na noite deste luns ao amparo da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Deste xeito a institución únese á demanda de ADICAM, a Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama e xinecolóxico, para visibilizar ás persoas afectadas pola enfermidade. O edificio municipal leva iluminado desta cor desde o martes da semana pasada, toda unha semana tamén para tratar de dar maior visibilidade a esta enfermidade e aos colectivos que traballan na loita da mesma e con persoas afectadas.
Cada ano diagnostícanse en España máis de 33.000 novos casos de cancro de mama e xinecolóxico en España e por iso fai falta visibilizar esta doenza para concienciar á sociedade da importancia da investigación e diagnóstico precoz.
O cancro de mama trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. De feito, unha de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida e entre o 2012 e o 2019 detectouse un incremento da enfermidade do 7,5%. Para un gran número de mulleres en idade laboral o cancro supón un serio agravante á súa situación socioeconómica, ao ter que asumir elevados custes derivados da enfermidade, ademais de ter un importante impacto emocional, físico, persoal, familiar, laboral e económico entre as mulleres que padecen a enfermidade.
Tomiño celebra mañá martes, 19 de outubro, ás 20.00 horas, sesión ordinaria de pleno. A orde do día inclúe unha proposta de aprobación de dous postos na Relación de Postos de Traballo (RPT); outra de aprobación dos festivos locais e catro mocións: tres do Partido Popular (rebaixa prezo da luz, facilitar cobertura de persoal médico e consultorio de Goián) e unha do Bloque Nacionalista Galego, sobre a nova tarifa eléctrica.
Nesta última, o portavoz do grupo municipal do BNG propón trasladar ao Goberno Central o rexeitamento por parte do Concello, da súa política enerxética, por considerar que a mesma contribúe ao aumento da factura eléctrica da maioría de consumidores domésticos e de sectores vulnerables. Así mesmo, os nacionalistas solicitarán que o Estado abra un novo proceso para unha regulación da tarifa reducindo os impostos que gravan o consumo de enerxía eléctrica; que beneficie aos territorios que producen enerxía, compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción, e por último, que se modifique a Lei 24/2013 do sector eléctrico, de maneira que o prezo da electricidade se fixe en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
A Deputación de Pontevedra iluminará de rosa o seu Pazo Provincial desde as 19.30 deste luns 18 de outubro, e a sede de Vigo desde o martes 19 á mesma hora, ata as 7.30 da mañá do sábado 23 ao abeiro do Día Internacional contra o Cancro de Mama. Como cada 19 de outubro, a institución provincial súmase ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade á enfermidade e facer fincapé no compromiso que tanto as institucións como a sociedade teñen a favor da loita contra o cancro de mama. Amais, a Deputación vén de revalidar o seu apoio a AECC e ao seu programa de atención psicosocial ao enfermo oncolóxico e aos seus familiares.
Para o ente provincial é fundamental sumarse ás iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, sensibilizar á sociedade sobre enfermidades coma o cancro de mama e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias. Como mostra disto, este ano volve colaborar co proxecto de AECC, que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos diagnosticados/as de cancro e das súas familias, así como levar a cabo campañas e actuacións de información e sensibilización á cidadanía. Trátase dun programa de grande repercusión na provincia, do que son beneficiarios/as máis de 2.100 doentes e co que se estima chegar a máis de 10.000 beneficiarios/as indirectos/as.
En España, o cancro de mama é a primeira causa de mortalidade por cancro nas mulleres. A probabilidade estimada de padecelo sendo muller é de unha de cada oito. Trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais e, no que vai de ano, detectáronse en España máis de 30.000 novos casos. Constitúe un tipo de tumor que acostuma aparecer entre os 35 e os 80 anos, aínda que a franxa dos 45-65 é a de maior incidencia. Porén, este tumor pode detectarse moito antes de que apareza ningún síntoma, sendo as posibilidades de curación case do 100% cando se detecta na súa etapa inicial. É por iso que A Deputación de Pontevedra súmase á importancia de visibilizar a necesidade das autoexploracións, dos hábitos de vida saudables e, por suposto, da investigación.
