Sábado, 8 Febreiro de 2025

“Mulleres en acción: violencia Zero” regresa a Gondomar da man da danza

A Deputación de Pontevedra retoma o programa “Mulleres en acción: violencia Zero”, coa interpretación das súas diferentes accións pola provincia, e este martes 19, a partir das 12.30 horas, farao en Gondomar. Volve con forza e intensidade ante “a nova realidade que a Covid-19 deixou entre nós, na que a precariedade laboral das mulleres, a inexistencia dunha corresponsabilidade real evidenciáronse”.

Ruth Balbís, directora da súa propia agrupación Pisando Ovos, é unha creadora moi prolífera e con creacións presentes de forma habitual nas Redes de Teatros Autonómica e nacionais, así como nalgúns dos festivais internacionais máis destacados do panorama actual de artes vivas.

Chega a Gondomar, dentro do programa Mulleres en Acción: Violencia Zero, co seu espectáculo de danza “Pel Continua”, co que quere trasladar ao público un desexo que pasa, entre outras cousas “por imaxinar corpos que non se preocupan nin polo xénero nin pola forma que teñen, que conseguimos ver a través das nosas mans en contacto coa pel deses corpos”.

Con esta iniciativa o goberno de Gondomar súmase unha vez máis a accións que loitan contra a violencia de xénero, condenándoa aberta e rotundamente en calquera das súas expresión, obxectivo que a institución provincial puxo en marcha fai máis de cinco anos trasladando a espazos públicos esta denuncia tentando implicar de forma directa e maior as cidadás e os cidadáns.