Venres, 6 Xuño de 2025

Arriba a Baiona o barco ‘pirata’ «Wodnik»

0

A carabela Pinta ten nestas datas compañía no pantalán Cristobal García Sarmiento, lugar habitual de atraque xa que, xunto a ela atópase agora amarrado o barco pirata Wodnik. O baionés Pipo Vilar foi o artífice da parada deste navío en terras baionesas. O Wodnik partiu desde Cádiz, pasou por Palos de la Frontera e arribou no día de onte á vila mariñeira.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de dar a benvida á tripulación a Baiona e tamén recibiu á tenente de alcalde de Saint-Malo, Clarisse Béchu, localidade portuaria da bretaña francesa punto final da travesía da embarcación.

Vilar fixo entrega ao rexedor baionés dun pergamiño que contiña unha mensaxe de Nadal de felicitación do novo ano e a intención de seguir estreitando os lazos do poboo irmán de Palos de la Frontera.

Pola súa banda Gómez Prado “agradeceu ao baionés o traer ata a localidade a embarcación para o goce de toda a veciñanza”.

O Alcalde de Baiona aproveitou a ocasión para convidar a representante institucional frnacesa á próxima celebración da festa da Arribada para coñecer de primeira man a festa por excelencia baionesa que ligou para sempre a vila coa travesía de Colón a América.

A embarcación é unha réplica do galeón polaco Wodnik do século XVIII, recuperándose en 2010 para a serie ‘Piratas’ de Telecinco, con Pilar Rubio e Óscar Jaenada como protagonistas. Ten 30 metros de eslora, salón, adega e tres cubertas, e estará uns días na Real Villa.

Alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño únense fronte ao deterioro da sanidade pública da comarca

0

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño únense para facer un fronte común ante o rápido deterioro da atención primaria nos centros de saúde da comarca, que nestes intres sofren unha importantísima carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas.

Ante esta situación de precariedade, os alcaldes e alcaldesas dos catro municipios da Mancomunidade do Baixo Miño, integrada por A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, apoian a convocatoria feita polas catro plataformas en defensa da sanidade pública da Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño e convida a toda a veciñanza a participar na manifestación que se celebrará o vindeiro 21 de decembro na Guarda, que sairá ás 19.30 horas da Alameda.

Pola súa banda, as alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño convocan para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas “para denunciar unha vez máis a grave situación que atravesa a atención primaria nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente”. Convídase a toda a veciñanza e ás plataformas en defensa da sanidade pública a participar nestas concentracións, que serán:

  • 12 de xaneiro. Ás 19.00 horas na Praza do Calvario do Rosal.
  • 26 de xaneiro. Ás 19.00 horas na Praza do Seixo de Tomiño.
  • 9 de febreiro. Ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada de Tui.
  • 23 de febreiro. Ás 19.00 horas na Praza Avelino Vicente da Guarda.

“Dada a situación de precariedade e a falta de resposta por parte da Xunta, que non nos dá solucións nin a curto nin a medio prazo, as rexedoras e rexedores do Baixo Miño decidimos dar un paso adiante e denunciar de forma clara unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e a futura”, salientan.

A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

O Goberno reafirma o compromiso coa transformación do turismo en Galicia cun investimento de 1,5 M€ no Concello de Oia

0

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno do estado coa cohesión territorial e o impulso ao turismo sostible de Galicia e puxo como exemplo o apoio que ven de acordar o Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística do Concello de Oia, que percibirá 1,5 millóns de euros. Trátase dun dos sete Plans que subvencionará o Goberno de España en Galicia dentro do Plan Nacional Turístico Xacobeo e que financia o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.

José Miñones achegouse esta maña á parroquia de Mougás, no Concello de Oia, onde se desenvolverá a principal acción subvencionada polo Goberno. En concreto, trátase dun camping que funcionará baixo criterios de sostibilidade ambiental e eficiencia enerxética. Alí estivo acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa.

Xunto a elas, José Miñones destacou que o Goberno busca con estes investimentos revitalizar a economía e o emprego da zona, poñer en valor os recursos patrimoniais de Oia e aumentar a oferta total de prazas de aloxamento na localidade. Con isto “contribuiremos a tecer un sector turístico máis desestacionalizado, eficiente e resiliente” e ademais favorecerase a fixación de poboación no Concello.

O delegado reiterou a vontade do Goberno para que o Plan de Recuperación chegue a tódolos concellos de Galicia, de forma que se beneficie toda a cidadanía das reformas e investimentos que mobiliza este proxecto de país.

Plans de sostibilidade turística de Oia

En Mougás, José Miñones explicou que o Plan de Sostibilidade Turística convertirá a Oia nun destino slow, de natureza e familiar prioritario nas Rías Baixas e no Camiño de Santiago.

Para iso, o Ministerio de Industria financiará 15 actuacións do Plan nun horizonte temporal entre 2022 e 2024. As accións divídense en dous grupos:

Rehabilitación do Camping de Mougás. (988.800,00€) e recuperación do terreo degradado.

Oia, destino slow. (511.200,00 €) Actuacións de promoción e de inforamación baseadas no concepto dixital. Tamén se adecuarán os roteiros de sendeirismo e promoveranse accións de mobilidade sostible, eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental no que respecta ás pemes turísticas do municipio.

71,6 millóns de euros no último mes para o turismo e o Xacobeo

Na súa intervención, o delegado reiterou o compromiso do Executivo coa modernización e trasformación do turismo en Galicia que no último mes se traduciu en acordos por valor de 71,6 millóns de euros.

En concreto, a finais de novembro, o Consello de Ministros aprobaba a transferencia á Xunta de Galicia de case 30 millóns de euros nunha partida extraordinaria para a modernización do sector turístico. A este acordo uníanse os dous decretos acordados a pasada semana: un primeiro, de 22,7 millóns, para a rehabilitación de BICs vinculados ao Camiño de Santiago, e o segundo, cun investimento de 16,6 M€ en sete plans de sostibilidade turística en destino vinculados aos Camiños de Santiago, no que se inclúe o de Oia.

Esquerda Unida non acudirá á concentración do día 16 co lema “Recuperar Ponteareas”

Esquerda Unida non comparte os motivos polos que se convoca a concentración ‘Recuperar Ponteareas’, centrados na crítica do proceso de peonalización e da racionalización do tráfico no casco urbano da Vila. O proxecto de EU para Ponteareas contempla a peonalización e a recuperación de espacio público que actualmente se atopa en grande medida monopolizado polo transporte privado. Reducir o tráfico intraurbano a residentes, carga e descarga e persoas de mobilidade reducida supón un aumento inmediato de espazo público para disfrute da poboación, aumentar a seguridade e reducir a contaminación. Así mesmo, defendemos que é unha medida que beneficie tamén, no medio/longo prazo, ao pequeno comercio local.

Pese ás coincidencias, a formación asemblearia critica “a xestión que o goberno municipal fai do conxunto de obras e transformacións urbanas que se están levando a cabo nos últimos dous anos” e considera “inadmisible” a tardanza na que se realizan obras planificadas para ser executadas en moito menos tempo, feito que “eleva a molestia da veciñanza, paralizan o normal transcurso do pobo e caen en sobrecustos inecesarios”.

Considera EU como “grave” o que consideran “non aplicación do compromiso adquirido polo BNG-PSOE na anterior lexislatura con Esquerda Unida sobre o Regulamento de Participación Cidadá”, incumprimento que fai que a veciñanza “non poda ter voz e determinar como se debe realizar as necesarias transformacións do casco urbano, ó igual que sucede no resto de ámbitos da política local”. “A falta de representación de EU no pleno municipal posibilita que o goberno desestime cumprir os seus compromisos de democratización e de aposta polo público”, asegura a formación de esquerdas.

“É entendible a incomprensión de parte da veciñanza, que se expresa en mobilizacións como a do 16 de decembro”, engaden ao mesmo tempo que advirten que “coa actual xestión do goberno municipal ponse en perigo o afianzamento do proceso de transformación da vila, que se ben non son todo o profundo que EU propón, si que supoñen un avance importante na modernización e adecuación do casco urbano de Ponteareas nun espazo máis habitable para toda a poboación”.

A Deputación informa aos concellos sobre a normativa europea antifraude para a xestión dos fondos ‘next generation’

Nun escenario no que os fondos europeos Next Generation están comezando a ser concedidos aos concellos da provincia para financiar programas relacionados coa economía sustentable, a través do turismo, o medio ambiente e o transporte, a Deputación organizou un curso sobre “Elaboración de programas de integridade e plans antifraude nas entidades locais”. A xornada, que foi inaugurada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, contou coa participación de Eloy Morán, auditor do Consello de Contas de Galicia e presidente da comisión de Prevención da Corrupción deste órgano.

Un total de 17 concellos da provincia participaron na xornada, a primeira das dúas que a Deputación dedica á formación dos cargos públicos municipais, técnicos de Habilitación estatal (Secretarías, Intervencións e Tesourerías) así como funcionarios dos grupos A1 e A2 relacionados coa xestión e execución de fondos europeos. A segunda xornada, en formato presencial ao igual que a de hoxe, celebrarase xa o próximo día 17 de xaneiro.

Carlos Font explicou que o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno de España, o primeiro en ser avaliado positivamente pola Unión Europea, recolle que tódalas entidades públicas beneficiarias de financiamento europeo deben contar cun Plan de Medidas Antifraude que permita garantir que, en no seu ámbito de actuación, os fondos asignados respectan as normas sobre prevención, detección e corrección do fraude, a corrupción e os conflitos de intereses.

Durante a xornada formativa, Eloy Morán, explicou que a execución de proxectos financiados con fondos Next Generation vai supoñer un gran reto para o conxunto das Administracións públicas e, moi especialmente para os concellos, principalmente os máis pequenos e con menor capacidade de xestión. Diante deste reto, valorou a iniciativa da Deputación para proporcionar ao persoal técnico as pautas e elementos clave para a elaboración destes plans antifraude obrigados pola Unión Europea. A identificación dos riscos e o establecemento de mecanismos administrativos preventivos e correctivos son, por tanto, elementos imprescindibles destes plans para levar a bo fin os proxectos.

O programa da xornada contemplou como apartados as pautas para a elaboración dos plans antifraude, determinación dos principais elementos dun sistema de integridade: códigos éticos, canal de denuncias, regulación de conflitos de intereses e programas de formación; riscos no sector público: factores de risco e proceso de identificación e avaliación; elaboración dun mapa de riscos; riscos máis relevantes e, finalmente, ciclo do fraude e especial consideración dos riscos de corrupción.

O SEA amosa o seu compromiso coa Guarda e O Rosal impulsando un novo solo empresarial estratéxico compartidos polos dous concellos

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, reuníronse este mércores na casa consistorial da Guarda con preto de medio cento de representantes do sector empresarial, aos que presentaron os resultados do informe económico elaborado por ambos concellos, que reflicte a puxanza económica da zona pero tamén a saída diaria de principalmente mulleres para traballar en empresas do norte de Portugal.

Durante o encontro, organizado en colaboración entre os concellos do Rosal e A Guarda, a xerente de SEA amosou a vontade clara da entidade, dependente do Ministerio de Transporte a través de Sepes, de impulsar o desenvolvemento económico de Galicia coa creación dun solo industrial e empresarial compartido por ambos dous municipios e con carácter sostible, para o que será necesario “testar a demanda real e coñecer as expectativas e o interese empresarial”.