O historiador Domingo González Lopo pronunciará mañá, martes 19 de outubro, ás 19.30 horas unha nova conferencia, na igrexa de San Domingos de Tui. Será dentro do ciclo de conferencias e visitas guiadas que organiza o Concello de Tui en torno ao retablo de Nosa Señora do Rosario da Igrexa de San Domingos no 450 aniversario da Batalla de Lepanto que é o principal motivo iconográfico deste singular retablo barroco.
A conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo González Lopo, titúlase “A devoción a Nosa Señora do Rosario e as súas confrarías na Galicia do Barroco”. Nesta intervención analizará o papel que xoga a confraría do Rosario tudense como promotora da construción deste retablo.
A asistencia e libre ata completar o aforo, aínda que se recomenda a inscrición previa no correo [email protected].
Domingo Luís González Lopo é profesor da Universidade de Santiago desde 1986, impartiu docencia nos campus de Lugo e Santiago en materias relacionadas coa súa especialidade (Historia Moderna Universal, Historia de América e Historia de Galicia). Entre 1985 e 2009 foi profesor-titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (U.N.E.D.) no Centro Asociado da Coruña. Desde 1999 ocupa o cargo de coordinador-adxunto da Cátedra UNESCO nº 226 sobre Migracións da Universidade de Santiago. Desde 2006 é profesor convidado do Instituto Teolóxico Compostelán para impartir a materia Historia da Igrexa en Época Moderna (séculos XVI-XVIII). Desde Xuño de 2017 a Setembro de 2019 foi Director da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela.
Autor de numerosos traballos de investigación no ámbito da historia social e das mentalidades, especialmente das devocións populares, e membro do Instituto de Estudios Tudenses.
Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, o Concello de Tui aproveitando esta efeméride organiza este ciclo de conferencias e unha serie de visitas guiadas a este retablo de Nosa Señora do Rosario ou da batalla de Lepanto e á propia igrexa de San Domingos, para poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e do acervo cultural de Tui.
A seguinte conferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro martes 26 de outubro, ás 19.30 h, a cargo de Dolores Balseiro, profesora de ensino medio, co título “A batalla de Lepanto na literatura española”.
A igrexa de San Domingos
A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense. Entre os múltiples elemento de valor artístico que atesoura está o retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como o retablo da “Batalla de Lepanto” por posuír unha representación deste acontecemento na parte superior do mesmo. Trátase dun retablo do século XVIII de grande interese e calidade.
Ao conmemorarse, o 7 de outubro, o 450 aniversario desta batalla acontecida no ano 1571 e que foi a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 e que enfrontou á flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, contra a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristián marcou o freo á política expansionista do imperio turco.
Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.
Unha persoa necesitou ser trasladada nun helicóptero medicalizado, na Cañiza, despois de recibir un golpe dunha vaca.
O 112 de Galicia tivo constancia dos feitos ocorridos no lugar de Luneda mediante a chamada dos servizos sanitarios, pasadas as once da mañá. Durante a comunicación, o persoal de urxencias médicas informaba de que se ía mobilizar a aeronave medicalizada, con base en Ourense, para dar servizo á persoa afectada.
Unha vez recollidos os datos, os operadores do CIAE-112 Galicia notificáronllos aos axentes da Policía Local, para prestar apoio no punto.
A Deputación de Pontevedra retoma o programa “Mulleres en acción: violencia Zero”, coa interpretación das súas diferentes accións pola provincia, e este martes 19, a partir das 12.30 horas, farao en Gondomar. Volve con forza e intensidade ante “a nova realidade que a Covid-19 deixou entre nós, na que a precariedade laboral das mulleres, a inexistencia dunha corresponsabilidade real evidenciáronse”.
Ruth Balbís, directora da súa propia agrupación Pisando Ovos, é unha creadora moi prolífera e con creacións presentes de forma habitual nas Redes de Teatros Autonómica e nacionais, así como nalgúns dos festivais internacionais máis destacados do panorama actual de artes vivas.
