13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO historiador Domingo González Lopo intervén no ciclo de conferencias sobre o...

    O historiador Domingo González Lopo intervén no ciclo de conferencias sobre o retablo da batalla de Lepanto

    Será mañá martes ás 19.30 h na igrexa de San Domingos dentro do ciclo organizado co gallo do 450 aniversario da batalla naval

    O historiador Domingo González Lopo pronunciará mañá, martes 19 de outubro, ás 19.30 horas unha nova conferencia, na igrexa de San Domingos de Tui. Será dentro do ciclo de conferencias e visitas guiadas  que organiza o Concello de Tui en torno ao retablo de Nosa Señora do Rosario da Igrexa de San Domingos no 450 aniversario da Batalla de Lepanto que é o principal motivo iconográfico deste singular retablo barroco.

    A conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo González Lopo, titúlase “A devoción a Nosa Señora do Rosario e as súas confrarías na Galicia do Barroco”. Nesta intervención analizará o papel que xoga a confraría do Rosario tudense como promotora da construción deste retablo.

    A asistencia e libre ata completar o aforo, aínda que se recomenda a inscrición previa no correo biblioteca@tui.gal.

    Domingo Luís González Lopo é profesor da Universidade de Santiago desde 1986, impartiu docencia nos campus de Lugo e Santiago en materias relacionadas coa súa especialidade (Historia Moderna Universal, Historia de América e Historia de Galicia). Entre 1985 e 2009 foi profesor-titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (U.N.E.D.) no Centro Asociado da Coruña. Desde 1999 ocupa o cargo de coordinador-adxunto da Cátedra UNESCO nº 226 sobre Migracións da Universidade de Santiago. Desde 2006 é profesor convidado do Instituto Teolóxico Compostelán para impartir a materia Historia da Igrexa en Época Moderna (séculos XVI-XVIII). Desde Xuño de 2017 a Setembro de 2019 foi Director da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela.

    Autor de numerosos traballos de investigación no ámbito da historia social e das mentalidades, especialmente das devocións populares, e membro do Instituto de Estudios Tudenses.

    Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, o Concello de Tui aproveitando esta efeméride organiza este ciclo de conferencias e unha serie de visitas guiadas a este retablo de Nosa Señora do Rosario ou da batalla de Lepanto e á propia igrexa de San Domingos, para poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e do acervo cultural de Tui.

    A seguinte conferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro martes 26 de outubro, ás 19.30 h, a cargo de Dolores Balseiro, profesora de ensino medio, co título “A batalla de Lepanto na literatura española”.

    A igrexa de San Domingos

    A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense. Entre os múltiples elemento de valor artístico que atesoura está o retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como o retablo da “Batalla de Lepanto” por posuír unha representación deste acontecemento na parte superior do mesmo. Trátase dun retablo do século XVIII de grande interese e calidade.

    Ao conmemorarse, o 7 de outubro, o 450 aniversario desta batalla acontecida no ano 1571 e que foi a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 e que enfrontou á flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, contra a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristián marcou o freo á política expansionista do imperio turco.

    Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.