Informe empresarial

Na reunión expúxose parte do informe empresarial encargado polos concellos e realizado polo profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez, Cobas, e no que se recolle a presenza de ata 4.000 empresas no Baixo Miño, 1.300 situadas no Rosal e na Guarda. Ata 42 empresas facturan máis dun millón de euros na Guarda, vinculadas especialmente á pesca ou á transformación pesqueira, en cifras similares ás do Rosal pero, neste caso, máis relacionadas coas bodegas vitivinícolas.

[su_image_carousel source=”media: 50590,50591,50589,50588″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A percepción actual xira en torno a dúas necesidades básicas, como son as conexións e o solo industrial, co obxectivo de ofrecer alternativas de solo que permitan reducir riscos urbanísticos e medioambientais.

En canto ao contexto económico actual, incidiu no feito de que se percibe unha importante mobilidade laboral de traballadores cara ao norte de Portugal, en concreto, ata o 62%, de mulleres que, na súa maioría, están empregadas na industria. O lugar de procedencia maioritario é A Guarda, Tomiño e O Rosal e o destino de traballo é o de Vilanova de Cerveira.

Necesidade de solo

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, defendeu que o polígono “é fundamental para o desenvolvemento empresarial do Baixo Miño porque hai unha necesidade real nunha poboación activa, e con moito emprendemento e que non se pode desenvolver pola falta de solo”. Ademais, puxo en valor a necesaria “sostibilidade ambiental” que suporá poder desenvolver este solo industrial, no marco da Axenda 20-30, en paralelo a xerar riqueza e favorecer o asentamento poboacional na zona.

Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, incidiu en que “o polígono empresarial é fundamental para esta zona, para ter un desenvolvemento económico necesario para poder ofrecer posibilidades para que se implanten aquí empresas e, sobre todo, para que a xente máis nova poida desenvolver aquí o seu proxecto vital sen ter que marchar”.

O polígono ocuparía o solo sito nas parroquias de Gándara na Guarda e de A Cunchada no Rosal, no límite entre ámbolos dous concellos. SEA xa dispón de 45.000 metros cadrados de superficie, adquiridos no 2004 (o 17 % do total estimado) ante a posibilidade de desenvolvemento dun polígono industrial, que quedou paralizado pola crise. Tamén conta dende o 2007 cun proxecto sectorial da posible área industrial.

SEA é unha Sociedade Mercantil Estatal, participada, maioritariamente, cun 83,44 %, polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana do Goberno de España, a través de Sepes, Entidad Estatal de Suelo. No accionariado tamén se integran a Xunta de Galicia, cun 14,91 % e ABANCA, como posuidora dun 1,65 %. Foi creado co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia e xestiona 13 parques empresariais, que suman máis de 4 millóns de metros cadrados de superficie, sitos nas provincias da Coruña (A Laracha, Malpica, Vimianzo, Cee, Muros, Rianxo e A Pobra do Caramiñal); Pontevedra (Catoira e Vilanova de Arousa) e Lugo (Rábade, Monforte, Mondoñedo e Chantada).

A ANPA do IES Illa de San Simón de Redondela denuncia “o desprezo” da inspección educativa “polas familias e a saúde do alumnado”

0

A ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’ do IES Illa de San Simón de Redondela vén de denunciar o que cualifican de “desprezo” por parte do Servizo Territorial da Inspección Educativa, dependente da Consellería de Educación, ao obviar a preocupación de nais e pais pola imposibilidade de implantar as novas tecnoloxías correctamente co programa Edixgal e que expresaban nun escrito remitido á inspección o 25 de outubro.

A imposibilidade, tal e como sinala a ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’, “tiña como consecuencia o principio de lesións lumbares entre o alumnado” polo que solicitaban que se investigara dita cuestión e que se informara ás nais e pais, demanda “que tivo a calada por resposta”, afirma a ANPA.

O triste do asunto, sinalan nais e pais, é que non é a primeira vez que se ignoran as demandas da ANPA e subliñan que “a nosa paciencia e discreción ten un límite” que foi sobrepasado por esta última actuación da inspección. Nais e pais síntense “desprezados” logo de amosar a súa preocupación “pola educación das nosas fillas e fillos, en escritos dirixidos á inspectora correspondente” a quen, afirman, faltoulle “humildade” para atender a ningún deles.

Lembran que obter unha resposta dun servizo de inspección “é un dereito propio dun sistema democrático” e non dubidan e cualificar como “caciquismo” a actuación do servizo de inspección. “Esta Inspección Educativa so atende na intriga dos seus despachos ou con chamadas de teléfono persoais” e lamentan que os casos nos que as familias diríxense á inspección “fan todo o posible para que quede no escurantismo e nada saia á luz. Promesas, declaracións de intencións, avisos privilexiados… pero nunca nada que quede por escrito”.

Finalmente a ANPA, que asegura non ter recibido con este asunto “nin tan sequera unha chamada”, sospeitan que o silencio ven dado “porque presentamos os escritos ben, en regra e formalmente, como é propio nun estado de dereito”.

Ponteareas, presente nas IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia

Cando se pensa nos dereitos da infancia e da adolescencia, poucas veces pénsase no dereito a participar, a ser informados, a expresar a súa opinión e a ser tidos en conta á hora de buscar solucións comúns aos asuntos que lles afectan. Para continuar fomentando e promovendo esa participación infantil e adolescente na vila, Ponteareas estivo presente este 14 e 15 de decembro nas IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia, que organiza UNICEF para persoal técnico e político de diferentes concellos galegos.

Trátase dun encontro en liña no que participou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, e que contou este mércores 15 coa intervención de Juan Vázquez Alves, representante do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia de Ponteareas. No apartado ‘A voz da infancia galega’, Juan encargouse de contar a súa experiencia no IX Foro de Participación Infantil e Adolescente celebrado o pasado mes de novembro no Parlemento de Galicia, así como de reflexionar sobre a necesidade e importancia de que estas opinións sexan contadas e tidas en conta.

O encontro celebrouse de xeito telemático e tiña por obxectivo capacitar ao persoal dos municipios de Galicia en políticas de infancia, ofrecendo ferramentas que axuden a mellorar as súas políticas de fomento da participación infantil e adolescente no ámbito local, ademais de facilitar un lugar de encontro onde compartir experiencias que poidan servir de estímulo para outros concellos que están no camiño de acadar o recoñecemento da Cidade Amiga da Infancia.

A concelleira amosouse “moi orgullosa do traballo que está a desenvolver a rapazada ponteareá” e salientou “a grande oportunidade que supón para todas e todos nós participar nunhas xornadas deste tipo para que as persoas que traballamos nas institucións públicas poidamos seguir escoitando aos nenos e nenas e continuar aprendendo”.

Peche temporal do Albergue Municipal da Guarda

0

O Concello da Guarda acordou o peche do Albergue Municipal de Peregrinos durante as próximas semanas ante a redución do número de peregrinos e a actual situación da pandemia.

Os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén inflúen as celebracións de nadal.

Aqueles peregrinos que escollen estas datas para camiñar a Santiago buscan precisamente un camiño con pouco tránsito que lles aporte tranquilidade e soidade. Ademais  estes peregrinos de inverno adoitar escoller aloxamentos turísticos como hoteis onde dispoñen doutras facilidades como cuartos individuais e unha maior flexibilidade na hora da saída. Neste sentido, indicar que os establecementos hoteleiros da Guarda seguen a ofrecer aloxamento nestas datas con todas as medidas de prevención da COVID-19.

Ademais desta redución habitual polo inverno, nas últimas semanas este descenso de peregrinos viuse intensificado polas novas restricións para viaxar dos peregrinos estranxeiros. Durante o inverno a procedencia supera o 95% de países estranxeiros: Alemania, Reino Unido, Corea do Sur, EEUU, Canada,… Gran parte destes países incrementaron as súas medidas e restricións ante o incremento internacional dos contaxios pola COVID-19.

Os teléfonos de atención do albergue e da Oficina de Turismo seguirán operativos para atender as dúbidas xeradas ante os posibles cambios nas restricións tanto en Galicia como en Portugal.

As medidas acordadas en Portugal teñen gran influencia debido a que gran parte dos nosos peregrinos comezan a súa peregrinación en terras lusas. O goberno portugués  xa anunciou restricións moi estritas do 2 ao 9 de xaneiro de 2022 como o peche da hostalería e o teletraballo.

En definitiva, o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do próximo luns 20 de decembro ata o domingo 16 de xaneiro de 2022. A previsión é que o albergue volva a abrir o luns 17 de xaneiro pero podería modificarse si as restricións internacionais ante a COVID-19 fosen maiores.

A Deputación informa aos concellos sobre a normativa europea antifraude

Nun escenario no que os fondos europeos Next Generation están comezando a ser concedidos aos concellos da provincia para financiar programas relacionados coa economía sustentable, a  través do turismo, o medio ambiente e o transporte, a Deputación organizou un curso sobre “Elaboración de programas de integridade e plans antifraude nas entidades locais”. A xornada, que foi inaugurada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, contou coa participación de Eloy Morán, auditor do Consello de Contas de Galicia e presidente da comisión de Prevención da Corrupción deste órgano.

Un total de 17 concellos da provincia participaron na xornada, a primeira das dúas que a Deputación dedica á formación dos cargos públicos municipais, técnicos de Habilitación estatal (Secretarías, Intervencións e Tesourerías) así como funcionarios dos grupos A1 e A2 relacionados coa xestión e execución de fondos europeos. A segunda xornada, en formato presencial ao igual que a de hoxe, celebrarase xa o próximo día 17 de xaneiro.

Carlos Font explicou que o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno de España, o primeiro en ser avaliado positivamente pola Unión Europea, recolle que tódalas entidades públicas beneficiarias de financiamento europeo deben contar cun Plan de Medidas Antifraude que permita garantir que, en no seu ámbito de actuación, os fondos asignados respectan as normas sobre prevención, detección e corrección do fraude, a corrupción e os conflitos de intereses.

Durante a xornada formativa, Eloy Morán, explicou que a execución de proxectos financiados con fondos Next Generation vai supoñer un gran reto para o conxunto das Administracións públicas e, moi especialmente para os concellos, principalmente os máis pequenos e con menor capacidade de xestión. Diante deste reto, valorou a iniciativa da Deputación para proporcionar ao persoal técnico as pautas e elementos clave para a elaboración destes plans antifraude obrigados pola Unión Europea. A identificación dos riscos e o establecemento de mecanismos administrativos preventivos e correctivos son, por tanto, elementos imprescindibles destes plans para levar a bo fin os proxectos.

O programa da xornada contemplou como apartados as pautas para a elaboración dos plans antifraude, determinación dos principais elementos dun sistema de integridade: códigos éticos, canal de denuncias, regulación de conflitos de intereses e programas de formación; riscos no sector público: factores de risco e proceso de identificación e avaliación; elaboración dun mapa de riscos; riscos máis relevantes e, finalmente, ciclo do fraude e especial consideración dos riscos de corrupción.