Chega a Gondomar, dentro do programa Mulleres en Acción: Violencia Zero, co seu espectáculo de danza “Pel Continua”, co que quere trasladar ao público un desexo que pasa, entre outras cousas “por imaxinar corpos que non se preocupan nin polo xénero nin pola forma que teñen, que conseguimos ver a través das nosas mans en contacto coa pel deses corpos”.
Con esta iniciativa o goberno de Gondomar súmase unha vez máis a accións que loitan contra a violencia de xénero, condenándoa aberta e rotundamente en calquera das súas expresión, obxectivo que a institución provincial puxo en marcha fai máis de cinco anos trasladando a espazos públicos esta denuncia tentando implicar de forma directa e maior as cidadás e os cidadáns.
A Xunta de Galicia lanza unha campaña de responsabilidade para que os futuros peregrinos planifiquen, de forma eficiente, o Camiño de Santiago. Con todo, suxiren que se sigan os seguintes pasos:
Escoller e planificar, con anterioridade, a ruta que máis se adecúe aos gustos e preparación dos peregrinos.
Organizar, previamente, toda a información e votar conta de todo o material que se pode necesitar.
Será de moita utilidade levar descargadas no móbil aplicacións de información meteorolóxica e de xeolocalización.
Seguir a ruta mediante as indicacións oficiais: frechas amarelas e os marcos de pedra.
Na mochila, só o imprescindible: roupa e calzado cómodo, documentación, móbil e cargador, lanterna, gorra, auga…
Recordar a importancia de usar calzado e roupa axeitada que transpire ben.
Durante o camiño, descansar, comer e beber equilibradamente.
Evitar as horas centrais dos días de altas temperaturas. Protexer a cabeza e usar lentes e protector solar.
Nos tramos da ruta por estrada, camiñar pola esquerda e facerse ver.
Se os peregrinos van en grupo, desprazarte en fila de un e sinalizar o comezo e final do pelotón.
Se no camiño aparecen con animais soltos, evitar darlles comida. Probablemente, teñan donos.
Ante calquera emerxencia no camiño, chamar ao 1-1-2. A atención realízase en máis de 70 idiomas.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre o novo itinerario iniciado este mes sobre fabricación dixital, o emprego de Instagram e Google My Business para a promoción empresarial e a mellora do impacto web a través de Google Analytics.
En concreto, este martes 19 impartirase o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape II – Partstudio II”. Estará a cargo do experto universitario en Robótica Manuel Freire, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital, tanto a nivel teórico como a nivel práctico. Os/as participantes terán contacto real coa tecnoloxía e poderán experimentar con ela, chegando a deseñar e fabricar por si mesmos unha peza no Fab Lab.
O mércores 20 pola mañá será a quenda de “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa II” de Esther Garcinuño, enxeñeira técnica en Informática de Xestión, quen falará de Instagram desde un enfoque empresarial para dar a coñecer as súas funcionalidades e recomendar unha estratexia a seguir en función dos obxectivos de cada empresa. Pola tarde, Guillermo Nass, deseñador gráfico do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, impartirá “Mellora o impacto da túa web grazas a Google Analytics”, obradoiro centrado na análise pormenorizada dos sitios web, co estudo do público alcanzado, dispositivos, sistemas operativos e países para, cunha estratexia baseada nos datos, crear unha comunidade de clientes definida e fixar obxectivos.
Finalmente, o xoves 21, o licenciado en Comunicación Audiovisual Adrián Fernández pechará a formación da semana con “Promociona o teu negocio con Google My Business”. Neste taller dará a coñecer esta ferramenta dirixida a negocios locais que buscan unha maior visibilidade grazas a xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer no buscador de Google.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo [email protected] ou no teléfono 886 202 020.
O acto, que tivo lugar a pasada fin de semana, comezou co desfile dos nove equipos que competirán esta tempada vestidos coas novas equipacións que adquiriu o club.
O primeiro equipo que tivo o honor en aparecer na pista foi o equipo sénior, e logo, a continuación, fixeron aparición o equipo junior masculino, os dous equipos cadetes masculinos, o cadete feminino, o infantil masculino, o equipo alevín, o benxamín e o peche ao desfile púxoo o equipo baby, os máis cativos do club.
