Xoves, 16 Xaneiro de 2025

A Xunta formará a 20 persoas desempregadas en Tui co obraodoiro ‘Revaloriza 2021’

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a apostar pola formación laboral de vinte persoas desempregadas do municipio de Tui coa recente posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Revaloriza Tui 2021, que conta cun investimento de 347.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da directora do obradoiro, Raquel Fernández, visitou esta mañá as actividades desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da formación específica en oficios, no Centro de Formación Municipal de Guillarei.

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída en Tui e a súa contorna”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a provincia de Pontevedra estreou nas últimas semanas 27 obradoiros, que formarán a 508 persoas cun investimento de 9,5 millóns de euros.

O obradoiro de emprego Revaloriza Tui 2021 contará cos módulos de Colocación de Pedra Natural e Montaxe e Instalacións de Construcións de Madeira. A formación prolongarase durante nove meses, ata finais do mes de xullo, e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

Ademais, durante a aprendizase destes oficios, os vinte participantes rehabilitarán a Fonte de Albeos (Guillarei), a Fonte-Lavadoiro do Outeiro (Guillarei), os lavadoiros do Souto (Guillarei), Fontenla (Areas) e Laxes (Randufe) e o Muíño do Regueiro (Paramos).

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán estes nove meses ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza no sur da provincia de Pontevedra, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma cos tres obradoiros e 23 cursos de formación para desempregados que temos en marcha agora mesmo”.

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos coa recuperación de bens públicos”, concluíu o delegado territorial.