A Policía Local de Mos renova o seu parque móvil

0

O goberno de Nidia Arevalo leva a cabo a renovación da frota de vehículos da Policía Local de Mos coa adquisición, mediante renting, dun novo vehículo Suv Híbrido concedido grazas á subvención do Fundo de Compensación Ambiental da Dirección Xeral de Administración Local dá vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo dá Xunta de Galicia, por importe de 33.152 euros e fondos propios do Concello.

Este únese a outro vehículo de iguais características adquirido o ano pasado mediante o mesmo sistema de renting e grazas á mesma subvención.

Esta modalidade de alugueiro supón unha vantaxe porque inclúe o mantemento integral, reparación e seguro a todo risco durante o período do contrato.

Estes dous vehículos cuxas características técnicas, entre outras, son: híbrido non enchufable con etiqueta ambiental ECO, favorecerán as intervencións dos axentes encamiñadas á protección do medio ambiente e a contorna natural, propósito que garante a etiqueta ECO. O Concello mantén así o seu interese e propósito de loitar contra o cambio climático e reducir as emisións de CO2 e por unha mobilidade sostible.

O ano pasado tamén se adquiriu mediante unha subvención da Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de 31.832,52 euros, unha furgoneta totalmente equipada para atestados.

No ano 2015 o goberno local iniciou a renovación da frota policial coa cesión, desde a mesma Consellería, dunha motocicleta Yamaha XT 660 R, e no 2016 mediante unha subvención adquiriu un Citroen Cactus.

Con esta última incorporación a Alcaldesa cumpre coa modernización da Policía Local iniciada nos últimos anos, coa incorporación novos axentes, a dotación de material policial actualizado e a inauguración de novas instalacións. Mellorando substancialmente as condicións en que prestan servizo os axentes e a seguridade da veciñanza.

Foi a antigüidade dos vehículos o que levou ao Concello mosense á renovación total da frota que constaba dun Citroen Xsara, un Nissan Qashqai e un Renault Megane de máis de 20 anos algún deles, con bastantes problemas e deteriorados polo uso, feitos que ocasionaban un gasto continuo en mantemento e reparacións. Os vehículos superan os 200.000 kilometros e nalgún dos casos os 360.000, sendo a súa matriculación no 2000, datos que evidencian a necesidade de renovar o parque móbil.

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu festival de Nadal este sábado

0

A Agrupación Musical do Rosal encherá de música o Auditorio Municipal co seu festival de Nadal este sábado. Comezará ás 18.30 horas e será o momento para que o alumnado da escola de música, a banda infantil e máis o coro infantil poñan en práctica todo o que aprenderon durante as clases. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir e lembra que a entrada é gratuíta, pero que é preciso recoller previamente unha invitación gratuíta na oficina do Auditorio.

A rexedora tamén quere dar os parabéns á Agrupación por organizar un ano máis este festival, “un dos días máis esperados polos amantes da música do Rosal”, e polo “seu gran traballo a prol da cultura no noso concello”. “Tamén queremos facer mención ao fermoso cartel que fixo Alex Fornos Fernández para publicitar o evento, así como a todos os nenos e nenas que participaron no concurso de creación dun debuxo para anunciar o Festival de Nadal”.

As persoas interesadas en asistir e que precisen máis información poden chamar ao 986 626 311 ou escribir unha mensaxe ao 609 866 792.

Concello e Comercio da Cañiza presentan a segunda campaña para reactivar o comercio local durante o Nadal

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou esta mañá a segunda iniciativa para reactivar o comercio local neste Nadal e que, ademais, leva asociado ocio e lecer para os máis pequenos. Durante os días 28, 29 e 30 de decembro o Concello instalará na Praza Maior un mini parque de atraccións infantil cunha barca, noria e carrusel. O prezo de cada atracción é de 3 € por persoa pero a compra en calquera dos establecementos da Cañiza adheridos a este programa, dará dereito a un ticket desconto de 2,00 € que poderase presentar no acceso a cada atracción, costando finalmente 1,00€ por neno.

Presentación da Campaña de Nadal da Cañiza. (Click para ampliar)

O parque de atraccións estará aberto en horario de 11:30 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h na Praza Maior. En caso de choiva se suspenderá ata a melloría do tempo nesas datas.

Na mesma liña da campaña «A Confianza de sempre, Agasállate este Nadal», presentada o pasado 30 de novembro polo alcalde e a directiva da Asociación de Comerciantes da Cañiza, esta nova iniciativa ofrece tamén pola compra nun establecemento local descontos de 2 euros para as atraccións infantis.

Todo co obxectivo principal de dinamizar e incentivar o pequeno e mediano comercio da Cañiza. Como xa manifestara o Alcalde Luis Piña “unha aposta polo comercio local, polo comercio de sempre, cercano e comprometido”.

Ponteareas e as grotescas profetas da apocalipse

Corría o ano 2003 cando como concelleiro de Tráfico puxen en marcha a peonalización dos mercados dos sábados en Ponteareas. Si, é certo, as cousas esquécense rápido, pero en 2003 os coches aínda circulaban sen cesar ao redor da Praza de Bugallal e da Praza Maior sobre as que se amoreaban os postos e as persoas. Tivo que chegar un goberno fugaz de once meses do BNG-PSOE para retirar os vehículos e entregar as rúas á xente os sábados pola mañá. “Acabades co pobo”, “será a ruina e a morte do comercio”, “a xente marchará a outros pobos”: así acolleron esa medida algúns comerciantes. Hoxe, case 20 anos despois, até os máis recalcitrantes seguen no mesmo lugar.

Pouco despois chegaron Solla e o PP aupados por Nava Castro e unha indigna moción de censura, pero a peonalización das feiras e mercados xa non se tocou. Non houbo valor. Aínda máis: executaron a de Rogelio Groba –a carón do Concello proxectada por nós– e peonalizaron para sempre a rúa da Esperanza, Oriente e boa parte da Praza Maior. Ningún comerciante abríu a boca. Normal: as peonalizacións do PP son inócuas para certos comerciantes e as do BNG e PSOE son as que traen a ruina.

O negocio non está nos coches pasando por diante e colonizando o espazo, senón na xente paseando e ollando os escaparates nun ambiente saudábel e agradábel

Mentres isto ocorría en Ponteareas, no Calvario de Vigo ou en Pontevedra ardía Troia con aquel comercio incapaz de entender as vantaxes das humanizacións. Ao final, a firmeza daqueles gobernos que non se dobregaron fronte a furibundas protestas tivo a súa recompensa: non só mudaron eses barrios e cidades, senón que o comercio descubríu, por fin, que o negocio non estaba nos coches pasando por diante e colonizando o espazo, senón na xente paseando e ollando os escaparates nun ambiente saudábel e agradábel. Hoxe, até o máis ignorante sabe que as zonas máis comerciais de vilas e cidades son as zonas peonís, precisamente porque nelas hai moita xente e apenas coches roubando o sitio ás persoas.

Ponteareas non é unha excepción. Rúas peonís como Rogelio Groba teñen o cento por cento dos seus baixos ocupados: tendas de telefonía, informática, roupa, estanco, servizos bancarios, asesoría, panadaría, cafetarías,… Mentres, porcentualmente, a maioría dos baixos lóbregos ou locais pechados concéntranse nas rúas monopolizadas polos coches.

Por iso a ecuación coches igual a negocio, peonalización igual a ruina, non se sostén racionalmente; en Ponteareas tampouco. O día que miles de consumidores invaden Ponteareas é, xustamente, o día que máis rúas peonís ten a vila: os sábados de mañá. Se eliminar o tráfico e peonalizar fora unha ruina comercial, as feiras de Ponteareas teríanse extinguido. As mañás dos sábados en Ponteareas demostran que cando o consumidor ten un aliciente comercial e unha oferta atractiva pouco lle importa que sexa difícil estacionar e ter que camiñar ou cargar con bolsas de compra.

Por iso, en Ponteareas, o comerciante que vende un bo produto, que ten bos prezos, que se promociona eficazmente, que ofrece un bo servizo e unha boa atención, non ve perigar o seu futuro cando se retira o tráfico dunhas cantas rúas; ao contrario, sabe que os seus clientes non renunciarán a el nin á calidade dos seus produtos e servizos por ter que camiñar tres minutos dende un aparcadoiro e sabe que, sen tráfico, máis xente descubrirá o seu negocio; porque os negocios descúbrense camiñando, non dende un coche. Tamén o comerciante que, nas zonas de preferencia peonil, vende produtos voluminosos ou pesados sabe que agora non perderá clientes; ao contrario, poderá gañalos porque o seu cliente está autorizado para chegar co coche até a súa porta coa seguridade de que atopará onde parar e cargar a compra, en lugar de dar voltas interminabeis ou rematar estacionando sobre un paso de peóns como acontecía até agora.

Isto sábeo a maioría, igual que saben que, ademais da crise sanitaria e económica, o inimigo do comercio local non está nas persoas que gañan terreo aos coches, senón no comercio online das grandes multinacionais e na inconsciencia e egoismo materialista dunha parte dos consumidores, máis preocupados en aforrar uns euros mercando en internet o produto que antes, sen reparo, revisan no comercio local, sen importarlles a ruina social que están sementando e esquecendo, en moitos casos, que a quen cuspe cara arriba na cara lle cae. Pero todo iso dá igual: cando as cousas van mal é moi humano buscar chivos expiatorios e se é posíbel poñerlle nome, apelidos e cara, moito mellor. En Ponteareas xa sabemos quen é.

Estes días, como auténticas psicofonías daquel ano no que se peonalizaron as feiras, resoan de novo sinistras voces anunciando a ruina e a morte de Ponteareas e nalgún escaparate asoman carteis apocalípticos con tétricas árbores de nadal das que colgan sogas de aforcados. Velaí a anticampaña de Nadal perfecta. Velaí o novo espíritu navideño: “Veñan e merquen en Ponteareas, o pobo da morte”, anuncian estes xenios do marketing nos seus escaparates de luto navideño. Pero ás artífices e cerebros desta campaña dalles igual, claro: elas non venden en Ponteareas, elas venden exclusivamente online. Ver para crer: dirixen unha asociación de comerciantes pero non teñen comercio. Por iso falar mal de Ponteareas e desprestixiala non lles prexudica. Ao contrario, pode darlles réditos porque a quen prexudica é á súa competencia, a aqueles que teñen comercio na nosa vila.

Os negocios descúbrense camiñando, non dende un coche

Estas profetas da apocalipse prognostican estes días a morte do comercio cun panorama desolador e infernal de atascos, falta de aparcamento, obras por doquier e clientela que foxe despavorecida a…. Vigo, coñecido paraiso comercial onde o tráfico flúe lixeiro e apacíbel, os aparcamentos afloran, gratuitos, en cada recuncho e as obras son fugaces e efímeras. Con argumentos deste calado intelectual non pode sorprender que pretendan convencer aos demais comerciantes de que os seus clientes, por non camiñar varios minutos na nosa vila, preferirán facer dez quilómetros en coche a outros pobos da bisbarra sen apenas aparcamentos. E postas xa a desafíar sen rubor ao sentido do ridículo reclaman algo trascendental para o comercio local: que os coches poidan entrar na área peonil para ir aos caixeiros automáticos. Cando nun pobo hai quen precisa facer en coche o que camiñando leva cinco ou dez minutos, alguén por fin tiña que reivindicar o grotesco dereito a retirar cartos sen dar máis de cinco pasos andando.