Xunto aos equipos, desfilaron os seus respectivos adestradores que, baixo a dirección deportiva del Club, levarán a cabo o traballo conas diferentes categorías a lo longo de toda a tempada.
Ao acto acudiro, o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, o alcalde do Concello de Nigrán, Juan González e o concelleiro de deportes, Luis Sanromán, ademais doutras autoridades.
Tras finalizar o desfile, e antes de que se realizase a foto final de grupo, o club quixo obsequiar aos adestradores e ás autoridades que colaboran co club, agradecendo así a labor desinteresada que realizan.
A presidenta do CB Nigrán, Nuria Gómez, pechou o acto co desexo aos xogadores que de gocen dunha boa tempada.
O BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, insta ao Goberno do Estado a investir na seguridade viaria na N-120 e na construción da variante de Ponteareas, “necesidades históricas da localidade que unha vez máis non son atendidas como corresponde nos Orzamentos Xerais do Estado que veñen de presentarse para 2022.”
Néstor Rego afirmou que realizará as correspondentes xestións ante o Goberno do Estado para lograr que os Orzamentos contemplen estes investimentos. “Daremos a batalla por Ponteareas. Poremos todo o noso empeño en facerlles ver a urxencia de executar estas actuacións e presentaremos emendas para evitar que continúe esta burla a veciñanza ponteareá”, asegurou.
“O pasado ano, o goberno do Estado presentou o proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada N-120, valorado nuns catro millóns de euros, e comprometeuse a executalo. Agora, na hora da verdade, cando deben figurar esas partidas nos orzamentos para que o proxecto se leve a cabo, o goberno de PSOE e Podemos dá as costas ás veciñas e veciños de Ponteareas e non contempla nin un só euro para executalo”, sinalou Rego.
O deputado do BNG no Congreso lembrou que “non valen de nada as promesas; a veciñanza leva décadas escoitándoas por parte de PP e PSOE, pero as solucións nunca chegan, a inseguridade e os accidentes nesta vía continúan e as vítimas mortais aumentan”.
Na mesma liña, Néstor Rego referiuse á Variante de Ponteareas como unha “tomadura de pelo e unha falta de respecto” ás veciñas e veciños de Ponteareas. “O Goberno do Estado debe pasar dos compromisos aos feitos. Comprometéronse a executala, polo que a súa obriga é concretar economicamente ese compromiso, coa consignación plurianual suficiente para a realización das obras”, insistiu o nacionalista.
Rego concluíu pondo en valor a presenza do BNG no Congreso para “facer valer Galiza e esixir que se atendan debidamente as necesidades e demandas esencias para a veciñanza de Ponteareas e para o conxunto das galegas e galegos”.
Máis de medio cento de persoas uníronse este venres no I Foro da Muller Galega celebrado na UNED de Tui, un lugar de encontro posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural en colaboración co Concello de Tui co gallo do Día Internacional da Muller Rural no que recoñecer o valor das mulleres como peza fundamental para o desenvolvemento do territorio.
O primeiro paso dun foro que percorrerá os 13 concellos do territorio e que servirá “para intercambiar impresións, sumar sinerxías, tecer redes… e para que a poboación coñeza o valor que hai detrás das mans que suxeitan o rural”. Así o salientaba Sandra González, presidenta do grupo de desenvolvemento Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, durante a xornada, na que se puideron “ver claros exemplos de mulleres valentes, talentosas, emprendedoras, impulsoras de avance que asumiron o legado de construír un rural máis igualitario”, como apuntou Ana Núñez, concelleira de Igualdade de Tui.
En total 19 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 12 proxectos, iniciativas que demostran “que o rural ofrece moito máis que sector primario”. “Aos problemas de invisibilización e masculinización súmase a incertidume que ten calquera actividade económica no rural. Pero aínda con este panorama hoxe temos aquí un pequeno pero representativo exemplo do que significa emprender no rural. Porque o rural está cheo de oportunidades de emprego, só hai que detectalas e conectalas coas nosas paixóns”, asegurou Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra.
