15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaA Deputación impulsa un novo Certame provincial de Regueifa no Val Miñor,...

    A Deputación impulsa un novo Certame provincial de Regueifa no Val Miñor, Condado e Baixo Miño

    A rapazada está xa a participar nos obradoiros didácticos impartidos pola Asociación Oral de Galicia que rematarán nunha exhibición final

    A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Asociación Oral de Galicia, vén de impulsar un novo Certame provincial de Regueifa que conta coa participación de 41 centros de Ensino Secundario da provincia. A iniciativa está dividida en diferentes obradoiros formativos arredor da improvisación oral en verso nos que xa está a participar a rapazada e nunha exhibición final na que as equipas dos diferentes institutos  se retarán dialecticamente para gañar o certame.

    Os obradoiros están dirixidos a alumnado da ESO e estanse a celebrar en dúas quendas. A primeira comezou o pasado día 13 e finalizará hoxe, e a segunda comezará o 25 de outubro e rematará o 5 de novembro. A demostración final, que terá lugar o 19 de novembro no auditorio do CVC de Valadares en Vigo, estará limitada a dez centros, clasificándose estes en base ao nivel do alumnado, a súa implicación e o número de rapazas e rapaces interesadas.

    O obxectivo das sesión formativas é o de traballar co alumnado as capacidades de improvisación a través da metodoloxía para a controversia tradicional en verso, un antecedente de manifestacións musicais actuais como é o rap. Así, trabállanse aspectos relacionados con conceptos poéticos, como son a rima, o ritmo ou a métrica, introducindo a perspectiva respectuosa e igualitaria, pero tamén a ironía e o sentido do humor, así como a tradición e cultura oral galegas.

    Segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, a intención de levar adiante este novo certame é promover actividades para poñer en valor a lingua galega entre a xente moza, potenciando habilidades comunicativas ao tempo que se recupera unha tradición. Hai que lembrar que a Asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra xa impulsaron tamén dous volumes teóricos sobre a disciplina da regueifa, como foron ‘Repente galego’ e ‘Metodoloxía da regueifa’, ambos moi demandados tanto a nivel de público como de organizacións e profesionais docente que están a traballar a favor da recuperación desta fórmula de narración oral.

    Por comarcas, participan na edición de 2021 do Certame Provincial de Regueifas de 14 centros da comarca de Vigo: IES A Guía, CPR Quiñones de León, Colexio Monterrey, Colexio Andersen-Augalonga, IES Rosais 2, IES Do Castro, IES de Teis, IES Carlos Casares, IES Coruxo, IES Álvaro Cunqueiro, IES Santa Irene, IES Castelao, IES Ricardo Mella, e IES Alexandre Bóveda.

    Na comarca do Morrazo participan oito centros: IES Plurilingüe A Paraleia e IES As Barxas de Moaña; IES Monte Carrasco, CPR Sagrada Familia, Colexio Eduardo Pondal, IES de Rodeira e Colexio Plurilingüe Compañía de María en Cangas; e IES Illa de Ons en Bueu.

    Da comarca do Salnés participarán o IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa, o IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, o IES As Bizocas de O Grove e o IES Vilalonga de Sanxenxo. No Val Miñor estarán presentes o IES Escolas Proval e IES Val Miñor de Nigrán, o CPI de Cova Terreña de Baiona, e o IES Auga da Laxe de Gondomar.

    Do Condado-Paradanta estarán presentes no Certame tres centros (o IES do Barral o CIFP A Granxa e o IES Pedra da Auga de Ponteareas) e do Baixo Miño serán dous (IES Antón Alonso Ríos e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui). A comarca de Pontevedra estará representada polo IES Ponte Caldelas do concello homónimo e o IES de Poio, da mesma localidade, mentres que do Deza Tabeirós o IES Pintor Colmeiro de Silleda e de Caldas o IES Aquis Celenis. Finalmente do Louriña participa o IES Ribeira do Louro e da área de Vigo o IES Soutomaior, de Soutomaior.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.