Para completar este cadro traxicómico, o Partido Popular, que no seu día, a través dunha das súas actuais concelleiras, promoveu e impulsou esa asociación minoritaria dividindo, enfrontando e debilitando ao comercio local, anuncia agora o apoio á súa desafortunada anticampaña navideña coa que se anima aos potenciais clientes a non visitar unha Ponteareas ao borde dun imaxinario cataclismo. E faino “en defensa do comercio local”, si, ese comercio que en setembro de 2019 observou con perplexidade aos concelleiros Francisco Jesús Represas e Silvia Fernandes en redes sociais posando e alardeando dunha macrocompra na cola do IKEA baixo o título “comeza o novo curso”, probabelmente o de primeiro de primaria, onde con arranxo á súa capacidade cognitiva lles poderían explicar o significado das palabras cinismo e hipocrisía.

Malia os desexos dos que falan dun pobo que morre, a realidade é que temos un gran concello, un gran comercio, un gran potencial e un gran futuro. Podemos e debemos aspirar a unha vila saudábel e fermosa que sexa ideal para vivir e visitar. Porque eses residentes e visitantes, atraidos por unha vila humanizada e con calidade de vida, serán a clientela que dará porvir ao comercio de proximidade. Temos unha vila perfecta para logralo: radial, sen apenas pendentes e con todo o que se precisa a man. Isto non é Pontevedra, din algúns. Claro que non, isto é mellor. É Ponteareas, unha vila na que entre os puntos máis distantes non hai máis de 10 minutos camiñando, menos do que unha persoa fai para mercar o pan nunha cidade.

Nós temos, non o lexítimo dereito, senón a obriga irrenunciábel de cumprir o que prometimos á cidadanía. A iso chámase cumprir coa palabra dada

Ofrecimos durante décadas unha nova Ponteareas e dende 2015 unha maioría dos homes e mulleres deste pobo derónnos a súa confianza para que a construamos. Aqueles que non apoiaron a este goberno teñen o lexítimo dereito de criticar e cuestionar o noso modelo e tentar convencer aos demais para que aposten en vindeiras eleccións polo vello modelo. E nós temos, non o lexítimo dereito, senón a obriga irrenunciábel de cumprir o que prometimos á cidadanía. O PP de Rajoy ofreceu baixar impostos e logo subíunos: a iso chámase fraude electoral; nós prometimos facer o que estamos agora facendo: a iso chámase cumprir coa palabra dada. O pobo falou nas urnas, nós escoitamos e cumpriremos sen vacilacións coa nosa obriga democrática.

A nova zona azul de Ponteareas facilita o aparcamento na vila

Quince días despois da entrada en funcionamento da zona azul na Avenida de Galicia e Rosalía de Castro e rúa dos Carballos, o Concello de Ponteareas avaliou positivamente a medida tras realizar unha mostraxe de ocupación destas tres rúas o venres 3 de decembro para testar a eficacia da medida implementada nos últimos días. “Escolleuse un venres e o primeiro do mes por ser, tras os sábados de mañá, o día de maior tráfico e de maior demanda de aparcamento en Ponteareas”, sinala o goberno local. Ao mesmo tempo realizáronse controis de ocupación nos aparcadoiros máis próximos á zona azul: o de Granitos de Galicia (133 prazas), o de Sarmiento Rivera fronte ao cuartel da Garda Civil (170 prazas), o de Rosalía de Castro (128 prazas) e o de Alexandre Bóveda (32 prazas). As tres rúas e avenidas con zona azul e os catro aparcadoiros ofrecen en conxunto 583 prazas de aparcamento, todas elas gratuítas.

Conforme aos datos recollidos ás 09.30 h da mañá a ocupación era do 64%, pois fronte a 378 prazas ocupadas, 205 atopábanse libres; entre as 11:00 e 11:30 horas o índice de ocupación elevouse até o 83% cun total de 488 prazas ocupadas e 95 libres; e entre as 13:00 e 13:30 horas a ocupación descendeu ao 62% con 366 prazas ocupadas e 217 libres.

O Concello salienta especialmente a función que está desempeñando o aparcadoiro de Sarmiento Rivera, a 3 minutos camiñando da Casa do Concello con 170 prazas, que no intre de maior ocupación acadou 146 vehículos con 24 prazas libres, baixando ás 13 horas até o 50% de ocupación con 85 prazas libres.

O Concello amosouse moi satisfeito posto que “os resultados confirman o obxectivo que se buscaba coa medida: xerar máis aparcamento dispoñíbel para as persoas que precisan estacionamento para realizar compras ou xestións”. O goberno local lembra que as 120 prazas da zona azul, ao limitar o seu uso a dúas horas, se converten en horario de mañá nun mínimo de 363 prazas dispoñíbeis, mentres que para aqueles usuarios que precisan máis de dúas horas os aparcadoiros gratuítos desa zona ofertan 463 prazas máis. “A medida serviu para corrixir a situación anterior, observada nos estudos realizados pola Policía Local, que demostraban que unha maioría dos vehículos estacionados nos Carballos, Avenida de Galicia e Rosalía de Castro, ocupaban de forma indefinida o espazo público. Agora repártese entre moitos máis vehículos”.

Dende o goberno municipal saliéntase que “con estas accións logramos cinco obxectivos a un mesmo tempo: reducir notabelmente o tráfico que antes daba voltas incesantes no centro da vila, dirixir ese tráfico cara aparcamentos moi próximos que atenden a demanda, reducir a contaminación e o ruído, recuperar para as persoas numerosas rúas e potenciar os desprazamentos a pé dende os aparcadoiros con distancias curtas nunha vila onde todo se atopa a menos de 10 minutos andando”.

O Concello lembra que “na área central de tráfico restrinxido e preferencia peonil poden acceder os vehículos que realmente o precisan para recoller ou deixar obxectos voluminosos ou pesados ou persoas con mobilidade reducida, cargas e descargas, garaxes, emerxencias ou taxis, coa avantaxe de que nesas rúas agora sempre teñen asegurado poder facelo diante da porta do seu destino”.

A Cañiza anuncia dous cursos de formación para persoas desempregadas

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, anunciou esta mañá que o Concello activa dúas novas accións formativas en colaboración con ADEC (empresa beneficiaria dunha subvención da Deputación de Pontevedra).

 As formacións están destinadas a mellorar a empregabilidade das persoas con especiais dificultades para atopar emprego e conseguir a súa inserción laboral.

As accións formativas que se poñen en marcha son:

Peón forestal

Duración: 60 horas: data prevista de inicio do curso: xaneiro de 2022

Limpeza

Duración: 60 horas: data prevista de inicio do curso: febreiro de 2022

Estos cursos se realizarán en modalidade teleformación/a distancia con sesión práctica.

Persoas destinatarias: persoas preferiblemente do concello de A Cañiza en situación de desemprego inscritas no SPEG e que pertenzan a colectivos vulnerables: desempregadas de longa duración, menores de 30 inscritos no programa de Garantía Xuvenil, persoas con discapacidade, inmigrantes, perceptoras de subsidios, RAI, RISGA, IMV, outros colectivos vulnerables en situación de exclusión social.

Lugar de inscrición: oficinas xerais do Concello en horario de 9:00 a 14:00 h ou a través de sede electrónica. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 14 de xaneiro, ou ata cubrir prazas en cada un dos cursos.

A adxudicación de prazas realizarase por rigurosa orde de solicitude no rexistro de entrada municipal, unha vez comprobado que se cumplen os requisitos.

Publicación do listado provisional de persoas admitidas: 18 de xaneiro no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial e en Sede electrónica.

O 19 de xaneiro 2022 realizarase o chamamento telefónico das persoas admitidas para confirmar a súa participación na acción formativa.

Realizarase con cada aspirante como máximo tres intentos de chamamento ao longo da mañá en intervalos de como mínimo 15 minutos. 

Oia obtén 1,5 millóns de euros para crear novas infraestruturas e oferta turística sostible

0

O Concello de Oia vén de conseguir un investimento de 1,5 millóns de euros destinados á creación de novas infraestruturas turísticas e á diversificación da oferta turística do municipio vinculada ao Camiño de Santiago.

Estas actuacións realizaranse no marco da convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade do Plan Nacional Xacobeo 2021-2022, financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos Next Generation.

O obxectivo do Plan de Sustentabilidade desenvolvido polo Concello de Oia é crear novos produtos turísticos da man do sector e crear novas infraestruturas que permitan diversificar a oferta de aloxamento.

Tamén se actuará para embelecer diferentes zonas do municipio por onde transcorre o Camiño de Santiago e reforzar a oferta cultural e patrimonial.

Liñas de actuación

As actuacións previstas desenvolveranse no período 2022-2024 e contribuirán a posicionar o municipio como destino turístico slow e de natureza.

Entre as principais liñas de actuación incluídas no proxecto está a rehabilitación do antigo cámping Pedra Rubia de Mougás, o cal estará dotado de sistemas de iluminación eficiente, taquillas con sensores e sistema dixitalizado de check in/check out. Tamén contará con xeradores de enerxía cinética mediante bicicletas estáticas e bancos de remo e un sistema de separación de residuos propio.

Por outra banda, dedicaranse fondos á adecuación e mellora das rutas do Camiño de Santiago, así como á posta en marcha de ciclovías e rutas de sendeirismo e BTT.

Outras actuacións previstas son a recuperación de terreos degradados para uso construtivo e a apertura dunha convocatoria que permitirá ás pemes turísticas do concello adaptar as súas instalacións seguindo criterios de eficiencia enerxética.

Finalmente, o proxecto inclúe a creación dunha oficina de turismo dixital e a instalación de paneis inclusivos con sistema braille para a sinalización do Camiño de Santiago.

Aqualia súmase á campaña ‘Este Nadal merca en Nigrán’ aportando 3.000 € en vales

0

A campaña de Concello de Nigrán e Ovalmi ‘Este Nadal merca en Nigrán’ amosa desde hoxe a súa cara máis solidaria grazas a Aqualia. Así, a empresa concesionaria súmase aportando 3.000 € en vales de 5 € que serán entregados ao longo desta semana a preto de 60 familias usuarias dos Servizos Sociais de Nigrán para que os poidan consumir nun total de 70 establecementos do municipio adheridos a Ovalmi (o listado está dispoñible en www.nigran.es). A iniciativa é froito da colaboración entre as tres entidades.

“O obxectivo é que as familias en vulnerabilidade poidan empregar os cartos no que máis lles conveña ao tempo que se beneficia o comercio local da súa compra”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente “o gran compromiso social de Aqualia co municipio” e a colaboración de Ovalmi para poder levar adiante esta iniciativa na que participan desde tendas de alimentación a panadarías, perruquerías, talleres, farmacias, ópticas, ferreterías, tendas de roupa e zapaterías…

Paralelamente, e ao marxe desta campaña, o Concello realizará reparto de alimentos adicional con produtos tradicionais de Nadal. Igualmente, repítese a iniciativa “Agasallos de Corazón”, destinada ao Banco Municipal de Xoguetes para repartir durante todo o ano entre familias usuarias dos Servizos Sociais e tamén para promover o Roupeiro (tanto para doazóns como para recoller prendas). Deste xeito, ata o 20 de decembro recolleranse xoguetes de todo tipo (coa condición indispensable de que se atopen en bo estado e debidamente hixienizados) no Pavillón Municipal de Panxón (de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas) e no establecemento Chupipostres (Estrada pola Vía, 114 B). Compre sinalar que son especialmente necesarios os destinados a partir de 7 anos en diante. Igualmente, o Concello promove tamén nesta campaña o Roupeiro Municipal, ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas para uso propio ou de cara a realizar agasallos (desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos). Nestes intres, resulta especialmente necesario recibir roupa de cama. Calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa, xa que o obxectivo é tamén contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Localízase na rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor), é xestionado por voluntarias, e abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081).