Nesta mostra de emprendemento rural participación Paula Villa, de Panadería Morales (A Guarda); Olalla Fernández, Cris Grande e Silvia Álvarez, de Ño Espazo Creativo (Baiona); Nuria e Uxía Benlloch e Antía Varhas, de Las flores de Greta (Gondomar); Marta Bargiela, do Centro de Día Adiante Mos; Águeda Ubeira, de Chupipostres (Nigrán); Fé González, de Areladefe Xoiería (Oia); Ana González, María del Carmen Escobar e María del Carmen Iglesias, de A Casa da Arenca das Maruxainas (O Porriño); Selene Domínguez, de Casa do Maior A Lavandeira (Pazos de Borbén); Ana Isabel Iglesias, de Pensión Rúa do Medio (Redondela); Noelia Goce e Eva María Baz, de Eira arquitectura SCP (O Rosal); Inés Solleiro, da Residencia Siempre Cuidándote (Tomiño) e Lissete Anziani, de Kóoch Green Cosmetics (Tui).
Homenaxe
Cada ano, o Foro reservará un espazo para o recoñecemento de mulleres que son e foron pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Nesta primeira edición rendeuse homenaxe á tudense María Teresa Ubeira, por toda unha vida loitando por demostrar que existe outra forma de educar e que os nenos e nenas con problemas “son capaces de chegar a unha illa de normalidade a través da integración”. Fundadora xunto a Juan Llauder de O Pelouro, leva dende 1973 “sementando dende unha parroquia tudense un proxecto innovador o que cada neno e cada nena teñen o seu protagonismo”. Moi emocionada, Ubeira recibiu de mans de Sandra Álvarez unha escultura da artista búlgara afindaca en Tui Liliya Pobornikova.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asegurou sentirse especialmente satisfeito con este galardón que recoñece o labor desta institución, “porque se emprender hoxe en día no rural e sendo muller é difícil, nos anos 70 era case imposible. Hoxe comezamos a pagar unha débeda histórica con Teresa e Juan, que nos fixeron partícipes dun proxecto innovador e pioneiro”.
As xornadas contaron tamén con moitos representantes dos 13 municipios do territorio que conforma Eu Rural, como a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde de Nigrán, Juan González; o rexedor da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Mos Sara Cebreiro; a edil de Soutomaior Cristina González; ou as concelleiras de Pazos de Borbén María Dolores Santoro e Blanca Míguez.
Ante o abandono do monte, a inacción do home e o deterioro do chan xorde o proxecto “Son de Monte” impulsado por seis Grupos de Desenvolvemento Local (GDR) de Galicia, que se unen nesta iniciativa ao entenderen que o aproveitamento dos recursos naturais é o mellor xeito de coidar os montes e o rural galego. “Somos unha afirmación de optimismo que quere ser bandeira dunha vida digna no rural”.
Este proxecto de cooperación financiado polo Programa Leader Galicia 2014-2020 bota andar cunha serie de xornadas, unha delas a celebrada hoxe nas Neves, que se prolongarán durante este ano e o vindeiro para poñer en marcha diferentes experiencias nas que cada GDR traballará nunha temática concreta de xestión do monte. Así, mentres o Condado Paradanta se centra nas estratexias de recuperación dos montes queimados, tanto dende a vertente de danos materiais como na repercusión social e emocional, o Eurural traballará coas comunidades educativas en crear unha guía didáctica de concienciación cos montes, Limia Arnoia na posta en valor de determinadas especies para o seu aproveitamento forestal, Mariña Betanzos na posta en valor do monte dende o punto de vista paisaxístico, Seitura 22 no aproveitamento agroforestal para sistemas ecosostibles e Vales Orientais de Lugo no aproveitamento do colmo das súas tradicionais pallozas.
Todo isto expúxose na mañá do venres no Centro de Interpretación do Patrimonio e Cultural de Taboexa, nas Neves, nunha xornada na que participaron unhas 40 persoas procedentes destas seis zonas da Comunidade e na que deron a benvida o presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, Óscar González; o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez. O xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González, foi o encargado de presentar o proxecto e os seus obxectivos remarcando “a unión dos diferentes grupos por un ben común, a posta en valor dos nosos montes”, concienciando nos diferentes usos “recreativos, deportivos, micolóxicos, paisaxísticos… máis alá do forestal”. Incidiu en que “traballaremos conxuntamente nesta problemática, cada un dende unha perspectiva diferente, para acadar a creación dunha rede de centros de valorización do monte e dunha guía de boas prácticas en cada unha desas seis temáticas”.
