8.7 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA nova zona azul de Ponteareas facilita o aparcamento na vila

    A nova zona azul de Ponteareas facilita o aparcamento na vila

    Os estudos de ocupación realizados polo Concello nas primeiras semanas de funcionamento revelan que é máis doado aparcar que antes

    Quince días despois da entrada en funcionamento da zona azul na Avenida de Galicia e Rosalía de Castro e rúa dos Carballos, o Concello de Ponteareas avaliou positivamente a medida tras realizar unha mostraxe de ocupación destas tres rúas o venres 3 de decembro para testar a eficacia da medida implementada nos últimos días. “Escolleuse un venres e o primeiro do mes por ser, tras os sábados de mañá, o día de maior tráfico e de maior demanda de aparcamento en Ponteareas”, sinala o goberno local. Ao mesmo tempo realizáronse controis de ocupación nos aparcadoiros máis próximos á zona azul: o de Granitos de Galicia (133 prazas), o de Sarmiento Rivera fronte ao cuartel da Garda Civil (170 prazas), o de Rosalía de Castro (128 prazas) e o de Alexandre Bóveda (32 prazas). As tres rúas e avenidas con zona azul e os catro aparcadoiros ofrecen en conxunto 583 prazas de aparcamento, todas elas gratuítas.

    Conforme aos datos recollidos ás 09.30 h da mañá a ocupación era do 64%, pois fronte a 378 prazas ocupadas, 205 atopábanse libres; entre as 11:00 e 11:30 horas o índice de ocupación elevouse até o 83% cun total de 488 prazas ocupadas e 95 libres; e entre as 13:00 e 13:30 horas a ocupación descendeu ao 62% con 366 prazas ocupadas e 217 libres.

    O Concello salienta especialmente a función que está desempeñando o aparcadoiro de Sarmiento Rivera, a 3 minutos camiñando da Casa do Concello con 170 prazas, que no intre de maior ocupación acadou 146 vehículos con 24 prazas libres, baixando ás 13 horas até o 50% de ocupación con 85 prazas libres.

    O Concello amosouse moi satisfeito posto que “os resultados confirman o obxectivo que se buscaba coa medida: xerar máis aparcamento dispoñíbel para as persoas que precisan estacionamento para realizar compras ou xestións”. O goberno local lembra que as 120 prazas da zona azul, ao limitar o seu uso a dúas horas, se converten en horario de mañá nun mínimo de 363 prazas dispoñíbeis, mentres que para aqueles usuarios que precisan máis de dúas horas os aparcadoiros gratuítos desa zona ofertan 463 prazas máis. “A medida serviu para corrixir a situación anterior, observada nos estudos realizados pola Policía Local, que demostraban que unha maioría dos vehículos estacionados nos Carballos, Avenida de Galicia e Rosalía de Castro, ocupaban de forma indefinida o espazo público. Agora repártese entre moitos máis vehículos”.

    Dende o goberno municipal saliéntase que “con estas accións logramos cinco obxectivos a un mesmo tempo: reducir notabelmente o tráfico que antes daba voltas incesantes no centro da vila, dirixir ese tráfico cara aparcamentos moi próximos que atenden a demanda, reducir a contaminación e o ruído, recuperar para as persoas numerosas rúas e potenciar os desprazamentos a pé dende os aparcadoiros con distancias curtas nunha vila onde todo se atopa a menos de 10 minutos andando”.

    O Concello lembra que “na área central de tráfico restrinxido e preferencia peonil poden acceder os vehículos que realmente o precisan para recoller ou deixar obxectos voluminosos ou pesados ou persoas con mobilidade reducida, cargas e descargas, garaxes, emerxencias ou taxis, coa avantaxe de que nesas rúas agora sempre teñen asegurado poder facelo diante da porta do seu destino”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.