#ESTENADALMERCAENNIGRÁN

Ante o éxito nas pasadas festas, o Concello e Ovalmi repiten esta iniciativa aberta a todos os comerciantes e que inclúe a partir de esta semana o reparto de 8.000 bolsas de papel kraft entre os establecementos, cartalaría, distribución de vinilos para escaparates coa frase #VivoEnNigránComproEnNigrán… Como xa é habitual, os propios tendeiros son os protagonistas de toda a campaña, sendo o vídeo estreado a semana pasada o elemento máis destacado. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en determinadas datas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…

“Repetimos a iniciativa porque estamos nunhas datas onde o consumo é o protagonista e queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González.

A postal de Nadal de Aitana Bernabeu Suárez de 6º de Primaria do CEIP de Caldelas gañadora do concurso de postais de Tui

0

A postal presentada pola alumna de 6º curso de Educación Primaria do CEIP de Caldelas, Aitana Bernabeu Suárez, resultou gañadora do concurso de postal de Nadal 2021 convocado polo Concello de Tui para a elección da postal navideña que distribuirá o concello de tudense neste ano 2021.

A responsable da Concellería de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que a finalidade deste certame escolar,  que por segundo ano convoca o Concello de Tui, é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal, procurando que os nenos e nenas do noso municipio, expresasen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso Concello.

A concelleira expresa a súa satisfacción polo incremento de participación neste certame ao que presentaron traballos o CEIP’s de Caldelas, Pazos de Reis, Guillarei, Rebordáns  e Nº 2 de Tui así como o Colexio Santa María – Maristas Tui.

O xurado acordou conceder os seguintes premios:

  • Terceiro premio á postal presentada por Adrian de Sousa Martin, de 2º de Primaria do CEIP de Pazos de Reis
    • Segundo premio á postal presentada por Aldara Solla González, de 2º de Primaria do CEIP de Pazos de Reis
    • Primeiro premio á postal presentada por Aitana Bernabeu Suárez, de 6º de Primaria do CEP de Caldelas

Así como dous accésits as postais presentadas por

  • Natalia Fernández Lovacco de 5º de Primaria do Colexio Santa María – Maristas Tui
    • Aaron Maceira López, de 6º de Primaria do CEIP de Rebordáns

Teatro en igualdade e solidario en Mos

0

Regresa aos escenarios o grupo de teatro de Mulleres de Mos. Con máis ilusión que nunca e tras o parón debido á pandemia, o Grupo de teatro “Mulleres en Igualdade de Mos“  representará este domingo, día 19 de decembro, ás 18.00 horas, no auditorio do Centro Dotacional de Torroso “OS SENTIMENTOS XOGAN ÁS AGOCHADAS” unha adaptación de Paula Pier da obra de Susana Crespo inspirada no conto de Mario Benedetto “ Los Sentimientos juegan al escondite”.

A entrada, solidaria deste espectaculo, que forma parte da programación de Nadal do Concello de Mos, será de 2 euros que irán destinados a MosAxuda para a compra de alimentos e xoguetes da campaña de Nadal.

Estas doce mulleres do grupo de teatro recalcan a importancia de apostar polo teatro. Declaran que está actividade organizada dende a concellería de Igualdade, lles axuda no seu día a día a superar complexos, a sacar forzas para solucionar problemas familiares ou simplemente a atopar momentos de evasión. O grupo naceu en 2011 a través dun curso organizado polo concello sobre autoestima; a día de hoxe xa conta con guións e representacións de autoría propia, un gran mérito xa que ningunha delas é profesional do mundo escénico.

MosAxuda

MosAxuda é un proxecto do Concello de Mos nacido en 2015 como unha organización de reparto directo de alimentos entre as persoas máis desfavorecidas do municipio e apoiado polos Servizos Sociais municipais.

Seguindo coa traxectoria e perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, solicitan nestes días a colaboración de todos os veciños e veciñas, centros educativos, empresas, asociacións… nesta campaña de nadal 2021 que ademais é unha campaña especial, debido á situación que viven moitas familias despois do COVID-19.

Salceda presenta o seu Nadal con máis de vinte actividades para todos os públicos

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Nadal do Concello de Salceda de Caselas, e que contará con máis de 20 actividades coordinadas pola Concellería de Cultura que dirixe Alex Rodríguez Canosa, orientadas a todos os públicos mais principalmente ao público infantil.

A decidida aposta por unha programación de calidade nos últimos anos fixo que o Nadal de Salceda sexa xa un referente na contorna. Así, o prato forte será a terceira edición do festival Pequeno Circo de Nadal, que conta coa dirección artística de Nelson Quinteiro. Este ano, o festival desenvolverase en catro xornadas, do 27 ao 30 de decembro, e contará con novidades respecto ás edicións pasadas. Por unha banda, apóstase pola diversificación, incluíndo actividades en horario de mañá e tarde. Por outra banda, este ano o grande protagonismo correrá a cargo de propostas en feminino, como o espectáculo de Lydia Botana ou os contacontos de Érica González, armadanzas dos Contos do Titiribaile. Coas habituais medidas anti COVID19, pero sen perder un ápice de toda a maxia, a cor, a ilusión e a enerxía que caracteriza estas datas, e que fai, por uns días, que os habitantes máis baixiños de Salceda sexan os auténticos e auténticas protagonistas.

Logo dun ano no que se tiveron que cancelar citas ineludibles do calendario, este ano voltan con forza varias das actividades que caracterizan o Nadal de Salceda. Deste xeito, a Banda Cultural de Salceda voltará a deleitar ao público co seu concerto de Nadal, e a San Silvestre Solidaria cumprirá a súa décima edición percorrendo as rúas do centro da vila chea de cor e ledicia.

Outra das citas que volven será o III Encontro de Ranchos Tradicionais, que xuntará na Praza do Concello a cinco agrupacións tradicionais, resaltando a importancia que ten para Salceda a recuperación destes elementos do noso patrimonio inmaterial.

Tamén o comercio local participa nestas datas coa participación no concurso de escaparates organizado dende o Concello, e que se desenvolve do 15 ao 31 de decembro, e coas Badaladas de Noitevella, organizadas por Acisa e polo propio Concello, e que contarán con actuacións musicais e as típicas uvas da sorte, nun acto presentado pola peña Jolgorrio.

A programación complétase tamén cun Obradoiro de Casas de Xenxibre, que fará as delicias dos máis pequenos e pequenas, e con dúas citas do motor; a papanoelada moteira e a Concentración de Vehículos Clásicos Franceses.

O Concelleiro de Cultura quixo tamén mencionar o alumeado de Nadal, deseñado en conxunto coa Asociación de Comerciantes, que enche as rúas de Salceda cun deseño elegante e sobrio, de cores cálidas, e que un ano máis, foi instalado por unha empresa local. Antes de rematar tampouco se quixo esquecer de agradecer a todos os colectivos que fan que o Nadal de Salceda sexa tan especial. Sen esquecerse dos empregados e técnicos municipais e da Policía Local e os voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Alex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “O Nadal é xa un referente en Salceda e dende o Concello continuamos apostando por unha cultura segura, nunha programación moi ambiciosa para un concello do noso tamaño. Este ano ademais estamos moi contentos de recuperar actividades que se tiveron que cancelar pola pandemia, e que fan que son unha mostra do dinamismo do noso concello”.

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “Queremos devolver a ilusión do Nadal ás nosas prazas e rúas, cunha programación da que poidan desfrutar todos os públicos, coa peculiaridade de que os eventos realizaranse en espazos abertos debido a situación actual. Este é un bo momento para achegarse e gozar de Salceda ”

PROGRAMACIÓN NADAL 2021/2022

  • III Concurso de escaparates de Nadal. Do 15 ao 31 de decembro.

Sábado 18 de decembro

  • 18.00 Audición da Escola de Música de Salceda.
  • 19.30 Badaladas Pre Noitevella.

Domingo 19 de decembro

  • 16.00 Papanoelada Moteira
  • 19.00 Concerto de Nadal, Banda Cultural de Salceda.

Mércores 22 de decembro

  • 13.00 Visita do Apalpador
  • 16.00 Obradoiro de Casiñas de Xenxibre.

Xoves 23 de decembro

  • 16.00 Obradoiro de Casiñas de Xenxibre

Domingo 26 de decembro

  • 15.00 Concentración de Vehículos Clásicos Franceses.
  • 16.00 III Encontro de Ranchos Tradicionais
    • Canto de Reis do Serán
    • Ranchiño de Reis da AC A Feira
    • Rancho de Reis das Cortellas, Ponteareas
    • Rancho da Asociación Casco Vello de Vigo
    • Rancho de Entroido da AC A Feira

Luns 27 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal 2021
    • 11:30 h Obradoiro de movemento, ximnasia de Nadal e flashmob de Nadal cos Trasnos de Nadal e OneTake Films.
    • 13:00 h Espectáculo de rúa. A CAIXIÑA DOS TRASNOS DE NADAL
    • 18:00 h Tardes de Nadal. LYDIA BOTANA. DE AQUÍ PARA ALÁ

Martes 28 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • o   11:00 h Obradoiro de canto e panxoliñas cos Trasnos de Nadal. Actividade con distancia física e aforo aberto por orde de chegada sen necesidade de inscripción.
    • 12:30 h Almorzos con contos. ÉRICA GONZÁLEZ. OS CONTOS DO TITIRIBAILE
    • 18:00 h Tardes de Nadal. Moc Moc Espectáculos. O AXUDANTE DE PAPÁ NOEL

Mércores 29 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • 18.00. OS TRASNOS DE NADAL. Espectáculo de Nadal

Xoves 30 de decembro

  • Pequeno Circo de Nadal
    • 12.30. BARULLO. Espectáculo musical infantil.
    • 18.00. Sesión de flocos de Nadal, coa proxección de clásicos de Nadal, e o filme LAST CHRISTMAS

Xoves 30 de decembro

  • 21.30 X San Silvestre Solidaria.

Domingo 2 de xaneiro

  • Tren de Nadal

Mércores 5 de xaneiro

  • 17.00 Cabalgata de Reis

A programación do Nadal continúa esta semana na Guarda con actuacións, obradoiros e concertos

0

A programación do Nadal 2021 continúa esta semana na Guarda con diferentes propostas para todos os públicos que conta con actuacións infantís, obradoiros e concertos.

Na xornada do xoves día 16 de decembro o Centro Cultural da Guarda acolle a partires das 20:00h o tradicional Concerto de Nadal dos grupos de corda do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, un concerto que sempre enche de ilusión aos xoves músicos guardeses e ao que acoden os seu familiares para presenciar os avances realizados na súa formación musical. De feito, en virtude do protocolo de prevención pola COVID-19 este ano o aforo está reservado só a familiares.