Plantación na lembranza dos lumes de 2017
Coincidindo a data de hoxe co dos lumes devastadores de outubro de 2017 procedeuse a, dun xeito simbólico, plantar seis árbores, especies autóctonas: loureiro, carballo, abeleira, castiñeiro, acevo e cerdeira. A continuación os participantes na xornada fixeron unha andaina e visita guiada aos petróglifos da Coutada, na mesma parroquia de Taboexa, os cales precisamente se descubriron logo dos lumes e foron recuperados e postos en valor cun proxecto do Concello das Neves financiado polo Programa Leader Galicia 2014 – 2020.
Previa á saída houbo dúas palestras, nunha o psicólogo Xavier Macías e a mestra Sabela Lahuerta falaron do proxecto de voluntariado Zona Cero, que logo de catro anos continúa a día de hoxe sobre todo moi vinculado a iniciativas coa comunidade educativa, e noutra a enxeñeira técnica agrícola Alejandra González presentou outro proxecto, nado precisamente a raíz do grupo de voluntariado, relacionado coa rexeneración ambiental e a concienciación social, a través do cal se fan sendas botánicas e plantacións nos centros educativos, entre outras accións de posta en valor dos montes.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou onte os participantes nos programas de voluntariado xuvenil e sénior no Concello de Mos. O Goberno galego axuda ás entidades locais na posta en marcha destas actividades enmarcadas no programa de Servizo de voluntariado xuvenil.
Os participantes do programa de voluntariado xuvenil realizan, entre outras actividades, recollida de alimentos en supermercados e o seu posterior reparto entre as persoas que máis o precisan da zona. Pola súa banda, o programa de voluntariado sénior está destinado a actividades relacionadas co fomento das TIC ou co Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021.
A directora xeral lembrou que o voluntariado permite, non só coidar e preservar o patrimonio cultural e paisaxístico de Galicia, senón tamén compartir experiencias e que as persoas crezan e se desenvolvan en igualdade.
O Concello de Nigrán traballa xa sobre terreo para crear o primeiro parque forestal da comarca na zona que máis sufríu os incendios de 2017. Así, a través da empresa Laxes Ambiental, iniciou esta semana os traballos de roza dos sendeiros e muíños que discorren por ‘Os Matos-Río Táboas’, en Camos en Chandebrito, como parte do plan de prevención e defensa contra incendios imprescindible para comezar a desenvover este espazo natural. A limpeza, contratada por importe de 7.900 € e cunha duración máxima dun mes, intervirá en todos os seus camiños abranguendo 2 metros desde as súas arestas e comprendendo tamén as faixas ao redor dos muíños (neste caso farase de xeito manual) e respectando sempre as ábores autóctonas. Paralelamente, o Concello sacará nos vindeiros días a licitación a creación do parque por un importe de 404.189 € en dúas fases de execución (cantidade que determinou no seu momento o proxecto da consultora forestal Landra).
“O proxecto requiríu de moitísimos informes sectoriais que se retrasaron bastante máis do previsto, pero a boa noticia e que antes de que remate o ano estarase xa traballando no que será o primeiro parque forestal da comarca”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a contratempos como a espera de 20 meses para a contestación favorable da Axencia Galega de Infraestruturas. “Será posiblemente o máis ambicioso proxecto medioambiental da comarca e a mellor lección práctica despois dos incendios de 2017. Grazas as comunidades de montes de ambas parroquias que nos cederon os terreos por 5 anos poremos en valor este bosque para darlle unha función social; ademais, o propio parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor.
Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas foron cedidas pola Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 pola de Chandebrito (As Rozadas). O obxectivo común é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.
Os primeiros traballos que levará adiante a empresa adxudicataria dos traballos serán a erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun dos muíños de auga ou posta en valor dos petroglifos.
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.
Igualmente, o parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).
Adicionalmente, os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores mortas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na que será a parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.
