Nun escenario no que os fondos europeos Next Generation están comezando a ser concedidos aos concellos da provincia para financiar programas relacionados coa economía sustentable, a través do turismo, o medio ambiente e o transporte, a Deputación organizou un curso sobre “Elaboración de programas de integridade e plans antifraude nas entidades locais”. A xornada, que foi inaugurada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, contou coa participación de Eloy Morán, auditor do Consello de Contas de Galicia e presidente da comisión de Prevención da Corrupción deste órgano.
Un total de 17 concellos da provincia participaron na xornada, a primeira das dúas que a Deputación dedica á formación dos cargos públicos municipais, técnicos de Habilitación estatal (Secretarías, Intervencións e Tesourerías) así como funcionarios dos grupos A1 e A2 relacionados coa xestión e execución de fondos europeos. A segunda xornada, en formato presencial ao igual que a de hoxe, celebrarase xa o próximo día 17 de xaneiro.
Carlos Font explicou que o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno de España, o primeiro en ser avaliado positivamente pola Unión Europea, recolle que tódalas entidades públicas beneficiarias de financiamento europeo deben contar cun Plan de Medidas Antifraude que permita garantir que, en no seu ámbito de actuación, os fondos asignados respectan as normas sobre prevención, detección e corrección do fraude, a corrupción e os conflitos de intereses.
Durante a xornada formativa, Eloy Morán, explicou que a execución de proxectos financiados con fondos Next Generation vai supoñer un gran reto para o conxunto das Administracións públicas e, moi especialmente para os concellos, principalmente os máis pequenos e con menor capacidade de xestión. Diante deste reto, valorou a iniciativa da Deputación para proporcionar ao persoal técnico as pautas e elementos clave para a elaboración destes plans antifraude obrigados pola Unión Europea. A identificación dos riscos e o establecemento de mecanismos administrativos preventivos e correctivos son, por tanto, elementos imprescindibles destes plans para levar a bo fin os proxectos.
O programa da xornada contemplou como apartados as pautas para a elaboración dos plans antifraude, determinación dos principais elementos dun sistema de integridade: códigos éticos, canal de denuncias, regulación de conflitos de intereses e programas de formación; riscos no sector público: factores de risco e proceso de identificación e avaliación; elaboración dun mapa de riscos; riscos máis relevantes e, finalmente, ciclo do fraude e especial consideración dos riscos de corrupción.