O venres día 17 de decembro ás 17:30h terá lugar o espectáculo infantil “Los Muñecos de la tele”, unha actividade organizada pola Asociación Studio 88 en colaboración co Concello da Guarda e para o que é preciso reservar entradas previamente no teléfono 606 54 06 73.

Tamén este venres ás 18:30h a OMIX da Guarda acolle o obradoiro “Reutilizando Abelorios”, as prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse na OMIX a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext. 7.

Xa na xornada do sábado día 18 de decembro, a Praza de Avelino Vicente(As de Copas) acolle ás 12:00h o evento musical Cantos de Nadal, coa participación dos grupos de pandereteiras locais Coiro Vello, Carainas, Paliqueiras e Do Lusco ó Fusco.

Para rematar a semana, na xornada do domingo día 19 de decembro ás 12:30h realizarase o acto de conmemoración do Centenario do Lavadoiro da Fonte da Cal, un acto que contará con actuacións musicais e que terá lugar fronte ao propio Lavadoiro.

Pechando a xornada ás 17:30h a Igrexa Parroquial acolle o tradicional Concerto de Panxoliñas, un evento musical organizado pola Coral Polifónica Guardesa en colaboración co Concello da Guarda e no que actuarán, ademais da citada coral, a Coral da Terceira Idade, o Grupo Antorcha e a Agrupación Polifónica da Guarda. Ademais o venres 17 e sábado 18 todos os que visiten a Praza de Abastos en horario de mañá poderán ver os produtos da Mostra Creativa de Nadal, trátase dunha das accións comerciais dentro da Campaña de Nadal 2021/22 coa finalidade é incentivar o comercio local e crear sinerxias nunha Mostra na que participan 8  creadores, artesás, deseñadores do Baixo Miño, con stands na Praza de Abastos da Guarda.

AXENDA DE NADAL

Xoves 16 de decembro

  • 20:30h Centro Cultural: CONCERTO DO CONSERVATORIO

Venres 17 de decembro

  • 18:30h Casa dos Alonso: Obradoiro “Reutilizando Abelorios”
  • Inscrición previa en Omix

Sábado 18 de decembro

  • 12:00h Praza Avelino Vicente: CANTOS DE NADAL
  • Coas pandereteiras Coiro Vello, Carainas, Paliqueiras e do Lusco ó Fusco
  • 18:30h Casa dos Alonso: Presentación do Libro “Palabras como corpus prata”, de Joaquín Cadilla
  • Acceso libre ata completar aforo

Domingo 19 de decembro

  • 17:30h Igrexa Parroquial: CONCERTO DE PANXOLIÑAS
  • Coa participación de Coral Polifónica de A Guarda, Coral da Terceira Idade, Grupo Antorcha e Coro Cantabile
  • Organiza: Agrupación Polifónica da Guarda

Martes 21 de decembro

  • 18:00h Praza do Reló: CONCERTO DE NADAL DE VENTO E CORO DOS ALUMNOS DO CONSERVATORIO

Do 22 ao 24 de decembro

  • ELFOS DE NADAL polas rúas da Guarda
  • Horario: 22 e 23 de 17:00h a 20:00h e o 24, de 11:30h A 14:30h

Xoves 23 de decembro

  • De 16:00h a 19:00h Praza de Avelino Vicente: “GADALKA” a cargo do Mago Dani
  • Espectáculo de maxia individualizada por familias

Martes 28 de decembro

  • 18:00h Centro Cultural: “Little neno descobre a… Os Beatles”, de A Reixa Produccións
  • Reserva de entradas en eventbrite.es

Mércores 29 de decembro

  • 20:30h Centro Cultural: “Ventos de Nadal”, grupos seccionais da Agrupación Musical da Guarda

Xoves 30 de decembro

  • 18:00h Centro Cultural: TITIRICIRCUS, con Tanxarina Títeres
  • Reserva de entradas en eventbrite.es

Do 3 ao 5 de xaneiro

  • CARTEIROS DO NADAL polas rúas da Guarda
  • Horario: 3 e 4 de 17:00 h a 20:00 h e o 5, de 11:30 h a 14:30 h

Martes 4 de xaneiro

  • 17:30h Alameda: CIRCO RASNOVARAK, con Troula Animación
  • Espectáculo de rúa con animais xigantes

Mércores 5 de xaneiro

Gondomar promove a formación en materia de igualdade entre os clubes deportivos

0

O goberno de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualade, dirixida por Nuria Lameiro, da un paso máis na súa loita pola consecución da igualdade real e poñerá en marcha unha campaña de sensibilización e formación nesta materia no seo dos clubes deportivos do municipio, dos que “esperamos lograr a máxima implicación e colaboración”.

A primeira rolda de contacto tívose esta mañá nun encontro ao que foron convidadas todas as directivas dos clubes de fútbol de Gondomar. Asistiron, finalmente, o Lóstrego Club de Fútbol, o Gondomar Futbol Base, o Club deportivo de Couso, o Chaín Club de Fútbol e o Cereixa Gondoma Fútbol base de Chaín, mostrando o seu interese polas propostas expostas pola concelleira e a técnica do Centro de Información da Muller.

Sobre a mesa a posibilidade de realizar cursos de formación en materia de igualdade dirixidos ás directivas, os corpos técnicos e, no seu momento, aos propios xogadores e xogadoras. “É fundamental a implicación de todos os sectores da poboación nesta loita, moito máis daqueles que teñen unha repercusión clara sobre miles de persoas, como son os seguidores/as dos deportes”.

A iniciativa, tal e como explicaron a concelleira, Nuria Lameiro, e a técnica do CIM, Susana Fernández, terá continuación con futuros encontros coas persoas responsables de outras disciplinas deportivas que se practican no municipio.

Ademais expúxose a posibilidade de contralar os temas musicais que se emiten durante os encontros para evitar aqueles que coas súas letras perpetúan actitudes machistas e denigrantes cara ás mulleres. Durante o encontro expuxéronse algúns exemplos, trasladándolles as letras ás directivas que mostraron a súa disposición de ter en conta esta proposición.

A Concellería de Igualdade segue dando pasos dentro do 4 plan municipal de Igualdade oportunidade mulleres e homes do Gondomar 2017-2020 (prorrogado ata o 31/12/2022), que entre os seus obxectivos contempla a “realización de actividades de sensibilización e promoción da igualdade en colaboración con clubes deportivos locais, co fin de potenciar unha práctica deportiva libre de estereotipos de xénero”.

O CEIP de Leirado en Salvaterra galardoado no VII Concurso de Traballos por Proxectos

O CEIP de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado, por cuarto ano consecutivo, no VII Concurso de Traballos por Proxectos que foi convocado pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O proxecto premiado foi “A tope coa saúde”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar. Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a  desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información, nomeadamente a súa competencia para o uso e produción de información.

Parabéns, polo tanto, para o equipo da biblioteca, equipo docente, persoal non docente, alumnado, familias, ANPA e outras institucións que participaron no desenvolvemento do proxecto no pasado curso escolar (Concello de Salvaterra de Miño, CFR de Vigo, Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, Inspección Educativa…). Dende o centro esperamos contar coa colaboración novamente de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros.

O Rosal comeza cos seus obradoiros de Nadal

0

O Concello do Rosal quere acercar a reciclaxe e a sostibilidade á veciñanza este Nadal con cinco obradoiros. O primeiro deles organízase este mércores ás 11.00 horas na escola Simón do Mazo e consistirá nun taller de imprenta de xelatina onde as persoas asistentes poderán observar de primeira man como se realiza esta técnica de impresión ao alcance de todos e todas.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir a estes obradoiros e lembra que o do mércores será con entrada libre, mentres que os seguintes terán un custo de 2 euros por persoa e requirirán inscrición a través da web do Concello. O día 27 haberá un adicado a facer cestas e cadernos, o 28 un de calcenecos, o 29 un de adornos con latas e vidro e o 3 de xaneiro un de reutilización de camisetas. Todos serán no Espazo de Autoarranxo do Concello.

A concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente, destaca que estes obradoiros son “un pasiño máis do noso Concello cara un mundo mellor”, e están enmarcados dentro da Axenda 2030 da ONU á que O Rosal se adheriu este ano.

O alcalde de Tui participa mañá na asemblea xeral da Red de Juderías de España – Camiño de Sefarad

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, vai participar mañá mércores na cidade de León na 58ª Asemblea Xeral da Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad que reunirá a representantes de dezanove cidades das vinte unha que integran esta rede de municipios.

Neste Asemblea, que se desenvolverá no Hostal San Marcos de Léon, debateranse diversos temas, entre eles, a aprobación do orzamento e programa de actuacións para o vindeiro ano 2022, así como o deseño dun plan de estratexia de futuro da Red de Juderías para o período 2022-2025 como puntos máis destacados da orde do día.

No decurso desta asemblea procederase tamén á sinatura dun convenio de colaboración con Paradores de España para a realización de actividades e accións promocionais de xeito conxunto.

A cidade de Tui foi integrada na Red de Juderias no ano 2019 en recoñecemento ao importante acervo patrimonial que conserva a nosa cidade relacionado coa presenza da comunidade xudía en época medieval e os grupos de cripto-xudeus ou cristiáns novos especialmente nos século XVI e XVII.

Unha trintena de comercios forman a ruta Nadal+Nadal organizada polo Concello de Tomiño

0

Unha trintena de comercios de Tomiño participa na “Campaña de Nadal + Nadal 2021. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre”, organizada polo Concello co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade e promover ao mesmo tempo o consumo nos establecementos locais.

A Campaña ten como beneficiarios aos propios comercios e servizos da vila como aos clientes que realicen compras nos mesmos entre o 9 e o 24 de decembro de 2021.

A maioría das casas comerciais concentraron os seus esforzos na decoración dos escaparates, aínda que outros optaron pola decoración dos locais completos, utilizando como base elementos naturais como madeira, ramas, palla, etc.

Os comercios e servizos adheridos á campaña conforman a “Ruta Nadal+Nadal” e entran no concurso de premios á mellor decoración, con premios de 500 euros (1º premio mellor escaparate e 1º premio mellor local) e de 250 euros (2º premio mellor escaparate e 2º premio mellor local).

O xurado estará composto por 2 representantes do comercio local, 1 representante do Concello de Tomiñoe 2 artistas locais. O fallo emitirase o día 30 de decembro de 2021 ás 20.30h no salón de plenos do Concello de Tomiño.

Por outra banda, en cada local participante instalarase unha urna na que os clientes que realicen compras entre 9 ao 24 de decembro de 2021, ambos inclusive, por un valor mínimo de 20€ e máximo de 100€, poidan depositar o seu tícket de compra. Os propietarios dos tíckets que resulten premiados recibirán un vale de compra polo dobre do valor do tícket depositado.

Os vales premiados poderán ser empregados en calquera dos comercios e servizos participantes na “Ruta Nadal+Nadal” entre o 29 de decembro do 2021 e o 6 de xaneiro do 2022. Os vales de compra estarán a disposición dos premiados nos oficinas do Concello de Tomiño desde o día 29 de decembro de 2021 ata o día 5 de xaneiro de 2022 en horario de 9 a 14 horas.