“É un proxecto moi ilusionante que beneficiará a toda a comarca ao gañar un bosque para o uso púbico e desfrute da veciñanza co valor engadido de que xurde das cinzas de 2017”, resume González.
O Rosal continúa a tinguirse de cor e mensaxe cunha nova intervención mural en instalacións municipais. O vindeiro martes 19 de outubro, ás 19.00 horas, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurarán ‘Mulleres do Rosal’, unha nova intervención artística realizada polas artistas do proxecto ‘Exposta’ baseada no espírito da iniciativa ‘Revolucionando mentes’ cun deseño innovador e orixinal que fala a favor da igualdade de xénero.
O mural está dedicado a Xulia Suárez (1952-2010), Adela Álvarez (1910-2002) e Rufina Domínguez (1893-1978), tres mulleres senlleiras do Rosal e referentes nas súas épocas en diferentes ámbitos, como a cultura ou o benestar. A intervención, que contou co financiamento da Deputación de Pontevedra, poderá visitarse nun dos laterais do pavillón municipal, un espazo escollido pola súa localización idónea ao ser unha zona moi transitada co concello, céntrica, de libre acceso e cun alto impacto visual no conxunto do núcleo urbano.
Este mural é “unha nova oportunidade para devolverlle o protagonismo a aquelas persoas que o merecen ao tempo que sensibilizamos e facernos reflexionar, revolucionando mentes cara a unha sociedade máis respectuosa e empática”. “A información é a arma máis poderosa que temos para cambiar a mentalidade da sociedade xeral e para concienciar á veciñanza sobre a importancia da igualdade real e efectiva. Convidamos a todos os rosaleiros e rosaleiras a acompañarnos na inauguración, a desfrutar deste mural e a reflexionar sobre o reto colectivo que temos coa igualdade”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
‘Expostas’ é un proxecto formado Lorena Arévalo, Cristina Navia, Susana Maceiras e Vanesa Álvarez, dando vida a unha iniciativa froito da sinerxía entre un grupo de mulleres con experiencia e formación en socioloxía, xénero, deseño, comunicación, arte mural, arte participativo e activismo, dotando a ‘Expostas’ dun sentido máis alá do urbano e máis alá do representado.
Esta nova intervención artística forma parte do proxecto Revolucionando Mentes, posto en marcha polo Concello para dar esa “sacudida” ás veces necesaria para que as personas continúen evolucionando e avanzando.
A ponte da Hispanidade foi todo un “éxito” para o sector turístico da provincia de Pontevedra. Así o constatou o observatorio de Turismo Rías Baixas que vén de confirmar unha ocupación hoteleira media superior ao 75 % que confirma a tendencia rexistrada durante o verán que consolida á provincia como líder en Galicia e destino top de España.
A comarca de Vigo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 82 % de ocupación media nos establecementos hoteleiros, seguida do Salnés e O Morrazo, cun 75 %. A comarca do Baixo Miño superou o 72 %, a de Pontevedra o 71,5 %, as comarcas de Deza e Terra de Montes o 68 %, a de Caldas o 58,5 % e as do Condado e da Paradanta o 47 %. Por concellos, Baiona superou o 82 %, Vigo o 81 %, Sanxenxo e Pontevedra o 78 % e O Grove o 69,5 %.
No que respecta aos establecementos de turismo rural, a ocupación media na provincia durante a ponte foi do 65 %. Por comarcas a do Morrazo foi a que acadou a maior porcentaxe, cun 79 % de ocupación en casas rurais, seguida do Condado e A Paradanta, cun 78 %. A comarca de Pontevedra chegou ao 77 %, a do Baixo Miño ao 72 %, a do Salnés ao 67 %, as comarcas do Deza e Terra de Montes ao 54 %, a de Vigo ao 52,5 % e a comarca de Caldas ao 50 %.
Mención aparte merece a ocupación media das vivendas turísticas que acadaron un 87% durante a ponte, cunha forte presenza do turismo nacional do sur de España e da Comunidade Valenciana. Puntos concretos como Vigo, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Cambados, Nigrán e Baiona chegaron ao 100% de ocupación.
