8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoSalvaterra de MiñoTres mozas da Estrada e Salvaterra gañadoras do concurso da Deputación “Lebres...

    Tres mozas da Estrada e Salvaterra gañadoras do concurso da Deputación “Lebres como gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias”

    Máis de medio centenar de mozas e mozos de centros de dez concellos da provincia participaron no certame co que a Deputación pecha a programación das Letras 2021

    Co acto de entrega dos premios do concurso “Lebres como Gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias”, a Deputación vén de pechar a completa programación organizada con motivo das Letras 2021. Elena Castro, Hiba Lajouad e Estela Groba, tres mozas da Estrada e Salvaterra de Miño, alzáronse cos premios do concurso creativo ao que se presentaron máis de medio centenar de alumnas e alumnos de centros educativos de dez concellos da provincia.

    O concurso “Lebres como Gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias” tiña por obxectivo achegar a figura da autora ao alumnado de educación secundaria dos centros de ensino. Para elo valorábase a creatividade das mozas e mozos mediante composicións artísticas nas que se combinaba fotografía e poesía inédita. Elena Castro Pazos, alumna de 2º da ESO do IES Nº1 da Estrada alzouse co primeiro premio polo seu traballo literario e creativo. A estradense conseguiu unha cámara Polaroid e un agasallo didáctico e un mural dedicado a Xela Arias, realizado pola muralista Tania Solla, xunto a unha actividade lúdica e interactiva sobre a autora, impartida por Polo Correo do Vento, para o seu instituto. Pola súa banda os dous accésits recalaron en Estela Groba, alumna de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño, e en Hiba Lajouad, alumna de 4º da ESO do IES Nº1 da Estrada. Ambas mozas recibiron un agasallo didáctico e conseguiron unha actividade lúdica e interactiva sobre Xela Arias para os seus respectivos institutos.

     “Lebres como gacelas”, tal e como recordou a deputada de Cultura Victoria Alonso, tomou como inspiración a obra de Xela Arias “Tigres coma cabalos”, na que cada poema da escritora se confrontaba cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil. “Lebres como gacelas” establece unha analoxía coa obra de Arias pero escollendo dous nomes de animais en feminino, cunha clara declaración de intencións e reforzada pola asociación simbólica que estes animais teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

    Ampla programación con motivo das Letras 2021

    A Deputación pecha con esta entrega de premios do concurso “Lebres como gacelas. Unha homenaxe a Xela Arias” unha ampla programación coa que celebrou as Letras 2021. Dende exposicións ata espectáculos, roteiros, concertos e iniciativas con centros escolares, nas que se mesturaron diferentes disciplinas artísticas, foron algunhas das propostas coas que a institución provincial espallou as Letras e a figura de Xela Arias durante todo o ano.

    Amais do concurso “Lebres como gacelas”, de fotografía e poesía, tamén se impulsou unha exposición multidisciplinar, co mesmo título, que se puido visitar na sede de Vigo da Deputación. No Verbum da cidade olívica tamén se organizou a mostra denominada “Xela Arias. A poesía do retrato”. Programouse un “Paseo imaxinario (ou non) pola obra de Xela Arias” no parque do Castro de Vigo e impulsouse a performance “Vencerse é cousa de se tratar”, na que se puido escoitar a propia voz da escritora. Amais, entre outras moitas iniciativas, espallouse pola xeografía da provincia o espectáculo “X Xela”, coa música de “A Banda da Loba”, e celebráronse obradoiros sobre Xela Arias en centros de ensino de primaria e secundaria da provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.