Xoves, 23 Xaneiro de 2025

Arriba a Baiona o barco ‘pirata’ «Wodnik»

A carabela Pinta ten nestas datas compañía no pantalán Cristobal García Sarmiento, lugar habitual de atraque xa que, xunto a ela atópase agora amarrado o barco pirata Wodnik. O baionés Pipo Vilar foi o artífice da parada deste navío en terras baionesas. O Wodnik partiu desde Cádiz, pasou por Palos de la Frontera e arribou no día de onte á vila mariñeira.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de dar a benvida á tripulación a Baiona e tamén recibiu á tenente de alcalde de Saint-Malo, Clarisse Béchu, localidade portuaria da bretaña francesa punto final da travesía da embarcación.

Vilar fixo entrega ao rexedor baionés dun pergamiño que contiña unha mensaxe de Nadal de felicitación do novo ano e a intención de seguir estreitando os lazos do poboo irmán de Palos de la Frontera.

Pola súa banda Gómez Prado “agradeceu ao baionés o traer ata a localidade a embarcación para o goce de toda a veciñanza”.

O Alcalde de Baiona aproveitou a ocasión para convidar a representante institucional frnacesa á próxima celebración da festa da Arribada para coñecer de primeira man a festa por excelencia baionesa que ligou para sempre a vila coa travesía de Colón a América.

A embarcación é unha réplica do galeón polaco Wodnik do século XVIII, recuperándose en 2010 para a serie ‘Piratas’ de Telecinco, con Pilar Rubio e Óscar Jaenada como protagonistas. Ten 30 metros de eslora, salón, adega e tres cubertas, e estará uns días na Real Villa.