Tamén foi significativa a asistencia de persoas ao Castelo de Soutomaior que, pese a estar pechado o luns 11 de outubro, chegou a recibir a 790 persoas. No que respecta ao perfil das persoas turistas que se achegan ás oficinas da Rede Info Rías Baixas tratáronse de visitantes maioritariamente españoles/as (93 %) procedentes de Madrid, Barcelona, Vizcaya e Valladolid. No caso das persoas estranxeiras (7 %) proviñan de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Suecia, Francia e Reino Unido. A porcentaxe maioritaria tiña entre 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis cunha estancia media de entre 4 e 6 días e visitáronos pola oferta cultural e de ocio.
Novo premio internacional para Sigue o teu Instinto
A provincia volve a estar de parabéns tras coñecerse que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, co que a Deputación promocionou o turismo no 2020, ven de acadar o seu sétimo galardón ao alzarse co terceiro premio na categoría de produto turístico no Festival de Turismo de Riga (Letonia). Deste xeito, a peza producida por Esmerarte e protagonizada pola actriz Celia Freijeiro, volve a situar o territorio no mapa internacional.
“Sigue o teu instinto” comparte palmarés con unha produción grega e outra italiana nunha edición deste festival, que cumpre xa 14 anos, na que se presentaron 300 películas de 40 países. En todas elas as persoas do xurado valoraron a presentación dos filmes en diferentes categorías como a de servizos turísticos, destino turístico -nas modalidades de cidade, rexión ou país- ou vídeo de viaxe independente, ademais da xa citada categoría de produto turístico.
Con este recoñecemento a peza segue a estela de “Fame de Experiencias”, que logrou 14 galardóns, e continúa o seu percorrido polos festivais audiovisuais más prestixiosos do sector. O premio en Letonia súmase ao do “The Golden City Gate” de Berlín, como un dos mellores audiovisuais de ecoturismo do mundo; o Ouro no Festival ITTF África (Cape Town); o mellor vídeo de promoción de produto turístico no Fitur Travel Video Competition de Madrid eo Ouro no Tourism Film Festival de Turquía, ademais dos recentemente concedidos primeiro premio en Produto Turístico na categoría Blue Danubeno Silafest de Serbia e o Premio “Ouro en Produtos Turísticos / Destino Rural” no Terres Festival de Tortosa.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, que xestiona Alberto Álvarez, manterá durante esta semana novos encontros coa veciñanza para dar a coñecer as vantaxes da compostaxe como alternativa á xestión tradicional de residuos sólidos urbanos. Amais das actividades encamiñadas ao fomento do uso dos composteiros domésticos, os técnicos manterán reunións con veciños e veciñas para informar sobre a compostaxe comunitaria.
Así, tanto no Centro Cultural de Soutoxusto, o luns 18 de outubro, ás 19:30 horas como no Centro Cultural de San Estevo de Negros o mércores 20 de outubro, repartiránse os composteiros domésticos entre a veciñanza que o tivera solicitado e, ao mesmo tempo, os técnicos impartirán unha pequena charla informativa sobre a súa utilización e como sacarlle un maior rendemento.
Doutra banda unha actividade similar levarase a cabo o martes 19 de outubro no Círculo Recreativo Cultural de Redondela; o xoves 21 de outubro no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela e o martes 26 de outubro no Multiúsos da Xunqueira, todos ás 20 horas. Nesta ocasión, amais da entrega de composteiros, ofrecerase información sobre a compostaxe comunitaria.
A compostaxe comunitaria permite, entre outras cousas, que poidan participar na reciclaxe de residuos orgánicos domésticos aquelas persoas que non poidan optar á compostaxe doméstica –por non cumprir os requisitos ou calquera outra circunstancia– ou que simplemente non desexen contar cun composteiro individual.
Trátase, explica Alberto Álvarez, de ofrecer á cidadanía todas as ferramentas que precisan para “ben de xeito individual ou comunitario, realizar un cambio de tendencia no tratamento tradicional do lixo orgánicos conseguindo, a cambio, un abono de primeira calidade e contribuíndo a unha redución dos residuos sólidos urbanos”.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.