O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno do estado coa cohesión territorial e o impulso ao turismo sostible de Galicia e puxo como exemplo o apoio que ven de acordar o Ministerio de Industria para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística do Concello de Oia, que percibirá 1,5 millóns de euros. Trátase dun dos sete Plans que subvencionará o Goberno de España en Galicia dentro do Plan Nacional Turístico Xacobeo e que financia o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
José Miñones achegouse esta maña á parroquia de Mougás, no Concello de Oia, onde se desenvolverá a principal acción subvencionada polo Goberno. En concreto, trátase dun camping que funcionará baixo criterios de sostibilidade ambiental e eficiencia enerxética. Alí estivo acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa.

Xunto a elas, José Miñones destacou que o Goberno busca con estes investimentos revitalizar a economía e o emprego da zona, poñer en valor os recursos patrimoniais de Oia e aumentar a oferta total de prazas de aloxamento na localidade. Con isto “contribuiremos a tecer un sector turístico máis desestacionalizado, eficiente e resiliente” e ademais favorecerase a fixación de poboación no Concello.
O delegado reiterou a vontade do Goberno para que o Plan de Recuperación chegue a tódolos concellos de Galicia, de forma que se beneficie toda a cidadanía das reformas e investimentos que mobiliza este proxecto de país.
Plans de sostibilidade turística de Oia
En Mougás, José Miñones explicou que o Plan de Sostibilidade Turística convertirá a Oia nun destino slow, de natureza e familiar prioritario nas Rías Baixas e no Camiño de Santiago.

Para iso, o Ministerio de Industria financiará 15 actuacións do Plan nun horizonte temporal entre 2022 e 2024. As accións divídense en dous grupos:
Rehabilitación do Camping de Mougás. (988.800,00€) e recuperación do terreo degradado.
Oia, destino slow. (511.200,00 €) Actuacións de promoción e de inforamación baseadas no concepto dixital. Tamén se adecuarán os roteiros de sendeirismo e promoveranse accións de mobilidade sostible, eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental no que respecta ás pemes turísticas do municipio.
71,6 millóns de euros no último mes para o turismo e o Xacobeo
Na súa intervención, o delegado reiterou o compromiso do Executivo coa modernización e trasformación do turismo en Galicia que no último mes se traduciu en acordos por valor de 71,6 millóns de euros.
En concreto, a finais de novembro, o Consello de Ministros aprobaba a transferencia á Xunta de Galicia de case 30 millóns de euros nunha partida extraordinaria para a modernización do sector turístico. A este acordo uníanse os dous decretos acordados a pasada semana: un primeiro, de 22,7 millóns, para a rehabilitación de BICs vinculados ao Camiño de Santiago, e o segundo, cun investimento de 16,6 M€ en sete plans de sostibilidade turística en destino vinculados aos Camiños de Santiago, no que se inclúe o de Oia.