12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas homenaxea a Reveriano Soutullo

    Ponteareas homenaxea a Reveriano Soutullo

    O Concello organiza este domingo ás 18.00 horas un concerto na honra do compositor no Auditorio Municipal

    O compositor Reveriano Soutullo é unha das figuras máis importantes na historia da música de Ponteareas. Foi un dos músicos máis influíntes e importantes de principios do século pasado e a súa pegada pódese notar nas novas melodías que nacen na vila do Tea. Por todo isto, a Concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba, organiza este domingo unha xornada homenaxe a Reveriano Soutullo. Comezará ás 17.00 horas cunha ofrenda floral nos xardíns da Xiralda e ás 18.00 horas a Banda Xuvenil de Xinzo musicará as obras do compositor nun concerto no Auditorio Municipal.

    O edil de Cultura anima a toda a veciñanza “a asistir a unha homenaxe que pon en valor a figura de Reveriano Soutullo, un compositor imprescindíbel para a música de Ponteareas”. Lembra que esta xornada xa estaba pensada para o ano pasado con motivo dos 40 anos do seu falecemento, pero que se aprazou por causa da pandemia, e que é a segunda homenaxe que recibe despois que en 2019 festexárase os 90 anos do pasodobre de Ponteareas. Ademais Fernando Groba quere agradecer á Banda Xuvenil de Xinzo que se comprometera con este acto e está seguro que “darán un concerto fantástico”. A entrada será de balde ata completar aforo.

    Reveriano Soutullo naceu en Ponteareas fai 141 anos, no 1.880. Deu os seus primeiros pasos na música moi pequeno, xa que o seu pai era o director da Banda de Redondela. Rapidamente mostrou un gran talento musical que puliu co director da Banda de Ponteareas, Segundo Fernández. Aos catorces anos xa dirixía o Orfeón de Tui e aos vinte múdase a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio madrileño de harmonía e cornetín. Alí, malia uns inicios difíciles nos que se gañaba a vida co seu cornetín, a súa carreira despegou ata converterse nun dos músicos máis influentes da época.

    Na súa grande obra o compositor sempre gardou unha gran relación coa música tradicional do país e aportou vairas creacións propias e instrumentacións do repertorio internacional en certames de bandas de música e orfeóns de Galicia. Todo esta traxectoria exemplificase nunha das súas obras máis coñecidas: ‘Pasodobre de Puenteareas’.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.