16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA "provincia das persoas primeiro", referente de mobilidade sostible no 25 Congreso...

    A “provincia das persoas primeiro”, referente de mobilidade sostible no 25 Congreso Vyodeal

    Pontevedra provincia está a referendarse como símbolo da mobilidade urbana sostible e amable no 25 Congreso Vyodeal, o Symposium Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que reúne hoxe luns e mañá martes no Pazo Provincial aos principais expertos e expertas do país para falar dos retos actuais e futuros da “Estrada local como espazo público”. Ao redor de cen persoas asisten de xeito presencial a estas dúas xornadas, organizadas pola Asociación Española de Estradas en colaboración coa Deputación, e que hoxe inauguraron a presidenta Carmela Silva, e a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, ambas cunha reflexión conxunta sobre a necesidade de seguir humanizando o espazo público para garantir os dereitos das persoas a través do compromiso cunha transformación viaria baseada no diálogo e a colaboración “de todos e todas”. “Son miles de quilómetros que temos que reconstruír e transformar cunha mirada diferente, pero as boas prácticas amosan a intelixencia”, afirmou Carmela Silva.

    Tras subliñar que Pontevedra é “un referente en sostibilidade  urbana, a icona do que pretende este simposio ” e que está considerada como “a provincia das persoas primeiro”, Isabel Pardo de Vera incidiu en que nestes momentos non se pode desligar “a xestión e deseño de espazos públicos e as infraestruturas do humanismo”, porque “o espazo público perténcenos a todos e todas”. “Estou convencida dos inconmensurables efectos positivos do emprego dos nosos espazos públicos sobre o benestar físico e psicolóxico das persoas, a súa incidencia na calidade de vida, na cohesión social e na saúde mental –sinalou a secretaria de Estado-. A estrada que penetra no local é potencial facilitadora agora de que as persoas leven a cabo estes roles sociais e culturais. Cuestións tan importantes como se a cidadanía pode moverse facilmente ou se os espazos de que dispoñemos teñen sido elitizados, teñen que ser factores á hora de  redimensionar e pensar os concellos como focos culturais e sociais e non como lugares de paso”. Neste senso, afondou no reto, “xa en execución en deputacións xestionadas con esta visión estratéxica”, para transformar estas vías, “que agora son non lugares, en espazos onde prime a mobilidade asequible desde o enfoque da accesibilidade, especialmente naquelas poboacións vulnerables. Unha mobilidade limitada é exclusión social. Afrontamos momentos de cambio e grandes responsabilidades e só o conseguiremos co esforzo e co diálogo de todos e todas”. Neste senso, Pardo de Vera recalcou que “a mobilidade é un dereito fundamental que debe asegurarse a cada cidadán e cidadá viva onde viva, coas mesmas condicións, e polo tanto a súa xestión debe ser xusta e equitativa”.

    Na súa intervención, Carmela Silva puxo en valor a aposta desde hai seis anos por un modelo de espazo público “onde a cidadanía ten que ser o centro” e no que o tratamento das infraestruturas cara este obxectivo “é un elemento central da nosa política”. “Somos unha administración comprometida para todos os cambios –destacou-. Cos cambios para a transición ecolóxica, que sen actuacións no espazo público non é posible; cos cambios para que a cohesión social sexa unha realidade e cos cambios para a creación dunha economía distinta, verde”.   “Hoxe –engadiu- esta é unha provincia diferente. Quédamos moito por facer e imos a facelo porque temos un firme compromiso cun novo modelo de estada local, entendida como espazo público onde todas as persoas vivimos mellor, pero particularmente as máis vulnerables, as que expulsaramos e que non tiñan seguridade algunha. Cando as cidades non están pensadas para as persoas sufrimos moito, o pasamos mal e polo tanto temos que transformalas cidades para que crianzas, mulleres, persoas dependentes, a metade do mundo poidamos sentirnos ben no espazo público”.

    A presidenta avanzou que no marco do congreso vanse visitar dúas das actuacións baixo este prisma, a mellora da mobilidade peonil da EP-0601 Portosanto-Campelo en Poio e a reforma da praza de España en Ponte Caldelas, “que ten cambiado a socioloxía deste concello”. Carmela Silva engadiu que é o momento en que “xa non se poden cometer máis erros no espazo público que expulsen ás persoas” e tamén que este modelo “é a ocasión para que o sector privado teña novas oportunidades, e traballamos moito con enxeñeiros, enxeñeiras, e tamén co sector das empresa; é un momento transcendental que todos e todas temos que estar xuntos e xuntas”.

    Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, explicou na súa intervención no Vyodeal que o actual goberno provincial tiña claro hai seis anos, cando chegou ao á Deputación, que era preciso mudar a perspectiva sobre o deseño das vías locais e aplicar un modelo no que as persoas debían ser o eixo central.  Segundo afirmou, “as ideas sobre as que se basean as actuacións son tan importantes ou máis que as solucións técnicas”, polo que o departamento de Mobilidade comezou a tratar as vías como rúas, centros de vida ou articulación social fronte á uniformización previa, cando as estradas sempre se deseñaban para o tráfico a motor “como se todas tivesen que ser estradas estatais, con grandes velocidades e largos amplos de carril”. “Iso era un ‘estropicio’ social, económico e do territorio”, subliñou, para louvar o traballo feito polo persoal técnico provincial, “que non só aceptou o noso plantexamento, senón que o asumiu con entusiasmo”. Mosquera defendeu que á hora de tratar as vías é preciso ter en conta as funcións necesarias en cada lugar. “Nas vías locais precísase outra perspectiva, cariño, implicación e humanidade: (…) esas vías son o espazo no que ata non hai moito xogaban os rapaces e se facían as festas”, subliñou, insistindo na necesidade de analizar os matices e a grande variedade de usos que reclama a cidadanía.

    Na inauguración do congreso, Juan Francisco Lazcano, presidente da Asociación Española de Estradas, destacou que “ningún outro lugar é máis apropiado para acoller este foro que Pontevedra, que pon o acento na humanización do camiño” e lembrou que os viarios locais e provinciais supoñen 70.000 quilómetros, o 41% da lonxitude da rede total do Estado “cunhas características e necesidades de xestión propias”. “A estrada local é un servizo público de dispoñibilidade plena, que é sinónimo de espazo publico e responsabilidade común –dixo-. Son os viarios destinados  a ter o maior protagonismo social e político nestes tempos de cambio que vivimos. Son as  estradas máis humanas, e as que acubillan todos os tipos de tráfico”. Lazcano apuntou que temas de máxima actualidade como a xestión de infraestruturas derivada da incidencia dos desastres naturais, como é o caso do volcán da illa da Palma, os incendios da sexta xeración ou as inundacións de Valladolid, están presentes na mesa de debate deste congreso, que por terceira vez acolle a provincia de Pontevedra. 

    Xa na quenda das ponencias, o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, explicou o proxecto Ágora como unha iniciativa que continúa o traballo iniciado en 2015 nas vías provinciais, asesorando agora aos concellos para tratar os seus espazos públicos propios. “A Deputación está a asistir aos concellos e a xerar unha inercia que empuxa a seguir o noso modelo de recuperación do espazo público en todos os ámbitos”, subliñou. Explicou que cos proxectos e obras que se van subvencionar grazas á Rede Ágora nos vindeiros anos incrementarase o espazo público para as persoas un +176% fronte ao espazo destinado aos vehículos a motor. “Nestes anos houbo un cambio brutal. Recuperar o espazo público debe ser un obxectivo político. Debemos construír unha nova sociedade e protexer o noso hábitat, garantir o dereito ao espazo público como escenario fundamental da vida colectiva”, finalizou. A intervención de Benítez foi aplaudida polo director da AEC Jacobo Díaz Pinal, quen salientou que a Deputación de Pontevedra “ten anos de adianto” sobre outras administracións.

    Pola súa banda, o director de Infraestruturas e Estradas Provinciais da Deputación, Daniel Romay, substituíu ao deputado provincial Gregorio Agís para falar sobre “Os retos de futuro na xestión das redes de deputación”. Na súa intervención afondou sobre as características do deseño implantado desde a institución provincial e as estratexias de futuro para a súa consolidación como “un modelo de infraestruturas que priorice as necesidades dos sectores máis vulnerables e que recupere o espazo público para as persoas, un modelo  que cumpra os ODS”. “E para conseguilo estamos a traballar nunha propia Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra”. Romay explicou que a mobilidade segura e saudable, a conectividade sostible, a tecnoloxía e dixitalización e o modelo de gobernanza sostible son as áreas estratéxicas que se van seguir para afianzar un sistema que, como lembrou, conseguiu nos últimos cinco anos logros como “reducir a siniestralidade e pasar dos 7 tramos de concentración de accidentes  que existían no 2014 a cero o pasado ano”. Iso a través das distintas actuacións levadas a cabo, como a implantación de 1.500 calmados de tráfico, o investimento de 25 millóns de euros na transformación das estradas provinciais e de 50 millóns en materia de conservación, así como a creación de novos viarios e sendas e recuperación de contornas para priorizar ás persoas. Tamén se deron pasos na dixitalización, coa posta en marcha do expediente electrónico e en especial cun videoinventario da rede provincial “que nos está a axilizar o traballo do día a día”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.