Mércores, 11 Decembro de 2024

Esquerda Unida non acudirá á concentración do día 16 co lema “Recuperar Ponteareas”

A formación de esquerda, que critica ao goberno BNG-PSOE pola xestión das obras e pola falta de participación cidadá na toma de decisións, é firme na súa aposta pola recuperación de espacios públicos fronte o vehículo privado

Esquerda Unida non comparte os motivos polos que se convoca a concentración ‘Recuperar Ponteareas’, centrados na crítica do proceso de peonalización e da racionalización do tráfico no casco urbano da Vila. O proxecto de EU para Ponteareas contempla a peonalización e a recuperación de espacio público que actualmente se atopa en grande medida monopolizado polo transporte privado. Reducir o tráfico intraurbano a residentes, carga e descarga e persoas de mobilidade reducida supón un aumento inmediato de espazo público para disfrute da poboación, aumentar a seguridade e reducir a contaminación. Así mesmo, defendemos que é unha medida que beneficie tamén, no medio/longo prazo, ao pequeno comercio local.

Pese ás coincidencias, a formación asemblearia critica “a xestión que o goberno municipal fai do conxunto de obras e transformacións urbanas que se están levando a cabo nos últimos dous anos” e considera “inadmisible” a tardanza na que se realizan obras planificadas para ser executadas en moito menos tempo, feito que “eleva a molestia da veciñanza, paralizan o normal transcurso do pobo e caen en sobrecustos inecesarios”.

Considera EU como “grave” o que consideran “non aplicación do compromiso adquirido polo BNG-PSOE na anterior lexislatura con Esquerda Unida sobre o Regulamento de Participación Cidadá”, incumprimento que fai que a veciñanza “non poda ter voz e determinar como se debe realizar as necesarias transformacións do casco urbano, ó igual que sucede no resto de ámbitos da política local”. “A falta de representación de EU no pleno municipal posibilita que o goberno desestime cumprir os seus compromisos de democratización e de aposta polo público”, asegura a formación de esquerdas.

“É entendible a incomprensión de parte da veciñanza, que se expresa en mobilizacións como a do 16 de decembro”, engaden ao mesmo tempo que advirten que “coa actual xestión do goberno municipal ponse en perigo o afianzamento do proceso de transformación da vila, que se ben non son todo o profundo que EU propón, si que supoñen un avance importante na modernización e adecuación do casco urbano de Ponteareas nun espazo máis habitable para toda a poboación”.