Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Nigrán pon en marcha unha aplicación móbil para facilitar o aparcamento ás persoas con discapacidade

Adicionalmente, a información obtida a través da aplicación permitirá ao Concello mellorar a distribución das prazas e o seu número

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu proxecto ‘Un Nigrán para todos’ de eliminación de barreiras físicas e cognitivas estreando en Galicia nos vindeiros días Parking Gapp, unha novidosa aplicación móbil gratuíta que facilitará o emprego das prazas de aparcamento ás persoas con discapacidade. Desenvolvida pola empresa galega Imagina Ingenio S.L, con longa traxectoria en solucións IOT, só funciona en Beasain (País Vasco) e permite que o usuario coñeza en tempo real a dispoñibilidade ou non das praza para discapacitados ao tempo que facilita información do uso ao Concello para optimizar a súa distribución e número. Así, o goberno local investíu 9.500 € para instalar 30 sensores sobre a superficie da praza nos cascos urbanos de Panxón, Nigrán e A Ramallosa co fin de monitorizalas (detecta se está ocupada ou non). A colocación está prácticamente rematada e nos vindeiros días estará operativa xa a App. As persoas interesadas tan só terán que descargar esta aplicación gratuíta e o Concello anunciará a maneira de proceder (en canto esté operativa se instalará catelería anunciandoa e as persoas con tarxeta de discapacitado recibirán unha carta na súa casa explicando o seu uso) .

“O que buscamos é facilitar o seu uso ás persoas con problemas de mobilidade e, ao mesmo tempo, facer unha distribución acorde á verdadeira demanda de uso. Así, as modificaremos e aumentaremos en función da tasa de ocupación real. Paralelamente, permite reducir os tempos de desprazamento e contribúe con elo a reducir emisións contaminantes”, explica o alcalde, Juan González. “Este é un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ que nos sitúa á vangarda de España nas políticas públicas de accesibilidade universal, polo que estamos moi orgullosos de continuar a ser un referente neste sentido”, resume.

Esta tecnoloxía gratuíta para o usuario funciona desde o ano pasado en Beasain (País Vasco) con gran éxito, sendo Nigrán o segundo municipio de España onde está operativa. “Beasain é un municipio de paso para moitas persoas e nese sentido a aplicación é moi interesante porque para o que  non coñece o lugar dá moita seguridade contar cunha app que ubica as prazas e te dirixe a elas de xeito sinxelo e intuitivo, así que en Nigrán será moi positivo non só para os seus veciños, se non para calquera persoa de fora”, explican os responsables de Imagina Ingenio, unha das empresas máis innovadoras a nivel nacional en solucións tecnolóxicas dentro do sector de Smart-City (Cidades Intelixentes). Así, esta empresa galega especializada desde hai dez anos no desenvolvemento de tecnoloxías para xestión eficiente dos servizos e infraestruturas urbanas destaca tamén polo seu compromiso social con esta aplicación para facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade. Desenvolvida a través de redes Narrowband, esta tecnoloxía é empregada actualmente en moitas cidades para facilitar diferentes aspectos da vida cotiá.

“Desde o Concello de Nigrán apostamos por todas aquelas novas tecnoloxías que facilitan á vida das persoas con diversidade funcional ou cognitiva para o seu uso público e gratuíto”, incide o alcalde, quen pon como  exemplo o caso dos semáforos do municipio, onde en 2016 se instalalaron  receptores bluetooth que permiten activar o sinal acústico cando se achega unha persoa invidente ou a adquisición nese mesmo ano por parte do Concello de dous bucles de inducción magnética que permiten unha transmisión máis nítida do son (fundamental para persoas con audífono). Máis recente é o caso da adquisición no 2019 das xa famosas 5 mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música, pioneiras en España para o uso público.