Comezan as obras de humanización da estrada Generoso Domínguez en Mos

0

O Concello de Mos avanza cada vez máis de cara a unha vila más humanizada, por iso, dan comezo as obras de seguridade do vial e humanización da estrada Generoso Domínguez. Esta segunda fase inclúe a execución dunha nova beirarrúa na marxe esquerda (parte Norte do vial) dende o Camiño da Quinta ata a Igrexa de Cela.

Esta beirarrúa aumenta o ancho actual, duns 5 m, a 10 m previstos no plan. Con isto, conséguese non só aumentar a seguridade dos peóns, senón mellorar nalgúns puntos o trazado viario, e por tanto a seguridade do tramo.

A actuación compleméntase cos muros e movementos de terra necesarios para ampliar a sección, e tamén con obras complementarias, como o deseño de nova iluminación eficiente, a adaptación da drenaxe, o soterramento das redes de servizo aéreas, a mellora da sinalización ou redutores físicos de velocidade, entre outras.

A primeira fase desta  humanización foi  rematada no ano 2019 e consistiu na mellora da accesibilidade entre a PO-331 e o Camiño da Quinta, coa  renovación do pavimento, drenaxe de augas pluviais, creación de beirarúas e renovación alumeado e cuxo coste  ascendeu a 141.905,02 euros tamén con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Tres mozas da Estrada e Salvaterra gañadoras do concurso da Deputación “Lebres como gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias”

Co acto de entrega dos premios do concurso “Lebres como Gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias”, a Deputación vén de pechar a completa programación organizada con motivo das Letras 2021. Elena Castro, Hiba Lajouad e Estela Groba, tres mozas da Estrada e Salvaterra de Miño, alzáronse cos premios do concurso creativo ao que se presentaron máis de medio centenar de alumnas e alumnos de centros educativos de dez concellos da provincia.

O concurso “Lebres como Gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias” tiña por obxectivo achegar a figura da autora ao alumnado de educación secundaria dos centros de ensino. Para elo valorábase a creatividade das mozas e mozos mediante composicións artísticas nas que se combinaba fotografía e poesía inédita. Elena Castro Pazos, alumna de 2º da ESO do IES Nº1 da Estrada alzouse co primeiro premio polo seu traballo literario e creativo. A estradense conseguiu unha cámara Polaroid e un agasallo didáctico e un mural dedicado a Xela Arias, realizado pola muralista Tania Solla, xunto a unha actividade lúdica e interactiva sobre a autora, impartida por Polo Correo do Vento, para o seu instituto. Pola súa banda os dous accésits recalaron en Estela Groba, alumna de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño, e en Hiba Lajouad, alumna de 4º da ESO do IES Nº1 da Estrada. Ambas mozas recibiron un agasallo didáctico e conseguiron unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela Arias para os seus respectivos institutos.

 “Lebres como gacelas”, tal e como recordou a deputada de Cultura Victoria Alonso, tomou como inspiración a obra de Xela Arias “Tigres coma cabalos”, na que cada poema da escritora se confrontaba cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil. “Lebres como gacelas” establece unha analoxía coa obra de Arias pero escollendo dous nomes de animais en feminino, cunha clara declaración de intencións e reforzada pola asociación simbólica que estes animais teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Ampla programación con motivo das Letras 2021

A Deputación pecha con esta entrega de premios do concurso “Lebres como gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias” unha ampla programación coa que celebrou as Letras 2021. Dende exposicións ata espectáculos, roteiros, concertos e iniciativas con centros escolares, nas que se mesturaron diferentes disciplinas artísticas, foron algunhas das propostas coas que a institución provincial espallou as Letras e a figura de Xela Arias durante todo o ano.

Amais do concurso “Lebres como gacelas”, de fotografía e poesía, tamén se impulsou unha exposición multidisciplinar, co mesmo título, que se puido visitar na sede de Vigo da Deputación. No Verbum da cidade olívica tamén se organizou a mostra denominada “Xela Arias. A poesía do retrato”. Programouse un “Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias” no parque do Castro de Vigo e impulsouse a performance “Vencerse é cousa de se tratar”, na que se puido escoitar a propia voz da escritora. Amais, entre outras moitas iniciativas, espallouse pola xeografía da provincia o espectáculo “X Xela”, coa música de “A Banda da Loba”, e celebráronse obradoiros sobre Xela Arias en centros de ensino de primaria e secundaria da provincia.

Ponteareas premia as fotografías que poñen en valor o seu patrimonio natural

Ponteareas celebrou onte a gran beleza do seu patrimonio natural coa entrega de premios do concurso fotográfico “Pontepenedo”, un certame convocado por primeira vez polo Concello de Ponteareas a través da Concellaría de Lingua coa finalidade de pór en valor os elementos do patrimonio natural da vila, divulgalos e fomentar a creación artística a través da fotografía.

Patricia Fernández González e á súa fotografía titulada ‘Noite máxica’ recibiu o primeiro premio, que conta cunha dotación económica de 300 euros. O segundo premio, dotado de 200 euros, foi para Analía Martínez Caride pola súa imaxe ‘Camiño que me leva a ti’, mentres que o terceiro premio, de 100 euros, foi para María José Prado Gregores pola súa fotografía titulada ‘Parte traseira do penedo’. Patricia Fernández González repite vitoria coa foto ‘Vermello’, coa que acadou o cuarto premio, dotado con 50 euros.

Durante a entrega de premios e despois do visionado das fotografías gañadoras, o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, salientou a gran calidade técnica e artística, a creatividade e a orixinalidade das imaxes presentadas. O edil tamén aproveitou para destacar “a fotografía e a arte en xeral como un medio para retratar o noso patrimonio natural dun xeito único”, e agradecer a todas as persoas que participaron coas súas fotografías e esforzo neste concurso.

Fernando Groba tamén destaca e agradece a actuación do prometedor músico ponteareán, Zeus Alfaya, e o seu profesor Serghei Maximov, durante a entrega de premios.

Salvaterra de Miño manterá conxeladas as taxas e impostos municipais

O Grupo de Goberno de Salvaterra de Miño anuncia a conxelación de todas as taxas municipais para o próximo ano 2022, unha medida que busca reducir a presión económica d@s veciñ@s e comerciantes.

O obxectivo desta acción é conter a presión fiscal durante esta pandemia sanitaria, igual que se fixo o ano pasado,  e as posibles consecuencias económicas que se empezan a dirimir dela e da inflación que están soportando os nosos veciños e veciñas.

Impostos como rodaxe de vehículos, saneamento, auga e vados de aparcamento manterán o seu importe un ano máis para reducir a presión económica sobre os contribuíntes, especialmente importante nesta situación de crisis. Ademais dende o Concello destacan o gran esforzo que se fai coa  rebaixa fiscal que se aplicará a partir do ano 2022 tanto no imposto de rodaxe de vehículos cunha bonificación do 50% aos vehículos eficientes, o desconto do 30 por cento da cota íntegra do Imposto sobre Bens Inmobles nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e outro 30 por cento de desconto na cota correspondente para os suxeitos pasivos que tributen por cota municipal e que utilicen ou produzan enerxía a partir de instalacións para o aproveitamento de enerxías renovables ou sistemas de coxelación no Imposto de Actividades Económicas, medidas adoptadas  dentro do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible aprobado polo Concello neste ano.

A pesares de que a recadación é fundamental para que un concello leve a cabo programas e inversións, neste momento o grupo de goberno cree que a prioridade é non agravar máis a situación dos seus veciños e comerciantes nun momento no que estamos vendo como a súa capacidade económica se ve disminuída en gran medida ao incremento do prezo de servicios básicos como pode ser a luz, gas,  o combustible, a cesta da compra…  e por iso segue mantendo os descontos no Imposto de Construcións para aquelas empresas que xeren novos postos de traballo no municipio.

A Xunta formará a 20 persoas desempregadas en Tui co obraodoiro ‘Revaloriza 2021’

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a apostar pola formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio de Tui coa recente posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Revaloriza Tui 2021, que conta cun investimento de 347.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da directora do obradoiro, Raquel Fernández, visitou esta mañá as actividades desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da formación específica en oficios, no Centro de Formación Municipal de Guillarei.

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída en Tui e a súa contorna”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a provincia de Pontevedra estreou nas últimas semanas 27 obradoiros, que formarán a 508 persoas cun investimento de 9,5 millóns de euros.

O obradoiro de emprego Revaloriza Tui 2021 contará cos módulos de Colocación de Pedra Natural e Montaxe e Instalacións de Construcións de Madeira. A formación prolongarase durante nove meses, ata finais do mes de xullo, e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

Ademais, durante a aprendizase destes oficios, os vinte participantes rehabilitarán a Fonte de Albeos (Guillarei), a Fonte-Lavadoiro do Outeiro (Guillarei), os lavadoiros do Souto (Guillarei), Fontenla (Areas) e Laxes (Randufe) e o Muíño do Regueiro (Paramos).

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán estes nove meses ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza no sur da provincia de Pontevedra, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma cos tres obradoiros e 23 cursos de formación para desempregados que temos en marcha agora mesmo”.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos coa recuperación de bens públicos”, concluíu o delegado territorial.

O PP do Porriño lamenta que o goberno volva a recurrir a modificacións de crédito para “maquillar” a facturación irregular

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño criticou que o Goberno Municipal do Porriño recorra novamente a unha modificación orzamentaria para “maquillar”, valéndose da corporación, case 900.000 euros de facturación irregular.

“O lavado de cara do bipartito non se sostivo nin uns días”, valorou o voceiro, Alejandro Lorenzo. “O `novo goberno´ arrinca a súa xestión pretendendo branquear centos de miles de euros a través do pleno en facturas por traballos contratados de maneira irregular e a sabendas das gravísimas irregularidades que se están levando a cabo. Como era previsible, cambian as caras pero non as formas”.

Fai referencia Lorenzo ao suplemento de crédito que PSOE-BNG pretenden aprobar para dar cobertura a facturación irregular por servizos de informática, conserxería e telefonía; simulando a necesidade de dotar de crédito partidas para facer fronte ás consecuencias da Covid e outras licitacións.”

Unha vez máis tentan enganar á cidadanía e ocultar as irregularidades da súa xestión”, denuncia o edil. “A facturación que realmente se vai a pagar a través desta modificación é por traballos facturados de maneira sistemática que non contan con partida orzamentaria, realizados sen ningún tipo de contrato durante máis de catro anos, algo que de terse licitado sería competencia do Pleno”.

Neste sentido, o voceiro dos populares lamenta que “se siga baleirando de competencias ao pleno” ao asumir a Alcaldía unilateralmente as funcións do órgano de goberno para poder pagar esta facturación irregular.

Unha clara evidencia da falta de previsión do bipartito e a súa incapacidade de xestionar as contas municipais é a falta de cobertura orzamentaria do Servizo de Axuda no Fogar. “Existe unha licitación desde 2020 e non existe previsión algunha en 2021”, critica Alejandro Lorenzo, “non hai diñeiro para isto pero tanto o alcalde en funcións, Pedro Pereira, como a anterior alcaldesa, fixeron ata 16 transferencias de crédito por decreto por importes que superan os 500.000 euros. A última delas hai apenas 10 días, por máis de 60.000 euros para pagar, entre outras cuestións, os adornos de Nadal. Esas son as súas prioridades, a unha partida inicial en festexos de 545.000 euros súmanlle 60.000”.

