22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Museo Meirande presenta unha nova web moderna, dinámica, interactiva e adaptable...

    O Museo Meirande presenta unha nova web moderna, dinámica, interactiva e adaptable a calquera dispositivo

    O alumnado do Obradoiro de Emprego 'Redondela TIC 2020' encargouse da elaboración da todalidade da páxina, dende o seu deseño ata os contidos gráficos e audiovisuais

    O Museo Meirande de Redondela acolleu, na mañá de hoxe, a presentación da súa nova páxina web nun acto presidido pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, ás que acompañaba a concelleira de Turismo, María Castro, representantes da Corporación Municipal e o alumnado do obradoiro de emprego ‘Redondela TIC 2020’, encargados da elaboración do novo portal da instalación museística.

    A presentación da nova web –museomeirande.org– correu a cargo de cinco alumnos a alumnas do propio obradoiro que, de xeito sinxelo, directo e ilustrativo, desgranaron un por un todos os aspectos dun portal que está chamado a ser o escaparate do Meirande.

    De deseño moderno, rápido na carga de contidos e dinámico na súa presentación, a nova web foi elaborada no sistema responsive design ou deseño adaptado, que permite a súa perfecta visualización dende calquera dispositivo sexa este ordenador de sobremesa ou portátil, tablet ou smartphone.

    Nada falta neste novo portal de fácil utilización xa que é totalmente intuitivo e con contidos fáciles de localizar, con menús claros que non deixan dúbidas sobre os seus contidos. Así o visitante pode consultar a historia do museo, facer un seguemento detallado da Batalla de Rande ou adentarse nos misterios do suposto tesouro de Rande.

    Amais do Museo propiamente dito, a páxina permítenos coñecer os lugares de interese próximos e conta cunha elaboradísima sección multimedia da que as e os visitantes poden descargar folletos explicativos –en galego, castelán e inglés– gozar de dous extraordinarios audiovisuais: Rande 1702, arde el mar e Como se hizo Meirande e acceder a contidos de audio e unha completa galería fotográfica.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás alumnas e alumnos “por un traballo excepcional que permite que o Meirande poida contar cun escaparate de auténtico luxo e que poda levar a nosa historia e patrimonio a calquera recuncho do mundo”.

    “Meirande grazas ao voso traballo –concluíu a alcaldesa dirixíndose ao alumnado– conta cunha páxina web que, non só permite que as e os visitantes poidan atopar todos os contidos do seu interese, senón que contribúe a espertar neles a curiosidade e as ganas de achegarse para coñecer este museo en primeira persoa”.

    Tivo tamén a alcaldesa palabras de agradecemento para a concelleira de Turismo, María Castro, “que conseguiu, en tempo récord, poñer a este museo ‘no mapa’ dos museos máis importantes da costa atlántica e cantábrica conseguindo que o Meirande pase a formar parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.