Así, O Porriño neste ano 2021 gastou máis de 115.000 euros nas festas do Nadal, pero non dota de partida orzamentaria os gastos recurrentes e esenciais, algo que agora pretenden cargarlle ao Pleno para que resolva a falta de xestión total e absoluta.

“Á falta de previsión súmase a necesidade de ocultar o desastre económico no que sumiron a este Concello acumulando millóns de euros en facturación irregular”, critica Lorenzo. “Teñen que poñer fin a estas prácticas, ser honestos coa cidadanía e responsabilizarse da súa xestión. A bola que están a crear cada vez é máis grande e está a arrastrar ao pobo do Porriño”.

O Rosal homenaxea a Javi Díaz, o porteiro rosaleiro que xa acumula 600 partidos na Asobal

0

O rosaleiro Javi Díaz é historia viva da liga Asobal e do deporte galego. Acumula 600 partidos na máxima categoría do balonmán estatal, un logro do que tan só poden presumir cinco xogadores en toda a historia da competición. O Concello aproveitou este fito para poñer en valor “a un referente do noso deporte” cunha homenaxe durante o derbi galego entre o Acanor Novás Valinox e o Club Cisne Colegio Los Sauces, na que se lle entregou unha placa conmemorativa cun dos pictogramas elaborados polos rapaces e rapazas do CPI Manuel Suárez Marquier na creación da nova imaxe corporativa do Concello, ademais dunha merecida ovación do público.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca a labor de Javi Díaz e afirma que no Rosal “estamos moi orgullosos e orgullosas da súa traxectoria e de cada un dos seus logros”,  e agradece que sexa “o exemplo para moitos nenos e nenas de que, con esforzo, todo os soños están máis cerca de ser reais”. Dende o Concello tamén queren agradecer ao Acanor Novás Valinox o seu gran traballo e ao Cisne por colaborar neste recoñecemento conxunto.

Para lograr este fito, Javi Díaz disputou 22 tempadas na elite desde a 1993/94, con algunha pausa na segunda categoría. Militou en todos os equipos galegos de Asobal:  Octavio, Chapela,  Teucro e agora Cangas, e tamén deixou grandes recordos en Valladolid, Villa de Aranda e Santander.

E semella que a súa carreira aínda lle quedan pasos por dar, xa que con seus 45 anos está alcanzando números que o colocan como un dos mellores porteiros da liga e unha figura fundamental no gran inicio de curso do equipo do Morrazo.

O Concello de Mos homenaxea a Viveiros Adoa

0

A corporación municipal de Mos, encabezada pola alcaldesa, Nidia Arévalo rendeu na mañá de hoxe homenaxe á empresa VIVEIROS ADOA, representada nas persoas de Raúl González e Magda Jandova.

Adoa centros de xardinería vén de obter o pasado mes de novembro  o Primeiro Premio da 16 Edición do Festival Internacional de Ponte da Lima. Un referente a nivel mundial en deseño neste sector da Xardinera .

ADOA, é unha empresa  afincada no concello de Mos que vén, dende fai máis de 30 anos, asesorando e realizando os xardíns de centos de clientes, consta dun equipo humano de máis de 40 persoas  encabezado polo seu  xerente e propietario Raúl González .

Destacar  o traballo de Magda Jandova, arquitecta paisaxista da empresa a cal realizou o deseño do proxecto titulado “O Diálogo”, dentro do tema elixido para este ano  no certamen: “As Relixións do Mundo”.

O Concello denuncia a precaria situación da atención primaria en Ponteareas

O Concello denuncia a precaria situación que está a vivir a atención primaria en Ponteareas, que conta con importantes carencias que están a xerar numerosos problemas á veciñanza ponteareá e que poder chegar a afectar á súa saúde. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, amosa a súa preocupación por unha situación que se vén mantendo no tempo e que nestes intres deixa ao centro de saúde cun cadro de persoal médico decimado e reducido ao un terzo, o que provoca tamén “que haxa atención médica con cita só en quenda de mañá e que as axendas de tarde estean pechadas, atendendo soamente urxencias”.

“Esta sobrecarga das axendas do persoal sanitario vai en detrimento da calidade da atención ás e aos pacientes. Non só se están a saturar as urxencias, tendo que acudir varias veces incluso para conseguir ser atendidos, senón que tamén temos coñecemento de casos no que as persoas enfermas en urxencias deben quedar no coche pasando frío ou directamente ao aire libre”, salienta a rexedora.

Outra das eivas atópase na área de pediatría, con só un pediatra dispoñible dos tres que hai no cadro de persoal que atende unicamente os casos urxentes. Os veciños e veciñas tamén amosan o seu malestar pola imposibilidade de contactar telefonicamente co Centro de Saúde, xa que está desviado a un contestador automático. Esta situación, ademais de impedir que se fale con persoal administrativo, impide levar a cabo a atención sanitaria xa que non se están a procesar as chamadas rexistradas no contestador automático e a ou o paciente acaba por non ser atendido.

Fernández Davila xa amosou a súa preocupación por esta situación á Xerencia do Sergas e, tras as numerosas queixas e comentarios trasladados a diario pola veciñanza, solicitou explicacións á maior brevidade posible sobre o porqué desta situación e a previsión temporal da mesma. “Queremos saber o motivo que está a provocar esta precariedade, se é algo puntual ou unha situación que dende Sanidade agardan que se prologue no tempo e, sobre todo, posibles solucións a todos os problemas que se están xerando”, recalcou.

Unha ducia de profesionais participarán na Feira de Artesanía de Nadal de Redondela

0

Un total de doce postos participarán, entre os días 17 e 19 de decembro, na Feira de Artesanía de Nadal de Redondela que quedará instalada na rúa Ribeira, na contorna da Alameda Castelao. A iniciativa, tal e como sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, busca “potenciar o traballo das nosas e os nosos artesáns, ofrecer alternativas para os agasallos de Nadal”.

A Feira estará aberta de 10:30 h a 13:30 horas e de 16:30 h a 20 horas e, amais dos postos de todo tipo de artesanía, contará cun posto da Asociación Lenda de Redondela que atente ás familias e persoas con enfermidades mentais e que porá á venda distintos artigos realizados polas persoas usuarias do servizo “poñendo en valor o seu traballo e reforzando a labor que asociación vén realizando a prol da súa integración.

A realización da Feira, subliña a alcaldesa de Redondela, “pon un punto máis de atracción as nosas rúas e contribúe a dinamización do comercio local e da hostalaría que foron sectores que sufriron, en primeira persoa, a crise derivada da pandemia da Covid-19”.

Cada son máis as persoas que optan por agasallar artesanía e, dende esa perspectiva, a Feira de Redondela “permite que artesás e artesáns poidan dispoñer dun escaparate no que amosar o seu traballo e demostrar porqué a marca Artesanía de Galicia é unha garantía de calidade e ten cada día máis aceptación”, conclúe Digna Rivas.

O alcalde da Cañiza agradece a doazón de alimentos dos usuarios do Centro de Día “Anxo”

0

O alcalde do Concello da Cañiza, Luis Piña, visitou esta mañá aos usuarios do Centro de Día “Anxo” da comarca para agradecerlles persoalmente esta acción solidaria en beneficio das familias incluidas nos programas de emerxencia social desenvolvidas dende o Concello.

Estes programas engloban actuacións de carácter individual e familiar, levados a cabo dende  os Servizos Sociais Comunitarios do Concello. Son axudas individualizadas dirixidas a apoiar economicamente a persoas ou unidades  convivenciais cuxos recursos resultan insuficientes, necesarias para previr, evitar ou paliar situacións de exclusión social.

Neste caso, os usuarios do Centro de Día “Anxo”, realizaron a xerosa doazón de alimentos para o almacén municipal.

Un accidente entre dous camións e un coche sáldase sen feridos en Ponteareas

Debido ao impacto, a un dos camións rompeulle o depósito de combustible, quedando espallado por todo o viaducto.

Faltaban dez minutos para as dez desta mañá cando un dos camioneiros implicados, camión de penso, contactou co 112 para informar de que acababa de ter un accidente na A-52, no punto quilométrico 295, en Moreira, na localidade pontevedresa de Ponteareas. Tamén, a esa hora, o condutor do outro camión implicado (que transportaba cartón), informaba do mesmo accidente ao 112.

A partir de aí, os xestores de emerxencias pasaron aviso decontado aos axentes de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil. Así mesmo, informouse da situación ao persoal de mantemento da autovía, quen, de inmediato, solicitou a colaboración dos GES-SPEIS de Ponteareas por mor da cantidade de combustible que quedou derramado pola estrada debido ao impacto.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a extensión da mancha de combustible nunha ponte sobre o río Tea, polo que, tamén foi avisado o persoal da Confederación Hidrográfica do río Miño-Sil, co fin de colocar barreiras de anticontaminación e evitar que a vertedura chegue ao río.

Polo momento, os servizos de emerxencia confirmaron o corte do carril afectado pola vertedura mentres duren as tarefas de limpeza da vía.

Un ferido en Ponteareas

Por outra banda, tamén en Ponteareas, un varón de avanzada idade, resultou ferido esta mañá tras chocar contra un poste de alumeado despois de saírse da vía.

O accidente ocorreu sobre as 09:50 horas, en Xinzo, cando circulaba pola N-120, á altura do cruce da Igrexa.

Nada máis recibir a chamada dun particular, o 112 Galicia informou do suceso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou da evacuación do ferido, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil. De igual xeito, foron avisados os Bombeiros da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada e ao da empresa subministradora da luz que abastece a zona, posto que, debido ao impacto, o poste partiu quedando o cabreado espallado pola estrada.

A Deputación mellora os camiños de Tameiga e Guizán en Mos

0

O modelo de mobilidade amable, segura e sostible da Deputación de Pontevedra está a chegar a todos os recunchos da provincia. Neste senso, o concello de Mos viu como as parroquias de Tameiga e Guizán melloraron a súa seguridade viaria a través dunha achega de 318.740 euros procedente do Plan Concellos 2020. O deputado Santos Héctor Rodríguez e a deputada Victoria Alonso visitaron hoxe a zona coa alcaldesa, Nidia Arévalo, para supervisar o remate das obras

A visita comezou no camiño do Pazo, na parroquia de Tameiga, onde se actuou nunha superficie de case de case 670 metros que presentaba un firme con moitas fendas e fisuras transversais. As obras, ao igual que as levadas as cabo en Guizán, realizáronse de xeito exclusivo na superficie do camiño e consistiron na regularización da capa de rodadura.

A continuación, trasladáronse á parroquia de Guizán, onde o Plan Concellos serviu para mellorar a seguridade viaria na urbanización estrada Louriñó-Sobráns que serve como enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán. Nesta vía, de case 460 metros de lonxitude, tamén se procedeu á canalización das augas que discorrían pola marxe esquerda e que estaban a deteriorar a capa de rodadura por filtracións así como á limpeza e substitución das gabias existentes para mellorar, entre outras cousas, a evacuación das cunetas. Do mesmo xeito, no viario da parroquia de Guizán instaláronse redutores de velocidade.